Pontes de García Rodríguez As - TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVICIO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL BAROSA

Publicación provisional: 17/09/2004 BOP Nº: 216
Publicación definitiva: 17/09/2004 BOP Nº: 216
Aplicable dende: 30/08/2004

ARTIGO 1º .- FUNDAMENTO E RÉXIME

No uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 en relación co artigo 20 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais aprobado polo RDL 2/2004, de 5 de marzo, o Concello das Pontes de García Rodríguez establece a Taxa pola prestación do servizo da Escola infantil municipal "Barosa", que se rexerá pola presente Ordenanza fiscal.

ARTIGO 2º .- FEITO IMPOÑIBLE

Constitúe o feito impoñible da Taxa a prestación do servizo de Escola Infantil Municipal, consistente en gardería para nenos, educación, comedor e outros complementarios.

ARTIGO 3º .-SUXEITOS PASIVOS

1.- Son suxeitos pasivos desta Taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servizo que constitúe o feito impoñible desta Taxa.

2.- Tendo en conta que os usuarios do servizo gravado por esta Taxa son menores de idade que non teñen capacidade de obrar, actuarán no seu nome, cos efectos previstos na Lei xeral tributaria, os seus pais e, no seu defecto, os familiares ou titores legais a quen correponda o exercicio da patria potestade.

ARTIGO 4º .- RESPONSABLES

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que sexan causantes ou colaboren na realización dunha infracción tributaria.

ARTIGO 5º .-PERÍODO IMPOSITIVO E RETRIBUCIÓN

1. O período impositivo coincide co mes natural de prestación do/s servizo/s. A cota tributaria resultante da aplicación do cadro de tarifas non poderá reducirse aínda cando a prestación non teña lugar durante todo o mes natural.

2. A Taxa retribúese co inicio do mes natural, debendo realizarse o pagamento das cotas nos dez primeiros días do mes a que correspondan, na entidade ou entidades financeiras que indique o Concello ou, no seu caso, o concesionario do servizo. Nos casos en que o ingreso no centro se produza con posterioridade ó día primeiro do mes, a cota correspondente ó dito mes ingresarase nos dez días seguintes ó da data de ingreso.

3. No caso de utilización do servizo de comedor por días soltos, realizarase o pagamento deste servizo xunto coa cota do mes seguinte.

4. Salvo o disposto no apartado sexto do presente artigo, a falta de asistencia do neno/a ó centro non supón reducción nin exención da cota mentres non se formalice a baixa correspondente.

5. A falta de pagamento de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas orixinará a perda do dereito á praza.

6. Os suxeitos obrigados ós que fai referencia o artigo 3º non terán a obriga de aboa-la cota durante os seguintes períodos:

a) O mes de vacacións anual do neno/a.

b) Cando, por calquera motivo distinto ó período de vacacións anuais, o centro permaneza pechado un período superior a quince días.

c) Cando, por causa debidamente xustificada, o neno/a deixe de asistir temporalmente ó centro. Neste caso, o suxeito obrigado estará exento de aboa-la cota mensual desde o primeiro día do segundo mes natural seguinte ó da data de ausencia ó centro. A suspensión da cota durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación do neno/a ó centro. Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ó día 15 do mes, a cota correspondente ó dito mes reducirase nun 50 por cento.

A solicitude de suspensión de cota, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o Sr. Alcalde, que resolverá sobre a procedencia da suspensión.

Nos casos de suspensión temporal da cota, o pagamento correspondente ó mes de reincorporación realizarase no prazo de dez días seguintes ó da data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que se acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresa-las cotas atrasadas no prazo de dez días seguintes ó da notificación da resolución denegatoria.

ARTIGO 6º .-COTA TRIBUTARIA

1.- A cota tributaria virá determinada pola aplicación do cadro de tarifas máximas fixadas neste artigo e tendo en conta, de ser o caso, os coeficientes reductores establecidos no artigo seguinte, atendendo a criterios xenéricos de capacidade económica.

TARIFAS

Segundo establece o Decreto 70/2002, de 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia, Muller, Xuventude e Voluntariado:

Para a determinación das tarifas aplicables terase en conta o establecido na normativa vixente en materia de prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tódolos usuarios aboarán a contía de once mensualidades por curso, salvo as excepcións establecidas na normativa reguladora destes centros.

Os prezos sinalados no decreto meritado refírense ós servizos básicos prestados polo centro ás unidades familiares. Para estes efectos, enténdese por servizos básicos, a asintencia ó centro, comedor e o transporte.

