Ames - REGULAMENTO DE RÉXIME INTERIOR DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL O BOSQUE DO CONCELLO DE AMES

Publicación provisional: 05/08/2006 BOP Nº: 179
Publicación definitiva: 05/08/2006 BOP Nº: 179
Aplicable dende: 24/08/2006

CAPÍTULO I

OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

 

ARTIGO 1º- OBXECTO

O presente regulamento ten por obxecto establecer a organización e o funcionamento da Escola Infantil Municipal " O Bosque" do Concello de Ames permitindo a mellora constante das relacións entre a dirección da Escola, os pais, nais ou titores, os/as educadores/as e a administración titular do centro, así como o procedemento de adxudicación de prazas e as condicións de uso.

ARTIGO 2º- ÁMBITO DE APLICACIÓN

 

Constitúe o ámbito de aplicación do presente regulamento o Concello de Ames, concretamente á Escola Infantil Municipal " O Bosque", empregado como equipamento diúrno e dirixido á poboación infantil de 0 a 3 anos.

CAPÍTULO II

DEREITOS E DEBERES

 

ARTIGO 3º- DEREITOS DOS USUARIOS/AS

- Acceso ao centro e a recibir información sen discriminación, por razón de nacionalidade, sexo, raza, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

- A consideración no trato, debida á dignidade da persoa, tanto por parte do persoal do centro como dos demais usuarios e usuarias.

- Ao sixilo profesional sobre os datos do seu historial sanitario e socio familiar.

- A realizar saídas ao exterior, sempre e cando os menores vaian acompañados por unha persoa adulta responsable, e sempre con autorización escrita por parte dos seus pais ou representantes legais.

- Á intimidade persoal en función das condicións estructurais do centro.

- A unha asistencia individualizada acorde coas súas necesidades específicas.

- A que se lle facilite o acceso a todas as necesidades persoais que sexan precisas para acadar o seu desenvolvemento integral.

- A deixar de utilizar os servizos ou abandonar o centro por vontade propia.

- A que se lle facilite o acceso á atención social, sanitaria, educación, cultural e, en xeral a todas as necesidades persoais que sexan precisas para acadar o seu desenvolvemento integral.

- A asociárense co obxecto de favorecer a súa participación na programación e no desenvolvemento de actividades do centro. Para o desempeño destes fins a dirección do centro prestará á asociación de pais e nais un local para as súas reunións sempre e cando non se perturbe o normal funcionamento das actividades. Para isto abondará cunha comunicación da convocatoria da reunión ao director do centro, con 48 horas de antelación.

- A seren informados de xeito comprensible das medidas adoptadas respecto deles e a pediren explicación de canto afecte á súa propia educación.

- A seren educados para a comprensión, a tolerancia e a convivencia democrática, posibilitándolles que poidan facer uso das súas opcións de xeito libre e persoal.

- A participación dos pais/nais/titores nas actividades educativas {como festas escolares,(magostos, Nadal, Entroido,...)}, ou colaboración para preparar actividades dos nenos e nenas.

 

ARTIGO 4º- OBRIGAS DOS USUARIOS/AS

- Cumprir as normas que estableza o centro para o seu bo funcionamento recollidas no presente regulamento.

- Manter e observar unha conducta inspirada no mutuo respecto, tolerancia e colaboración, encamiñada a facilitar unha mellor convivencia.

- Participar na vida do centro, de acordo co que se dispoña neste regulamento.

 

ARTIGO 5º- DEREITOS DO PERSOAL

- Recibir regularmente información da marcha e do funcionamento do centro, a través do director/a responsable.

- Presentar propostas que contribúan a mellorar o funcionamento do centro e a atención prestada aos menores.

- Desenvolver as súas funcións educativas segundo o seu criterio persoal, sempre que se axusten ao proxecto educativo e á programación anual do centro.

- A que se lle proporcionen dentro das posibilidades do centro os instrumentos e medios precisos para desenvolver as súas funcións axeitadamente en beneficio dos menores atendidos.

 

ARTIGO 6º- OBRIGAS DO PERSOAL

- Cumprir e facer cumprir de acordo coas súas funcións o presente regulamento.

- Velar polo respecto aos dereitos dos menores recollidos no presente regulamento e aqueles outros recoñecidos na lexislación vixente.

- Gardar estricta confidencialidade sobre os datos persoais dos menores aos que teñan acceso en razón das súas funcións.

- Cumprimento das tarefas e responsabilidades derivadas do seu posto de traballo.

