Neda - ORDENANZA NÚMERO 5.-REGULADORA DA TAXA POLA SUBMINISTRACIÓN DE AUGA POTABLE A DOMICILIO

Publicación provisional: 13/01/1999 BOP Nº: 9
Publicación definitiva: 13/01/1999 BOP Nº: 9
Aplicable dende: 01/01/2005

Capítulo I.-Fundamento legal.


Artigo 1.-Fundamento e natureza.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa por prestación do servicio público de subministro de auga potable a domicilio e das acometidas á rede xeral de abastecemento de auga, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, atendendo as súas normas ó disposto no artigo 38 da devandita Lei 39/88.

Capítulo II.-Suxeito pasivo e beneficios fiscais


Artigo 2.-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas, xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria e 23 da Lei 39/88, do 28 de decembro, quen solicite, resulte beneficiada ou sexa usuaria dos servicios descritos no parágrafo anterior.

Terán a condición de substitutos do contribuínte, os propietarios das vivendas ou locais ós que se dote do servicio, podendo repercutir, no seu caso, as cotas sobre os respectivos beneficiarios.

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas a que se refiren os artigos 38 e 39 da Lei xeral tributaria.

Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.

A utilización do servicio de auga declarase obrigatorio cando os edificios poidan acometer á rede xeral de distribución.

Artigo 3.-Exencións.

Están exentos os edificios e dependencias propiedade do concello que estean destinados a prestación dos servicios públicos de competencia municipal.

Así mesmo, quedan exentos do pagamento da taxa:

1.-Abonados e titulares do servicio que se confeccione segundo padrón de desempregados e pensionistas vixente, ou altas novas.

2.-As familias con ingresos, iguais ou inferiores o salario mínimo interprofesional para toda a unidade familiar.

3.-Pensionistas con ingresos iguais ou inferiores a pensión mínima da Seguridade Social, para toda a unidade familiar.

4.-Aquelas outras persoas que non reunindo os requisitos 2 e 3, reúnan condicións especiais que se estimen por esta Corporación que non acadan os mínimos vitais.

5.-Así mesmo, poderá a Corporación non eximir a quen reunindo os requisitos 2 e 3, non teñan cargas familiares ou teñan ingresos adicionais (rendas de capital, etc.).

Capítulo III.-Feito impoñible


Artigo 4.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible desta taxa, a prestación no Concello dos seguintes servicios:

- Subministro de auga potable a domicilio.

- Acometidas á rede xeral de abastecemento de auga.

Serán obxectos da anterior tarifa os seguintes:

Uso doméstico.-Enténdese coma uso domestico, a utilización do subministro de auga en inmobles e vivendas particulares.

Non se permitirá o regadío e mailo abastecemento a terreos ou explotacións agrícolas.

Cando se inclúa o subministro a piscinas ou xardíns, a tarifa a aplicar será a de usos industriais.

Uso industrial.-Entendese coma uso industrial a utilización do subministro de auga en hoteis, hospedaxes, fondas, sanatorios, cafés, bares, tabernas, restaurantes, almacéns de viños, garaxes, talleres, fabricas, academias, colexios, panaderías, teatros, cinematógrafos, oficinas e demais establecementos ou industrias.

Uso específico.-Entendese coma uso especifico, a utilización do subministro de auga en casos especiais (obras na rúa, feiras ou festexos, etc.) e de curta duración, aínda que se procurará sempre que se poida a instalación do contador, para poder engloba-lo subministro dentro do apartado de uso industrial.

Capítulo IV.-Obxecto imponible.


Artigo 5.-Cota tributaria.

A cota tributaria será a fixada nas tarifas seguintes:

A) ABASTECEMENTO DE AUGA:

Usos domésticos:

-Mínimo de facturación 45 m3/trimestre.

-Importe por m3 de auga facturada:

De 0 a 45 m3: 0,1893 euros/m3

Máis de 45 m3: 0,2623 euros/m3

Usos Industriais:

-Mínimo de facturación 105 m3/trimestre.

-Importe por m3 de auga facturado:

De 0 a 105 m3: 0,1893 euros/m3

Máis de 105 m3: 0,2623 euros/m3

Usos específicos en número limitado de días:

-A cantidade fixa de: 21,06 euros.

