Índice

Lousame - REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO DO PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA DO CONCELLO DE LOUSAME.

Publicación provisional: 15/06/2006 BOP Nº: 136
Publicación definitiva: 15/06/2006 BOP Nº: 136
Aplicable dende: 15/06/2006

CAPÍTULO I.- OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

Artigo 1.- OBXECTO.-

O presente regulamento ten por obxecto establecer a organización e funcionamento do Punto de Atención á Infancia (PAI) pertencente ao Concello de Lousame.

Artigo 2.- ÁMBITO DE APLICACIÓN.-

Constitúe o ámbito de aplicación do presente regulamento o PAI do Concello de Lousame, que se configura como establecemento diúrno de titularidade municipal, dirixido, de xeito prioritario, á poboación infantil de 3 meses a 3 anos, e con perspectivas de poder estenderse nun futuro a nenos/as de 3 a 6 anos, en horario extraescolar.

Artigo 3.- FUNCIÓN.-

O PAI cumpre unha función eminentemente social e educativa, proporcionando aos seus usuarios unha atención integral sen distinción de raza, sexo, relixión, condición social ou económica.

O PAI cooperará estreitamente cos pais, titores ou representantes legais co fin de facilita-la conciliación da vida familiar e laboral, e consegui-la mellor integración entre o centro e as familias.

CAPÍTULO II.- OBXECTIVOS DO PAI

Artigo 4.- OBXECTIVOS.-

Son obxectivos específicos deste centro:

* Promover e fomentar o desenvolvemento integral dos nenos/as e a aprendizaxe das habilidades cognitivas e creativas do neno/a.

* Facilitar a conciliación entre a vida familiar e laboral, especialmente no caso da muller.

* Facilitar o desenvolvemento de valores individuais e sociais básicos: cooperación, solidariedade, respecto, etc.

* Respectar a singularidade e diversidade de cada neno/a.

* Posibilitar a integración progresiva dos nenos/as na cultura do seu medio.

* Crear un ambiente que favoreza o desenvolvemento individual e de grupo nas actitudes e nas actividades diarias.

* Facilitar a adquisición progresiva de hábitos de orde, limpeza e conservación dos materiais.

* Facilitar a integración dos nenos con necesidades educativas especiais, atendendo as súas necesidades e características especiais.

CAPÍTULO III.- PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN E FOMENTO DA IGUALDADE

Artigo 5.- PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN.-

1. O Punto de Atención á Infancia promoverá, dentro das súas posibilidades, a integración dos nenos/as con necesidades educativas especiais, sempre e cando se conte cos recursos materiais e humanos necesarios.

2. A integración de nenos con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais estará supeditada á existencia de condicións de infraestrutura idóneas e de persoal axeitado e suficiente no cadro de persoal do centro. As súas demandas serán tidas en conta dende o primeiro momento da súa integración.

3. En ningún caso poderá haber máis dun/dunha neno/a de integración por aula. A efectos de cómputo, estas prazas contabilízanse como dúas.

Artigo 6.- FOMENTO DA IGUALDADE.-

O PAI programará actividades para promover a igualdade entre os nenos/as e evitar os comportamentos e as actividades discriminatorias por razón de sexo.

CAPÍTULO IV.-PRAZAS E IDADES.

Artigo 7.- PRAZAS.-

1. O PAI terá 20 prazas, reservándose en todo caso, un mínimo de 3 prazas para asistencias puntuais.

2. Así mesmo, no caso de haber prazas vacantes, poderanse admitir a nenos/as doutro concello.

Artigo 8.- IDADE.-

1. Poderán solicitar praza no PAI dependente do Concello os pais, nais ou titores dos nenos/as con idades comprendidas entre os 3 meses e ata que cumpran os 3 años ou ata inicien o curso de educación infantil.

2. No suposto de existir prazas vacantes, fóra do horario escolar poderanse admitir nenos/as de máis de 3 anos, (entre 3 e 6 anos).

CAPÍTULO V.-PROCEDEMENTO DE INGRESO

Artigo 9.- SOLICITUDES DE INGRESO.-

As solicitudes de novo ingreso facilitaranse no Concello e presentaranse directamente no mesmo , debendo achegar á solicitude a seguinte documentación orixinal ou copia compulsada.

1. Documentación xustificativa da situación familiar:

a) Libro de Familia onde apareza o neno a ingresar no PAI.

b) DNI ou pasaporte dos pais ou titores.

c) Certificado de empadroamento e convivencia expedido polo Concello.

