Pontedeume - Ordenanza municipal de Venda Ambulante do Concello de Pontedeume

Publicación provisional: 10/03/2006 BOP Nº: 129
Publicación definitiva: 10/03/2006 BOP Nº: 129
Aplicable dende: 10/03/2006

CAPITULO I DISPOSICIÓNS XERAIS Artigo 1. Obxecto da norma

A presente ordenanza ten por obxecto a regulación da venda ambulante no concello de Pontedeume e do seu réxime sancionador, de acordo coas competencias atribuídas aos concellos na Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; no art. 53 da Lei 7/1996, de 15 de xaneiro, de ordenación do comercio minorista; nos arts. 24 a 27 da Lei 10/1998, de 20 de xullo, reguladora do comercio interior de Galicia; o Real Decreto 1010/1985, de 5 de xuño, de regulación do exercicio de determinadas modalidades de venda fora dun establecemento comercial permanente e o Decreto 194/2001, de 16 de xullo, de ordenación da venda ambulante.

Artigo 2. Réxime xurídico

Será de aplicación a esta materia, ademáis do contido nesta Ordenanza, a seguinte normativa:

- Lei 7/1996, de 15 de xaneiro, de ordenación do comercio minorista

- Lei 26/1984, de 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios

- Lei 10/1998, de 20 de xullo, reguladora do comercio interior de Galicia

- Real Decreto 1010/1985, de 5 de xuño, polo que se regula o exercicio de determinadas modalidades de venda

- Decreto 194/2001, de 26 de xullo, de ordenación da venda ambulante da Xunta de Galicia (DOG núm.161, de 21 de agosto), modificado polo Decreto 171/2002, de 25 de abril (DOG núm. 96, de 21 de maio)

- Demáis normativa que sexa de aplicación

Artigo 3. Concepto e modalidades de venda ambulante

1.Considérase venda ambulante, para os efectos da presente norma, aquela realizada por comerciantes fóra dun establecemento comercial permanente, de xeito habitual, ocasional, periódica ou continuada, nos perímetros ou lugares debidamente autorizados, en instalacións desmontables ou transportables, incluíndo os camións-tenda.

2. As modalidades de venda ambulante permitidas no Concello de Pontedeume serán as seguintes:

a) A venda ambulante en mercados periódicos:aquela autorizada nos mercados situados en poboación, en lugares e espacios determinados, cunha periodicidade habitual establecida. Dentro deste apartado están encadradas entre outras, as realizadas en feiras e mercadillos.

b) A venda ambulante en postos instalados na vía pública: aquela autorizada para un número de postos, situacións e períodos determinados e que será autorizada con carácter excepcional.

c) A venda ambulante en mercadillos ocasionais: que é aquela autorizada en mercados esporádicos, que teñan lugar con motivo de feias, festas ou acontecimentos populares

d) A venda ambulante en camión ou vehículo-tenda, que é a autorizada nos citados medios e en zonas ou lugares determinados.

e) A venda de productos agrícolas de tempada polos propios productores.

Artigo 4. Suxeitos da venda.

A venda ambulante vai poder exercela toda persoa física adicada profesionalmente á actividade do comercio polo miúdo e que reúna os requisitos establecidos na presente ordenanza e demais normativa que fose de aplicación.

A venda de productos agrícolas de tempada van podela exercer as persoas físicas, aínda no caso de que non se adiquen profesionalmente á actividade de comercio polo miúdo, sempre que reúnan os demais requisitos que para este tipo de venda se establecen nesta ordenanza.

Artigo 5. Requisitos para o exercicio da actividade de venda ambulante

Para o exercicio da venda ambulante as persoas deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ser persoa física e exercer por si mesma a actividade de venda ambulante.

2. Estar dada de alta no réxime correspondente da Seguridade Social.

3. Estar inscritos no Rexistro de Comerciantes Ambulantes de Galicia, creado polo Decreto 194/01, do 26 de xullo, de Ordenación da Venda Ambulante, e dispor do correspondente documento acreditativo.

4. Ter contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos que puidesen derivarse do exercicio da actividade.

5. Cumprir todos os requisitos que establezan as regulamentacións específicas aplicables aos productos autorizados que teñan á venda.

6. No caso dos estranxeiros: haberán de cumprir as condicións e requisitos esixidos pola regulación vixente en cada momento (se procede dun país non comunitarios deberá estar en posesión dos permisos de residencia e de traballo; e se procede dun país comunitario, ha de ter a tarxeta de residencia).