As tarifas anteriores non inclúen o IVE, que se engadirá en todo caso (7 po 100).

B) ACOMETIDASÁ REDE XERAL DE ABASTECEMENTO DE AUGA:

Dereitos de acometida:

A concesión de novas tomas ou acometidas á rede faranse mediante solicitude dos interesados nas oficinas da empresa concesionaria do servicio, e con acordo adoptado polo concello, previo informe.

As peticións terán de ser individuais, e dicir, unha por cada toma ou acometida, e en caso de resultar aprobada deberase satisfacer a cantidade de 17,55 euros como dereito de acometida.

Así mesmo, fixase a cantidade de 122,75 euros como dereito de acometida, para os casos nos que éstas fosen realizadas en núcleos con aportación veciñal e algún dos veciños non a tivera realizada sen causa xustificada.

Simultaneamente á firma da póliza de abono o usuario constituirá unha fianza polo importe do mínimo correspondente a dous trimestres, e tamén terá que aboar a cantidade de 11,68.-euros polo dereito de enganche.

Capítulo V.-Recadación


Artigo 6.-Recadación.

A recadación do importe da taxa será trimestral e realizarase pola empresa concesionaria, mediante recibo, salvo en caso de fraude que se fará por actas de invitación. O cobramento dos recibos farase de forma preferente mediante domiciliación bancaria, para o cal no momento en que se produza a sinatura do contrato de aboamento o servicio, asinarase polo contratante o correspondente impreso de domiciliación, no que se conteña unha cláusula que manteña a validez da dita domiciliación, ata en tanto polo concello non se lle comunique o establecemento bancario a cancelación desta. Non obstante o anterior, o cobramento do recibo poderá realizarse tamén por presentación no domicilio dos abonados.

No caso dos recibos que se presenten o cobramento en establecementos bancarios e sexan devoltos por inexistencia de fondos, o débito notificarase ó abonado, quen poderá facelo efectivo na oficina do servicio no prazo de quince días hábiles sen recargo ningún.

Cando o cobramento dos recibos se faga por presentación no domicilio do abonado, e de non ser pagado o seu importe nese momento por ausencia deste o cobrador deixará un aviso impreso e datado, para que se faga efectivo nas oficinas do servicio, dispoñendo os abonados dun prazo de quince días hábiles para aboalos sen recargo ningún. De ser refusado o pagamento do recibo no momento da súa presentación, o cobrador estenderá dilixencia ó dorso facendo constar tal feito, e o abonado disporá dun período de cinco días hábiles para facelo efectivo nas oficinas do servicio sen recargo.

En todo caso, transcorridos os prazos anteriores, os recibos deberán aboarse cun recargo do 20 por cento, cobrándose por vía de constrinximento de acordo coa lexislación vixente.

Tanto as altas coma as baixas de abonados, liquidaranse trimestralmente, sen prexuízo de que a petición de alta ou baixa sexa de inmediato.

As reclamacións sobre a recadación por posibles erros de cálculo e outros motivos, efectuaranse na empresa concesionaria do servicio, acompañando os recibos que se presuman conteñan erro ou omisión.

No caso de traslado de domicilio do abonado este seguirá a ser responsable do importe da auga da vivenda que deixou, se non se dá de baixa coa antelación suficiente nas oficinas do servicio.

Capítulo VI.-Responsabilidades por incumprimento desta ordenanza


Artigo 7.-Infraccións e sancións.

Ninguén poderá utiliza-la auga sen ter formulada e suscrita a póliza de abonado. As infraccións serán cualificadas e sancionadas de acordo co previsto na lexislación vixente en materia de taxas.

Agás no caso de incendio que porán en coñecemento da administración do servicio dentro das 24 horas seguintes do sinistro, baixo ningún pretexto poderán os abonados ou quen os represente:

a) Emprega-la auga para usos distintos dos estipulados na póliza de aboamento.

b) Vender ou cede-la auga que se lle subministre o concello a prol dun terceiro.

c) Deixar corre-la auga sen necesidade.

d) Abrir, nin facer uso dos rexistros que encerran os aparatos de toma, chaves de paso, aforamentos ou outros servicios.

e) Establecer ningún ramal entre a toma e o aparato que verifique o aforo, nin facer derivación da instalación para outros locais ou vivendas diferentes as consignadas na póliza.

