Neda - ORDENANZA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS POLA UTILIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO E XIMNASIO MUNICIPAL, ASÍ COMO TAMÉN POLOS SERVICIO DAS ESCOLAS DEPORTIVAS E CULTURAIS E SAUNA

Publicación provisional: 08/11/2003 BOP Nº: 257
Publicación definitiva: 23/12/2003 BOP Nº: 293
Aplicable dende: 01/01/2004

Artigo 1. Fundamento e natureza.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 141 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa pola utilización das instalacións do polideportivo e ximnasio municipal, así como tamén a taxa pola prestación de servicios polas escolas deportivas e culturais municipais e sauna, atendendo as súas normas ó disposto no artigo 38 da citada Lei 39/88.

Artigo 2. Feito impoñible.

- Constitúe o feito impoñible da presente taxa a utilización de calquera das instalacións do polideportivo e ximnasio municipal así como a prestación de servicios por parte das escolas deportivas, culturais e outros, que constitúen o obxecto desta ordenanza.

- A obriga de contribuír nace desde o momento no que se faga o aproveitamento ou se inicie a prestación do servicio.

Artigo 3.-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos obrigados ó pagamento desta taxa:

a) As persoas físicas ou xurídicas que soliciten a utilización das instalacións ou prestación dos servicios das ditas escolas.

b) As entidades, organismos, asociacións, federacións, clubes, no nome dos que se solicitase diante do concello autorización para utiliza-las instalacións.

Artigo 4.-Responsables.

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo tódalas persoas que sexan causantes ou colaboren na realización dunha infracción tributaria, así como os copartícipes ou cotitulares das entidades recollidas no artigo 33 da Lei xeral tributaria, que responderán solidariamente en proporción ás súas respectivas participacións das obrigas tributarias da entidade.

Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos suposto e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria

Artigo 5. Cota tributaria.

As taxas a satisfacer ó concello pola utilización das instalacións que de seguido se citan, axustaranse ás seguintes tarifas:

A.-Actividades deportivas:

- Adestramentos con luz: 21,74 euros/hora.

- Adestramentos sen luz: 13,46 euros/hora.

- Competicións sen venda entradas: 25,90 euros/hora.

- Competicións sen venda entradas (cat. base): 22,80 euros/hora.

- Competicións con venda entradas: 56,99 euros/hora.

O tempo máximo de utilización para a competición será dunha hora e media.

B.-Espectáculos deportivos de carácter especial:

- Sen venda entradas: 64,02 euros/hora.

- Con venda entradas: 99,87 euros/hora.

No suposto de que sexa necesario utilizar por máis tempo as instalacións aplicarase a tarifa proporcionalmente.

C.-Espectáculos non deportivos:

- Actos benéficos, culturais, partidos políticos e actividades alleas o deporte 719,31 euros/acto.

- Actos profesionais lucrativos: 1.422,30 euros/acto.

D.-Utilización ximnasio (non escolas deportivas):

- Persoas individuais maiores de idade 4,14 euros/hora.

- Grupos, colectivos, clubes, etc. 8,29 euros/hora.

E.-Servicios escolas deportivas e culturais:

- Persoas menores de 14 anos 7,26 euros/mes.

- Persoas entre 14 e 18 anos 10,37 euros/mes.

- Persoas maiores de 18 anos 16,58 euros/mes.

- Matrícula menores de 18 anos 6,22 euros.

- Matrícula maiores de 18 anos 12,43 euros.

- Prezo sauna por sesión 2,74 euros.

- Aboamento mensual para catro sesións 8,41 euros.

- Por cada neno que asista á ludoteca 2,49 euros/mes.

As persoas matriculadas nas escolas deportivas, terán dereito a gozar de catro sesións de sauna gratis ó mes.

Artigo 6.-Normas de xestión.

A) O padrón comprensivo de tódalas persoas beneficiarias das escolas deportivas será aprobado pola comisión de goberno ó inicio do curso, e exposto ó público por unha soa vez, polo espacio de quince días, feito o cal pasarase ó cobramento; non obstante para cobramentos posteriores será suficiente o que sexa aprobado polo órgano anterior e calquera persoa que desexe consultar este poderao facer dentro da primeira semana de cada mes, durante a duración do dito curso.

