Mañón - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA EXPEDICIÓN DE DOCUMENTOS ADMINISTRATIVOS
Artigo 1º.- Fundamento e natureza.
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 e 20.4.a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Concello de Mañón establece a taxa por expedición de documentos administrativos, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2º.- Feito impoñible.
1.- Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade administrativa desenvolvida para a tramitación, a instancia de parte, de toda clase de documentos que expida e de expedientes dos que entenda a Administración ou as autoridades municipais.
2.- Para estes efectos, entenderase tramitada a instancia de parte, calquera documentación administrativa que fora solicitada polo particular ou redunde no seu beneficio aínda que non mediara solicitude expresa do interesado.
3.- Non estarán suxeitos a esta taxa a tramitación de documentos e expedientes necesarios para o cumprimento de obrigacións fiscais, as consultas tributarias, os expedientes de devolución de ingresos indebidos e os recursos administrativos contra resolucións municipais de calquera índole.
Artigo 3º.- Suxeito pasivo.
Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria que soliciten, provoquen ou en interese das cales redunde a tramitación de documento ou expediente de que se trate.
Artigo 4º.- Responsables.
Responderán solidaria e subsidiariamente deste tributo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 41, 42 e 43 da Lei Xeral Tributaria.
Artigo 5º.- Exencións.
Non se contempla ningunha exención na aplicación das cotas tributarias desta Ordenanza.
Artigo 6º.- Cota tributaria.
1.- A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza dos documentos ou expedientes a tramitar, dacordo coas tarifas que se conteñen no artigo seguinte.
2.- A cota de tarifa corresponde á tramitación completa, en cada instancia, do documento ou expediente de que se trate, dende a súa iniciación ata a súa resolución final, incluida a certificación e notificación ó interesado do acordo recaído.
Artigo 7º.- Tarifa.
A tarifa á que se refire o artigo anterior estructúrase da seguinte maneira:
EPÍGRAFE PRIMEIRO: CENSOS E PADRÓN DE POBOACIÓN | |
1.- Certificados do padrón de habitantes | 1,80 € |
2.- Certificados de convivencia e/ou residencia | 1,80 € |
3.- Cambios de domicilio no padrón municipal de habitantes | 1,80 € |
4..- Informes de conducta, dedicación profesional e os demáis informes non incluidos noutros epígrafes | 2,00 € |
EPÍGRAFE SEGUNDO: CERTIFICACIÓNS E COTEXOS | |
1.- Certificacións de acordos dos organos de goberno, de informes dos servicios municipais e demáis documentos. | 1,80 € |
2.- Dilixencia de cotexos: | |
- Por folio | 1,80 € |
- Por documento ata cinco folios | 3,00 € |
- Por documento que exceda de cinco folios, por folio | 0,60 € |
3.- Bastanteo de poderes que teñan que surtir efecto nas oficinas municipais | 12,00 € |
EPÍGRAFE TERCEIRO: DOCUMENTOS EXPEDIDOS POLAS OFICINAS MUNICIPAIS | |
1.- Fotocopias de documentos, por folio: | |
- Tamaño A4 ou inferior | 0,06 € |
- Tamaño A3 | 0,10 € |
2.- Por cada documento que se envíe por fax, por folio | 1,20 € |
3.- Por copia de cédula de propiedade do catastro | 1,00 € |
4.- Por cada copia de planos de catastro | 1,00 € |
5.- Por cada comparecencia ante a Alcaldía, para calquera finalidade, con constancia por escrito, solicitada polo interesado | 1,80 € |
EPIGRAFE CUARTO: OBRAS, SERVICIOS E ACTIVIDADES | |
1.- Por cada contrato administrativo que se formalice de obras, bens e servicios: | |
- Ata 30.000,00 euros do prezo de adxudicación | 30,00 € |
- A partir de 30.000,01 euros | 0,1% do prezo de adxudicación |
2.- Por certificación de obras, cada unha | 12,00 € |
3.- Constitución, substitución ou devolución de fianzas para licitacións de obras municipais, por acto | 12,00 € |
4.- Actas de recepción de obras, cada unha | 12,00 € |
5.- Por tramitación de expediente de licencias de apertura de establecemento | 30,00 € |
6.- Por tramitación de expediente de actividades non suxeitas á autorización ou control previo | 30,00 € |
7.- Por cada expediente de traspaso de licencia de apertura e de obras | 30,00 € |
EPÍGRAFE QUINTO: DOCUMENTOS RELATIVOS Ó SERVICIO DE URBANISMO | |
1.- Por cada informe de expediente polo Servicio de Urbanismo | 3,00 € |
2.- Por cada expediente de declaración de ruinas | 30,00 € |
3.- Por cada expediente de licencia de primeira ocupación de vivendas, por cada vivenda en edificios de propiedades horizontal ou por cada vivenda unifamiliar | 12,00 € |
Artigo 8º.- Bonificacións da cota.
Non se concederá ningunha bonificación dos importes das cotas tributarias sinaladas na tarifa desta taxa.
Artigo 9º.- Devengo.
1.- Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se presente a solicitude que inicia a tramitación dos documentos e expedientes suxeitos ó tributo.
2.- Nos casos ós que se refire o apdo. 2 do artigo 2º, o devengo prodúcese cando teñan lugar as circunstancias que motiven a actuación municipal de oficio, ou cando esta se inicie sen previa solicitude do interesado, pero redunde no seu beneficio.
Artigo 10º.- Declaración e ingreso.
1.- A taxa esixirase mediante o pago nas dependencias municipais de recadación ou na entidade bancaria que se indica no modelo correspondente.
2.- Os escritos recibidos segundo o establecido polo artigo 38.4.c) da Lei 30/92, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común, que non veñan acompañados do importe da taxa, serán admitidos provisionalmente pero non poderán tramitarse sen previa emenda da deficiencia, para o que se requirirá ó interesado co fin de que no prazo de dez días pague as cotas correspondentes, coa advertencia de que, de non facelo así, arquivarase sen máis trámite a solicitude.
Artigo 11º.- Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que as mesmas lles corresponde en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei Xeral Tributaria e a súa normativa de desenvolvemento.
Disposición derogatoria.
Coa entrada en vigor da presente Ordenanza queda derogada a Ordenanza Fiscal, número 3, reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos aprobada polo Pleno do Concello en sesión celebrada o día 3 de novembro de 1989 e a súas modificacións posteriores, así como a Ordenanza Fiscal, número 5, reguladora da taxa por outorgamento de licencia de apertura de establecemento aprobado polo Pleno do Concello en sesión celebrada o día 3 de novembro de 1989 e as súas modificacións posteriores.
Disposición Final.
A presente Ordenanza entrará en vigor unha vez publicada íntegramente no Boletín Oficial da Provincia e será de aplicación a partir do día un de xaneiro do ano dous mil doce, permanecendo vixente ata a súa modificación ou derogación expresa.