Carballo - ORDENANZA Nº 10 - REGULADORA DAS TAXAS POLA PRESTACIÓN DO SERVICIO DE REDE DE SUMIDOIROS E DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS.

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 31/12/1999 BOP Nº: 299
Aplicable dende: 01/01/2000

ARTIGO 1º.- FUNDAMENTO E RÉXIME.

Este Concello, no uso das potestades conferidas pola Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de Abril, reguladora das Bases do Réxime Local e de acordo co previsto nos artigos 20.4 r) e 58 da Lei 39/88 do 28 de Decembro, reguladora das Facendas Locais, establece a taxa pola prestación de servicios de rede de sumidoiros e depuración de augas residuais, que se regulará pola presente ordenanza, redactada conforme ó disposto nos artigos 20 a 27 da Lei 39/88 citada.

Artigo 2.º .-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible destas Taxas a prestación do servicio de evacuación de excretos, augas negras, residuais e pluviais mediante a utilización da rede de sumidoiros municipal, e a conseguinte depuración das devanditas augas na Estación Depuradora de Augas Residuais (E.D.A.R.).

2. O servicio de evacuación de excretos, augas negras, rediduais e pluviais e o servicio de depuración das mesmas na E.D.A.R. serán de recepción obrigatoria, polo que en consecuencia tódolos inmobles situados a distancia menor de cen metros dalgunha arteria da rede de sumidoiros deberán estar dotadas destes servicios, devengándose as taxas correspondentes aínda cando os suxeitos pasivos non realicen a acometida da finca á rede xeral.

ARTIGO 3º.- SUXEITOS PASIVOS.

1. Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuintes, as persoas físicas e xurídicas, así como as herdanzas xacentes, comunidades de bens e demais entidades que, carentes de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado, susceptible de imposición; que ocupen ou utilicen por calquera clase de título, incluso en precario, as vivendas e locais onde se presta o servicio.

2. Terán a consideración de sustitutos do contribuinte o propietario das vivendas ou locais, os cales poderán repercutir, no seu caso, ós ocupantes ou usuarios, as cotas abonadas por razón da taxa.

ARTIGO 4º.- RESPONSABLES.

1. Serán responsables solidariamente das obrigas tributarias establecidas nesta Ordenanza toda persoa causante ou colaboradora na realización dunha infracción tributaria. Nos supostos de declaración consolidada, tódalas sociedades integrantes do grupo serán responsables solidarias das infraccións cometidas neste réxime de tributación.

2. Os copartícipes ou cotitulares das herdanzas xacentes, comunidades de bens e demais entidades que, carentes de persoalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de imposición, responderán solidariamente e en proporción as súas respectivas participacións das obrigas tributarias das devanditas entidades.

3. Serán responsables subsidiarios das infraccións simples e da totalidade da débeda tributaria no caso de infraccións graves cometidas polas persoas xurídicas, os administradores daquelas que non realicen os actos necesarios da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas tributarias infrinxidas, consentiran no incumprimento por quen dependan deles ou adopten acordos que fixeran posible as infraccións. Así mesmo, tales administradores responderán subsidiariamente das obrigas tributarias que estean pendentes de cumprimentar polas persoas xurídicas que cesen nas súas actividades.

4. Serán responsables subsidiarios os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, cando por neglixencia ou mala fe non realicen as xestións necesarias para o total cumprimento das obrigas tributarias devengadas con anterioridade a ditas situacións e que sexan imputables ós respectivos suxeitos pasivos.

ARTIGO 5º.- BASE IMPOÑIBLE E LIQUIDABLE.

A base impoñible virá determinada polos m3 de auga consumida na finca.

Artigo 6.º .-Cota tributaria

1. Acometida á rede xeral: A cota tributaria no suposto de licencia ou autorización para a acometida á rede de sumidoiro coincidirá exactamente co importe do presuposto material da obra, presupostado pola empresa concesionaria dos servicio e aprobado pola Comisión de Goberno.

2. Servicio de evacuación: por cada m3 de auga consumido: 16,7 pesetas (dez céntimos dun euro).

3. Servicio de depuración: por cada m3 de auga consumido: 24,3 pesetas (quince céntimos dun euro).

4. Cando os feitos impoñibles descritos nesta ordenanza non se produzan conxuntamente co feito impoñible de subministro de auga potable regulado na ordenanza fiscal n.º 17, de maneira que non sexa posible determina-la cantidade de auga vertida á rede de sumidoiros e depurada posteriormente, aplicarase unha cota mínima equivalente a 10 m3 de facturación mensuais.

ARTIGO 7º.- DEVENGO.

O tributo considerarase devengado dende que naza a obriga de contribuir a teor do establecido no artigo 2º. Considerarase que comenza a prestación do servicio que da orixe ó nacemento da obriga de contribuir cando se formule a solicitude ou dende que teña lugar a acometida efectiva se se levase a cabo sen autorización.

Artigo 8.º .-Exencións, reduccións e demais beneficios fiscais legalmente aplicables.

De conformidade co disposto no artigo 9.1 da Lei 39/88, non se recoñecen outros beneficios fiscais que os expresamente previstos nas normas con rango de Lei ou os derivados da aplicación dos Tratados Internacionais.

Artigo 9.º .-Liquidación e recadación.

1. A liquidación da cota tributaria pola acometida á rede xeral de sumidoiros será aprobada polo órgano competente do Concello, simultaneamente ó outorgamento da correspondente licencia e baseándose no presuposto presentado pola empresa concesionaria do servicio. A recadación levarase a cabo polo concesionario do servicio, unha vez realizada a notificación ó suxeito pasivo segundo o disposto no artigo 124.1 da Lei Xeral Tributaria.

2. As liquidacións pola prestación dos servicios de rede de sumidoiros e depuración de augas residuais serán aprobadas polo órgano competente do Concello, unha vez confeccionados os correspondentes padróns polo concesionario do servicio, tendo en conta as lecturas de contadores do devandito período. O cobro dos recibos realizarase nas Oficinas do Servicio ou ben mediante xestión bancaria. Os Padróns de cada período trimestral, cos datos dos suxeitos pasivos e a débeda tributaria resultante, serán expostos ó público por un período mínimo de quince días hábiles.

3. Dada a unidade de xestión e mantemento dos servicios de subministro de auga, rede de sumidoiros e depuración de augas residuais, poderase expedir un recibo único que incorpore a facturación trimestral das tres taxas.

Artigo 10.º .-Infraccións e sancións.

No tocante á cualificación das infraccións tributarias e as súas correspondentes sancións, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria e demais normativa que a desenrola.

Disposición adicional.

As cotas tributarias fixadas no artigo 6 desta ordenanza modificaranse anualmente de acordo coa variación do Índice de Prezos ó Consumo que sinale o Instituto Nacional de Estatística.

Disposición final.

Esta ordenanza foi modificada por acordo plenario, tomado na sesión ordinaria celebrada o día... (Expte. 99/176). Exposta ó público por prazo de trinta días hábiles, segundo anuncio publicado no BOP o día... e no Diario... do día..., foi aprobada definitivamente o día. Publicada no Boletín Oficial da Provincia n.º .. do día..., entrou en vigor o día 1 de xaneiro do ano 2000