Lousame - REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO DO PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA DO CONCELLO DE LOUSAME.
ÁMBITO DE APLICACIÓN
Constitúe o ámbito de aplicación do presente regulamento o Punto de Atención á Infancia (en adiante P.A.I.) do Concello de Lousame, que se configura como equipamento dirixido á poboación infantil de 0 a 3 anos, establecemento diúrno e de titularidade municipal, dentro dos Servizos Sociais e Asistenciais.
O P.A.I. cumpre unha función eminentemente social e educativa, proporcionando aos seus usuarios unha actuación integral, sen distinción de raza, sexo, condición social ou económica. Organizarase o coidado dos nenos/as, para facilitar a vida familiar e laboral das familias, cooperando estreitamente cos pais, nais, titores ou representantes legais para contribuír a unha mellor integración.
OBXECTO
A prestación dunha atención asistencial en concellos que por baixa poboación infantil ou outras circunstancias económico-sociais, necesitan prazas para a atención do colectivo de nenos/as entre 0 e 3 anos pero non precisan crear escolas infantís 0-3. Entendida a súa concepción como instrumento de desenvolvemento rural se autorizarán, analizadas as condicións anteriores, en concellos con menos de 5.000 habitantes. En concellos con maior poboación, a autorización estará vinculada á necesidade de novas prazas asistenciais e a súa complementariedade coas ofertadas polas escolas infantís 0-3.
FUNCIÓNS
O P.A.I. cumprirá unha dobre función, asistencial e educativa: ofrécelles aos seus usuarios unha atención integral sen distinción de raza, sexo ou condición social dirixida ao desenvolvemento armónico e integral dos nenos e nenas e á compensación de desigualdades sociais, económicas e culturais, realizando ademais un importante labor de apoio á función educativa da propia familia.
NORMATIVA APLICABLE
Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos programas e dos centros de servizos sociais, artigo 7 b) do referido decreto que establece como un dos requisitos funcionais o dispor dunhas normas de funcionamento.
Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia).
Decreto 330/2009 de 4 de xuño, polo que se establece o currículo de Educación Infantil.
Para o non previsto neste Regulamento aterase ao disposto na lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e normativa de desenvolvemento; lei 3/2008, do do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e convivencia de Galicia, e demais normativa autonómica que lle sexa de aplicación.
CAPÍTULO I.-DATOS DO CENTRO
ARTIGO 1.-DEFINICIÓN DE CENTRO.
Os Puntos de atención á infancia (PAI) son aqueles establecementos de carácter diúrno e titularidade municipal, encadrados nos servizos sociais especializados dos concellos, que teñen como finalidade prestar unha atención de apoio aos pais, nais, titores/as ou gardadores/as dos/as nenos/as de entre 3 meses e 3 anos cando concorran situacións ou circunstancias que lles impidan o seu coidado. Ademais poderán atender aqueles casos que respondan a necesidades puntuais.
ARTIGO 2.-DATOS IDENTIFICATIVOS.
Nome do Centro: PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA DE LOUSAME.
Enderezo: Eirexa, s/n, Tállara. 15216 Lousame Tlf. 881 096 115// 981 820 494.
e-mail: servizossociais@concellodelousame.gal Responsable: Begoña Castro Rey.
TITULARIDADE
Entidade titular: Concello de Lousame. Enderezo: Portobravo, n.º 1 - 15214 Lousame.
Representante Legal: Sr./Sra. alcalde/alcaldesa do Concello
N.º Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS): E-443
AUTORIZACIÓNS CONCEDIDAS
Data de permiso de inicio de actividade.-PIA: 17/08/2007.
TIPO DE XESTIÓN: directa.
CAPÍTULO II.-FUNCIONAMENTO
ARTIGO 3.-OBXECTIVOS.
Serán obxectivos específicos do P.A.I.:
Promover e fomentar o desenvolvemento integral dos nenos/as e a aprendizaxe das habilidades cognitivas e creativas do neno.
Facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.
Facilitar o desenvolvemento de valores individuais e sociais básicos: cooperación, solidariedade, respecto.
Respectar a singularidade e diversidade de cada neno/a.
Crear un ambiente que favoreza o desenvolvemento individual e de grupo nas actitudes e actividades diarias.
Facilitar a adquisición progresiva de hábitos de orde, limpeza e conservación dos materiais.
Facilitar a integración dos nenos con necesidades educativas especiais, atendendo ás súas necesidades e características especiais.
ARTIGO 4.-SERVIZOS OFERTADOS.