CAPÍTULO III

ESTRUTURA ORGÁNICA

 

ARTIGO 7º- ÓRGANOS

A Escola Infantil Municipal " O Bosque" disporá da seguinte estructura orgánica:

a) Dirección

b) Persoal de atención directa aos nenos/as

c) Persoal de servizos

 

ARTIGO 8º- FUNCIÓNS

O/A DIRECTOR/A PEDAGÓXICO/A

É o representante do centro e o responsable do seu correcto funcionamento. Depende orgánica e funcionalmente do/a Concelleiro/a de Educación do Concello de Ames, e as súas funcións mínimas serán as seguintes:

- Elaborar a memoria anual do centro

- Propoñer ou presentar o proxecto educativo que será elaborado pola directora mais o persoal de atención directa aos nenos/as.

- Autorizar actuacións extraordinarias para o normal desenvolvemento do centro

- Convocar e presidir reunións do persoal, así como executar e facer cumprir os acordos adoptados nas mesmas.

- Prestar atención personalizada aos usuarios tanto a través do desempeño da función educativa como directiva ( De 9:00 a 14:00 h, e de 16:00 a 18:00 horas).

- Coordinar as relacións do persoal cos pais ( anuais, Nadal, saídas, ...)

- Comunicarlle ao Concello as incidencias relativas ás necesidades de mantemento do Centro, baixas do persoal, necesidades materiais, e calquera acontecemento, ...

- Exercer a garda dos menores ingresados no centro acorde co previsto na lexislación vixente.

- Supervisar, coordinar e facer cumprir o correcto desenvolvemento das actividades programadas.

- Cumprir e facer cumprir as leis, disposicións vixentes, etc. do Regulamento de Réxime Interior.

 

MESTRAS/ES

- Elaborar a programación da aula

- Exercer a actividade educativa na súa aula

- Atender as rutinas diarias de cada neno/a

- Participar na elaboración do Proxecto Educativo do Centro e no Proxecto Participar na elaboración da programación anual e da memoria anual

- Curricular

 

EDUCADORAS/ES

- Desempeñar a función educativa na formación integral dos nenos/as dentro da súa aula

- Coidar da orde, seguridade, entretemento, alimentación e aseo persoal dos nenos/as da súa aula

- Axudar na realización das actividades programadas

- Participar na elaboración do Proxecto Educativo.

ASISTENTES INFANTÍS

- Coidar da orde, seguridade, entretemento, alimentación, aseo e atención persoal dos nenos/as

 

SERVIZOS XERAIS

- Encargadas da orde e limpeza das estancias encomendadas

- Orde, distribución e mantemento dos materiais encomendados

- Encargadas da lavandería

- Encargadas de portería

- Outros que poidan xurdir do seu cargo

 

AUXILIAR DE COCIÑA

- Encargada da preparación dos menús. Responsabilizarase do bo estado dos alimentos e da súa preparación

- Encargada da limpeza da cociña e do comedor así como dos utensilios de cociña

 

ARTIGO 9º- COMISIÓN DE BAREMACIÓN

Será convocada pola Directora Pedagóxica do Centro no mes de maio, unha vez que remate o período de solicitude de praza. As solicitudes que, por circunstancias alleas, non se presentasen no prazo estipulado serán baremadas pola comisión en posteriores reunións que terán lugar nos meses de xullo, setembro, xaneiro e marzo, sempre que haxa solicitantes. Estas pasarán a formar parte da lista de agarda coa puntuación obtida, podendo producirse modificacións na mencionada lista.

Composta por:

- Presidente: Concelleiro/a de Educación ou concelleiro en quen delegue

- Secretario/a do concello : ou funcionario en quen delegue

- Vocais: o director/a pedagóxico/a do centro, un representante do Consello Escolar Municipal ( de estar en funcionamento), un representante dos pais/nais dos menores.

Competencias:

- Velar polo cumprimento do proceso de ingreso

- Velar pola aplicación do procedemento de admisión

- Propor e decidir as altas e baixas que se produzan

- Propor ao Alcalde as solicitudes de ingreso

O representante dos pais/nais será elixido mediante convocatoria pública polos demais pais/ nais dos menores.

 

ARTIGO 10º- COMISIÓN EDUCATIVA

Composta por:

- Concelleira/o de Educación

- Director/a pedagóxico/a

- Mestres/as, Educadores/as do centro

Competencias:

- Elaborar o Proxecto Educativo de Centro e a Programación Anual de Actividades

- Facer o seguimento da programación do centro e do proceso educativo grupal e individual

- Supervisar a Aplicación Curricular e a súa aplicación ao Proxecto Educativo de Centro.