2. Documentación complementaria:

a) Certificado médico do neno/a, informe do menor de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa.

b) Carné de vacinación actualizado.

c) Fotocopia da cartilla da Seguridade Social ou documento equivalente.

d) Catro fotografías tamaño carné.

e) Autorización por escrito das persoas que poden recoller o/a neno/a.

f) No caso de que o menor estea suxeito a algún tipo de tratamento médico, será necesaria a autorización por escrito dos pais, titores ou representantes legais, indicando as características do tratamento e as horas de administración da dose correspondente.

g) Informe dos pais, nais ou titores no caso de que o menor manifeste algún tipo de alerxia alimenticia (lactosa, gluten, etc.) e física (a materias como certas pinturas, xices, tecidos, etc.).

3. Outros documentos, se procede, nos que conste incidencias familiares, económicas ou sociais que inflúan na admisión dos nenos:

a) Informe dos equipos de valoración e orientación dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou órgano competente na materia na Administración do Estado ou nas correspondentes comunidades autónomas sobre o grao de discapacidade e a súa necesidade de integración nos caso de nenos con discapacidades.

b) Informe dos servizos sociais do Concello sobre a inclusión da familia do neno nos programas de intervención familiar das Consellería de Sanidade, ou da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que veñan desenvolvendo os devanditos servizos socias do Concello.

c) Título de familia numerosa.

d) Calquera outro que de constancia da especial situación familiar ou económica da unidade familiar.

De carecer de acreditación documental das incidencias alegadas, poderase presentar informe dos servizos sociais do Concello.

Artigo 10.- SOLICITUDE DE RESERVA DE PRAZA.-

Os pais, nais ou titores dos nenos/as matriculados e con praza no PAI presentarán a solicitude de reserva de praza no PAI, no que se lle facilitará o correspondente impreso. Os nenos/as que fosen admitidos, terán garantido o acceso os novos cursos do mesmo ciclo sen necesidade dun proceso de admisión, aportando documentación en caso de cambios.

Artigo 11.- PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.-

1. O procedemento e prazos de reserva de praza, solicitude e ingreso publicarase anualmente no taboleiro de anuncios do Concello.

2. As solicitudes presentadas fóra de prazo serán tramitadas para a súa inclusión na lista de espera.

3. As solicitudes serán rexistradas á súa entrega nas oficinas do concello.

4. Se a solicitude aportada non reunise tódolos requisitos establecidos, requirirase á persoa interesada para que emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, de así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, previa resolución, concedéndolle un prazo para iso de 10 días naturais a partir da data de finalización de presentación de solicitudes.

Artigo 12.- CRITERIOS PARA A ADMISIÓN DE ALUMNOS/AS NO PAI.-

Con carácter xeral darase preferencia ás solicitudes pertencentes a unidades familiares con empadroamento no Concello de Lousame. Así mesmo, respectarase a orde de presentación das solicitudes, reservándose un mínimo de tres prazas para casos de asistencias puntuais.

Artigo 13.- ADMISIÓNS PREFERENTES

Serán considerados preferentes, seguindo a orde que se establece a continuación, os casos de:

1º- Os nenos/as de familias incluídos nos programas de intervención familiar da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e da Consellería de Sanidade e que veñan desenvolvendo os servizos sociais municipais.

2º- Os nenos/as integrantes de familias numerosas de conformidade coa normativa existente.

3º- Os nenos/as que xa teñan un irmán ou irmá con praza no mesmo PAI.

Artigo 14.- PROPOSTA DE RESOLUCIÓN

Recibida a instancia xunto coa documentación procederase polos servizos sociais do Concello á comprobación dos datos aportados, avaliando as solicitudes propoñendo a admisións e exclusións que se consideren.

Artigo 15.- RESOLUCIÓN

Os expedientes de solicitude de ingreso no PAI serán resoltos pola Alcaldía, previa proposta dos servizos sociais municipais.

Artigo 16.- LISTA PROVISIONAL

Resoltos os expedientes, farase pública a relación provisional de admitidos, excluídos e pendentes en lista de espera.

Artigo 17.- RECLAMACIÓNS.-

Os solicitantes que o desexen poderán efectuar nas oficinas do Concello as reclamacións, debidamente documentadas, que estimen oportunas. As reclamación deberán presentarse no prazo de 15 días a contar a partir do seguinte á data de publicación da relación provisional.

Transcorrido o prazo sinalado sen que se presente reclamación ningunha ou no seu caso unha vez resoltas as reclamacións presentadas elaborarase unha lista definitiva.

CAPÍTULO VI.- MATRICULAS E BAIXAS

Artigo 18.- CONCESIÓN DO INGRESO

A concesión do ingreso no PAI quedará sempre supeditada ao número de prazas vacantes, comezando polas solicitudes presentadas en primeiro lugar.