A contravención de calquera destes apartados dará lugar a imposición dunha multa de 6 a 30 euros, sinalada pola alcaldía aténdose á gravidade e importancia da falta, sen prexuízo de retirarlle temporal ou definitivamente o servicio.

As procedentes sancións imporanse sen prexuízo das responsabilidades que se teña lugar pola aplicación das leis e regulamentos vixentes.

Non se permitirá ós particulares e empresas utilizar augas das fontes públicas para usos industriais e obras.

Capítulo VII.-Normas xerais de xestión


Artigo 8.-Normas de xestión.

Para outorgar novas pólizas de aboamento será indispensable que o usuario merque o contador previa solicitude pola súa parte, o cal porá a disposición da empresa concesionaria do servicio, para a súa instalación. O concello porá dispor que, con carácter xeral, se instalen contadores nas vivendas e locais comerciais e industrias que carezan destes, baixo apercibimento de que noutro senso, poderá procederse o corte da subministración da auga.

Os contadores debidamente verificados, serán os seguintes:

- Para usos domésticos, mínimo: 13 mm.

- Para usos industriais, mínimo: 20 mm.

Entenderase por abonado, para os efectos desta ordenanza, toda persoa natural capacitada legalmente para contratar, ou xurídica que se lle conceda a prestación do servicio de auga.

Os aboamentos para o servicio solicitaranse calquera que sexa o uso a que se lle destine, mediante a oportuna petición de alta e suscripción da póliza de aboamento, na que o interesado declarará ademais da filiación, enderezo, DNI ou CIF, fin e uso a que destinará a auga, fronte da vivenda, e demais datos complementarios para o perfecto coñecemento e determinación da clase e importancia do servicio que se pretenda e concesión e instalación do goce. As peticións levarán implícito o compromiso do peticionario de cumpri-las disposicións consignadas na presente ordenanza.

Os contratos ou pólizas de aboamento serán facilitados e cubertas gratuitamente pola empresa concesionaria do servicio.

O contrato terá vixencia durante o tempo que o abonado ocupe a vivenda, á que a póliza se refire, quedando obrigado este a satisface-lo importe do consumo mínimo de auga da tarifa en que estea clasificado, aínda no caso de que o consumo trimestral non acadase este mínimo.

Cada contrato de subministración de auga estará afecto a unha soa casa e a unha soa vivenda.

Baixo ningún concepto poderá un abonado ampliar para outros usos que os estipulados na póliza de aboamento, especular na súa venda ou cesión e dispor de toda ou parte da que vén asignada ó seu domicilio ou industria a prol dun terceiro, nin facer variacións de ningunha clase na instalación, sen coñecemento do concello ou empresa adxudicataria do servicio.

Nas vivendas que exista instalación de auga é obriga do propietario pasar aviso á empresa adxudicataria do servicio das datas en que quede desalugada e na que volva a ser ocupada.

No suposto de que o propietario non o notifique, deberá seguir aboando as cotas correspondentes ós recibos que por facturación mínima corresponderán ata que se faga efectiva a baixa. De igual modo será responsable subsidiario daqueles recibos que o inquilino non satisfaga á empresa adxudicataria do servicio polas causas expostas e da dita totalidade expediráselle o cargo correspondente.

Disposición xerais da prestación e recepción do servicio.

Capítulo VIII.-Acometidas

Artigo 9.

O servicio de subministración de auga limitarase á zona que comprenda a rede de distribución.

Artigo 10.

As tomas ou acometidas que se soliciten para utiliza-la auga en terreos onde non exista rede de distribución, no caso de acceder a isto o concello, deberán os solicitantes sufraga-los gastos da ampliación da rede, e as obras deberán seren realizadas pola empresa concesionaria do servicio, a cal levará o control e dirección destas xuntamente cos técnicos municipais.

Unha vez posta en funcionamento pasará a instalación a ser propiedade do concello.

Artigo 11.