- Aplicación do presente Regulamento, así como revisión e actualización do mencionado Regulamento.

ARTIGO 11º- CONSELLO DO CENTRO

É o órgano colexiado que asumirá a coordinación xeral do centro, marcará as directrices e adoptará os acordos precedentes. A Directora Pedagóxica é a encargada de convocar as reunións a levar a cabo. A primeira reunión celebrarase ao comezo do curso e será convocada con unha semana de antelación e na convocatoria estará exposta a orde do día.

Calquera membro do Consello poderá convocar unha reunión extraordinaria solicitándollo á Directora da Escola cunha semana de antelación.

Composición:

- Director/a pedagóxico/a

- 1 Representante do persoal educativo

- 1 Representante do persoal de servizos

- 1 Representante dos pais/nais dos menores

- 1 Representante do Consello Escolar Municipal

- Concelleiro/a de Educación

Competencias:

- Aprobar a memoria anual de actividades

- Aprobar o Proxecto Educativo de Centro e a Programación Anual de Actividades, elaboradas pola Comisión Educativa

- Proporlle á administración competente cantas medidas sexan precisas para mellorar o funcionamento do centro.

- Supervisar que as directrices e a programación se axusten aos principios, criterios e obxectivos establecidos pola administración competente.

Os/As representantes do persoal educativo e do persoal de servizos serán elixidos internamente dentro da súa categoría . O/A representante dos pais/nais dos menores será elixido mediante convocatoria pública.

 

ARTIGO 12º- PERSOAL

- Director/a Pedagóxico/a. Titulado medio superior.

- 3 Mestres/as. Diplomatura de Educación Infantil ou habilitación no seu caso.

- 8 Educadores/as. Técnico superior en Educación Infantil.

- 4 Asistentes de gardería.

- 3 empregados de servizos xerais.

- 1 Cociñeira/o con carné de manipulador de alimentos

- 1 Administrativo/a

 

ARTIGO 13º- Nº DE UNIDADES

Nº de unidades: 8

Primeiro ciclo de educación infantil: 0 - 3 anos

NENOS/AS

0 - 1: 8 prazas por unidade

1 - 2: 13 prazas por unidade

2 - 3: 20 prazas por unidade

TOTAL PRAZAS: 115

Reservarase unha praza por cada grupo de idade para aqueles casos que, previo estudio, se consideren de emerxencia.

CAPÍTULO IV

ORGANIZACIÓN INTERNA

 

ARTIGO 14º- BENEFICIARIOS/AS

- Terán preferencia para obter praza na Escola Infantil, aqueles nenos e nenas empadroados no Concello.

- Tamén poderán acceder ao servizo, as fillas e fillos de persoas, que estando empadroadas noutro Concello, teñan os seus postos de traballo neste municipio. Esta situación deberá acreditarse cun certificado da empresa ou institución correspondente.

- A forma de acceso á Escola Infantil para os fillos/as do persoal do Concello de Ames será o que quede establecido no Regulamento de acción social que se aprobe no seu momento.

 

ARTIGO 15º- IDADES DE INGRESO E PERMANENCIA

Os requisitos de idade que deberán cumprir os nenos serán os seguintes:

Idade mínima: ter feitos os tres meses na data de ingreso agás situacións específicas ( deberanse acreditar co informe previo e favorable de Servizos Sociais).

Idade máxima: Tres anos (agás casos excepcionais recollidos na lexislación vixente). Os nenos e nenas poderán ser usuarios do servizo ata o momento da incorporación á educación infantil de segundo ciclo.

 

ARTIGO 16º - SOLICITUDES DE NOVO INGRESO

- O procedemento de reserva de praza e de ingreso será informado anualmente desde a Comisión de Baremación, presidida polo Concelleiro/a de Educación.

- As solicitudes de novo ingreso faranse segundo o modelo que figura no Anexo II deste Regulamento asinando a aceptación do mesmo e presentaranse nas oficinas da Escola Infantil Municipal " O Bosque". Desde as dependencias prestarase a colaboración precisa aos usuarios para cubrir a solicitude co fin de que os datos estean debidamente cumprimentados.

- As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da situación familiar:

- 2 Fotocopias compulsadas do Libro de Familia onde figure o alumno/a que solicita o ingreso

- Fotocopia do D.N.I ou do Pasaporte dos pais/nais ou titores

- Solicitude nas oficinas da escola do certificado de empadroamento e convivencia que será expedido e incorporado ao expediente polo Concello de Ames.

b) Documentación acreditativa da situación económica:

- 2 Copias cotexadas da última declaración da renda, de todos os membros da unidade familiar ou, no seu defecto, certificado emitido pola Delegación de Facenda que avale a súa non presentación.