1.-Atención asistencial e educativa, a través dun proxecto educativo propio que se axusta na súa estrutura ao Decreto 330/2009 polo que se establece o currículo de educación infantil en la Comunidade Autónoma de Galicia. Dito proxecto educativo recolle, de xeito explícito, o tratamento lingüístico do centro, a coeducación e a atención á diversidade mediante a flexibilidade para adecuar a educación á diversidade de aptitudes, intereses e necesidades do alumnado en toda a etapa educativa. Ademais ten en conta o carácter globalizado da intervención educativa tanto en canto que un mesmo contido desenvolve obxectivos das distintas áreas da aprendizaxe e as necesidades educativas especiais dos nenos e nenas.
2.-Servizo de cociña, entendendo por tal a prestación consistente na achega dos medios persoais e materiais necesarios para a adecuada distribución e consumo dos alimentos que traen os/as propios/as usuarios/as. As familias asinarán autorización para proporcionar os alimentos que se achegan cada día á escola para alimentar aos seus fillos/as co compromiso a levar os alimentos segundo as medidas hixiénicas establecidas, isto é: envasados en recipientes axeitados e correctamente identificados coa data de consumo, nome e apelidos do neno/a e transportados en recipientes isotérmicos que manteñan a temperatura axeitada e con indicación de se precisan ou non refrixeración.
3.-O PAI non presta os servizos de comedor e transporte.
4.-O centro non oferta horario amplo, é dicir, o centro permanecerá aberto dende as 8.30 a 16.30 horas de xeito ininterrompido. A permanencia dos nenos e nenas no centro non poderá exceder de 8 horas ao día.
ARTIGO 5.-CAPACIDADE TOTAL DO CENTRO.
O Punto de Atención á Infancia conta cunha unidade 0-3 anos e 20 prazas autorizadas. De conformidade co establecido na normativa autonómica ao respecto, o número de prazas do centro e ás instalacións municipais, traballarase nun único grupo, co ratio de persoal establecido na normativa de aplicación.
ARTIGO 6.-IDADES DE ADMISIÓN E PERMANENCIA.
Poderán facer uso dos servizos do P.A.I. os nenos e nenas que cumpran os seguintes requisitos de idade:
- Idade mínima: ter cumprido tres meses na data de ingreso, salvo situacións especiais (previo informe dos servizos sociais).
- Idade máxima: non ter cumpridos os tres anos de idade o 31 de decembro do ano no que se solicita a praza.
ARTIGO 7.-SISTEMA DE ADMISIÓN.
A selección das solicitudes efectuaranse en función dos criterios de admisión e outorgarase a praza ou posto prioritario na lista de espera .
Cando un irmán ou irmá do solicitante teña praza renovada no centro, o neno/a será admitido automaticamente sempre que exista vacante.
No caso de que o número de solicitudes de nenos e nenas sexa superior ao de prazas dispoñibles, dado que se trata dun servizo municipal subvencionado, en parte polo Concello, terán preferencia os fillos/as dos empadroados no termo municipal.
En segundo orde de preferencia atenderanse as solicitudes dos fillos/as de persoas que estando empadroados noutro concello teñan os seus postos de traballo ou estean estudando neste termo municipal, acreditándoo mediante certificado de empresa, contrato laboral ou matrícula do centro escolar segundo sexa o caso sempre e cando queden prazas vacantes.
En terceiro lugar poderán atenderse solicitudes de persoas usuarias doutros concellos non comprendidos nos apartados anteriores, sempre e cando queden prazas vacantes.
1. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.
As crianzas matriculadas no PAI no presente curso gozan de preferencia para a adxudicación de praza na presente convocatoria, sendo o prazo de presentación de solicitudes de renovación de praza do 1 ó 14 de marzo do ano en curso.
Unha vez adxudicadas as prazas de renovación de praza, as prazas vacantes serán adxudicadas ás persoas solicitantes de novo ingreso. O prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso será do 15 de marzo ao 15 de abril do ano en curso, ou de ser o caso, no momento de apertura que estipule o Concello.
Resoltos os expedientes de solicitude de ingreso no PAI, farase pública a relación provisional de admitidos, resoltos pola Alcaldía, ou por delegación expresa, á concellería con competencias na materia de servizos sociais, previa proposta dos servizos sociais municipais.
Os solicitantes que desexen poderán formular as reclamacións que estimen oportunas, debidamente documentadas, no prazo de dez días a contar desde a data da publicación da lista provisional. Transcorrido o prazo sinalado sen que se presenten reclamacións, ou no seu caso, unha vez resoltas as reclamacións presentadas, elaborarase unha lista definitiva. Contra a lista definitiva poderán interpoñerse os recursos en vía administrativa e xudicial, de conformidade co disposto na vixente lexislación.
As solicitudes presentadas fóra de prazo serán tramitadas para a súa baremación e inclusión na lista de espera.