7. No caso de venda de artigos alimenticios, estar en posesión do carné sanitario de manipulador de alimentos actualizado

8. Estar en posesión da autorización municipal correspondente para este tipo de venda.

9. Os vendedores ambulantes deberán cumprir no exercicio da súa actividade mercantil, a obriga de coñecer e cumprir a normativa xeral de ordenación do comercio, disciplina de mercado e protección do consumidor e cumprir as condicións e requisitos esixidos pola normativa reguladora dos productos que sexan obxecto da venda.

10. As instalacións e maquinaria que se empreguen para os postos de venda terán que ser desmontables e reunirán en todos os casos, as debidas condicións de seguridade, salubridade, limpeza e decorosa presentación, podéndose ordenar a retirada das instalacións ou maquinaria que non reúnan as devanditas características.

CAPITULO II.- COMPETENCIAS MUNICIPAIS. Artigo 6.

Correspóndelle ao Concello de Pontedeume, dentro do seu termo municipal:

1º. Conceder a autorización para o exercicio da venda ambulante, de acordo co establecido nesta Ordenanza. O seu outorgamento é discrecional e estará sometido á comprobación previa polo Concello do cumprimento polo peticionario dos requisitos legais en vigor para o exercicio do comercio así como do establecido pola regulación do producto para o que se autoriza a venda.

2º. Revogar ou anular a autorización concedida cando desaparezan as circunstancias que motivaron a súa concesión e segundo o disposto no art. 13 desta Ordenanza

3º. Fixar na correspondente ordenanza fiscal as taxas para o exercicio da actividade no dominio público municipal,

4º. Establecer a ubicación, datas e horarios de celebración das feiras e mercadillos do Concello, a súa modificación e supresión.

5º. Determinar os artigos dos que se autoriza a venda nos mercadillos que se celebren no termo municipal, de conformidade coa normativa específica que regule a comercialización de cada grupo de productos e as prohibicións específicas contidas na Lei 10/1988, do 20 de xullo, de Comercio Interior de Galicia.

6º. Establecer as condicións necesarias para o desenvolvemento do tránsito normal de vehículos e peóns, indicando as vías de circulación e os espazos de aparcamento, carga e descarga.

7º. Establecer as condicións de vixilancia e control no desenvolvemento da feira ou mercado

8º. Impoñer as sancións correspondentes ás conductas constitutivas de infracción, de acordo co establecido no Capítulo VII da presente Ordenanza

CAPITULO III.- RÉXIME XERAL DE AUTORIZACIÓN. Artigo 7. Autorización Municipal.

1. O exercicio da actividade regulada nesta Ordenanza está suxeita a previa concesión de autorización polo órgao municipal competente e de acordo co procedemento previsto nesta Ordenanza e segundo establecen os arts. 74 e seguintes do Regulamento de Bens das Entidades Locais, aprobado po Real Decreto 1372/1986, de 13 de xuño; art.26 da Lei 10/1998, de 20 de xullo, reguladora do comercio interior de Galicia e art. 3 do Real Decreto 1010/1985, de 5 de xuño, de regulación do exercicio de determinadas modalidades de venda fora dun establecemento comercial permanente.

2. As autorizacións concedidas terán en todo caso carácter discrecional, podendo ser revogadas de acordo co disposto nesta Ordenanza, sen que isto dé dereito aos seus titulares a indemnización ou compensación nengunha.

3. A autorización é persoal e intransferible, habilitará ao exercicio da venda ambulante ao seu titular, podendo actuar no seu nome o seu cónxuxe ou parella de feito e os descendentes maiores de 18 anos, e ascendentes, ata o 2º grao de consanguineidade ou afinidade, e ata un máximo de dous autorizados.

4. Só se dará unha autorización a cada titular e para un só posto de venda.

Artigo 8. PROCEDEMENTO

1.A autorización para o exercicio da actividade deberá ser solicitada polo interesado ou representante debidamente autorizado, en impreso formalizado no que se fará constar:

a) Nome e apelidos, enderezo para os efectos de notificacións, número do DNI e letra de identificación fiscal (NIF) e no caso de estranxeiros, o núm. do NIE. Iguais datos faranse constar cando a solicitude se formule por representante autorizado.

b) Feira ou mercado no que se pretende exercer a actividade de venda e o emprazamento solicitado.

c) Mercadorías ou artigos que pretende sexan obxecto da venda.

d) Tempo polo que se solicita a autorización.

e) Dimensións, expresadas en m2 e m. lineais, do espacio de ocupación que pretende, indicando, para estes efectos, se a venda se pretende realizar en posto desmontable ou dende vehículo ou furgón.

