Boimorto - ORDENANZA FISCAL N.º 5, REGULADORA DA TAXA POLA LICENCIA DE APERTURA DE ESTABLECEMENTOS

Publicación provisional: 19/02/1998 BOP Nº: 41
Publicación definitiva: 19/02/1998 BOP Nº: 41
Aplicable dende: 01/01/2012

Artigo 1º .-Fundamento e natureza.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 en relación co 20 do Real Decreto lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa por licencia de apertura de establecementos , que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal.

Artigo 2º .-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, tendente a unificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade e salubridade e calquera outra esixida polas correspondentes Ordenanzas e Regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, como presuposto necesario e previo para o outorgamento por este Concello da licencia de apertura a que se refire o artigo 22 do Regulamento de Servicios das Corporacións Locais.

2. A tal efecto, terá a consideración de apertura:

a) A instalación por vez primeira do establecemento para dar comezo as súas actividades.

b) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.

c) A ampliación do establecemento e calquera alteración que se leve a cabo neste e que afecte ás condicións sinaladas no número 1 deste artigo, esixindo nova verificación das mesmas.

3. Entenderase por establecemento industrial ou mercantil toda edificación habitable, estea ou non aberta ó público, que non se destine exclusivamente a vivenda, e que:

a) Se dedique ó exercicio dalgunha actividade empresarial ( incluíndo agrícolas e gandeiras), fabril, artesán, da construción, comercial de servizos.

b) Aínda sen desenvolverse aquelas actividades que sirvan de auxilio ou complemento para as mesmas, ou teñan relación con elas en forma que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento, como, por exemplo, sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, escritorios, oficinas, despachos ou estudios.

Artigo 3º .-Suxeito pasivo.

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e ás entidades a que se refire o artigo 41 da Lei Xeral Tributaria, que ocupen ou utilicen as vivendas e locais emprazados nos lugares, prazas, rúas ou vías públicas en que se preste o servizo, xa sexa a título de propietario ou de usufructuario, habitacionista, arrendatario ou, incluso, en precario.

Artigo 4º .-Responsables.

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refire o artigo 42 da Lei Xeral Tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5º .-Base impoñible.

Constitúe a base imponible desta taxa a superficie do establecemento industrial ou mercantil que se pretende abrir.

Artigo 6º .-Cota tributaria.

1) A cota tributaria determinarase aplicando as seguintes tarifas por m2 de local:

a) En solo urbano: 1,50 euros/m2.

b) En núcleos rurais e solo rústico: 1,00 euros/m2.

2) A cota tributaria esixirase por unidade de local.

3) En caso de variación ou ampliación da actividade realizada no establecemento suxeito, da cota que resulte por aplicación dos apartados anteriores deste artigo, deducirase o devengado por este concepto tributario con ocasión da concesión das anteriores licencias de apertura, sendo a cantidade a ingresar a diferencia resultante.

4) En caso de desistimento formulado polo solicitante con anterioridade á concesión da licencia, as cotas a liquidar serán do 50% das sinaladas nos apartados anteriores.

Artigo 7º .-Exencións e bonificacións.

Non se concederán exención nin bonificación algunha na exacción da taxa.

Artigo 8º .-Devengo.

1. Devéngase a taxa e nace a obrigación de contribuír, cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito imponible. A estes efectos, entenderase iniciada dita actividade na data de presentación da oportuna solicitude da licencia de apertura, se o suxeito pasivo formulase expresamente esta.

2. Cando a apertura xa tivo lugar sen haberse obtido a oportuna licencia, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para autoriza-la apertura do establecemento ou decretar o seu cerre, se non fora autorizable dita apertura.

3. A obrigación de contribuír, unha vez nacida, non se verá afectada, en modo algún, pola denegación da licencia solicitada ou pola concesión desta condicionada á modificación das condicións do establecemento, nin pola renuncia ou desestimento do solicitante unha vez concedida a licencia.

Artigo 9º .-Declaración.

1. As persoas interesadas na obtención dunha licencia de apertura de establecemento industrial ou mercantil presentarán previamente, no Rexistro Xeral, a oportuna solicitude, con especificación da actividade ou actividades a desenvolver no local, acompañada do contrato de alugueiro ou título de adquisición do local, indicando neste último caso se o local non tivera asignado valor catastral, o prezo de adquisición ou o custo de construcción do mesmo, no seu caso.

2. Se despois de formulada a solicitude de licencia de apertura se variase ou ampliase a actividade a desenvolver no establecemento, ou se alterasen as condicións proxectadas por tal establecemento ou ben se ampliase o local inicialmente previsto, estas modificacións haberán de poñerse en coñecemento da Administración Municipal co mesmo detalle e alcance que se esixen na declaración prevista no número anterior.

Artigo 10º .-Liquidación e ingreso.

Finalizada a actividade municipal e unha vez dictada a resolución municipal que proceda sobre a licencia municipal de apertura, practicarase a liquidación correspondente pola taxa, que será notificada ó suxeito pasivo para o seu ingreso nas arcas municipais utilizando os medios de pago e os prazos sinalados no Regulamento Xeral de Recadación.

Artigo 11º .-Infraccións e Sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos181 a 212 da Lei Xeral Tributaria.

Disposición final

A presente modificación desta ordenanza fiscal entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e será de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2012, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.