Melide - ORDENANZA FISCAL NÚMERO 17, REGULADORA DA TAXA POLA INTERVENCIÓN MUNICIPAL NAS COMUNICACIÓNS PREVIAS, DECLARACIÓNS RESPONSABLES E NO OUTORGAMENTO DE LICENZAS DE APERTURA DE ESTABLECEMENTOS OU DE ACTIVIDADES
Artigo 1.- Fundamento e réxime.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, polos artigos 4 e 106 da Lei 7/1985, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 e 20.4.i) do Real decreto lexislativo 2/2004 polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Concello de Melide establece a taxa pola intervención municipal nas comunicacións previas, declaracións responsables e no outorgamento de licenzas de apertura de establecementos ou de actividades.
Artigo 2.- Feito impoñible.
1.- Constitúe o feito impoñible desta taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, desenvolvida con motivo da apertura de establecementos para verificar que os mesmos reúnen as condicións requiridas polas ordenanzas municipais, pola lexislación urbanística e sectorial que resulte de aplicación, con carácter previo, no caso do outorgamento expreso de licenzas, ou posterior, nos casos de presentación de comunicacións previas e declaracións responsables.
2.- Así mesmo, constitúe o feito impoñible desta taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, desenvolvidas con motivo da autorización para o exercicio dunha actividade económica, industrial, mercantil non desenvolvidas nun establecemento concreto pero para a cal requiran dunha instalación, tales como antenas de telefonía móbil ou parques eólicos. Neste senso, non se entenden incluídas no feito impoñible desta taxa, as actividades de venda ambulante ou as actividades temporais, tales como festas.
3.- Aos efectos do feito impoñible definido no punto primeiro, entenderase por establecemento, que require a presentación dunha comunicación previa, dunha declaración responsable ou, no seu caso, da obtención da licenza municipal para a súa apertura:
a) Os locais dedicados ó exercicio dalgunha actividade empresarial fabril, artesá, da construción, comercial, profesional, artística, gandeira, agrícola, de servizos...
b) Aínda sen desenvolverse aquelas actividades, sirvan de auxilio ou complemento para estas, ou teñan relación con elas en forma que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento, como, por exemplo, sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, escritorios, oficinas, despachos ou estudios.
Terá a consideración de apertura de establecementos:
a) A instalación por vez primeira do establecemento para dar comezo ás súas actividades.
b) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.
c) A ampliación do establecemento e calquera alteración que se leve a cabo neste.
4.- Con carácter xeral, a apertura de establecementos estará sometida á presentación de comunicación previa ou declaración responsable. En todo caso, estarán suxeitos a previa licenza municipal:
- A apertura de establecementos para o exercicio de actividades sometidas a incidencia ambiental, de acordo co decreto 133/2008 polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental.
- A apertura de establecementos para o exercicio de actividades sometidas a autorización ambiental integrada, de acordo coa lei 16/2002 de prevención e control integrados da contaminación.
- As actividades definidas no punto 2º do presente artigo.
Artigo 3.- Devengo.
1.- Devengarase a taxa e nacerá a obriga de contribuír cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. Para estes efectos, entenderase iniciada esta actividade na data de presentación da comunicación previa ou declaración responsable correspondente ou na data de presentación da oportuna solicitude de licenza.
2.- Cando a apertura tivese lugar sen presentar a comunicación previa ou declaración responsable ou sen obter a oportuna licenza municipal, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a requirir a presentación da comunicación previa ou declaración responsable ou, no caso de estar suxeita a previa licenza municipal, cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para autorizar a apertura do establecemento ou decretar o seu peche, se non fose autorizable esta apertura.
3.- A obriga de contribuír, unha vez nacida, non se verá afectada pola denegación da licenza solicitada ou pola concesión desta condicionada á modificación das condicións do establecemento. Tampouco verase afectada a obriga de contribuír pola renuncia ou desestimento do solicitante unha vez transcorridos dez días dende a presentación da comunicación previa, declaración responsable ou da presentación da solicitude da oportuna licenza municipal.
Artigo 4.- Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003 xeral tributaria, titulares da actividade que se pretende desenvolver ou, no seu caso, se desenvolva en calquera establecemento.
Artigo 5.- Responsables.
1.- Serán responsables solidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades a que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003 xeral tributaria.
