Cerceda - ORDENANZA FISCAL Nº22 REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACION DO SERVICIO DA ESCOLA INFANTIL.

Publicación provisional: 09/10/2008 BOP Nº: 233
Publicación definitiva: 12/12/2008 BOP Nº: 285
Aplicable dende: 13/12/2008

Artigo 1.- Fundamento legal

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, Reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, en relación co artigo 20 do Real Decreto 2/2004, do 5 de marzo polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, o Concello de Cerceda establece a taxa pola prestación do servizo da escola infantil municipal que se rexerá pola seguinte ordenanza fiscal.

Artigo 2.- Obxecto

Apróbanse as contías das taxas correspondentes aos servizos prestados na escola infantil municipal Os Pillabáns.

Artigo 3. Suxeitos pasivos

Están obrigados ao pagamento das cantidades que se establecen como taxa as/os nais/pais dos nenos e das nenas en situación de alta na escola infantil os Pillabáns, no seu defecto, os/as familiares ou titores/as legais a quen corresponda o exercicio da patria potestade.

Artigo 4.- Pagamento

1. O pagamento das cotas, sen prexuízo do establecido no recollido na suspensión temporal da cota, realizarase mensualmente nos dez primeiros días naturais do mes a que correspondan. Nos casos en que o ingreso no centro se produza con posterioridade ao día primeiro do mes, a cota correspondente ao dito mes ingresarase nos dez días naturais seguintes á data de ingreso.

2. No caso de utilizar o servizo de comedor por días soltos, realizarase o pagamento deste servizo xunto coa cota do mes seguinte.

3. Salvo o disposto no artigo 6 desta ordenanza, a falta de asistencia da nena ou do neno ao centro non supón reducción nin exención da cota mentres non se formalice a baixa correspondente.

A falta de pagamento de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas, sen prexuízo da súa exixencia polo procedemento administrativo de constrinximento, orixinará a perda do dereito á praza.

Artigo 5.- Regras e deficinións para a determinación do importe que se vai a pagar.

Para a determinación do importe mensual que van pagar as persoas obrigadas ao pagamento da taxa determinados no anexo desta ordenanza fiscal, teranse en conta as especificacións recollidas no dito anexo. Para os efectos da aplicación do anexo, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

i. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

ii. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

iii. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no 31 de decembro do ano a que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguintes regras.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.

A documentación anterior poderá ser substituída pola correspondente autorización ao servizos sociais do Concello de Cerceda, para obter os datos necesarios para determinar os ingresos totais para estes efectos a través das correspondentes administracións tributarias.

Así mesmo autorizarase ao servizos sociais do concello de Cerceda, para realizar as comprobacións oportunas na Adminitración tributaria.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Artigo 6.- Suspensión temporal da cota

1. Os suxeitos obrigados a que fai referencia o artigo 3 non terán a obriga de aboar a cota correspondente á atención educativa e ao servizo de comedor, almozo e merenda, durante os seguintes períodos:

a) O mes de vacacións anual da/o nena/o.

b) Cando por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permaneza pechado por un período superior a quince días naturais.

En ambos os dous casos a suspensión realizarase de oficio.

2. Os suxeitos obrigados a que fai referencia o artigo 3 non terán a obriga de aboar a cota correspondente ao servizo de comedor, almorzo e merenda, no seguinte suposto:

a) Cando por causa debidamente xustificada a/o nena/o deixe de asistir temporalmente ao centro. Neste caso, a suspensión da cota terá lugar desde o primeiro día do mes natural seguinte á data de inasistencia ao centro e durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación da/o nena/o ao centro.

Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ao día 15 do mes, a cota do comedor correspondente ao dito mes reducirase nun 50 por cento.

A solicitude de suspensión da cota correspondente a este servizo, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o/a alcalde/sa ou concelleiro/a delegado/a, que resolverá sobre a procedencia da exención.

Nos casos de suspensión temporal da cota correspondente ao servizo de comedor, o pagamento correspondente ao mes de reincorporación realizarase no prazo dos dez días naturais seguintes á data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que o/a alcalde/sa ou concelleiro/a delegado/a acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresar as cotas atrasadas no prazo dos dez días naturais seguintes á notificación da resolución denegatoria.

Disposición derradeira.

Esta ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e comezará a rexer a partires día 1 de setembro de 2012, permanecendo vixente ata que se acorde a súa derrogación ou modificación expresa.

