Melide - ORDENANZA Nº 17, REGULADORA DA TAXA POR LICENZA DE APERTURA DE ESTABLECEMENTO

Publicación provisional: 16/11/1989 BOP Nº: 263
Publicación definitiva: 16/11/1989 BOP Nº: 263
Aplicable dende: 01/01/2009

Artigo 1.- Fundamento e natureza

No  uso das facultades concedidas  polos artigos 133.2 e 144 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este concello establece a taxa por licencia de apertura de establecementos, que se rexerá pola presente Ordenanza fiscal, as normas da cal atenden ao prevido no artigo 58 da citada Lei 39/88.

Artigo 2.- feito impoñible

Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, tendente a unificar se os establecementos  industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade e salubridade e calquera outra esixida  polas correspondentes ordenanzas  regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, como presuposto necesario e previo  para o outorgamento por este concello da licencia de apertura a que se refire o artigo 22 do Regulamento de servicios das corporacións locais.

Para tal efecto, terá a consideración de apertura:

 

A instalación por vez primeira do establecemento para dar comezo ás súas actividades.

A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.

A ampliación do establecemento e calquera alteración que sexa levada a cabo neste e que afecte ás condicións sinaladas no número 1 deste artigo, esixindo nova verificación destas

O cambio de razón social permanecendo invariable a actividade.

Os traslados de locais.

 

Entenderase por establecemento industrial ou mercantil toda edificación habitable, estea ou non aberta ao público, que non se destine exclusivamente a vivenda e que:

 

Se dedique ao exercicio dalgunha actividade fabril, artesá, da construcción, comercial e de servicios que estea suxeita ao imposto sobre actividades económicas.

Aínda sen desenvolver aquelas actividades que sirvan de auxilio ou complemento para estas, ou teñan relación  con elas en forma que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento, como, por exemplo, sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, escritorios, oficinas, despachos ou estudios.

Artigo 3.- Suxeito pasivo

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, titulares da actividade que se pretende desenvolver ou, de ser o caso, se desenvolva en calquera establecemento industrial ou mercantil.

Artigo 4.- Responsables

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do  suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.

 

Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5.- Base impoñible

Constitúe a base impoñible da taxa a renda anual que corresponda ao establecemento, a determinación da cal se fará observando algunha das seguintes regras:

 

Cando o suxeito pasivo sexa propietario, usufructuario ou titular dunha concesión administrativa sobre o establecemento, a renda anual  será a que resulte de aplicar o xuro básico do Banco de España ao valor catastral que o dito establecemento  sinalase  no imposto sobre bens inmobles.

Nos demais casos, a renda anual será a que se satisfaga por cada establecemento, por razón do contrato de arrendo, subarrendo, cesión ou calquera outro título que ampare a súa ocupación, con inclusión dos incrementos e cantidades asimiladas á renda, de ser o caso.

 

Se no contrato apareceran pactadas diferentes rendas para períodos distintos, tomarase como base a maior, aínda que corresponda a períodos anteriores ou posteriores á solicitude da licencia.

 

Cando a renda pactada sexa inferior á que resultase de aplicar a regra 1 anterior, tomarase como base impoñible esta última.

 

Cando nun mesmo local existan, sen discriminación no título de ocupación deste, espacios destinados a vivenda e a establecemento suxeito á taxa, a base deste último será a que proporcionalmente á súa superficie lle corresponda no importe total da renda anual que, conforme ás regras  precedentes, se impute ao dito local.

Cando se trate da ampliación do establecemento, a base impoñible será a renda anual que corresponda á superficie no que se ampliou o local, calculada conforme ao previsto nas regras anteriores.

Artigo 6.- Cota tributaria

A cota tributaria determinarase aplicando as tarifas do anexo ao dorso, sobre a base definida no artigo anterior e corrixindo o resultado así obtido, polo coeficiente que se sinala no apartado seguinte en función da categoría da rúa, praza ou vía pública no que estea situado o establecemento.

Establécense os seguintes coeficientes correctores segundo a categoría das rúas, prazas ou vías públicas deste municipio:

                                                                            Coeficiente corrector

Rúas categoría 1ª.............................................     -----

Rúas categoría 2ª.............................................     -----

 

A cota tributaria esixirase por unidade de local.

Nos casos de variación ou ampliación da actividade a desenvolver no establecemento suxeito, da cota que resulte por aplicación dos apartados anteriores deste artigo, deducirase o devengado por este concepto tributario con ocasión da primeira apertura e de anteriores variacións ou ampliacións da actividade, así como da ampliación do local. A cantidade a ingresar será a diferencia resultante.

No caso de desestimento formulado polo solicitante con anterioridade á  concesión da licencia, as cotas a liquidar serán o 50 por cento das sinaladas no número anterior, sempre que a actividade municipal se iniciara efectivamente.

