Sada - ORDENANZA FISCAL nº 16, REGULADORA DA TAXA POR INSTALACIÓN DE POSTOS, BARRACAS, CASETAS DE VENDA, ESPECTÁCULOS OU ATRACCIÓNS SITUADAS EN TERREO DE USO PUBLICO. INDUSTRIAS DA RÚA E AMBULANTES E RODASE CINEMATOGRÁFICO

Publicación provisional: 19/06/2008 BOP Nº: 140
Publicación definitiva: 09/08/2008 BOP Nº: 183
Aplicable dende: 01/03/2012

Artigo 1.- Fundamento e natureza

En uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, e ó amparo do disposto nos artigos 58 e 20.3.n) da mesma lei, este Concello establece a Taxa por instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións de recreo, situados en terreos de uso público local, así como industrias da rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica, que se rexerá pola presente Ordenanza fiscal.-

Artigo 2.- Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible da Taxa a utilización privativa ou o aproveitamento especial de terreos de uso público local mediante a ocupación cos elementos aludidos no artigo primeiro desta Ordenanza.
2. Non están suxeitos ó pago da taxa:
a) Os actos organizados polo Concello de Sada ou patrocinados por este, en virtude dun previo acordo ou resolución.
b) As utilizacións que sexan consecuencia de intercambios ou convenios con outras institucións, asociacións ou empresas, que se rexerán polo respectivo convenio.-

Artigo 3.- Suxeitos pasivos

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria, a favor das cales se concederan as licencias ou que se beneficien do aproveitamento, en caso de ter procedido sen a correspondente autorización.-
Se o aproveitamento se realizara sen obter licenza, considerarase que ten a condición de suxeito pasivo o titular da empresa que explote a instalación ou actividade realizada no terreo público.

Artigo 4.- Responsables

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refire o artigo 42 da Lei Xeral Tributaria.-
2. Serán responsables subsidiarios as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 43 da Lei Xeral Tributaria

Artigo 5.- Tarifas

1. Tomarase como base para a determinación do importe da taxa, o tempo de duración do aproveitamento e os metros cadrados de terreo de uso publico que son obxecto da ocupación.

Distínguense dous períodos de ocupación:

a) Temporada alta: do 1 de maio ao 15 de outubro ambos inclusive e a Semana Santa considerada dende o sábado anterior ao Venres Santo ata o luns de Pascua.-

b) Temporada baixa: o resto do ano.

2. Para a temporada alta, a contía da taxa regulada nesta Ordenanza será a fixada nas Tarifas seguintes:

Metros cadrados de superficie ocupada.- Tarifa m2/día.- Tarifa mínima de instalación por tramo e día.-

Ata49 m2.- 1,25 €/m2/día.- 30,00.-

De50 a99 m2.- 1,20 €/m2/día.- 61,25.-

De100 a149 m2.- 1,15 €/m2/día.- 118,8.-

De150 a299 m2.- 1,10 €/m2/día.- 171,35.-

Mais de299 m2.- 0,65€/m2/día.- 328,90.-

3. Para a temporada baixa, establécense as seguintes tarifas fixas mensuais de acordo coa superficie ocupada:

Metros cadrados de superficie ocupada.- Tarifa fixa mensual.-

Ata25 m2.- 150 €/mes.-

De25 a49 m2.- 375 €/mes.-

De50 a99 m2.- 550 €/mes.-

Mais de100 m2.- 750 €/mes.-

Artigo 6.- Devengo

Considérase devengada a taxa, nacendo a obriga de contribuír, cando se outorgue a licenza para o correspondente aproveitamento ou cando se inicie este, no caso de facerse sen a oportuna autorización.

Artigo 7.- Normas de xestión

1. As cantidades esixibles conforme ás Tarifas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e serán irredutibles polo período de tempo autorizado.

2. As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta Ordenanza deberán solicitar previamente a correspondente licenza e formular declaración na que conste a superficie que se pretende ocupar, xustificándoa coa presentación de documentación técnica, a súa situación no Municipio e os elementos que se van instalar.

3. As autorizacións terán carácter persoal e non poderán ser cedidas ou subarrendadas a terceiros. O incumprimento deste mandato dará lugar á anulación da licenza, sen prexuízo das contías que corresponda abonar ós interesados.

Artigo 8.- Obrigación de pago

O pago da taxa realizarase por ingreso directo en calquera das contas municipais abertas nas entidades bancarias de Sada, debendo presentar o correspondente xustificante do ingreso para poder retirar a correspondente licenza. Este ingreso terá carácter de depósito previo, de conformidade co disposto no artigo 26.1.a) Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, quedando elevado a definitivo ao concederse a licenza correspondente. No caso de non concederse a licenza, se devolverá o deposito constituído. No caso de prorrogarse o aproveitamento despois de transcorrido o período de concesión inicial, constituirase un novo depósito previo, na mesma forma que para a autorización inicial.

Disposición Final.-

Esta Ordenanza fiscal, que foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o día 24 de novembro de 2011, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e será de aplicación a partir desa data, permanecendo vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.