Os admitidos recibirán notificación por escrito da resolución e disporán dun prazo de 10 días para confirmar a praza.

Artigo 19.- MATRICULACIÓN DE ALUMNOS

1- Sen prexuízo dos recursos que procedan, segundo a lexislación vixente, en todo caso a matriculación realizarase do 1 ao 15 de xuño, se o longo de todo o ano, quedasen prazas vacantes, procederase nese momento á formalización da matrícula, con excepción do primeiro ano de funcionamento.

2- Se finalizado o período de matrícula, non se formalizase esta, decaerá o dereito á praza obtida.

3- As solicitudes que non acadaran praza no PAI pasarán á lista de espera. As vacantes que se vaian producindo ao longo do curso serán cubertas por rigorosa orde.

Artigo 20.- FICHA PERSOAL E LIBRO REXISTRO.-

No momento do seu ingreso, abriráselles a cada neno/a unha ficha persoal na que constarán, con carácter confidencial, os datos de filiación, sanitarios, enderezo e teléfono para avisos en casos de urxencia, así como cantas circunstancias aconsellen unha atención diferenciada.

O PAI contará cun libro rexistro de usuarios, este rexistro será obrigatoriamente diario co fin de coñecer en todo momento que nenos/as están no centro.

Anotaranse no libro rexistro a hora de entrada e saída dos nenos, así como calquera outro apunte que a persoa encargada de cubrilo puidera apreciar nese momento e que considere conveniente salientar.

Artigo 21.- BAIXAS.-

1. Causarase baixa no PAI por algunha das circunstancias seguintes:

a) Por incumprimento da idade regulamentariamente de permanencia no centro.

b) A solicitude dos pais, nais ou titores.

c) Por negativa a aboar a tarifa aplicable, no caso de ser estipulada.

d) Por falsidade nos documentos ou datos aportados coa solicitude.

e) Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro segundo valoración dos servizos sociais.

f) Por incumprimento reiterado das normas do PAI.

g) Por reiteradas faltas de asistencia non xustificada.

2. As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente sinalados cubriranse coas solicitudes que quedasen na lista de espera en cada grupo de idade por rigorosa orden de chegada.

CAPÍTULO VII.- ASISTENCIAS PUNTUAIS.

Artigo 22.- ASISTENCIAS PUNTUAIS.-

En tanto existan prazas vacantes, pódese acceder, por motivos puntuais dos pais, nais ou titores, ao PAI.

Estas permanencias puntuais serán tamén obxecto do correspondente rexistro

CAPÍTULO VIII.- TARIFAS.

Artigo 23.- TARIFAS.-

O Concello de Lousame poderá establecer tarifas pola prestación deste servizo de asistencia infantil mediante a correspondente ordenanza municipal.

CAPÍTULO IX.-HORARIOS

Artigo 24.- HORARIOS DE APERTURA DO SERVIZO

1. O PAI poderá prestar servizo durante todo o ano (excepto un mes ao ano en época estival, para vacacións do persoal e limpeza xeral do centro e que será o mes de agosto) todos os días agás os sábados, domingos e festivos.

2. O PAI permanecerá aberto diariamente de luns a venres ambos inclusive, durante oito horas, xa sexa en xornada partida ou continuada, segundo a demanda, e de acordo coas dispoñibilidades de recursos humanos e orzamentarios do Concello e poderá ampliarse ou modificarse cando polas necesidades do servizo se precise.

3. Tanto o calendario anual como o horario de apertura e peche figurarán no taboleiro de anuncios do centro.

Artigo 25.- HORARIO DE PERMANENCIA DOS NENOS NO PAI.-

1. O horario máximo de permanencia dos nenos/as no centro será de oito horas diarias, excepto causas excepcionais, e convenientemente xustificadas, a valorar polos servizos sociais, podendo ampliar dito horario.

2. O horario de entrada-saída dos nenos/as nos centros débese caracterizar pola flexibilidade que requiran as necesidades da familia, sempre que non leven consigo a alteración das actividades dos demais nenos/as e do normal funcionamento do centro.

Artigo 26.- HORARIO DE COMIDA E MERENDA

Establécese para xantar o horario de entre as 12:45 h. e as 13:45 h., e para a merenda de 17:00 h. a 18:00 h. Este horario só se poderá variar en casos excepcionais ou por cuestións de saúde do neno/a.

CAPITULO X.- RELACIÓNS CON PAIS E TITORES OU REPRESENTANTES LEGAIS

Artigo 27.- OBXECTIVOS

1. A relación cos pais titores ou representantes legais, que deberá ser en todo caso fomentada polo PAI, ten como principais obxectivos:

a) Transmisión mutua de información sobre actitudes e comportamento dos nenos/as.

b) Compartir pareceres sobre incidentes, preocupacións, actividades, etc.

c) Intercambio de criterios educativos.