No caso de que a existencia de prazas vacantes o permita, poderán acceder nenos/as ao
P.A.I. por motivos puntuais dos pais, nais ou representantes legais. En tal caso serán de aplicación os prezos previstos na Ordenanza Fiscal Reguladora do Prezo Público do Punto de Atención á Infancia, sen que en ningún caso esa persoa usuaria teña preferencia ou dereito algún como usuario/a, só se existen vacantes nesa franxa horaria e non se supere o máximo de 20 nenos/as en cada quenda.
No momento da súa chegada abrirase un expediente persoal no que constarán, con carácter confidencial, os datos de filiación, sanitarios, enderezo e teléfonos de avisos en caso de urxencias, así como outras circunstancias que aconsellen unha atención diferenciada.
ARTIGO 8.-PROCEDEMENTO DE INGRESO.
Sen prexuízo dos recursos que procedan segundo a lexislación vixente, en todo caso a matriculación realizarase do 1 ao 15 de xuño do ano en curso, ou de ser o caso, no momento de apertura que estipule o Concello, con anterioridade á data prevista para o comezo do curso. Unha vez vistas as solicitudes, senón reunisen os requisitos establecidos, requirirase ao interesado para que emenden a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que de non facelo no prazo de dez días, terase por desistido da súa petición.
En todo caso, os menores que fosen admitidos, terán garantido o acceso ós novos cursos do mesmo ciclo, sen necesidade de proceso de admisión. Aqueles/as nenos/as que non foran admitidos, ou para os que se presentaran solicitudes fóra de prazo, pasarán a formar parte dunha lista de espera.
1. ADMISIÓNS PREFERENTES.
Serán consideradas solicitudes preferentes, seguindo a orde que se establece a continuación, os seguintes casos:
1.º.-Os nenos/as pertencentes a unidades familiares empadroadas e con residencia efectiva no Concello de Lousame.
2.º.-Os nenos/as de familias incluídos nos programas de intervención familiar que veñan desenvolvendo os servizos sociais municipais.
3.º.-Os nenos/as que xa teñan un irmán ou irmá con praza no mesmo PAI, no ano en curso.
ARTIGO 9.-BAREMO PARA O INGRESO.
O baremo a aplicar para a resolución de solicitudes, será o que se expresa a continuación:
- Por cada membro da unidade familiar, afectado por minusvalía física, psíquica ou
sensorial, enfermidade que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia: 2 puntos.
- Pola condición de familia monoparental: 3 puntos.
- Pola situación laboral de ocupación de cada un dos proxenitores: 3 puntos.
- Pola situación laboral de desemprego de cada un dos proxenitores: 3 puntos.
- Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.
- Por calquera circunstancia de exclusión social, debidamente acreditada por informe servizos sociais: 5 puntos.
- Situación económica da unidade familiar: Renda percápita mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:
- Inferior ao 25% do IPREM............. + 4 ptos.
- Entre 25% e o 50% do IPREM....... + 3 ptos.
- Entre 50% e o 75% do IPREM........ + 2 ptos.
- Entre 75% e o 100% do IPREM...... + 1 ptos.
- Entre 100% e o 125% do IPREM...... -1 ptos.
- Entre 125% e o 150% do IPREM...... -2 ptos.
- Entre 150% e o 200% do IPREM...... -3 ptos.
- Igual ou superior ao 200% do IPREM -4 ptos.
En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda máis baixa.
ARTIGO 10.-REQUISITOS XERAIS.
No período de reserva de praza presentarase a seguinte documentación orixinal ou copia debidamente autenticada no Rexistro de Entrada:
- Impreso de reserva de praza, facilitado polo Concello.
- Libro de Familia.
- D.N.I. ou pasaporte dos pais, ou representantes legais do/a menor.
- Certificado de empadroamento e convivencia do/a menor, expedido polo Concello.
- No caso de que o/a menor sexa acollido/a, resolución do órgano competente en materia de acollemento.
- No caso de separación ou divorcio dos pais, a sentenza xudicial acompañada do correspondente convenio regulador. No caso de non contar coa sentencia, por estar en trámite o procedemento, achegarase certificado acreditativo da demanda de separación ou divorcio, co selo do Xulgado.
- Declaración do Imposto da renda das persoas físicas do último exercicio, de cada membro da unidade familiar maior de 18 anos. No caso de non presentar declaración por non estar obrigado, certificado acreditativo da Axencia Tributaria.
Aportarase ademais de ser o caso calquera da seguinte documentación que deixe constancia da especial situación familiar, social ou económica da unidade familiar que inflúa na admisión dos nenos/as segundo o baremo;
- Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal que acredite a situación de desemprego e a percepción ou non de prestacións.