- Os profesionais autónomos acreditarán tamén os pagamentos fraccionados do ano correspondente.

- Nos casos de nulidade matrimonial, separación ou divorcio considerase a renda de quen exerza a patria potestade.

c) Documentación acreditativa da situación laboral ou de cursar estudios oficiais:

- Copia da última nómina ou xustificación da situación laboral no momento da solicitude con especificación da xornada laboral

- No caso de cursar estudios oficiais, certificación que acredite tal circunstancia para o curso correspondente.

- Tarxeta de desempregado/a

d) Documentación complementaria:

- Certificado médico do neno ou nena

- Carné de vacinación actualizado

- Fotocopia da tarxeta de Seguridade Social ou documento equivalente

- Seis fotografías tamaño carné

- Impreso de domiciliación bancaria

- Impreso horario

- Autorización por escrito dos pais/nais ou representantes legais dos nenos e nenas para ser recollido no centro por unha terceira persoa.

- No caso dalgunha deficiencia ou enfermidade alegada polos membros da unidade familiar; certificado expedido polo organismo correspondente

- No caso de nenos e nenas con algunha deficiencia física, psíquica ou sensorial; informe do organismo competente

- Outros documentos, se proceden, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais susceptibles de puntuación no baremo.

- Informe dos Servizos Sociais nos supostos de que sexa necesario por falta de acreditación documental suficiente ou pola situación especial na que viva a unidade familiar.

A non presentación en prazo da referida documentación, entenderase como renuncia á mesma, logo da resolución correspondente por parte da Comisión de Baremación.

 

ARTIGO 17º- SOLICITUDE DE RESERVA DE PRAZA

Os pais/nais/titores dos nenos e nenas matriculados/as con praza nesta Escola Infantil Municipal presentarán a solicitude de reserva de praza nas oficinas da mesma escola. Nestas oficinas facilitaráselles o impreso correspondente.

Aqueles alumnos/as que fosen admitidos con anterioridade terán garantido o acceso aos novos cursos sen necesidade de someterse a ningún proceso de admisión, tendo que acreditar, en todo caso, o mantemento das condicións económicas, familiares e laborais que permitiron a admisión e descontos correspondentes.

 

ARTIGO 18º- PRAZO DE PRESENTACIÓN

- O prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso, farase nas oficinas da Escola Infantil Municipal " O Bosque", durante a primeira quincena do mes de abril.

- O prazo de presentación de solicitudes de reserva de praza farase do 1 ao 15 de marzo.

- No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos requirirase ao interesado para que emende os erros ou a falta de documentos preceptivos nun prazo de 10 días hábiles, con indicación de que se non o fai, terase por desistido da súa petición, consonte ao artigo 71 da Lei 30/1992 do 26 de novembro do Procedemento Administrativo Común.

- O persoal da Escola Infantil prestará a colaboración que os usuarios precisen para cubrir a solicitude co fin de que os datos estean debidamente acreditados.

ARTIGO 19ª - BAREMO DE ADMISIÓN

- Entenderase por unidade familiar, para estes efectos, o conxunto de todas as persoas que, por parentesco de consanguinidade ou afinidade conviven no domicilio familiar.

- Con carácter xeral, darase preferencia ás solicitudes pertencentes a unidades familiares con empadroamento no concello de Ames.

- A selección de solicitudes farase en función da puntuación acadada segundo o baremo que figura como anexo I deste Regulamento. Mediante este baremo avaliaranse os factores socio-familiares, laborais e económicos da unidade familiar. En caso de obter igual puntuación daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

- Poderanse adxudicar prazas ás solicitudes relativas a media xornada. As tarifas a aplicar fixarase segundo o establecido na Ordenanza respectiva. Respectarase en todo caso, o límite estipulado por aula. Os solicitantes desta media xornada non poderán variar o horario establecido na súa solicitude.

- Calquera indicio de cambio non declarado, de distorsión ou de falseamento da situación socio-familiar, da situación laboral-familiar ou da situación económica reflectidas na solicitude poderá dar lugar a que se inicie de oficio unha investigación para a comprobación dos referidos datos. Para a apertura deste expediente nomearase un instructor/a que será o/a Concelleiro/a de Educación a/o secretario/a do Concello ou funcionario en quen delegue. Que será o do Concello ou funcionario en quen delegue. Estes elaborarán un informe que será obxecto de análise por parte da Comisión de Baremación.