O impreso da solicitude acompañarase da seguinte documentación e dos orixinais correspondentes para o seu cotexo:

1. Fotocopia do DNI do solicitante. No caso de que o solicitante sexa estranxeiro deberá acompañar fotocopia do pasaporte, do permiso de residencia e de traballo ou da tarxeta de residencia, en vigor, segundo se trate de estranxeiros e países non comunitarios ou comunitarios, respectivamente, ou a documentación esixida en cada momento pola lexislación de estranxeiría

2. Copia do alta na Seguridade Social e xustificante do último pago realizado das cotas correspondentes

3. Copia do documento acreditativo de estar dado de alta no Rexistro Autonómico de Vendedores Ambulantes

4. Se a autorización afecta á venda de productos alimentarios, deberá achegar fotocopia do carné de manipulador de alimentos en vigor.

5. Xustificante de estar ao corrente no pago de tributos deste concello

6. No caso de venda mediante camión ou vehículo-tenda, copia do permiso de circulación do vehículo, tarxeta de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) e último recibo de pago do seguro obrigatorio de vehículos de motor.

En caso de que a solicitude ou documentación presentada non sexa correcta, concederase un prazo de dez días para a súa subsanación, de acordo co que establece o art.71 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común.

2. O órgao competente para a concesión ou denegación da autorización é o Alcalde, previo informe do servizo municipal correspondente.

3. No caso de que o número de autorizacións estexa limitado, establécense a seguinte orde de prioridades:

1º. Ter veciñanza na comarca do Eume

2º Por rigorosa orde de solicitude, para os restantes peticionarios

Artigo 9. Outorgamento da Autorización Municipal.

Unha vez recibida a notificación da concesión provisional da autorización, os solicitantes, deberán presentar, no prazo de 15 días hábiles, a seguinte documentación acompañados dos orixinais para o seu cotexo:

1. Dúas fotografías actuais do solicitante tamaño carné.

2. Xustificante do pago das taxas municipais polo exercicio da venda no dominio público municipal.

3. Copia do seguro de responsabilidade civil con vixencia durante o período para o que se solicita a autorización municipal, que garante a cobertura de calqueira clase de risco que a maquinaria, instalacións ou productos, poida orixinar.

4. Declaración escrita na que se manifeste o compromiso de que a persoa que vai exercer directamente a venda ambulante será o titular da autorización, actuando exclusivamente por conta e nome propios, así como a declaración, igualmente expresa, de coñecer e cumprir as normas ás que debe axustarse a súa actividade.

5. Nome da persoa ou persoas autorizadas polo titular para o exercicio da actividade e xustificante acreditativo da relación que os une ao titular, segundo o que se expresa no artigo 7 desta Ordenanza.

6. Declaración escrita do titular de que os artigos que vai vender son de producción propia

De non se presentar toda a devandita documentación no prazo concedido, non terá validez a autorización provisional previamente recoñecida.

Artigo 10. Contido da Autorización.

O Concello de Pontedeume expedirá as autorizacións en documento normalizado, no que se farán constar os datos esixidos polo artigo 14 do Decreto 194/2001:

- Identificación do titular, con nome completo, número do DNI e fotografía.

- Prazo de vixencia da Autorización.

- Modalidade de comercio ambulante autorizado.

- Dimensións e tipo de posto a instalar, e o seu emprazamento no perímetro feiral.

- Productos autorizados para a venda.

- Número de Rexistro Municipal outorgado ao titular da Autorización.

- Condicións particulares ás que se suxeita a autorización da actividade, de se-lo caso

- Persoas autorizadas para a venda.

O documento orixinal e normalizado da Autorización deberá ser exhibido polo comerciante durante o exercicio da actividade, colocada en lugar perfectamente visible.

Artigo 11. Vixencia e renovación da Autorización

1. Atendendo a súa vixencia as autorizacións poden ser de dous tipos:

a) As de carácter anual

b) As de carácter diario ou eventual para ambulantes en ruta, embulantes ocasionais e pequenos industriais ou artesanos

2. A concesión de autorizacións anuais poderán renovarse anualmente previa solicitude dos titulares que deberán presentala entre o 1 e o 31 de xaneiro de cada ano.