- Informe dos equipos de valoración e orientación dependentes do órgano competente na materia da Xunta de Galicia, administración do Estado ou das correspondentes comunidades autónomas sobre o grado de discapacidade e a súa necesidade de integración no caso de nenos/as con discapacidade.
- Informe dos Servizos Sociais do Concello ou doutras administracións para acreditar situacións de exclusión social.
- Certificado de monoparentalidade, emitido polo órgano competente na materia da Xunta de Galicia, da administración do Estado ou das correspondentes comunidades autónomas.
- Título de familia numerosa.
- Calquera outra documentación que sexa necesaria para acreditar a situación económica da unidade familiar.
No período de matriculación presentarase a seguinte documentación orixinal ou copia debidamente autenticada no Rexistro de Entrada:
- Tarxeta sanitaria ou documento equivalente.
- 4 fotografías tamaño carné.
- Autorización por escrito ca relación de persoas que poden recoller o/a neno/a, segundo modelo facilitado polo Concello.
- Informe médico pediátrico no que conste que o/a neno/a non padece enfermidade infecto-contaxiosa.
- Cartilla de Vacinación actualizada.
- No caso de que o/a menor estea suxeito a algún tipo de tratamento médico, será necesaria a autorización por escrito dos pais, titores ou representantes legais, indicando as características do tratamento e as horas de administración da dose correspondente.
- No caso de que o/a menor manifeste algún tipo de alerxia alimenticia (lactosa, gluten..) e física a algún tipo de material (pinturas, tecidos¿), será preciso un informe dos pais, nais ou representantes legais.
Calquera indicio de cambio non declarado, distorsión ou falseamento dos datos reflectidos na ficha de admisión poderá dar lugar a que se inicie de oficio un expediente de comprobación dos devanditos datos.
Deberán aboar ao Concello os importes establecidos ao respecto, de conformidade coa ordenanza fiscal reguladora.
ARTIGO 11.-CAUSAS DE BAIXAS.
1) Incumprimento da idade regulamentaria de permanencia no centro.
2) A solicitude dos pais, nais ou representantes legais.
3) Por negativa a aboar a tarifa aplicada. No caso de non pagar a cota establecida durante dous meses consecutivos ou tres alternos durante o período dun ano.
4) Por comprobación da falsidade nos documentos ou datos aportados na solicitude.
5) Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro, previo informe do/a encargado/a da aula e valoración dos servizos sociais.
6) Por incumprimento reiterado das normas do P.A.I.
As baixas serán resoltas, previo informe do/a encargado/a da aula e dos Servizos sociais do Concello de Lousame, pola Alcaldía ou por delegación no concelleiro/a delegado en materia de servizos sociais.
As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente sinalados cubriranse coas solicitudes da lista de espera.
ARTIGO 12.-CALENDARIO E HORARIO DE FUNCIONAMENTO.
O servizo do P.A.I. desenvolverase de luns a venres de 8.30-16.30 horas, agás os días festivos.
No mes de agosto permanecerá pechado para vacacións de persoal e limpeza xeral. O P.A.I. permanecerá aberto durante 8 horas, xa sexa en xornada partida ou continuada, segundo a demanda, e de acordo coas dispoñibilidades de recursos humanos e orzamentarios do Concello, podendo modificarse cando polas necesidades de servizo se precise. Tamén poderá modificarse o horario establecido en función das necesidades das persoas usuarias, por resolución ou acordo do órgano competente.
Tanto o calendario anual como o horario de apertura e peche figurarán no taboleiro de anuncios do P.A.I..
ARTIGO 13.-HORARIO DE SAÍDAS.
Como norma xeral o horario de saídas dos menores do centro será o concedido na admisión do alumnado.
Excepcionalmente as/os menores poderán ser recollidos por causas sobrevidas previo aviso por parte da familia ao centro ou a petición do propio centro.
CAPÍTULO III.-ESTRUTURA ORGANIZATIVA
ARTIGO 14.-ORGANIZACIÓN INTERNA
14.1.-ÓRGANOS.
- DIRECCIÓN: O órgano directivo é o Concello de Lousame, responsable do PAI.
- COORDINACIÓN: É un órgano unipersoal, responsable do funcionamento interno do PAI. A persoa titular da Coordinación do PAI depende orgánica e funcionalmente da dirección, é dicir o Concello.
- COMISIÓN EDUCATIVA: composta por:
- A persoa coordinadora.
- A concelleira/o de Servizos Sociais.
- Todo o persoal educativo do PAI.
ARTIGO 15.-PROCEDEMENTO PARA SUBSTITUCIÓNS E IMPREVISTOS DO PERSOAL.
