Laracha A - REGULADORA DA TAXA POR EXPEDICIÓN DE DOCUMENTOS ADMINISTRATIVOS.

Publicación provisional: 19/06/2004 BOP Nº: 139
Publicación definitiva: 11/08/2004 BOP Nº: 184
Aplicable dende: 05/10/2006

Artigo 1º. - Fundamento e Natureza

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004 polo que se aproba o texto refundido da lei reguladora das facendas locais, o Concello da Laracha establece a taxa por expedición de documentos administrativos

Artigo 2º. - Feito impoñible.

1.       Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade administrativa desenvolvida co motivo da tramitación, por instancia de parte, de toda clase de documentos que expida e de expedientes  que entenda a administración ou as autoridades municipais.

 

2.       Para estes efectos, entenderase tramitada por instancia de parte calquera documentación administrativa que provocase polo particular o redunde no seu beneficio aínda que non mediase solicitude expresa do interesado.

 

3.       Non estará suxeita a esta taxa a tramitación de documentos e expedientes necesarios para o cumprimento de obrigas fiscais, así como as consultas tributarias, os expedientes de devolución de ingresos indebidos, os recursos administrativos  contra resolucións municipais de calquera índole e os relativos á prestación de servizos ou realización de actividades de competencia municipal e á utilización privativa ou o aproveitamento especial de bens de dominio público municipal, que estean gravados por outra taxa municipal, ou polos que este concello esixa un prezo público.

Artigo 3º. - Suxeito pasivo

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria que soliciten, provoquen ou que no seu interese redunde a tramitación do documento ou expediente de que se trate.

Artigo 4º. - Responsables

O réxime de responsabilidades axustarase ao previsto nos artigos 41 a 43 da Lei 58/2003 xeral tributaria.

Artigo 5º. - Cota Tributaria.

1. - A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza dos documentos ou expedientes a tramitar, de acordo coa Tarifa que contén o artigo seguinte.

2. - A cota de Tarifa corresponde á tramitación completa, en cada instancia, do documento ou expediente de que se trate, dende a súa iniciación ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ó interesado do acordo recaído.

Artigo 6º.- Tarifa.

Epígrafe Primeiro: Censos de poboación de habitantes.

Certificacións de empadroamento no Padrón de Habitantes, do Padrón actual ou anteriores: 2,55 euros.

Epígrafe Segundo: Certificacións.

Certificacións e documentos ou acordos municipais: 2,55 euros.

Epígrafe Terceiro: Documentos expedidos polas Oficinas Municipais.

Por cada contrato administrativo que se subscriba de obras, bens ou servicios: 4,20 euros.

Epígrafe Cuarto: Documentos relativos ó servicio de Urbanismo.

1. - Por cada expediente de declaración de ruína de edificios: 156 euros.

2. - Por cada certificación que se expida de servicios urbanísticos solicitada a instancia de parte: 10,36 euros.

3. - Por cada informe que se expida sobre características do terreo, ou consulta a efectos de edificación a instancia de parte: 27 euros.

Epígrafe Quinto: Tramitación de licencias para a realización de operacións de depósito, carga e transporte en vehículos de madeira procedente de tala.

1. - Por tramitación de nova licencia ou renovación de licencia: 25,50 euros.

2. - Por tramitación de cada rexistro de vehículo afectado á actividade: 7,20 euros.

Artigo 7º. - Devengo.

Devengarase a taxa e nacerá a obriga de contribuír cando se presente a solicitude que inicie a tramitación dos documentos e expedientes suxeitos ao tributo.

                   Nos casos aos que se refire o número 2 do artigo 2º, o reporto prodúcese cando teñan lugar as circunstancias que provean a actuación municipal de oficio ou cando esta se inicie sen previa solicitude do interesado pero redunde no seu beneficio.

 

Artigo 8º. - Declaración e ingreso.

A taxa esixirase en réxime de autoliquidación, polo procedemento do selo municipal adherido ao escrito de solicitude da tramitación do documento ou expediente, ou propiamente nestes se aquel escrito non existira, ou se a solicitude non fora expresa. Os escritos recibidos polos condutos aos que fai referencia o artigo 66 da Lei de  procedemento administrativo, que non veñan debidamente reintegrados, serán admitidos provisionalmente, pero non se lles poderán dar curso sen que se resolva a deficiencia, a cuxo fin se requirirá ao interesado para que, no prazo de dez días aboe as cotas correspondentes co apercibimento de que, transcorrido este prazo sen efectualo, teranse os escritos por non presentados e arquivarase a solicitude.

                   As certificacións ou documentos que expida a administración municipal en virtude de oficio de xulgados ou tribunais para toda clase de preitos, non se entregarán nin remitirán sen que previamente se satisfaga a correspondente cota tributaria.

Artigo 9º. - Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ó previsto no Título IV da Lei Xeral Tributaria.