A recadación do importe da taxa será mensual ou bimensual no caso das escolas deportivas e realizarase polo concello mediante recibo. O cobramento dos recibos farase de forma preferente mediante domiciliación bancaria, para o cal no momento en que se presenta a solicitude de alta en calquera das escolas, asinarase polo contratante o correspondente impreso de domiciliación, no que se conteña unha cláusula que manteña a validez da dita domiciliación ata en tanto polo concello non se lle comunique o establecemento bancario a cancelación desta. Non obstante o anterior, o cobramento do recibo poderá realizarse tamén por presentación no domicilio dos abonados.

No caso dos recibos que se presenten o cobramento en establecementos bancarios e sexan devoltos por inexistencia de fondos, o débito notificarase ó abonado, quen poderá facelo efectivo nas oficinas do concello no prazo de quince días hábiles sen recargo ningún.

B) No que respecta ás taxas por uso do pavillón, unha vez confeccionado o padrón de persoas e entidades autorizadas mensualmente, pasarase a coñecemento da comisión de goberno para súa aprobación, feito o cal pasarase ó cobramento, e no caso de discrepancia algunha por parte dos afectados coas liquidacións efectuadas, haberá un prazo de cinco días hábiles para solventar esta. Solventada esta, darase novo prazo para o pagamento do dito importe.

C) As instancias serán informadas pola persoa responsable do pavillón, formulando proposta de resolución. De seguido, practicarase a liquidación dos dereitos e taxas oportunas, procedéndose á súa censura pola Intervención municipal. O correspondente órgano da Corporación adoptará as resolucións que procedan en canto ó outorgamento e, así mesmo, aprobará a liquidación dos dereitos e taxas correspondentes.

Artigo 7.-Exencións e bonificacións

Estarán exentos do pagamento do importe de tarifa o Concello de Neda os colexios públicos do concello, así coma as demais entidades e persoas, que considere a comisión de goberno de acordo co presente regulamento.

Os equipos de Neda, terán unha reducción de 0,60 euros nos prezos de utilización do pavillón polideportivo.

Segundo o establecido na lexislación vixente e logo dos informes que se estimen pertinentes, a comisión de goberno do Concello poderá outorgar bonificacións sobre o importe dos dereitos da presente tarifa e mesmo a total condonación destes, sempre que se trate da utilización das instalacións para a celebración de actos organizados con fins benéficos ou culturais de carácter especial, entendendo por tales aqueles que gozan dunha especial relevancia para comunidade local.

As persoas ou entidades interesadas na obtención das exencións ou bonificacións establecidas nesta ordenanza instarán o concello, acreditando suficientemente as circunstancias que xustifiquen a súa pretensión, presentando, con dez días de antelación á celebración do acto, a correspondente solicitude no rexistro do concello e poñendo en coñecemento da persoa responsable do pavillón esta cuestión.

Os clubes e entidades deportivas do Concello de Neda que organicen actos nas instalacións obxecto desta ordenanza fiscal con carácter periódico, poderán solicita-lo correspondente concerto económico co Concello de Neda. Ó abeiro deste, as entidades que se acollan a estes terán unha reducción na cota que será fixada para tal efecto.

O pagamento das taxas polas entidades concertantes efectuarase na primeira quincena do mes de decembro, en función das horas de utilización das instalacións e das características das actividades que se realizasen durante estas horas. A aprobación dos devanditos concertos e reduccións, correspóndelle a comisión de goberno, previa proposta da Comisión de Cultura.

Artigo 8.-Créditos incobrables

Considéranse partidas fallidas ou créditos incobrables, aquelas cotas que non puideran facerse efectivas polo procedemento de constrinximento. Para a súa declaración instruirase o oportuno expediente, de acordo co prevido no vixente Regulamento xeral de recadación.

Artigo 9

As infraccións desta ordenanza e defraudacións que se cometan serán sancionadas atendendo ó seu grao de malicia e reincidencia consonte co disposto nos artigos 57 e seguintes do Decreto lexislativo 781/86, do 18 de abril, e demais disposicións legais vixentes.

Disposición adicional

No non previsto pola presente ordenanza será de aplicación a lexislación vixente de réxime local e demais disposicións complementarias.