No caso de ser necesarias substitucións e cobertura por imprevistos estará a disposición do centro unha bolsa de emprego creada para tal fin.
CAPÍTULO IV.-NORMATIVA REFERENTE A TODO O PERSOAL
ARTIGO 16.-RELACIÓN DE PERSOAL.
O persoal do PAI está formado por dúas persoas, ámbalas dúas con funcións de atención directa.
Unha Responsable/Coordinadora (Técnico Superior en Educación Infantil.-TSEI).
Unha Educadora (TSEI)
ARTIGO 17.-FUNCIÓNS.
1. Responsablecoordinadora.
- Exercer a xefatura e dirección do PAI, coas obrigas derivadas destas.
- Coordinar e supervisar a actividade do persoal do PAI
- Propoñer e deseñar as políticas que se desenvolverán no centro.
- Elaborar as propostas orzamentarias e normativas deste servizo, así como supervisar o seu cumprimento.
- Asumir a responsabilidade na organización, control e coordinación das actividades e eventos no ámbito do PAI.
- Calquera outra que defina a normativa de funcionamento interno.
2. COMISIÓN EDUCATIVA.
- Facer o seguimento da programación do PAI e do proceso educativo grupal e individual.
- Aplicar o presente regulamento, así como propor a revisión e actualización deste oa Concello.
- Trasladar os seus acordos ao Concello.
3. PERSOAL EDUCATIVO DE ATENCIÓN DIRECTA.
De conformidade co establecido na normativa autonómica reguladora vixente, o P.A.I. conta co persoal especializado para a atención directa dos/as nenos/as, que disporá do asesoramento e apoio dos Servizos Sociais do Concello.
Que desempeñará, entre outras, as seguintes funcións:
Coidar da orde, formación, seguridade, entretemento, alimentación ea aseo persoal dos nenos/as, ademais de levar o diario e rexistro das entradas e saídas no P.A.I.
Elaborar un proxecto educativo e organizativo do P.A.I.,que defina obxectivos pedagóxicos, horario, calendario, usuarios, estrutura organizativa, persoal e as súas funcións (coa colaboración dos demais traballadores de servizos sociais) e unha memoria anual de actividades realizadas.
Elaborar e documentar as actividades de xestión.
Encargarase da execución dos acordos e demais directrices emanados dos responsables políticos do Concello, así como de informalos das incidencias que se poidan introducir neste servizo.
Servir de enlace e coordinarse cos responsables técnicos dos Servizos Sociais do Concello.
Relación e coordinación cos pais, nais, titores ou representantes legais dos nenos/as, dun xeito individual.
Calquera outra xestión que se lle encomende para o bo funcionamento do P.A.I.
- 1 persoa de apoio á atención e coidado dos nenos/as, a cal, ademais das titulacións anteriores, poderá estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: técnico en atención socio-sanitaria, técnico superior en animación sociocultural, técnico en coidados auxiliares de enfermería, diplomado en puericultura recoñecido pola Consellería de Sanidade ou aquelas outras recoñecidas como apropiadas polo órgano competente na autorización do centro.
En caso de imprevistos por falta de persoal suplirase dende o Concello mediante o envío de persoal de apoio, coa titulación axeitada á normativa vixente para as funcións asistenciais de menores. Ademais disporá do asesoramento do persoal adscrito aos Servizos Sociais do Concello.
CAPÍTULO V.-NORMATIVA REFERENTE AOS NENOS/AS
ARTIGO 18.-DEREITOS DOS NENOS/AS.
a) Acceder ao P.A.I. e recibir asistencia sen discriminación por razón de nacionalidade, sexo, raza, relixión, ideoloxía, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social
b) A consideración no trato debida á dignidade da persoa, tanto por parte do persoal do P.A.I. como das demais persoas usuarias.
c) O sixilo profesional acerca dos datos do seu historial sanitario e socio familiar.
d) A intimidade persoal en función das condicións estruturais do P.A.I..
e) A que se lles facilite o acceso á atención social, sanitaria, educación cultural e, en xeral, a todas as necesidades persoais que sexan precisas para conseguir o seu desenvolvemento integral.
f) A recibir un tratamento individualizado do contido educativo cara á súa integración socio familiar, que terá como obxectivos prioritarios a súa protección, educación e formación.
g) O uso dos datos limitarase á xestión municipal, así como a súa cesión a outras administracións públicas, coas limitacións establecidas na Lei Orgánica 15/1999 de protección de datos de carácter persoal.
Os/as interesados/as poderán exercer en calquera momento os dereitos de acceso, rectificación cancelación e oposición, coas limitacións establecidas legalmente.