Artigo 28.- REUNIÓNS .-

Co fin de garanti-la necesaria cooperación cos pais, titores ou representantes legais dos nenos/as, realizaranse reunións xerais e de grupo, segundo a natureza dos temas a tratar e terán lugar nas dependenzas do centro, despois da convocatoria por escrito. A periodicidade será a seguinte:

* Dúas reunións xerais, coincidindo co inicio e co remate do curso.

* Entrevistas individuais que se fixarán un día a semana durante todo o curso e no que se tratarán temas individuais e puntuais de cada neno/a, previa citación por escrito por parte do persoal do centro ou mediante solicitude dos pais, titores ou representantes legais.

Artigo 29.- INFORMACIÓN E ATENCIÓN AOS TITORES OU REPRESENTANTES LEGAIS.-

1. Os pais, nais ou titores dos nenos/as terán dereito a solicitar canta información precisen sobre a atención recibida polos nenos/as.

2. En todo caso, o centro informará ao principio do curso dos horarios de atención e información aos pais, nais ou titores dos nenos/as.

CAPÍTULO XI.- NORMAS DE SAÚDE E HIXIENE.

Artigo 30.- NORMAS DE SAÚDE, HIXIENE E NUTRICIÓN.-

1. Os nenos/as deberán acudir ao centro de atención á primeira infancia en condicións correctas de saúde e hixiene que non impliquen risco para si mesmos nin para outros/as nenos/as.

2. No serán admitidos no centro os nenos/as que padezan enfermidades infecto-contaxiosas. A aparición destas enfermidades deberá ser comunicada polos pais, titores ou representantes legais á dirección do centro.

3. No caso de observarse síntomas dun proceso infecto-contaxioso nos nenos/as no propio centro, informarase á dirección do mesmo, e avisarase aos seus pais, nais ou titores, co fin de evitar a propagación da enfermidade entre os demais nenos/as. O reingreso no centro só será posible unha vez transcorrido o período de contaxio e tras informe médico que acredite tal circunstancia.

4. No caso de enfermidade ou accidente sobrevido no centro, despois das primeiras atencións, in situ e, á maior brevidade posible, poñerase dita circunstancia en coñecemento dos pais, nais ou titores do neno/a e se é o caso, procurarase que o neno/a reciba a atención médica adecuada, estando facultado o responsable do centro para autorizar nestes casos os desprazamentos necesarios a tal fin.

5. Cando se produza a falta de asistencia ao centro por un período superior a 3 días, debido a enfermidade ou outras circunstancias, os pais, nais ou titores deberán comunicar este feito ao centro.

6. Nos casos nos que se deban administrar medicamentos aos nenos/as, deberán ir acompañadas da receita médica, actualizada á data do tratamento, na que constará o nome do neno/a, o nome do medicamento, forma, dose e periodicidade na súa administración. No se lles administrará ningunha medicación que non veña acompañada, así mesmo ,da autorización por escrito dos pais, nais ou titores, indicando as horas de administración da dose correspondente.

7. Os pais, nais ou titores deberán proporcionar ao centro o material (cueiros, medicinas, babeiros e calquera outra peza de roupa) necesario para unha axeitada atención e hixiene dos menores.

8. Nos casos de período de lactancia os pais, nais ou titores deberán proporcionar ao centro a alimentación que veñan recibindo os menores, así como os elementos precisos para a súa subministración.

9. Nos casos de que fose necesario a administración de alimentación no céntroa algún neno/a, esta alimentación será aportada polos pais, nais ou titores.

10. Todos os nenos/as que usen cueiros deberán traer un paquete e un bote de toalliñas, que deberán repoñerse cando sexa preciso. Os nenos/as terán sempre unha muda completa de reposto. Tódolos nenos que anden deberán traer un mandilón, unha toalla e un vaso, e en todo caso, provistos dunha roupa que lles permita moverse con certa autonomía.

11. Os pais, nais ou titores poñerán en coñecemento do centro calquera circunstancia persoal do neno/a que esixa unha especial atención.

CAPÍTULO XII.- ESTRUTURA ORGÁNICA.

Artigo 31.- PERSOAL DE ATENCIÓN DIRECTA AOS NENOS

1. O PAI contará en todo caso con dúas persoas, seleccionadas mediante concurso-oposición, especializadas para a atención directa e unha persoa de apoio para a hora das comidas e merendas se as houbera.

