Bergondo - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA UTILIZACIÓN DOS SERVICIOS DA AULA DE INFORMÁTICA DO CONCELLO DE BERGONDO.

Publicación provisional: 11/08/2001 BOP Nº: 184
Publicación definitiva: 11/08/2001 BOP Nº: 184
Aplicable dende: 12/08/2001

Artigo primeiro: Concepto.

A) De acordo co disposto no artigo 129 en relación co artigo 41 ámbolos dous da Lei 39/88, de 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, na súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación da prestacións patrimoniais de carácter público, este concello establece o prezo público por utilización dos servicios da aula de informática do Concello de Bergondo, que se rexerá polo que dispón esta Ordenanza.

B) Poderán ser usuarios da Aula de Informática tódalas persoas físicas ou xurídicas que soliciten a utilización do Servicio e as entidades que desenvolvan actividades de interese municipal ou de clara relevancia cultural.

Artigo segundo: Suxeitos obrigados o pago.

Son suxeitos obrigados ó pago as persoas físicas e xurídicas, que soliciten a utilización do servicio ou as que resulten beneficiadas polo mesmo.

Non estarán obrigados ó pago as persoas físicas ou xurídicas cando utilicen o dito servicio para realizar actividades patrocinadas polo Concello de Bergondo.

Artigo terceiro: Actividades gravadas.

Constitúe servicio ou actividade gravada por este prezo público a prestación de servicios da Aula de Informática do Concello de Bergondo consistentes en:

1. Cursos ou/e actividades de informática programados e impartidos por profesores que impliquen conexión á rede telefónica (internet, correo electrónico, ...), ou non impliquen conexión á rede telefónica.(ofimática, xogos, ...).

2. Utilización dos ordenadores, por horas, por parte de persoas físicas.

3.Cesión temporal da Aula de informática e súas instalacións ás persoas xurídicas e/ou empresarios individuais para realizar cursos ou actividades, non organizadas polo propio Concello.

Artigo cuarto: Contías das actividades gravadas.

1. O importe do Prezo Público fixado cubrirá, como mínimo, o custo do Servicio prestado, podendo así fixarse un prezo público por debaixo do custo cando existan razóns sociais benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsexen. Especialmente nos casos enunciados no artigo sexto da presente ordenanza.

2. A contía do prezo público determinarase aplicando as tarifas seguintes:

Tarifa primeira: Cursos ou actividades programadas de informática.

- Que non impliquen conexión á rede telefónica: 350 ptas./hora - 2,1 euros/hora do curso ou actividade.

- Que impliquen conexión á rede telefónica: 350 ptas./hora - 2,1 euros/hora do curso ou actividade.

Tarifa segunda: utilización persoal dos ordenadores:

100 ptas. - 0,6 euros/hora/usuario.

Cota mínima 500 ptas. - 3 euros.

Tarifa terceira: cesión da aula de informática e as súas instalacións:

- Para entidades con ánimo de lucro: 2.500 ptas./hora - 15 euros/hora.

O Concello de Bergondo resérvase o dereito de programar cursos ou actividades de carácter gratuíto ou cunha reducción de contías de ata unha porcentaxe do 50% para determinados colectivos que se consideren desfavorecidos, previo informe da área de Servicios Sociais, e/ou que sexa necesaria a súa formación neste campo, previo informe da área de Educación. Así mesmo ás entidades sen ánimo de lucro aplicaráselles unha reducción do 20% na denominada tarifa terceira referente á cesión da aula de informática.

Para persoas que acrediten formar parte de familia numerosa, para cursos ou actividades programadas, a contía verase reducida nun 50%.

Cando se inscriban en cursos ou actividades programadas máis dun irmán dunha unidade familiar, que non formen familia numerosa, ó primeiro cobraráselle o 100%, e ós seguintes o 50% da cota. En todo caso, o desconto aplicarase sempre ás contías menores.

Artigo quinto: Obriga de pagamento.

A obriga de pago nace dende que se inicia a prestación do Servicio.

Artigo sexto: Normas de xestión: pagamento.

As solicitudes para a admisión en cursos ou/e actividades de informática programados ou para a utilización por cesión da aula de informática e as súas instalacións dirixiranse ó Alcalde-Presidente do Concello de Bergondo, sendo informadas e tramitadas polo Servicio responsable da aula de informática do Concello de Bergondo. As autorizacións para a utilización por cesión da aula de informática e instalacións, así como a admisión ós cursos ou/e actividades de informática programados será concedida polo Alcalde-Presidente do Concello de Bergondo e notificadas ó interesado.

Dende a data de recepción da notificación, o importe do Prezo Público farase efectivo por ingreso directo nas entidades bancarias colaboradoras deste Concello e sempre antes de iniciar a utilización dos servicios da aula de informática.

Para a utilización dos ordenadores por horas, por parte das persoas físicas, estenderanse "Talonarios de Uso" por importe de 500 pts - 3 Euros (10 talóns de 50 pesetas - 0,30 euros, cada un). Pagarase o Prezo Público na entidade Bancaria e co comprobante de pago recollerase o " Talonario de Uso" nas dependencias do Concello que para isto se asignen.

As débedas non satisfeitas nos termos deste artigo esixiranse por vía de constrinximento de acordo co que dispón o Regulamento xeral de recadación.

Artigo sétimo: Outras obrigas.

Os solicitantes do servicio da aula de informática deberán estar ó corrente do pago das débedas contraídas co Concello de Bergondo.

Nos supostos en que o servicio ou a actividade a desenvolver na aula de cultura, previa autorización, non se encontre tarifada na presente Ordenanza ou resulte necesaria a modificación ou actualización das contías, delégase na Comisión de Goberno, conforme o artigo 23.2 b) da Lei 7/85, do 2 de abril, o establecemento da tarifa a proposta do servicio técnico co previo informe da Intervención municipal.

Disposición final.

A presente ordenanza entrará en vigor e comenzará a aplicarse ó día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.

Dilixencia.

A precedente ordenanza foi aprobada polo Concello en Pleno o día 15 de xuño de 2001.