Bergondo - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA UTILIZACIÓN DOS SERVICIOS DA AULA DE INFORMÁTICA DO CONCELLO DE BERGONDO.

Publicación provisional: 11/08/2001 BOP Nº: 184
Publicación definitiva: 11/08/2001 BOP Nº: 184
Aplicable dende: 29/08/2003

Artigo primeiro: Concepto.

A) De acordo co disposto no artigo 129 en relación co artigo 41 ámbolos dous da Lei 39/88, de 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, na súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación da prestacións patrimoniais de carácter público, este concello establece o prezo público por utilización dos servicios da aula de informática do Concello de Bergondo, que se rexerá polo que dispón esta Ordenanza.

B) Poderán ser usuarios da Aula de Informática tódalas persoas físicas ou xurídicas que soliciten a utilización do Servicio e as entidades que desenvolvan actividades de interese municipal ou de clara relevancia cultural.

Artigo segundo: Suxeitos obrigados o pago.

Son suxeitos obrigados ó pago as persoas físicas e xurídicas, que soliciten a utilización do servicio ou as que resulten beneficiadas polo mesmo.

Non estarán obrigados ó pago as persoas físicas ou xurídicas cando utilicen o dito servicio para realizar actividades patrocinadas polo Concello de Bergondo.

Artigo terceiro: Actividades gravadas.

Constitúe servicio ou actividade gravada por este prezo público a prestación de servicios da Aula de Informática do Concello de Bergondo consistentes en:

1. Cursos ou/e actividades de informática programados e impartidos por profesores que impliquen conexión a rede telefónica (internet, correo electrónico....), ou non impliquen conexión a rede telefónica.(ofimática, xogos....)

2. Cesión temporal da Aula de informática e súas instalacións ás persoas xurídicas e/ou empresarios individuais para realizar cursos ou actividades, non organizadas polo propio Concello.

Artigo cuarto: Contías das actividades gravadas.

1. O importe do prezo público fixado cubrirá, como mínimo, o custo do Servicio prestado, podendo así fixarse un prezo público por debaixo do custo cando existan razóns sociais benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen. Especialmente nos casos enunciados no artigo sexto da presente ordenanza.

2. A contía do prezo público determinarase aplicando as tarifas seguintes:

Tarifa primeira: Cursos ou actividades programadas de informática.

- Que non impliquen conexión a rede telefónica: 2,1 euros/hora do curso ou actividade.

- Que impliquen conexión a rede telefónica: 2,1 euros/hora do curso ou actividade.

Tarifa segunda: Cesión da Aula de Informática e as súas instalacións:

- Para entidades con ánimo de lucro: 15 euros/hora.

Artigo quinto: Obriga de pagamento.

A obriga de pago nace dende que se inicia a prestación do Servicio.

Artigo sexto: Normas de xestión: pagamento.

As solicitudes para a admisión en cursos ou/e actividades de informática programados ou para a utilización por cesión da Aula de Informática e as súas instalacións dirixiránse ó alcalde-presidente do Concello de Bergondo, sendo informadas e tramitadas polo Servicio responsable da Aula de Informática do Concello de Bergondo. As autorizacións para a utilización por cesión da Aula de Informática e instalacións, así como a admisión ós cursos ou/e actividades de informática programados será concedida polo alcalde-presidente do Concello de Bergondo e notificadas ó interesado.

Dende a data de recepción da notificación, o importe do prezo público farase efectivo por ingreso directo nas entidades bancarias colaboradoras deste Concello e sempre antes de iniciar a utilización dos servicios da Aula de Informática.

As débedas non satisfeitas nos termos deste artigo esixiranse por vía de constrinximento de acordo co que dispón o Regulamento Xeral de Recadación.

Artigo sétimo: Outras obrigas.

Os solicitantes do servicio da aula de informática deberán estar ó corrente do pago das débedas contraídas co Concello de Bergondo.

Nos supostos en que o servicio ou a actividade a desenvolver na aula de cultura, previa autorización, non se encontre tarifada na presente Ordenanza ou resulte necesaria a modificación ou actualización das contías, delégase na Comisión de Goberno, conforme o artigo 23.2 b) da Lei 7/85, do 2 de abril, o establecemento da tarifa a proposta do servicio técnico co previo informe da Intervención municipal.

Disposición final.

A presente ordenanza entrará en vigor e comenzará a aplicarse unha vez realizada a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo establecido no artigo 70.2 LBRL, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.