Oleiros - Ordenanza fiscal nº 10, reguladora do imposto sobre bens inmobles

Publicación provisional: 05/04/2003 BOP Nº: 79
Publicación definitiva: 07/06/2003 BOP Nº: 129
Aplicable dende: 01/01/2003

Artigo 1.

De conformidade co previsto no artigo 73 da lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais (LRFL), o tipo de gravame do imposto sobre bens inmobles, aplicable neste municipio queda fixado nos termos que se establecen no artigo seguinte:

CAPÍTULO I. Tipos

Artigo 2.

1.-O tipo de gravame do imposto sobre bens inmobles aplicable ós bens de natureza urbana queda fixado no 0,56 por cento.

2.-O tipo de gravame do imposto sobre bens inmobles aplicable ós bens de natureza rústica queda fixado no 0,75 por cento.

3.-O tipo de gravame do imposto sobre bens inmobles aplicable ós bens de características especiais queda fixado no 0,60 por cento.

CAPÍTULO II. Exencións

Artigo 3.

1.-Gozarán de exención os inmobles previstos no artigo 63.1 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais (LRFL).

2.-Así mesmo, gozarán tamén de exención, previa solicitude, os inmobles previstos no artigo 63.2 da LRFL.

A solicitude que deberá ser presentada antes do 1 de xullo de cada exercicio, incluirá a acreditación do cumprimento dos requisitos para a aplicación da exención:

a).-No caso dos centros docentes con concerto educativo:

- Certificado da Administración educativa correspondente, acreditativa da calidade de centro concertado, asinable ós edificios e instalacións destinadas directa e exclusivamente ás actividades docentes obxecto de exención.

- Informe da Dirección Xeral do Centro de Xestión Catastral e Cooperación Tributaria, acreditativo das superficies dos edificios ou conxuntos urbanísticos, adscritos exclusivamente á actividade educativa ou a servicios complementarios da ensinanza e de asistencia docente de carácter necesario, coa indicación do valor catastral asignado a cada un dos elementos citados.

b).-No caso dos inmobles declarados expresa e individualizadamente monumento ou xardín histórico de interese cultural:

- A declaración do inmoble como ben de interese cultural.

c).- No caso das superficies dos montes con repoboamento forestal ou rexeneración de masas arbóreas:

- Certificación acreditativa emitida pola Delegación Provincial da Dirección Xeral de Montes.

3.-De conformidade co previsto no artigo 63.4 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, en razón dos criterios de eficiencia e economía na xestión recadadora dos tributos, gozarán de exención os inmobles urbanos e rústicos, sempre que as cotas líquidas, resultante da aplicación, dos beneficios fiscais, sexa inferior á cota que se detalla de seguido. En relación cos de natureza rústica, tomarase en consideración a totalidade de bens rústicos posuídos no municipio por cada suxeito pasivo.

A).-Bens inmobles de natureza urbana (IBIU): 6,00 euros.

B).-Bens inmobles de natureza rústica (IBIR): 9,00 euros.

CAPÍTULO III. Bonificacións

Artigo 4.

1.-A bonificación establecida no artigo 74.1 da LRFL, será do 90 por cento, na cota íntegra do imposto ós inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construcción e promoción inmobiliaria, tanto de obra nova como de rehabilitación equiparable a esta, e que non figuren entre os bens do seu inmobilizado.

O prazo de aplicación desta bonificación comprenderá dende o período impositivo seguinte a aquel en que comecen as obras ata o posterior ó remate destas, sempre que durante ese tempo se realicen obras de urbanización ou construcción efectiva, e sen que, en ningún caso, poida exceder de tres períodos impositivos. A solicitude da bonificación débese formular antes do comezo das obras, entendendo por tal o momento do outorgamento da licencia, por parte da Administración municipal.

Para gozar da citada bonificación, os interesados deberán presentar a documentación seguinte:

a) Acreditación de que a empresa se dedica á actividade de urbanización, construcción e promoción inmobiliaria, mediante a presentación dos estatutos da sociedade.

b) Acreditación de que o inmoble obxecto da bonificación non forma parte do inmobilizado, mediante certificación do administrador da sociedade, ou fotocopia do derradeiro balance presentado ante a Axencia Estatal da Administración Tributaria, para os efectos do imposto sobre sociedades.

c) Copia da solicitude de licencia de obra, se non se presenta simultaneamente.

Artigo 5.º .-Infraccións e sancións.

Para todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e a imposición das sancións correspondentes, rexerá o disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición derradeira.

A presente ordenanza foi aprobada de xeito provisorio polo Pleno do Concello, na sesión celebrada o día 21 de marzo de 2003, publicándose o seu texto íntegro no BOP número 129, de data 07/06/2003. Comezará a rexer o día 1 de xaneiro de 2003, e continuará vixente mentres non se acorde a súa modificación ou derrogación.