3. Aqueles interesados en exercer a actividade ocasionalmente durante días aislados, deberán presentar a súa solicitude de acordo co establecido nesta Ordenanza, polo menos quince días daquel en que se inicie a actividade.

Artigo 12. Traspaso da Autorización municipal de venta ambulante

A) No caso de falecemento ou renuncia expresa do titular, poderá autorizarse o cambio de titularidade a favor do cónxuxe ou parella de feito, descendentes ou ascendentes de primeiro grao do titular; neste caso deberá ser devolto o permiso á Administración e esta determinará o seu outorgamento polo tempo que reste da autorización entre os solicitantes que cumpran todas as condicións esixidas nesta ordenanza para o titular.

De haber máis de un parente do mesmo grao, terá preferencia o que acredite a continuidade na actividade e, en situación de igualdade, o de máis idade.

B) No caso de enfermidade do titular ou outra causa suficientemente acreditada que lle impida o exercicio da actividade, a Administración, a petición do titular, poderá autorizar o exercicio da venda ambulante ao cónxuxe ou parella de feito, ascendentes ou descendentes até o primeiro grao de consanguinidade que estean designados na autorización. De non existiren substitutos terá dereito a reserva polo prazo da enfermidade, sempre que non supere o prazo de invalidez da seguridade social.

Artigo 13. Extinción da Autorización Municipal.

1. Sen prexuízo do disposto noutros preceptos desta Ordenanza, as autorizacións extínguense por:

a) Transcurso do prazo polo que se outorgaron, sen solicitar a renovación ou sen pagar

b) Falta de pago das taxas municipais correspondentes, dentro do prazo establecido ao efecto.

c) Renuncia expresa e escrita do titular.

d) Causas de interese público sobrevidas, incluso antes da terminación do prazo polo que se outorgou a autorización.

e) Morte do titular.

f) Traspaso do posto segundo o disposto no artigo 12.

g) Perda dalgún dos requisitos establecidos no seu outorgamento.

h) h) Non asistir a tres feiras ou mercados consecutivos ou seis alternos, ao longo da vixencia da autorización, salvo causa xustificada que deberá pór en coñecemento do Concello, quedando ao criterio do órgao que outorgou a autorización.

i) Falta de pago das sancións municipais que se impuxesen.

j) Cometer algunha das infraccións contidas nesta ordenanza, tipificadas como infracción grave, ou moi grave, ou reincidir na infracción.

2. Salvo nos supostos de extinción polo transcurso do prazo, que operará automaticamente, os expedientes de extinción poderán iniciarse de oficio ou a instancia de parte, correspondendo a súa resolución ao Alcalde ou ao Concelleiro Delegado.

Todo expediente de extinción será sometido a información pública durante quince días mediante nota-anuncio que se publicará no taboleiro de edictos do Concello, e no mercado ou feira.

CAPÍTULO IV. REXISTRO MUNICIPAL DE VENDEDORES AMBULANTES Artigo 14.

1.Créase o Rexistro municipal de vendedores ambulantes, que será xestionado polos servicios municipais de consumo e mercados e a inscrición nese será consecuencia inmediata da concesión da autorización municipal correspondente para o exercicio da actividade.

2.A inscrición dos titulares de autorizacións municipais de venda ambulante vixente ao tempo de posta en funcionamento deste rexistro farase de oficio pola autoridade municipal, sen que sexa precisa a solicitude formalizada por aqueles; non obstante, estarán obrigados a comunicar e acreditar os datos que se lles requiran para a efectiva inscrición no Rexistro, sendo sancionados os incumprimentos non xustificados coa retirada da autorización municipal de venda ambulante.

3.Igualmente a inscrición no devandito rexistro de todo vendedor que cause nova alta na venda ambulante, farana de oficio os servicios municipais de consumo e mercados.

4.Realizada a inscrición, expediráselle ao comerciante inscrito un carné profesional de vendedor ambulante, cunha vixencia de un ano.

O contido do carné profesional deberá ser:

a) Identificación do titular, nome completo, número do DNI e fotografía recente.

b) Período de vixencia.

c) Descrición literal do epígrafe fiscal no que figura dado de alta.

d) Número de rexistro e selo da dependencia municipal correspondente.

e) Productos autorizados.