Anexo

1. Prezo da atención educativa.

O prezo pola atención educativa en xornada completa na escola infatnil fíxase en 160 € mensuais.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reduccións que se especifican no número 3 deste anexo.

Cando o alumno ou alumna teña solicitada e concedida unha praza en réxime de media xornada, o prezo da atención educativa reducirase no cincuenta por cento do prezo que lle corresponda aboar de acordo coa renda per cápita da unidade familiar.

2. Prezo por servizos complementarios.

a) Servizo de comedor.

O prezo por este servizo fíxase en 70,00 € mensuais.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reduccións que se especifican no número 3 deste anexo.

No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de comedor e que excepcionalmente e por motivos xustificados desexen utilizalo algún día solto, o prezo será de 4,00 € por día.

O prezo de comedor por días soltos non estará suxeito a ningunha reducción.

b) Servizo de almorzo

O prezo por este servizo fíxase en 8,00 € mensuais.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reduccións que se especifican no número 3 deste anexo.

No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de almorzo e que excepcionalmente e por motivos xustificados desexen utilizalo algún día solto, o prezo será de 1,00 € por día.

c) Servizo de merenda

O prezo por este servizo fíxase en 8,00 € mensuais.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reduccións que se especifican no número 3 deste anexo.

No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de merenda e que excepcionalmente e por motivos xustificados desexen utilizalo algún día solto, o prezo será de 1,00 € por día.

d) Horario ampliado.

Con carácter excepcional os/as usuarios/as poderán ampliar a súa xornada de atención educativa mediante a solicitude de horas extraordinarias, sempre que acrediten a súa necesidade.

O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario da atención educativa adxudicado ao usuario ou usuaria será de 20 €.

O prezo da hora extraordinaria non estará suxeito a ningunha reducción.

e) Horario extraordinario.

Hora extraordinarias: entendendo por tales aquelas que non están recollidas na matrícula.

O prezo de cada hora extraordinaria é de 3,00 euros, non estará suxeito a ningunha reducción.

3. Aplicación dos prezos públicos mensuais segundo os tramos de renda per cápita da unidade familiar:

a) Rendas inferiores ao trinta por cento do IPREM.

- Prezo da praza:

○ Atención educativa 0,00 €

○ Comedor 0,00 €

○ Almorzo: 0,00 €

○ Merenda 0,00 €

b) Rendas comprendidas entre o 30 e inferiores ao 50 por cento do IPREM.

- Prezo da praza:

○ Atención educativa 0,00 €

○ Comedor 16,50 €

○ Almorzo: 2,00 €

○ Merenda 2,00 €

c) Rendas comprendidas entre o 50 e inferiores ao 75 por cento do IPREM.

- Prezo da praza:

○ Atención educativa 33,00 €

○ Comedor 16,50 €

○ Almorzo: 3,00 €

○ Merenda 3,00 €

d) Rendas comprendidas entre o 75 e inferiores ao 100 por cento do IPREM.

- Prezo da praza:

○ Atención educativa 66,00 €

○ Comedor 25,00 €

○ Almorzo: 4,00 €

○ Merenda 4,00 €

e) Rendas comprendidas entre o 100 e inferiores ao 125 por cento do IPREM.

- Prezo da praza:

○ Atención educativa 106,00 €

○ Comedor 35,00 €

○ Almorzo: 5,00 €

○ Merenda 5,00 €

f) Rendas comprendidas entre 125 e inferiores ao 150 por cento do IPREM.

- Prezo da praza:

○ Atención educativa 126,00 €

○ Comedor 50,00 €

○ Almorzo: 6,00 €

○ Merenda 6,00 €

g) Rendas comprendidas entre o 150 e o 200 por cento do IPREM.

- Prezo da praza:

○ Atención educativa 139,00€

○ Comedor 60,00 €

○ Almorzo: 7,00 €

○ Merenda 7,00 €

h) Rendas superiores ao 200 por cento do IPREM.

- Prezo da praza:

○ Atención educativa 160,00 €

○ Comedor 70,00 €

○ Almorzo: 8,00 €

○ Merenda 8,00 €

4. Descontos.

A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto no punto anterior, aplicaranse os seguintes descontos que non son acumulables entre si:

a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.

b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.

c) Cando asistan ao mesmo centro varios irmáns, o segundo e sucesivos terán un desconto dun 20 por cento.

Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF.

B) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 por cento.