ARTIGO 19.-NORMAS DE FUNCIONAMENTO.
1. NORMAS DE SAÚDE, HIXIENE E NUTRICIÓN.
1.-Os/as nenos/as deberán acudir ao P.A.I. nas condicións correctas de saúde e hixiene.
2.-Non serán admitidos no P.A.I. os/as nenos/as que padezan enfermidades infecto- contaxiosas. A aparición destas enfermidades deberá ser comunicada polos pais/nais, titores/as ou representantes legais os responsables do P.A.I..
3.-No caso de observarse síntomas dun proceso infecto-contaxioso nos nenos/as no propio P.A.I. avisaranse aos seus pais, representantes legais ou titores/as, co fin de evitar a propagación da enfermidade entre os demais nenos/as. O reingreso no centro soamente será posible logo de transcorrido o período de contaxio e tras informe médico que acredite tal circunstancia.
4.-No caso de enfermidade ou accidente sobrevido no P.A.I., despois das primeiras atencións ¿in situ" e, á maior brevidade posible, poñerase a dita circunstancia en coñecemento dos pais, titores ou representantes legais do neno/a e, se é o caso, garantirase que o/a neno/a reciba a atención médica axeitada, estando facultada a dirección do centro para autorizar nestes casos os desprazamentos necesarios para tal fin.
5.-Cando se produza a falta de asistencia aos centro por un período superior a 3 días, debido a enfermidade, ou outras circunstancias, os pais, nais, titores/as ou representantes legais deberán comunicar este feito ao centro, co fin da reorganización das actividades no centro.
6.-Nos casos excepcionais nos que se lles deban administrar menciñas aos/ás nenos/as, deberán ir acompañadas da receitas médicas actualizadas, nas que constará o nome do/a neno/a, o nome do medicamento e como debe administrarse así como a periodicidade. Non se lles administrará ningunha medicación que non veña acompañada da devandita receita e a correspondente autorización por escrito dos pais/nais, titores ou representantes legais.
7.-En caso de enfermidade, deberá deixar a/o menor na casa, cando teña febre, diarrea, vómitos, ou enfermidade contaxiosa (rubéola, orellóns, xarampón...). De aparecerlle calquera destes síntomas no propio centro, será posto en coñecemento dos pais, titores ou representantes legais.
8.-O P.A.I. prestará un especial coidado en atender os casos nos que o neno/a, en razón das súas circunstancias persoais, deba recibir alimentos de xeito ou en horarios específicos, sen prexuízo de que estes deban ser facilitados pola familia. Deberá ser presentado o correspondente informe pediátrico.
9.-No caso de período de lactancia, os pais, titores ou representantes legais deberán proporcionar á responsable do P.A.I. a alimentación que veñan recibindo os menores, así como os elementos para a súa subministración.
10.-Os pais, nais ou titores deberán proporcionar ao centro o material necesario para unha axeitada atención e hixiene dos menores tales como, Cueiros, toalliñas húmidas,babeiros,..... que deberá repoñerse cando sexa preciso. Serán cambiados na medida que o precisen.
11.-Todos os nenos e nenas que camiñen deberán traer un mandilón, unha toalla e un vaso, e en todo caso, provistos dunha roupa que lles permita moverse con certa autonomía.
12.-Os/as nenos/as terán sempre unha muda completa de reposto e deberán asistir ao P.A.I. con roupa que lles permita moverse con comodidade.
13.-Os pais, nais ou titores deberán poñer en coñecemento da persoa responsable, calquera circunstancia do neno que esixa unha especial atención.
ARTIGO 20.-PROMOCIÓN DE INTEGRACIÓN.
O P.A.I. municipal promoverá, dentro das súas posibilidades, a integración dos nenos/as con necesidades educativas especiais. O ingreso destes estará supeditado á existencia de condicións infraestruturais idóneas e de persoal axeitado e suficiente no cadro de persoal do centro. Nestes casos requirirase o informe previo do equipo de avaliación e orientación correspondentes ao grao de discapacidade e a súa necesidade de integración. En ningún caso poderá haber máis dun neno ou nena con necesidade de integración por aula. Para efectos de ratio estas prazas contabilizan como dúas.
ARTIGO 21.-A LINGUA.
Farase fincapé na promoción e uso da lingua galega no PAI, respectando sempre o idioma nativo do neno ou nena.
ARTIGO 22.-FOMENTO DA IGUALDADE ENTRE NENOS E NENAS.
Dende o Punto de Atención á Infancia de Lousame garantirase o traballo educativo a prol da igualdade como valor fundamental de convivencia entre os/as menores. incluíndo a perspectiva de xénero tanto no PEC coma nas programacións mensuais realizando actividades específicas de igualdade.
