Melide - Ordenanza fiscal núm. 11, reguladora da taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal

Publicación provisional: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Publicación definitiva: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Aplicable dende: 15/02/2010

Artigo 1.-Natureza e fundamento.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e os artigos 20 e 58 da Lei 39/88, do 28 de decembro, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, acorda a imposición e ordenación da taxa por instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, sitos en terreo de uso público municipal, así coma industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica.

Artigo 2.-Feito imponible.

Constitúe o feito imponible da taxa a utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público municipal polos conceptos que se sinalan no título da taxa.

Artigo 3.-Suxeitos pasivos.

Serán suxeitos pasivos desta taxa as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria que gocen, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular, consonte algún dos supostos citados no feito imponible.

Artigo 4.-Responsables.

- Serán responsables solidarios das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

- Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5.-Cota tributaria.

A cota desta taxa será a que figura no anexo desta ordenanza.

Artigo 6.-Beneficios fiscais.

Só se admitirán os beneficios que veñan establecidos nas normas con rango de lei ou deriven de tratados ou acordos internacionais.

Artigo 7.-Percepción.

Percíbese a taxa e nace a obriga de contribuír:

- Nos servicios de retribución puntual, no momento de presenta-la solicitude de concesión ou autorización.

- Nos servicios de retribución periódica, percibirase a taxa o día primeiro de cada ano natural.

Artigo 8.-Liquidación.

- Cando se trate de servicios puntuais, liquidarase e esixirase a taxa en calidade de depósito previo, en todo caso antes de iniciarse o trámite do expediente de concesión ou autorización do aproveitamento solicitado.

- Cando se trate de servicios de retribución periódica, liquidarase e esixirase a taxa nos períodos que se sinalen na tarifa da taxa ou na liquidación única anual.

- Se se realiza o aproveitamento ou utilización do dominio público municipal sen mediar concesión ou autorización, liquidarase e notificarase a débeda, esixindo o ingreso nos prazos previstos no Regulamento Xeral de Recadación para a liquidación de contraído previo, sen prexuízo de abri-lo oportuno expediente sancionador por infracción tributaria.

Artigo 9.-Ingreso.

O pagamento desta taxa realizarase:

- Nas liquidacións de contraído previo, na Tesourería municipal ou nas entidades financeiras que na notificación se sinalen. En todo caso, o ingreso será anterior ó inicio do expediente de concesión ou autorización do aproveitamento interesado.

- Nas liquidacións por recibo ou padrón, nas datas e entidades financeiras ou oficinas que se sinalen no edicto de exposición pública do padrón.

Artigo 10.-Infraccións e sancións.

Nesta materia estarase ó disposto na Lei Xeral Tributaria e normativa de desenvolvemento.

Artigo 11.-Normas de xestión.

- As persoas ou entidades interesadas na concesión ou autorización para realiza-los aproveitamentos sobre o dominio público municipal a que fai referencia eta taxa deberán presentar unha solicitude achegándolle o plano, o detalle da superficie do aproveitamento e da súa situación dentro do término municipal. Antes da autorización ou concesión do aproveitamento, a persoa ou entidade interesada no aproveitamento aboará o importe da taxa en calidade de depósito previo.

- No caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicita-la devolución da taxa ingresada en calidade de depósito previo.

- Unha vez autorizada ou concedida a licencia de aproveitamento, entenderase prorrogada mentres non presente a declaración de baixa o interesado.

- Cando remate o aproveitamento, os suxeitos pasivos formularán as declaracións de baixa no censo ou padrón da taxa e producirá efectos no período natural seguinte ó de presentación da mesma, podendo, no seu caso, prorratearse por meses. A non presentación da baixa determinará a obriga de continuar aboando a taxa.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal, cunha redacción definitiva aprobada polo Pleno da corporación na sesión que tivo lugar na data que se expresa no anexo a esta ordenanza, entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1999.

ANEXO

Primeiro: A estrutura desta taxa será a seguinte:

1º Postos de venda nos domingos e días de feira:

a) Domingos (excepto o último domingo de cada mes):

- Postos ata 14 x 3 m (PA): 105,97 euros/semestrais.

- Postos ata 10 x 3 m (PB): 82,48 euros/semestrais.

- Postos ata 6 x 3 m (PC): 47,10 euros/semestrais.

b) Días de feira (último domingo de cada mes):

- Postos ata 14 x 3 m (PA): 105,97 euros/semestrais.

- Postos ata 10 x 3 m (PB): 82,48 euros/semestrais.

- Postos ata 6 x 3 m (PC): 47,10 euros/semestrais.

2º Instalación de barracas e casetas de venda con carácter puntual:

- 40 euros por metro lineal, medidos no sentido máis longo.

3º Instalacións de recreo ou atraccións con carácter puntual:

- 20 euros por metro cadrado de superficie ocupada.

4º Instalación de espectáculos, circos, con carácter puntual:

- 1,50 euros por metro cadrado de superficie ocupada.

Segundo.- Data de aprobación:

(BOP nº 298 do 30 de decembro de 1998)

(BOP nº 61 do 14 de marzo de 2002)

(BOP nº 267 do 20 de novembro de 2003)

(BOP nº 299 do 31 de decembro de 2003)

(BOP nº 267 19/11/2004 e BOP nº 300, 31/12/2004)

(BOP nº 298, 30/12/2005)

(BOP nº 300, do 31/12/2007)

(BOP nº 298, 29/12/2008)

(BOP nº 30, 15/02/2010)