CAPÍTULO V.- DEREITOS E OBRIGAS Artigo 15. Dereitos dos titulares da autorización

As persoas autorizadas para o exercicio da venda ambulante, segundo o establecido nos artigos anteriores da presente Ordenanza, terán dereito a exercela nos días e lugares autorizados, salvo que coa debida antelación o Concello lles comunique a súa imposibilidade por concorrer causas de interese público debidamente xustificadas. Sempre que sexa posible, o Concello habilitará outro lugar ou autorizará outras datas para que se desenvolva a actividade.

Artigo 16. Obrigas das persoas autorizadas

A autorización municipal implica as seguintes obrigas ao seu titular:

a). En canto á venda:

1. Ter á vista a autorización formalizada polo Concello.

2. Respetar os horarios da feira ou mercado no que estexa autorizado, aínda que esgote as mercadorías.

3. Ir á feira, mantendo o posto con actividade, tendo que comunicar ao Concello a ausencia temporal xustificada

4. Realizar a venda de aqueles productos para os que estexa autorizado.

5. Cumprimento da normativa de protección ao consumidor e da que regula cada tipo de venda, a de prezos e etiquetado.

6. Conservar as facturas e albaráns de entrega da mercadoría posta á venda

7. Ser respetuoso coa clientela e cos axentes da autoridade encargados do control e vixilancia da feira ou mercado

8. Comunicar ao Rexistro Municipal de Vendedores Ambulantes calquera modificación nos datos da Autorización.

b). Con ralación aos postos:

1. Non se poderá ocupar un espazo superior ao da superficie autorizada

2. Deberán de conservarse os postos, así como a superficie ocupada en perfecto estado de limpeza

3. O espazo ocupado deberá de quedar, tras a retirada do posto, libre de lixos

4. Prohíbese o emprego de anclaxes ou elementos que danen o pavimento ou superficie sobre a que se coloquen os psotos

CAPÍTULO VI INSPECCIÓN Artigo 17

Este Concello por mediación do servizo de Policía Local e do correspondente órgao municipal en materia de Mercados e Comercio vixiarán e garantirarán o cumprimento polos titulares das autorizacións do que dispón esta ordenanza e demáis normativa aplicable, especialmente en canto ás esixencias e condicións hixiénico-sanitarias.

CAPITULO VII RÉXIME SANCIONADOR. Artigo 18.- Infraccións

1. As infraccións e correspondentes sancións relatadas pola normativa referida no artigo 17 do Decreto 194/2001 e na Lei 26/1984; do 19 de Xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, tramitaranse e aplicaranse segundo os devanditos textos legais, así como nas normas que os desenvolven.

2. Constitúen infraccións á presente ordenanza as seguintes conductas, que se clasificarán en leves, graves e moi graves.

A) Serán faltas leves:

- producir ruídos, berros ou música que incumpran a ordenanza de ruídos e vibracións,

- a falta de ornato ou limpeza das instalacións e da súa zona circundante, e non depositar o lixo nos lugares asinados polo concello,

- instalar o posto fóra do lugar sinalado, sempre e cando non prexudique a terceiro nin altere o normal desenvolvemento da feira ou mercado,

- non respectar os horarios establecidos polo Concello para cada feira ou mercado,

-aumentar a superficie do posto con máis metros dos autorizados, ou non gardar a distancia establecida entre postos,

- non ter á vista a autorización Municipal de Venta Ambulante en vigor.

B) Serán faltas graves:

- a reiteración por dúas veces en faltas leves,

- non cumprir as normas de seguridade das instalacións e dos seus elementos,

- a venda de productos distintos dos autorizados,

- non acreditar mediante factura ou autorización correspondente a procedencia da mercadoría,

-o estacionamento de vehículos non autorizados dentro do recinto da feira ou mercado, fóra das horas de montaxe e desmontaxe dos postos,

- a desobediencia das instrucións particulares de bo goberno transmitidas polos Axentes da Autoridade, atender as normas de orde e indicacións da Policía Municipal.

C) Serán faltas moi graves:

- a reiteración por dúas veces de faltas graves,

- o exercicio da actividade por persoa diferente da autorizada ou do seu suplente,

- a instalación dos postos sen autorización ou fóra do lugar sinalado causando perxuizo a terceiro ou alterando o normal desenvolvemento da feira ou mercado,

-a venda de productos en estado tal que poidan causar dano para a saúde,

-non estar en posesión dalgún dos documentos necesarios para a solicitude da autorización municipal.