Os propietarios de terreos que non teñan contribuído a sufraga-los gastos de primeiro establecemento da rede xeral de auga nalgunha vía, cando soliciten levar a cabo a acometida para os seus inmobles, virán obrigados a paga-la extensión da rede xeral necesaria para que se fixo tal acometida, baixo as condicións técnicas de dimensión e instalación que os servicios municipais dispoñan.

Artigo 12.

Unha toma ou acometida servirá só para o terreo que foi pedida, sen que se permita estendela a varias, aínda estando contiguas e pertencendo ó mesmo dono, agás conveniencias de distribución para o servicio, e nese caso faríase a derivación fóra do terreo primitivo.

Artigo 13.

Se por venda ou outras causas se dividira a propiedade, os novos propietarios virán obrigados a executar unha toma independente para cada un.

Capítulo IX.-Instalacións interiores


Artigo 14.

Todo terreo abastecido terá na vía pública e o máis próximo a ela a chave ou chaves de paso convenientes para poder incomunicala coa tubeira xeral, que soamente poderá ser manipulada por persoal do servicio.

Artigo 15.

Os diámetros das tubeiras que se usan para as acometidas serán:

- Para edificios compostos de baixo e dúas vivendas, o diámetro mínimo será de 25 mm, aumentándose este a medida que a casa teña máis pisos ou sexa susceptible de ser ampliada.

- Para edificios compostos de planta baixa e que non sexan susceptibles de ampliación 25 mm de diámetro mínimo.

Artigo 16.

Serán de conta do propietario as modificacións ou reformas que sexa preciso facer nas instalacións con motivo da colocación de contadores ou por outra causa calquera a xuízo do técnico do servicio.

Tódalas reformas deberán seren realizadas pola empresa concesionaria do servicio.

Artigo 17.

O importe da conservación do contador e acometidas no caso de avarías, será sufragado polo propietario.

Artigo 18.

As instalacións interiores dos terreos serán efectuados por un instalador debidamente autorizado pola Consellería de Industria de acordo co establecido na Orde de 9 de decembro de 1975, do Ministerio de Industria (BOE número 11 do 12.1.1976) e demais disposicións legais de aplicación.

Artigo 19.

É obriga dos propietarios participar ó servicio de augas do concello a data en que comezan os traballos de instalación do servicio de auga no interior dos seus terreos e a data en que rematen as obras, co fin de que poidan ser inspeccionadas.

Artigo 20.

O Concello poderá esixi-la recolocación dun contador por non estar en lugar axeitado.

Artigo 21.

Nos terreos que comprendan varias vivendas ou industrias e por conseguinte, varios abonados, faranse as instalacións individuais a cada unha delas de forma que os contadores poidan colocarse en arquetas axeitadas e todos xuntos en batería, e en lugar facilmente accesible do portal, patio, ou baixo do edificio, norma que se terá asemade en conta no caso de que sexa soamente un ó abonado.

Se houbese dificultade na elección do sitio de emprazamento o propietario solicitará á Administración que lle fixe o lugar de colocación.

Artigo 22.

Excepto nos casos de forza maior, prohíbese curva-los tubos cando a curva que se teña que empregar teña menos de 10 cm de radio, utilizándose naqueles casos os correspondentes accesorios con obxecto de evitar que a causa da oxidación resultante de saltala capa galvanizada, quede obstruído o tubo ou interrompida a circulación da auga.

Artigo 23.

O diámetro da tubeira xeral destas instalacións será necesariamente igual o da acometida, podendo diminuírse gradualmente segundo os servicios que deba producir. Non se permitirán diámetros inferiores a 13 mm nas tubeiras agás no caso de ramais que teñan de alimentar unha cisterna ou aparato análogo.

Artigo 24.

As chaves de paso que se utilicen terán de ser de bronce, modelo reforzado, do mesmo diámetro que as tubeiras onde van colocadas, e as que se coloquen antes dos contadores deberán ir perforadas nun dos ángulos da montura co obxecto de que poidan ser precintadas polo servicio.

Artigo 25.