Será o cerne de todas as actividades que se desenvolvan na escola e reflectirase non só nas actividades e no material de traballo senón tamén no comportamento habitual dos/as mestres/as e educadores/as.
A dirección do PAI prestará atención especial ao fomento e respecto da interculturalidade, como instrumento de superación da desigualdades, prexuízos e racismo.
ARTIGO 23.-PERÍODO MÍNIMO DE ADAPTACIÓN.
O Punto de atención á infancia cumprirá o período de adaptación ao que se refire o Decreto da Xunta de Galicia 330/2009, do 4 de xullo, que establece o currículo da educación infantil, do seguinte xeito:
1.-A organización do tempo dos/as nenos/as de 3 meses a 3 anos será flexible para adaptarse aos seus ritmos de actividade e descanso. Non obstante considerase que os nenos/as deben acudir ao centro nun horario fixo, nos momentos de entretemento e lecer e a comezos da semana, cunha estancia non superior a 30 minutos. Na semana seguinte o neno/a permanecerá no centro 1 hora cada día, de modo que cada semana vaia aumentando 30 minutos ata que estea adaptado por completo.
2.-O proceso de adaptación pódese alterar por mor de calquera circunstancia que as persoas educadoras xulguen necesario en función das características de cada neno/a.
3.-Se o neno/a se ausentase do centro longos períodos de tempo, cumprirá aplicar de novo o período de adaptación.
4.-No caso de que calquera dos anteditos aspectos non se cumpran de forma en que dispón este regulamento, non se admitirán os nenos/as no centro.
CAPÍTULO VI.-NORMATIVA REFERENTE Á FAMILIA
ARTIGO 24.-DEREITOS E OBRIGAS DOS PAIS/NAIS, TITORES/AS E REPRESENTANTES LEGAIS.
DEREITOS
a) Ao acceso ó centro e recibir a asistencia do mesmo, sen discriminación por razón de sexo, raza, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
b) Á consideración no trato debido á dignidade da persoa, tanto por parte do persoal do Centro como dos demais usuarios.
c) Ao sixilo profesional acerca dos datos do seu historial social ou sanitario.
d) A un apoio individualizado que favoreza a autonomía persoal e social.
e) Á intimidade persoal.
f) A que se facilite o acceso a todas as necesidades persoais que sexan precisas para conseguir o seu desenvolvemento integral.
g) A ser informados diariamente polo persoal do Centro dos acontecementos vividos polo/a menor.
h) Recibir periodicamente información do grao de aprendizaxe e desenvolvemento dos seus fillos/as no centro, así como das orientacións educativas que precisen.
i) A participación dos pais, nais, titores/as ou representantes legais nas actividades educativas como: festas escolares, conta contos, axudas na preparación de materiais para os traballo dos/as nenos/as.
j) A ter a súa disposición o proxecto educativo, así como a posibilidade de presentar reclamacións no Libro de reclamacións. nas que figurarán os puntos necesarios para identificación da persoa que realiza a reclamación, a súa data e o obxecto da mesma.
h) Os pais, nais, titores/as ou representantes legais, salvo manifestación en contra ao respecto, prestan o seu consentimento para que os datos facilitados sexan incorporados aos ficheiros titularidade do Concello de Lousame (co nivel de protección correspondente).
OBRIGAS
a) Cumprir as normas sobre utilización do centro ou servizo establecidas no regulamento de réxime interior.
b) Observar unha conduta inspirada no mutuo respecto, tolerancia e colaboración, encamiñada a facilitar unha mellor convivencia.
c) Deber de non discriminar a ningún membro do PAI por razóns de nacemento, raza, sexo, nivel social, conviccións morais ou relixiosas, así como por minusvalías físicas, psíquicas ou sensoriais.
d) Participar na vida do centro, de acordo coo que se dispoña neste regulamento.
e) Deber de pagar mensualmente a cota que a Ordenanza fiscal municipal prevexa para cada ano escolar.
f) Deber de informar se o/a menor contraeu calquera tipo de enfermidade infecto- contaxiosa que poida repercutir na saúde do resto dos menores.
g) Deber de levar ós seus fillos/as debidamente aseados.
h) Deber de poñer en coñecemento do/a responsable do servizo as anomalías e irregularidades que observen no desenvolvemento do servizo.
i) Debe de atender as citacións efectuadas por parte do centro.
j) Deber de non desautorizar a acción das coidadoras en presenza dos seus fillos/as.
ARTIGO 25.-INFORMACIÓN E ATENCIÓN AOS PAIS, NAIS, TITORES/AS E REPRESENTANTES LEGAIS.