- Ademais, a Comisión de Baremación poderá ter en conta circunstancias que considere susceptibles de valoración ata un máximo de 10 puntos.

 

ARTIGO 20º - RELACIÓN PROVISIONAL DE ADMITIDOS/AS

- Unha vez realizada a baremación, a Comisión efectuará a proposta inicial de selección. Esta comisión será o órgano competente para a fixación da contía que se deberá aboar ou da exención aplicable en cada caso.

- O 11 de maio fará pública a relación provisional coa puntuación obtida de admitidos e excluídos.A resolución corresponderalle ao Alcalde de Ames. Esta relación será exposta nas oficinas da Escola Infantil Municipal e no taboleiro de anuncios do Concello de Ames.

- Os solicitantes que o desexen poderán efectuar as reclamacións oportunas no prazo de 10 días contados dende a data de publicación da relación provisional.

 

ARTIGO 21º - RELACIÓN DEFINITIVA DE ADMITIDOS/AS E LISTA DE ESPERA

- Así que a Comisión estudie todas as reclamacións presentadas, a Alcaldía de Ames, aprobará a lista definitiva e lista de espera coas puntuacións obtidas en cada caso.

- As listas definitivas faranse públicas no taboleiro de anuncios do Concello e nas oficinas da Escola Infantil Municipal " O Bosque" o 31 de maio.

- A resolución será tamén notificada aos interesados de acordo co establecido no artigo 58.2 da Lei 30/1992 do 26 de novembro de Procedemento Administrativo Común. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderanse interpor potestativamente o recurso de reposición no prazo dun mes ante o Alcalde de Ames ou directamente recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses, contados dende o día seguinte á notificación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Todo isto sen prexuízo de que se interpoña calquera outro recurso que estime pertinente en defensa dos seus intereses.

- As solicitudes, que por circunstancias excepcionais debidamente xustificadas, non se presentasen dentro dos prazos fixados serán tramitadas e baremadas pola comisión para a súa inclusión na lista de espera segundo a puntuación obtida. As vacantes que se vaian producindo ao longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os solicitantes en lista de agarda. A Comisión de Baremación reunirase trimestralmente para avaliar as solicitudes presentadas fóra de prazo a fin de incluílas na lista de agarda podendo haber modificacións en canto a posicións na mencionada lista.

 

ARTIGO 22º- MATRICULACIÓN DE ALUMNOS/AS

- Sen prexuízo dos recursos que procedan, a matriculación farase do 1 ao 15 de xuño na Escola Infantil Municipal con excepción do primeiro ano de funcionamento.

- Se finalizado o período de matrícula, esta non fose formalizada ou entregada toda a documentación, decaerá o dereito á praza obtido e tampouco quedará en lista de espera.

 

ARTIGO 23º- VACANTES

- As prazas que sen causa xustificada non se atopen cubertas aos 15 días de iniciado o curso escolar, consideraranse como vacantes

-Durante o curso escolar poderá solicitarse o ingreso no centro, sempre que existan prazas libres.

 

ARTIGO 24º- PERÍODO VACACIONAL

-A Escola poderá ofrecer, durante os meses de xullo e agosto, un servizo de "ESCOLA INFANTIL DE VERÁN", no que se ofertarán as prazas que estean vacantes nese momento. A matriculación farase por rigorosa orde de chegada das solicitudes. A documentación a entregar será a seguinte:

- Fotocopia compulsada Libro de familia

-Solicitude nas oficinas da escola do certificado de empadroamento e convivencia que será expedido e incorporado ao expediente polo Concello de Ames

- Fotocopia libro de vacinas actualizado

- Certificado médico

- DNI dos pais

- Establecerase unha cota única de 110 euros/mes

* Unha vez comezado o curso escolar, despois de que os pais establezan o horario dos nenos matriculados, e na franxa horaria que quede libre, poderanse ofertar prazas para casos de necesidade urxente cun prezo único de 3 ? / hora.

 

ARTIGO 25º- FINANCIAMENTO

- A prestación do servizo da Escola Infantil Municipal "O Bosque" de Ames, financiarase cos recursos xerais do Concello, coas achegas da Consellería de Familia e coas tarifas que aboarán os usuarios.

 

ARTIGO 26º- TARIFAS

- As tarifas son as establecidas e aprobadas polo Pleno do Concello de Ames na correspondente ordenanza reguladora.

- O pagamento das tarifas será mensual e deberán ser aboadas nos primeiros 10 días de cada mes.