Artigo 19. Sancións

As sancións que se aplicarán, pola comisión das conductas constitutivas de infracción da presente ordenanza, serán:

1. Por faltas leves, multas de 001 a 30,00 euros.

2. Por faltas graves, multas de 30,01 a 60,00 euros.

3. Por faltas moi graves:

- multas de 60,01 a 120,00 euros,

- suspensión ou revogación da autorización,

- decomiso da mercadoría nos casos de venda de productos non autorizados.

4. Correspóndelle ao señor Alcalde ou o Concelleiro Delegado a imposición de multas e demais sancións.

Artigo 20. Medidas cautelares.

En todos os casos de suposta infracción establecido nos artigos anteriores poderase, ao tempo de apreciarse a súa comisión, reter cautelarmente a autorización de venda ambulante, en tanto se tramite o expediente correspondente e se resolva definitivamente a sanción a aplicar. O tempo de duración da retención cautelar será reducido do que, se é o caso, se fixe na sanción e durante a súa vixencia suporá a prohibición de exercer a actividade comercial.

Artigo 21. Reincidencia

Apreciarase a existencia de reincidencia cando no termo dun ano se cometa por un mesmo infractor máis dunha infracción de idéntica natureza e feitos, sancionados en resolución administrativa firme. A reincidencia así apreciada poderá dar lugar, ademais da sanción económica, á retirada definitiva da autorización de venda ambulante.

Artigo 22. Procedemento

Para a determinación das infraccións e a imposición das sancións previstas nesta ordenanza será de aplicación o Real Decreto 1398/1993, de 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora; a Lei 30/1992, de 26 de novembro, reguladora do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, e demais normas concordantes.

CAPITULO VIII. CONDICIÓNS ESPECíFICAS DE CADA MODALIDADE DE VENDA AMBULANTE Artigo23. Modalidades

As feiras e mercados que se realizan no Concello de Pontedeume son:

1. Mercado

2. Feirón

3. Outras feiras e mercados de carácter ocasional

1.- "O Mercado"

O Mercado celébrase no Concello de Pontedeume para estimular o desenvolvemento agrario da comarca do Eume e facilitar á poboación o abastecemento de productos naturais da terra de consumo diario.

UBICACIÓN:

Na actualidade instálase no Mercado Municipal.

DATAS:

De martes a sábado.

HORARIO:

-De martes a venres

a) Descarga e instalación: 8:00 a 9:00 h.

b) Actividade comercial: de 9:00 a 14:00 h.

c) Carga e recollida dos postos: de 14:00 a 15:00 h.

-Sábados de "Feirón"

o mesmo horario que os demais postos de venda ambulante.

VENDEDORES:

Serán os mesmos productores dos productos da horta da comarca do Eume.

POSTOS:

Dimensión máxima: 2 x 1,5m.

En ningún caso poderán exhibirse os productos directamente enriba do chan, debendo estar en mesas para garantir unhas condicións mínimas de hixiene e sanidade, ou directamente en cestas ou paxes, situados a unha altura mínima do chan de 0,60m. e protexendo as mercadorías da choiva e do sol. En todo caso, o vendedor extremará a limpeza na zona da venda.

PRODUCTOS

Artigos da horta producidos na comarca de Pontedeume.

2.- "O Feirón"

Celébrase no Concello de Pontedeume como un xeito de desenvolvemento da comunidade, de dinamizar a producción da comarca e estimular o intercambio económico, mantendo esta forma de comercio tradicional.

UBICACIÓN:

Actualmente a zona destinada a actividade de venda ambulante é a comprendida nas seguintes rúas e prazas:

- Praza do Conde,

- Rúa de Betanzos,

- Rúa da Cátedra,

- Praza Real,

- Praza do Pan,

O Concello poderá modificar o emprazamento do Feirón por causa de forza maior, de interese xeral ou municipal, unha vez oída a Comisión Paritaria.

Os postos de venda instalaranse no espacio delimitado polo Concello, deixando libre os accesos a edificios de uso público, establecementos industriais ou comerciais, o espacio diante dos escaparates ou exposicións, e de xeito que non se dificulten tales accesos á circulación peatonal.