2. As titulacións admitidas para asistencia directa serán licenciatura en pedagoxía ou psicopedagoxía, diplomatura en maxisterio coa especialidade de Educación Infantil, técnicos superiores en educación infantil ou equivalente, ou que estea en posesión dalgún dos cursos de especialización na materia que, cun mínimo de 300 horas, recoñeza o órgano competente para a autorización do centro.

3. Desempeñará entre outras as seguintes funcións:

a) Coidar da orde, da formación, seguridade, entretemento, alimentación e aseo persoal dos/as nenos/as, ademais de levar a diario o rexistro das entradas e saídas do centro.

b) Elaboración, xunto cos demáis traballadores, da memoria anual de actividades e o proxecto educativo de centro onde se defina a súa identidade, formule os obxectivos que se pretende acadar e exprese a súa estrutura organizativa.

c) Elaborar e documenta-las actividades de xestión.

d) Así mesmo, será o/a encargado/a da execución dos acordos e demais directrices emanados do Concello servindo de enlace entre este e o PAI.

e) Relación e coordinación cos pais, titores ou representantes legais, dun xeito individual ou a través da asociación de Pais e Nais.

f) E calquera outra función que se lle encomende para o bo funcionamento do PAI.

Artigo 32.- PERSOAL DE APOIO.-

O persoal de atención directa contará cunha persoa de apoio á atención e coidado dos nenos/as, a cal ademais das titulacións anteriores poderá estar en disposición dalgunha das seguintes titulacións: técnico en atención socio-sanitaria, técnico superior en animación sociocultural, técnico en coidados auxiliares de enfermería, diplomado en puericultura ou calquera outras recoñecidas como apropiadas polo órgano competente para a autorización do centro.

CAPÍTULO XIII.- ASOCIACIÓN DE PAIS E NAIS.

Artigo 33.- DEFINICION.-

A Asociación de pais e nais é o órgano de participación na vida do centro. A súa constitución e funcionamento fomentarase por parte da dirección.

Artigo 34.- FINS DA ASOCIACIÓN:

a) Defende-los dereitos dos/as pais/nais, titores ou representantes legais no relativo a prestación de servicios ós/ás nenos /as.

b) Colaborar coa dirección e co persoal do centro para favorece-lo desenvolvemento integral da poboación atendida en todo canto supoña unha mellora na calidade na prestación de servizos.

CAPÍTULO XIV.- A LINGUAXE

Artigo 35.- A LINGUAXE.-

1. A lingua utilizada no PAI será o Galego por ser a lingua maioritaria da poboación de Lousame e a lingua materna maioritaria.

2. Atenderase de maneira individualizada a aqueles nenos/as do grupo que non teñan coñecemento suficiente da lingua materna predominante.

CAPITULO XV.- DEREITOS DOS USUARIOS.

Artigo 36.- DEREITOS DOS USUARIOS.-

Son dereitos dos usuarios do PAI:

a) Acceder ao centro e recibir asistencia sen discriminación por razón de nacionalidade, sexo, raza, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

b) A consideración no trato debida á dignidade da persoa, tanto por parte do persoal do centro como dos demais usuarios.

c) O sixilo profesional acerca dos datos do seu historial sanitario e socio-familiar.

d) Á intimidade persoal en función das condicións estructurais do centro.

e) A que se lles facilite o acceso á atención social, sanitaria, educación cultural e, en xeral, a tódalas necesidades persoais que sexan precisas para conseguir o seu desenvolvemento integral.

f) A recibir un tratamento individualizado de contido educativo cara á súa integración socio-familiar, que terá como obxectivos prioritarios a súa protección, educación e formación.

g) A participación dos pais, nais, ou titores nas actividades educativas como: festas escolares, contacontos, xornadas formativas, axudas na preparación de materias para o traballo dos/as nenos/as.

CAPÍTULO XVI.- SEGURO.

Artigo 37.- CONTRATACIÓN DE SEGURO

O Punto de Atención á Infancia contará cun seguro de responsabilidade civil e de accidentes.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

Para o non previsto neste regulamento estarase ao disposto na Lei 5/1997 de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, na Lei 7/1985 de 2 de abril reguladora das Bases de Réxime Local, e regulamentos que a desenvolven, e na Lei 4/1993 de 14 de abril de Servizos Sociais, Lei 3/1997 de 9 de xuño, Lei galega da familia, a infancia e adolescencia, o Decreto 329/2005, de 28 de xullo, que regula os centros de menores e os centros de atención á infancia, e demais normativa autonómica de protección da familia, infancia e menores.

Contra o presente regulamento poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación do presente edicto no Boletín Oficial da Provincia.