-Todos os usuarios aboarán a contía de once mensualidades por curso. Non se aboará a tarifa correspondente ao mes de vacacións anual do neno. Estas poderán ser dun mes enteiro ou repartidas en quince e quince días. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos non se aboará a tarifa correspondente a este período.

- A non asistencia do usuario durante un período determinado non supón reducción ningunha nin exención da tarifa mentres non se formalice a baixa correspondente. Malia a isto, e con carácter excepcional, poderá eximirse do pagamento da tarifa aqueles usuarios que por motivos de saúde acrediten con anterioridade e debidamente xustificado mediante informe médico a imposibilidade de asistir á escola durante un período superior a 30 días consecutivos.

- Revisión da tarifa: durante o curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, sempre que se produzan e xustifiquen variacións nas circunstancias económicas ou familiares. Neste sentido o beneficiario queda obrigado a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.

 

ARTIGO 27º - BAIXAS

- Consideraranse baixas na escola por algunha das causas seguintes:

- Incumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia na Escola Infantil Municipal.

- Por solicitude dos pais/nais ou representantes legais.

- Por falta de pagamento da cota establecida durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar ao que se refira a débeda.

- Por comprobación da falsidade dos datos achegados ou dos documentos.

- Por incompatibilidade e inadaptación absoluta para permanecer no centro.

- Por falta de asistencia continuada durante 15 días sen causa xustificada.

- Por incumprimento reiterado das normas da Escola Infantil Municipal

- As baixas serán resoltas polo Alcalde a proposta do Consello de centro.

- As baixas producidas ao longo do curso escolar, cubriranse coas solicitudes que estean en lista de espera por rigorosa orde de puntuación.

- No caso de falta de asistencia, comunicarase por correo certificado, e , se no prazo de 10 días hábiles desde a recepción da comunicación non se ten contestación, procederase á baixa do/a neno/a no centro.

CAPÍTULO V

NORMAS DE CONVIVENCIA

 

ARTIGO 28º- HORARIOS

- A Escola Infantil Municipal " O Bosque" prestará os seus servizos, de setembro a xuño,ambos os dous incluídos, de luns a venres en horario de 7:30 da mañá a 20:15 da tarde.

- Nos meses de xullo e agosto, a Escola prestará servizos de luns a venres en horario de 7:30 da mañá a 18:00 da tarde.

- Serán festivos da escola os establecidos no calendario laboral polo Estado e a Comunidade Autónoma e os festivos locais que son os que aproba cada ano a corporación local e que se trasladarán por circular aos usuarios/as do centro . (No 2006 son o Luns de Pascua e o día das Ascensión).

- A escola pechará ás 14 horas os seguintes días: 24 de decembro, 31 de decembro, 5 de xaneiro e o martes de Antroido. Os nenos e nenas tamén deberán ser recollidos ás 14 horas os días nos que se celebren as festas na escola e as datas serán notificadas por circular a todos os usuarios e usuarias (Festival de Nadal e Antroido).

- O tempo máximo de permanencia na Escola Infantil Municipal será de 8 horas, agás casos excepcionais debidamente xustificados os cales incrementarán o importe a pagar mensualmente en 13,75 ?/ hora .

- Haberá servizo de:

Almorzo: ata as 9:00 ( deberán traelo da casa)

Xantar de 12:00 a 13:15 horas

Merenda de e 16:30 a 17:00 horas

- O menú de cada xornada estará exposto no taboleiro de anuncios cun prazo dunha semana de antelación.

- Os/As nenos/as que utilicen o servizo de comedor ou merenda deberán estar na escola antes da hora asignada para cada comida ou merenda

- Poderán usar o comedor eventualmente os nenos que así o precisen, pagando a cota establecida por días soltos. Deberán avisar con antelación ou ben o mesmo día antes das 9:00 da mañá.

- Os usuarios fixos de comedor ou merenda que non utilicen o servizo deberán avisar con antelación ou ben o mesmo día antes das 9:00 da mañá. Se non se avisa, pagará o custo da comida dese día coma se fose un usuario ocasional.

* No mes de xuño, despois do proceso de matriculación, haberá unha reunión cos pais/ nais ou representantes legais dos nenos/as aceptados/as no centro por grupos para amosarlles as instalacións da Escola e explicarlles todo o que se considere de interese para eles. Entregarase tamén o Proxecto Educativo de Centro.