Unha vez transcorrido o horario de montaxe dos postos, queda prohibida a permanencia ou entrada de calquera vehículo no recinto do mercado, salvo días de temporal ou forza maior. Esta prohibición non afecta aos vehículos-tenda ou aqueles outros vehículos que son necesarios para a realización da venda ambulante, que en todo caso, requiriran a autorización previa do Concello.

DATAS:

Os días de feirón serán todos os sábados do ano, a excepción daqueles que por coincidiren con actos ou actividades de gran afluencia de persoas, o Concello estime a conveniencia de que non se celebre o Feirón. Neste caso, a comunicación aos vendedores ambulantes farase cun mínimo de sete días de antelación.

HORARIO:

a) Descarga e instalación: 7:00 a 9:00 h.

b) Actividade comercial: de 9:00 a 20:00 h.

c) Carga e recollida dos postos: de 20:00 a 21:00 h.

Nos meses de Xullo e Agosto, o horario de actividade comercial e de carga e recollida dos postos, prolongarase unha hora mais.

Excepcionalmente, por causa xustificada e previa autorización do Concello, poderase rematar a actividade comercial e proceder a carga e recollida do posto entre as 14:30 e as 15:30.

VENDEDORES:

Poderán exercer a venda ambulante todos os comerciantes que posúan a correspondente Autorización municipal, nas condicións nela recollidas.

POSTOS:

- Dimensións máximas: 10 x 2m.

- A estrutura debe ser metálica, facilmente desmontable e transportable, cunha cobertura de lona ou toldo impermeable.

- Debe ter unha tarima cunha altura mínima, a contar dende o chan, de 0,60m.

- Deben ter un receptáculo con tapadeira dentro do posto para verter os residuos xerados na actividade do comercio.

- Os postos teñen que estar en boas condicións de aseo e hixiene.

PRODUCTOS:

Os artigos autorizados para a venda nos postos desmontables son:

1. Alimentación: froita, hortalizas e verduras, patacas, queixos do país e curados, etiquetados, ovos, embutidos, carnes curadas, productos do forno (pan e biscoitos) e churros.

2. Xeral: téxtil e calzado .

3. Artesanía e bixutería en xeral.

4. De tempada: árbores frutais, plantas e flores.

3.- Festas populares e outros "mercadillos" ocasionais.

Este tipo de feiras ou mercadillos poderaos organizar o Concello de Pontedeume, de xeito periódico ou esporádico como unha maneira de fomentar o turismo do Concello, ou para lograr a revitalización comercial dun sector artesanal ou de interese para a comarca.

No devandito acordo fixarase:

A ubicación dos devanditos "mercadillos".

Días e horario de celebración dos mesmos.

Productos autorizados.

Condicións específicas dos postos, se fosen esixibles

As especialidades respecto do réxime xeral de outorgamento de autorizacións, tales como vixencia da mesma, prazo de solicitude, persoas recollidas na súa vixencia .

Taxa municipal correspondente

CAPITULO IX. DA COMISIÓN PARITARIA PARA O COMERCIO AMBULANTE Artigo 24. Creación

Créase a Comisión Paritaria para o comercio ambulante como órgano consultivo encargado do seguimento e control desta modalidade de exercicio de comercio. A tal efecto deberá ser oída nos seguintes supostos:

a) Na modificación das taxas ou municipais e calendarios que afecten a venda ambulante.

b) No establecemento do número máximo de postos a ubicar no "Feirón" e as autorizacións correspondentes.

c) En todos aqueles casos que regulamentariamente se lle atribúan

Artigo 25. Composición

A comisión estará integrada por representantes do Concello, dos vendedores ambulantes, e por representantes das Asociacións de Comerciantes e Industriais da localidade e das Asociacións de Consumidores e Usuarios, de habelas, e estará composta polo mesmo número de representantes por cada colectivo

Artigo 26. Funcionamento

As reunións da Comisión serán convocadas sempre polo Alcalde ou Concelleiro Delegado previa comunicación aos membros da mesma cun mínimo de 24 horas de antelación.

Disposición adicional

Quedan excluídos do ámbito desta ordenanza a regulación dos postos autorizados na vía pública de carácter fixo e estable nos que se desenvolvan actividades comerciais de xeito habitual e permanente

Disposición final

A presente Ordenanza foi aprobada polo Pleno do Concello , e entrará en vigor unha vez publicada íntegramente no Boletín Oficial da Provincia de acordo co establecido no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Contra esta ordenanza poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Pontedeume, a 28 de febreiro de 2006.