Cando se instalen termosifóns ou calefaccións a presión, e obrigatorio a colocación dunha válvula de retención antes dos depósitos ou caldeiras e no tubo de alimentación destas, co obxecto de evitar que a causa do peche na rede ou dun aumento de presión nos aparatos, a auga quente poida pasa-las tubeiras xerais de subministración, co conseguinte prexuízo para os contadores, depósitos e fervedoiros do termo.

Recomendase que en todos eles se coloquen válvulas de expansión co obxecto de evitar posibles explosións. Sendo obrigatorio colocar en todos flotadores de regulación de nivel.

Artigo 26.

Nos edificios que para evitala falla de auga por avaría ou por corte no subministro se instalen depósitos situados nos tellados ou terrazas, estes estarán cubertos e ventilados e construiranse de cemento, fibrocemento ou similares, non debendo utilizarse nunca chumbo ou zinc, polo perigo que significa para a formación de sales que contaminan a auga.

Artigo 27.

Nos casos en que, pola forma de instalación destes depósitos, poida pasa-la auga destes a tubeira xeral, por falla de presión nela, intalarase unha válvula de retención a saída dos contadores, o mesmo que no caso previsto anteriormente.

Artigo 28.

Todo abonado queda obrigado a permitir que a calquera hora hábil do día sexa visitada á súa instalación polos empregados encargados deste cometido, sen que poidan opoñer ningún obstáculo a cantas comprobacións periódicas ou excepcionais se estimen procedentes.

A negativa dos interesados a autorizar esta revisións será causa suficiente par retirarlle o servicio de augas, sen dereito a reclamación ningunha.

Artigo 29.

O servicio municipal de augas reservase a facultade de non empalmar coa rede de distribución as instalacións que non reúnan as condición s regulamentarias.

Artigo 30.

O servicio municipal de augas reservase o dereito de comprobar, cando o considere necesario ou oportuno, todo aparato contador que estime dubidoso ou anormal o seu funcionamento.

Artigo 31.

A Instalación dos contadores efectuarase exclusivamente por persoal do servicio de augas.

Artigo 32.

Os precintos colocados non poderán ser alterados baixo ningún pretexto polos abonados, xa que no dito caso incorrerán na sanción correspondente.

Artigo 33.

O concello non se fai responsable por interrupcións involuntarias do servicio de abastecemento de augas, ou cando sexa necesario executar obras ou reparacións na rede xeral de distribución podendo cortala subministración ós abonados, pero estes non teñen dereito a reclamación ningunha por este concepto.

Artigo 34.

Tampouco terá dereito a indemnización cando se interrompe o servicio por consecuencia de escaseza, de calquera motivo de seca, xeadas, ou calquera outra causa de forza maior.

Artigo 35.

En épocas de grandes secas, que puidera ser necesaria a restricción do consumo, comezará esta polos abonados coa tarifa industrial e todos aqueles que quedasen suxeitos ás medidas que crese oportuno adoptalo concello.

Artigo 36.

Os danos ou prexuízos que se orixinen a terceiros por culpa do abonado, ben sexa por neglixencia ou abandono do coidado que deben telas instalacións da auga, serán exclusivamente conta deste.

Artigo 37.

Nos casos en que, pola forma de instalación destes depósitos, poida pasa-la auga dos mesmos ó entubado xeral, por falta de presión nela, instalarase unha válvula de retención á saída dos contadores, o mesmo ca no caso previsto anteriormente.

Artigo 38.

Todo abonado queda obrigado a permitir que a calquera hora hábil do día sexa visitada a súa instalación polos empregados encargados deste cometido, sen que poidan opoñer ningún obstáculo a cantas comprobacións periódicas ou excepcionais se estimen procedentes.

A negativa dos interesados a autorizar estas revisións será causa suficiente para retirarlle o servicio de augas, sen dereito a reclamación ningunha

Artigo 39.

O Servicio Municipal de Augas resérvase a facultade de non empalmar coa rede de distribución as instalacións que non reúnan as condicións regulamentarias.

Artigo 40.

O Servicio Municipal de Augas resérvase o dereito de comprobar, cando o considere necesario ou oportuno, todo aparato contador que estime dubidoso ou anormal o seu funcionamento.

Artigo 41.

A instalación dos contadores efectuarase exclusivamente por persoal do servicio de augas.