 

ARTIGO 29º- HORARIO DE VISITAS E RECOLLIDA DOS NENOS/AS

- Os pais/nais ou representantes legais dos nenos/as poderán solicitar unha reunión coa dirección no horario establecido para tal fin,ou concertar outra hora sempre e cando non se dificulte a boa marcha do centro.

* O neno será entregado no centro ao pai ou á nai indistintamente, ou á persoa autorizada expresamente por escrito e documentada.Terase en conta cuestións concretas reguladas por disposición xudicial.

 

ARTIGO 30º NORMAS DE SAÚDE E HIXIENE PERSOAL

- Os nenos/as deberán acudir á Escola Infantil Municipal en condicións correctas de saúde e hixiene

- No caso de enfermidade ou accidente, logo das primeiras atencións, porase dita circunstancia en coñecemento dos pais ou representantes legais, se é o caso. Garantirase a atención médica axeitada e por este motivo, a dirección do centro está facultada para autorizar, nestes casos, os desprazamentos necesarios.

- A falta de asistencia por un período superior a 3 meses, debido a enfermidade ou a outras circunstancias, deberana comunicar os pais, ou representantes legais á dirección do centro.

- Naqueles casos nos que se deban administrar medicinas aos nenos/as, estas deberán ir acompañadas das receitas médicas actualizadas. Nelas constará o nome do neno/a, o nome do medicamento e como e cando debe administrarse. Xunto á receita deberá axuntarse a correspondente autorización por escrito dos pais/nais/representantes legais.

- Todos os nenos/as que usen cueiros deberán traer un paquete deles e un bote de toalliñas. Este material repoñerase cando sexa preciso.

- Os nenos/as terán sempre unha muda completa de reposto

- Todos os nenos que anden deberán traer un mandilón

- Se o neno/a ten piollos, quedará na casa ata que queden eliminados

- O neno/a permanecerá na casa cando teña febre, diarrea, vómitos, ou enfermidade contaxiosa (rubéola, papeiras, sarampelo, lombrigas, piollos, etc., ...). De aparecerlle calquera destes síntomas na Escola será posto en coñecemento dos pais/nais/representantes legais.

- Os nenos/as deberán vir ao colexio con roupa que lles permita moverse con plena comodidade.

 

ARTIGO 31º-

Os pais/nais/representantes legais deberán presentar o informe pediátrico correspondente, naqueles casos nos que se deba prestar unha especial atención ao tipo de comida, en razón de circunstancias persoais. Para tal caso a dirección da Escola asumirá esta responsabilidade.

 

ARTIGO 32º- PERÍODO DE ADAPTACIÓN

A asistencia por primeira vez a un centro educativo é un feito moi significativo. Posibilita o contacto con outros nenos e nenas da súa idade e o acceso a diferentes actividades, feito que permite o seu desenvolvemento psicolóxico e social.

Ao mesmo tempo, pode resultar algo delicado, porque se separa por vez primeira do seu ambiente habitual e das persoas coas que convivía sempre. Enfrontarse a un ambiente novo e estraño fai que sexa frecuente e moi normal que, sobre todo nos primeiros días, os nenos/as rexeiten as garderías. Por iso precisan dun período de adaptación.

O presente regulamento recolle unha serie de medidas que deberán ser postas en coñecemento dos pais/nais/representantes legais por parte da dirección do centro, para facilitar todo o proceso de adaptación:

- Incorporación progresiva. Durante a primeira semana ir aumentando pouco a pouco os tempos de estancia e graduar a incorporación dos nenos/as en distintos días.

- Evitar todo tipo de manifestacións que poidan transmitir ao neno ou nena sensación de angustia ou inseguridade relacionadas coa súa asistencia á gardería.

- Procurar pola contra, transmitir expectativas positivas e interese especial por todo o relacionado co centro.

- É recomendable que a asistencia sexa o máis regular posible. Que chegue a converterse nun hábito de vida do neno/a.

- A incorporación progresiva posibilitará que na Escola Infantil se lle preste unha especial atención os primeiros días, mellorando a calidade da acollida e da adaptación /relación afectiva coas educadoras.

A dirección do centro, porá en coñecemento da familia todas estas medidas e convidaraa a expoñer calquera tipo de dúbida ou aclaración en relación ao tema.

 

ARTIGO 33 º- RÉXIME DE SAÍDAS

- Os nenos e nenas poderán realizar as saídas establecidas na programación do curso, previa autorización por escrito por parte dos pais, nais ou representantes legais.

- Obxectivos:

- Explorar e observar o medio máis próximo.