Anexo a esta ordenanza figura un índice alfabético das vías públicas deste municipio con expresión da categoría que corresponda a cada unha delas.

As vías públicas que non aparezan sinaladas no índice alfabético serán consideradas de última categoría permanecendo cualificadas así ata o un de xaneiro do ano seguinte a aquel no que se aprobe polo Pleno desta corporación a categoría correspondente e a súa inclusión no índice alfabético de vías  públicas.

Artigo 7.- Exencións e bonificacións

Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da taxa.

Artigo 8.- Devengo

Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando, unha vez iniciada a actividade municipal que constitúe o feito impoñible (entendéndose iniciada a actividade na data de presentación da oportuna solicitude da licenza de apertura, de ser o caso de que o suxeito pasivo a formulase expresamente), elévase ao órgano competente para a súa aprobación definitiva.

Cando a apertura xa tivo lugar sen obter a oportuna licencia, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para autorizar a apertura do establecemento ou decretar o peche, se non fose autorizable a dita apertura.

A obriga de contribuír, unha vez nacida, non se verá afectada, de ningún xeito, pola denegación da licencia solicitada ou pola concesión desta condicionada á modificación das condicións do establecemento, nin pola renuncia de desestimento do solicitante unha vez concedida a licencia.

Artigo 9.-Declaración

As persoas interesadas na obtención dunha licencia de apertura de establecemento industrial ou mercantil presentarán previamente, no rexistro xeral, a oportuna solicitude, con especificación da actividade ou actividades a desenvolver no local, acompañada do contrato de alugamento ou título de adquisición do local, indicando neste último caso se o local non tivera asignado valor catastral, o prezo de adquisición ou o custo de construcción deste, de ser o caso.

Se despois de formulada a  solicitude de licencia de apertura variásese ou ampliásese a actividade a desenvolver no establecemento, ou se alterasen as condicións proxectadas por tal establecemento ou ben se ampliase o local inicialmente previsto, estas modificacións deberán poñerse en coñecemento da administración municipal co mesmo detalle e alcance que esixen na declaración prevista no número anterior.

Artigo 10.- Liquidación e ingreso

Finalizada a actividade municipal e unha vez dictada a Resolución municipal que proceda sobre a licencia de apertura, practicarase a liquidación correspondente pola taxa, que será notificada ao suxeito pasivo para o seu ingreso directo nas arcas municipais utilizando os medios de pagamentos e os prazos que sinala o regulamento xeral de recadación.

Cando o suxeito pasivo sexa propietario, usufructuario ou concesionario do establecemento e o local non teña sinalado valor catastral, practicarase unha liquidación provisional tomando como base impoñible o valor de adquisición ou, de ser o caso, custo de construcción do referido local.

Unha vez fixado o valor catastral, practicarase a liquidación definitiva que proceda, da cota da cal se deducira a liquidada en provisional, ingresándose a diferencia nas arcas municipais ou devolvendo de oficio, se así procedera, ao interesado o exceso ingresado por consecuencia da liquidación provisional.

Artigo 11.- Infraccións e sancións

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así  como das sancións que a estas correspondan en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza fiscal, a redacción definitiva da cal foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o 21 de xullo de 1.989, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no BOP e será de aplicación a partir do día 1 de xaneiro de 1.990, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa. Modificada por acordos plenarios do 18/12/1992, 18/12/1995 e 12/11/2003.

(BOP nº 263 BIS, do 16/11/1989)

(BOP nº 46, do 26/02/1993)

(BOP nº 41, do 19/02/1996)

(BOP nº 267, do 20/11/2003)

(BOP nº 299, do 31/12/2003)

(BOP nº  267 19/11/2004 e BOP nº 300, 31/12/2004)

(BOP nº 298, 30/12/2005)

(BOP nº 293, do 23/12/2006)

(BOP nº 300, do 31/12/2007)

(BOP nº 298, 29/12/2008)

Anexo

Tarifas:
1.-Actividades molestas: 237,07 €.
2.-Actividades nocivas: 480,87 €.
3.-Actividades insalubres: 480,87 €.
4.-Actividades perigosas: 480,87 €.
5.-Cambios de titularidade ou calquera outro suposto de tramitación que non requira informes técnicos: 71,12 €.
Se unha actividade tivese máis dunha cualificación, aplicarase a cada unha delas, independentemente, a tarifa que corresponda.
6.-Hoteis de máis de tres estrelas e salas de festas: 1.025,04 €.
7.-Hostais e discotecas : 534,55 €
8.-Resto de establecementos cuxos expedientes deban ser enviados á Subdelegación do Goberno: 262,80 €
9.-Resto de actividades comerciais: 106,80 €