Artigo 42.

Os precintos colocados non poderán ser alterados baixo ningún pretexto polos abonados, xa que en dito caso incorrerán na sanción correspondente.

Artigo 43.

Ninguén poderá utiliza-la auga sen ter formulada e subscrita a póliza de abonado. As infraccións serán cualificadas e sancionadas de acordo co previsto na lexislación vixente en materia de taxas.

Artigo 44.

Agás no caso de incendio que porán en coñecemento da Administración do servicio dentro das vintecatro horas seguintes do sinistro, baixo ningún pretexto poderán os abonados ou quen os represente:

a) Emprega-la auga para usos distintos dos estipulados na póliza de aboamento.

b) Vender ou cede-la auga que lle subministre o Concello a prol dun terceiro.

c) Deixar corre-la auga sen necesidade.

d) Abrir, nin facer uso dos rexistros que encerran os aparatos de toma, chaves de paso, aforos ou outros servicios.

e) Establecer ningún ramal entre a toma e o aparato que verifique o aforo, nin facer derivación da instalación para outros locais ou vivendas diferentes ás consignadas na póliza.

A contravención de calquera destes apartados dará lugar á imposición dunha multa de 1.000 a 5.000 ptas., sinalada pola Alcaldía, aténdose á gravidade e importancia da falta, sen prexuízo de retirarlle temporal ou definitivamente o servicio.

Artigo 45.

As procedentes sancións imporanse sen prexuízo das responsabilidades que se teña lugar pola aplicación das leis e regulamentos vixentes.

EXENCIÓNS


Artigo 46.

Están exentos os edificios e dependencias propiedade do Concello que estean destinados á presentación dos servicios públicos de competencia municipal.

Así mesmo, quedan exentos do pagamento da taxa:

1.-Abonados e titulares do servicio que se confeccione segundo padrón de desempregados e pensionistas vixente, ou altas novas.

2.-As familias con ingresos, iguais ou inferiores ó salario mínimo interprofesional para toda a unidade familiar.

3.-Pensionistas con ingresos iguais ou inferiores á pensión mínima da Seguridade Social, para toda a unidade familiar.

4.-Aqueloutras persoas que, non reunindo os requisitos 2 e 3, reúnan condicións especiais que se estimen por esta corporación que non acadan os mínimos vitais.

5.-Así mesmo, poderá a corporación non eximir a quen, reunindo os requisitos 2 e 3, non teñan cargas familiares ou teñan ingresos adicionais (rendas de capital, etc.).

DISPOSICIÓNS XERAIS


Artigo 47.

Non se permitirá ós particulares e empresas utilizar augas das fontes públicas para usos industriais e obras.

Artigo 48.

O Concello non se fai responsable por interrupcións involuntarias do servicio de abastecemento de augas, ou cando sexa necesario executar obras ou reparacións na rede xeral de distribución, podendo corta-la subministración ós abonados, pero estes non teñen dereito a reclamación ningunha por este concepto.

Artigo 49.

Tampouco terá dereito a indemnización cando se interrompa o servicio por consecuencia de escaseza, de calquera motivo de seca, xeadas, ou calquera outra causa de forza maior.

Artigo 50.

En épocas de grandes secas, que puidera ser necesaria a restricción do consumo, comezará esta polos abonados coa tarifa industrial e todos aqueles que quedasen suxeitos ás medidas que crese oportuno adopta-lo Concello.

Artigo 51.

Os danos ou perdas que se orixinen a terceiros por culpa do abonado, ben sexa por neglixencia ou abandono do coidado que deben te-las instalacións da auga, serán exclusivamente por conta deste.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Primeira.-O imposto sobre o valor engadido repercutivo sobre as taxas establecidas nesta ordenanza, será modificado de forma automática, no momento en que se producise modificación no tipo de gravame do citado imposto.

Segunda.-Na última quincena do ano, aprobaranse os listados de prezos que rexerán para as obras do exercicio seguinte, previo informe técnico e adopción pola comisión de goberno.

DISPOSICIÓN FINAL

Primeira.-A presente modificación entrará en vigor o día da súa publicación no BOP, e comezará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 1999, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.