- Integrarse e coñecer manifestacións culturais do seu contorno

- Fomentar a relación cos adultos e cos seus iguais, incentivando as relacións sociais

 

ARTIGO 34º - PARTICIPACIÓN DOS PAIS/NAIS/REPRESENTANTES LEGAIS

- A dirección da Escola Infantil Municipal " O Bosque", fomentará a colaboración dos pais co centro e as relacións co persoal deste.

- Os pais/nais/representantes legais poderán solicitar reunión co titor do seu fillo/filla ou coa dirección de conformidade co horario establecido para tal fin.

- En todo caso a dirección informará por escrito ao principio do curso dos horarios de atención aos pais, nais ou representantes legais dos nenos/as.

- Porase a disposición do usuario un libro de reclamacións. O contido das mesmas será exposto de xeito periódico ao Consello de Centro, agás naqueles casos nos que se requira unha contestación inmediata.

 

ARTIGO 35º- PROMOCIÓN DA IGUALDADE ENTRE OS NENOS/AS

A Escola Infantil Municipal " O Bosque", deberá promover a igualdade como valor fundamental de convivencia entre os nenos/as. Será o cerne de todas as actividades que se desenvolvan no centro, e reflectirase non só nas actividades e material de traballo senón tamén no comportamento habitual dos mestres e educadores.

Todas as actividades reflectiranse no Proxecto Educativo de Centro e tamén nos Deseños Curriculares.

A dirección da Escola prestará atención especial ao fomento e respecto da interculturalidade, como instrumento de superación da desigualdades, prexuízos e racismo.

 

ARTIGO 36º- PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN

A Escola Infantil Municipal " O Bosque" promoverá a integración de nenos/as con necesidades educativas especiais, fomentando deste xeito, a igualdade e o respecto como valores esenciais da convivencia.

 

ARTIGO 37º- PROMOCIÓN DO USO DA LINGUA GALEGA

A lingua predominante no centro será o galego, é dicir, esta será a lingua habitual que será a do seu normal funcionamento. Isto non quita que se atenda de xeito individualizado a aqueles nenos/as que non teñan coñecemento abondo do galego.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

Este regulamento entrará en vigor así que se publique no Boletín Oficial de Provincia e unha vez transcorrido o prazo ao que se refire o artigo 70.2 en relación co artigo 65.2 da Lei 7/1985 do 2 de abril reguladora das bases de réxime local, modificada pola lei 11/1999 de 21 de abril e comezará a aplicarse a partir do día seguinte. Permanecerá en vigor ata que se acorde a súa modificación ou derogación expresa polo Pleno da Corporación.

ANEXO I : BAREMO DE APLICACIÓN ÁS SOLICITUDES DE ADMISIÓN NA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL O BOSQUE

1º.- SITUACIÓN SOCIO- FAMILIAR

1.1.- Por cada membro da unidade familiar: 2 ptos.

1.2.- Por cada persoa que, non formando parte da unidade familiar, estea a cargo desta: 1 ptos.

1.3.- No caso de que a/o neno/a para o que se solicita praza nacese nun parto múltiple: 1 ptos.

1.4.- Por cada membro da unidade familiar, afectado por minusvalidez física, psíquica ou sensorial, enfermidade que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia: 2 ptos.

1.5.- Pola condición de familia monoparental: 3 ptos.

1.6.- Por ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parenterais: 6 ptos.

1.7.- Por irmán/á - áns/ás con praza renovada no centro: 3 ptos.

1.8.- Pola condición de familia numerosa: 3 ptos.

1.9.- Calquera circunstancia familiar grave debidamente acreditada: 3 ptos.

2º SITUACIÓN LABORAL E FAMILIAR

2.1.- Situación laboral de ocupación:

- Pai: 3 ptos.

- Nai: 3 ptos.

 

2.2.- Situación laboral de desemprego:

- Pai: 2 ptos.

- Nai: 2 ptos.

 

* No caso de familias monoparentais, adxudicaráselles a puntuación do epígrafe correspondente multiplicada por dous.

 

3º .- SITUACIÓN ECONÓMICA

RPC mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

- Inferior ao 25% do IPREM: + 4 ptos.

- Entre 25% e o 50% do IPREM : + 3 ptos.

- Entre 50% e o 75% do IPREM: + 2 ptos.

- Entre 75% e o 100% do IPREM: + 1 ptos.

- Entre 100% e o 125% do IPREM- 1 ptos.

- Entre 125% e o 150% do IPREM: -2 ptos

- Entre 150% e o 200% do IPREM: -3 ptos

- Igual ou superior ao 200% do IPREM: - 4 ptos.

* En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.