Os pais, nais, titores/as e representantes legais terán dereito a solicitar canta información precisen sobre a atención que reciben os/as nenos/as. En todo caso, o P.A.I. informaralles ao principio do curso dos horarios de atención e información.
Co fin de garantir a necesaria cooperación cos pais, nais, titores/as ou representantes legais dos/as nenos/as, realizaranse reunións que terán lugar nas dependencias do P.A.I. Unha reunión celebrarase ao comezo do curso, na que a persoa responsable do P.A.I. informará aos pais, nais ou titores/as das actividades que se desenvolverán, da normativa establecida e dos aspectos que poidan resultar do seu interese.
CAPÍTULO VII.-RÉXIME DE COBRAMENTO
ARTIGO 26.-PREZOS.
O Concello de Lousame establece as tarifas pola prestación deste servizo de asistencia infantil mediante a correspondente ordenanza municipal. ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO SERVIZO PÚBLICO DO PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA DO CONCELLO DE LOUSAME.
ARTIGO 27.-RÉXIME DE COBRAMENTO.
O pagamento das tarifas farase a mes vencido, debendo ser aboadas nos primeiros 10 días do mes seguinte mediante bancario.
Todas as persoas usuarias aboarán a contía de once mensualidades por curso. Non se aboará a tarifa correspondente ao mes de agosto de vacacións.
ARTIGO 28.-RÉXIME DE RESERVA DE PRAZA PARA O CASO DE AUSENCIAS/VACACIÓNS.
- A non asistencia do neno/a ao centro durante un período determinado non supón redución ningunha, nin extinción da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente. Salvo no mes de agosto de vacacións de verán tal e como se sinala no apartado anterior.
- Cando por causa debidamente xustificada, o neno/a deixe de asistir temporalmente ao centro, o suxeito obrigado estará exento de aboala conta mensual dende o primeiro día do segundo mes natural seguinte á data de ausencia do centro. A suspensión da cota durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a incorporación do/a neno/a ó centro.
- No obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ao día 15 do mes, a cota correspondente a dito mes reducirase nun 50 %.
- A solicitude de suspensión da cota, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o Sr./Sra. alcalde/alcaldesa, que resolverá sobre a procedencia da suspensión.
- Nos casos de suspensión temporal da cota, o pagamento correspondente ó mes de reincorporación realizarase no prazo de dez días seguintes ó da data de reincorporación.
- Así mesmo, nos casos en que se acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresalas cotas atrasadas no prazo de dez días ó da notificación da resolución denegatoria.
CAPÍTULO VIII.-NORMATIVA REFERENTE Á INFRAESTRUTURA DO CENTRO
ARTIGO 29.-MEDIDAS DE SEGURIDADE E HIXIENE.
O PAI contará coas medidas de seguridade infantil establecidas pola normativa correspondente (Decreto 329/2005 de 28 de xullo polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, e Decreto 254/2011, de 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos programas e dos centros de servizos sociais
O PAI contará cun rexistro diario, semanal, mensual, trimestral, semestral e anual do servizo de limpeza, que se levará a cabo tanto nos espazos interiores como no exterior do PAI. Este rexistro reflicte e controla as tarefas realizadas en cada actuación de dito servizo.
De forma anual levaranse a cabo as revisións e actuacións de desinfección, desparasitación e desratización correspondentes, coincidindo co peche do centro por vacacións ou festivos.
O centro conta con extintores debidamente revisados, porta de emerxencia, sistema de detectores de fume, protectores nas portas para os dedos, protección das esquina e luces de emerxencia en cada zona do centro correspondente.
O centro conta con:
1. Plan de Autoprotección implantado (formación para a actuación nos casos de emerxencia e evacuación) e inscrito no REGAPE.
2. Póliza de responsabilidade Civil e de accidentes.
3. Póliza de sinistros/danos do local.
4. Libro de reclamacións a disposición das persoas usuarias.
5. Proxecto educativo a disposición dos pais/nais (se fora o caso).
6. Libro/folla informatizada de rexistro de usuarios/as.
7. Expediente individual.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
Unha vez aprobado definitivamente polo Pleno da Corporación, o presente regulamento entrará en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín Oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 49 da Lei 7/1985, de 2 de abril reguladora das Bases do Réxime Local.
Para o que non estea previsto no presente Regulamento estarase ao disposto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e normativa de desenvolvemento; Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, Lei 3/1997, do 9 de xuño, lei galega da familia, a infancia e adolescencia, Decreto 329/2005, do 28 de xullo, que regula os Centros de Menores e Centros de Atención á Infancia, e demais normativa autonómica de protección da familia, infancia e menores e que lle sexa de aplicación por razón da materia.