2.- Serán responsables subsidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades a que se refire o artigo 43 da Lei 58/2003 xeral tributaria.
Artigo 6.- Base impoñible e cota tributaria.
1.- A cota tributaria do feito impoñible definido no artigo 2.1 determinarase por unha tarifa fixa, establecida en función de se a actividade administrativa que constitúe o feito impoñible, se realiza con carácter previo (caso de outorgamento expreso de licenza municipal) ou con carácter posterior (casos de presentación de comunicacións previas ou declaracións responsables) á apertura do establecemento e en función da superficie do local onde se desenrole a actividade.
a) Taxa pola intervención municipal na apertura de establecementos sometidas a incidencia ambiental
SUPERFICIE | TAXA |
0 - 100 m2 | 305 € |
101 - 200 m2 | 410 € |
201 - 500 m2 | 685 € |
501 - 1.000 m2 | 890 € |
1.001 - 2.000 m2 | 1.200 € |
2.001 - 3.500 m2 | 1.360 € |
3.501 - 5.000 m2 | 1.700 € |
5.001 - 7.500 m2 | 2.030 € |
7.501 - 10.000 m2 | 2.270 € |
A partir de 10.001 m2 | 2.430 € |
b) Taxa pola intervención municipal na apertura de establecementos sometidas a autorización ambiental integrada, de acordo coa lei 16/2002, é de 720 €.
c) Taxa pola intervención municipal na apertura de establecementos sometidas a comunicación previa ou declaración responsable.
SUPERFICIE | TAXA MAXIMA A IMPOÑER |
0 - 100 m2 | 245 € |
101 - 200 m2 | 285 € |
201 - 500 m2 | 515 € |
501 - 1.000 m2 | 700 € |
A partir de 1.001 m2 | 860 € |
2.- A cota tributaria do feito impoñible definido no artigo 2.2 determinarase por unha tarifa fixa, e é de 350 € por cada elemento instalado.
3.- Finalmente, a cota tributaria nos cambios de titularidade será de 83 euros.
Artigo 7.- Exencións , reducións e demais beneficios legalmente aplicables.
1.- De conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, non se recoñece beneficio tributario ningún, salvo os que sexan consecuencia do establecido nos tratados ou acordos internacionais ou os previstos en normas con rango de lei.
2.- O Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais non estarán obrigados ao pago das taxas por utilización privativa ou aproveitamento especial do domino público polos aproveitamentos inherentes aos servizos públicos de comunicacións que exploten directamente e por todos os que inmediatamente interesen á seguridade cidadá ou á defensa nacional.
Artigo 8.- Normas de xestión, Liquidación e ingreso.
1.- Ó tempo de presentar a correspondente comunicación previa, declaración responsable ou solicitude de obter a oportuna licenza municipal, os interesados procederán a efectuar a autoliquidación que corresponda. No obstante, no suposto de que se actuara de oficio, a taxa esixirase por liquidación practicada pola administración municipal.
O pago da autoliquidación presentada polo interesado, ou da liquidación notificada pola administración municipal, terá o carácter de provisional e será a conta da liquidación definitiva que, no seu caso, proceda.
2.- Para o exercicio de actividades que requiran licenza municipal de apertura de establecementos, as persoas interesadas presentarán previamente, no rexistro xeral, a oportuna solicitude, con especificación da actividade ou actividades a desenvolver no local, acompañada do contrato de alugamento ou título de adquisición do local, indicando neste último caso se o local non tivese asignado valor catastral, o prezo de adquisición ou o custo de construción deste, no seu caso.
Se logo de formulada a solicitude de licenza de apertura se variase ou ampliase a actividade a desenvolver no establecemento, ou se alterasen as condicións proxectadas por tal establecemento ou se ampliase o local inicialmente previsto, estas modificacións terán que poñerse en coñecemento da administración municipal co mesmo detalle e alcance que se esixen na declaración prevista no parágrafo anterior.
Artigo 9.- Infraccións e sancións tributarias.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e sancións, ademais do previsto nesta ordenanza, rexerase segundo o disposto no Título IV da Lei xeral tributaria.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza fiscal modifica a Ordenanza número 17 de licenza de apertura de establecementos e, entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, mantendo a súa vixencia en tanto non sexa modificada ou derrogada expresamente.