1. Prezo por asistencia.

A tarifa pola prestación do servizo de escola infantil municipal, na modalidade de xornada completa (de 10.00 a 18.00 horas), fíxase en 110 euros mensuais.

No suposto de que o beneficiario asista só en xornada de mañá (de 9.00 a 13.00 horas) ou de tarde (de 15.00 a 18.00 horas), a tarifa pola prestación do servicio no correspondente horario será a seguinte:

- Xornada de mañá: 66 euros/mes.

- Xornada de tarde: 44 euros/mes.

2. Prezo por servizos complementarios.

A) Os prezos ós que fai referencia o punto 1 incrementaranse segundo os servizos dos que o neno/a sexa usuario:

a) Servizo de comedor: o prezo por este servizo fíxase en 33 euros mensuais. No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de comedor e que excepcionalmente, e por motivos xustificados, desexen utiliza-lo servizo algún día solto, o prezo será de 2 euros por día.

b) Horario ampliado: o prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario normal será de 13,75 euros.

B) Os servizos ós que fai referencia este punto 2 serán de utilización voluntaria polos nenos/as asistentes ó centro.

3.- Se o Concello opta pola xestión indirecta deste servicio público, a través dalgunha das modalidades de contrato de xestión de servicios públicos establecida no texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, as tarifas máximas fixadas no apartado anterior poderán reducirse polo concesionario na porcentaxe que estableza na súa oferta.

ARTIGO 7º .- CRITERIOS XENÉRICOS DE CAPACIDADE ECONÓMICA

1.- De acordo co establecido no artigo 24.4 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, co fin de establece-las taxas atendendo ó criterio de capacidade económica de quen ten que satisfacelas, establécense sobre as tarifas previstas no artigo anterior os seguintes descontos, segundo as circunstancias da unidade familiar:

A. Prezo por asistencia.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre a tarifa aplicaranse as seguintes reduccións totais ou parciais:

a) Inferiores ó 50 por 100 do salario mínimo interprofesional, reducción do 100 por 100: 0 euros

b) Entre o 50 e o 75 por 100 do salario mínimo interprofesional, reducción do 70 por 100: 33 euros

c) Superior ó 75 por 100 e inferior ó 100 por 100 do SMI reducción do 40 por 100: 66 euros

d) Entre o 100 e o 150 por 100 do salario mínimo interprofesional, reducción do 10 por 100: 99 euros

B. Prezo por servizos complementarios.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre as tarifas dos servizos anteriores aplicaranse reduccións totais ou parciais:

a) Inferiores ó 30 por cento do salario mínimo interprofesional, reducción do 100 por 100.

b) Entre o 30 e o 100 por 100 do salario mínimo interprofesional, reducción do 50 por 100.

C. Outros descontos.

a) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplica-lo disposto nos puntos A e B anteriores aplicaranse os seguintes descontos:

a.1) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 50 por cen.

a.2) Nenos/as pertencentes a familias numerosas monoparentais, desconto dun 20 por cen.

Estes descontos, cando se dean nunha mesma persoa, serán acumulables.

b) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ó día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 por 100.

Así mesmo calquera variación nas circunstancias personais (separación dos cónxuxes, divorcio, abandono de fogar...) ou económicas da unidade familiar, deberá ser comunicado o Concello, co fin de que se proceda a realizar as oportunas revisións, sin prexuízo de que de oficio, esta Administración proceda ás correspondentes comprobacións

Unha vez concedida a reducción, previo achegamento polo interesado da correspondente solicitude e xustificación documental, se como consecuencia das posteriores actuacións de comprobación efectuadas polo Concello, se tivese comprobado que as circunstancias alegadas polo interesado, en base ás cales lle forón outorgados os descontos, non se corresponden coa súa verdadeira situación, este virá na obriga de proceder ó reintegro das cantidades que indebidamente tivera deixado de ingresar na facenda local.

Todo elo sin prexuízo da correspondente responsabilidade persoal en que puidese incorrer o interesado.

2.- Para os efectos do disposto nesta ordenanza fiscal, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Asemade, enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalidez superior ó 33 por 100. No caso de familias monoparentais, e para efectos do cálculo da renda per cápita ó que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

3.- Para os efectos do disposto nesta ordenanza fiscal, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral máis a parte especial da base impoñible, previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de lles aplicar ós datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

ARTIGO 8º .- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

En materia de infraccións e sancións estarase ó disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementan e desenvolvan.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

Única.- A presente Ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez sexa aprobada definitivamente e publicada no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.