Trazo - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA PRESTACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS, DEPORTIVAS, SOCIAIS E OUTRAS DE NATUREZA ANÁLOGA

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 09/03/2021 BOP Nº: 48
Aplicable dende: 30/03/2012

ARTIGO 1.º.-Fundamento e natureza.

Ao abeiro do previsto no artigo 127, en relación co artigo 41, ambos Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (TRLRFL), este Concello establece o prezo público por actividades culturais, deportivas, sociais e outras de natureza análoga que se rexerá polo que dispón esta ordenanza.

ARTIGO 2.º.-Concepto.

Poderán ser usuarios das actividades todas aquelas persoas físicas que soliciten a participación nas mesmas, cumprindo en todo caso os requisitos de acceso según a actividade.

No caso de que sexan os menores de idade os beneficiarios da actividade, serán os seus pais, nais, titores ou representante legal, as persoas que asinen a solicitude.

ARTIGO 3.º.-Obrigados ó pagamento.

Son suxeitos obrigados ó pagamento as persoas físicas, que tendo solicitado a súa participación nas actividades culturais, deportivas, sociais e outras de natureza análoga, sexan admitidas como potenciais beneficiarios según orde de inscrición (sempre e cando non se contemple outro xeito de valoración de solicitudes na oferta da actividade).

ARTIGO 4.º.-Contías.

As tarifas deste prezo público serán as seguintes:

4.1.-Actividades extraescolares.

Cobrarase por curso académico e por actividade: 35,00 €

4.2.-Actividades de conciliación da vida laboral e familiar.

En caso de actividades programadas en Semana Santa: 25,00 €

En caso de actividades programadas en Nadal: 25,00 €

En caso de actividades programadas nos meses de verán: 50,00 €/mes (ou parte proporcional en caso de que sexa quincena).

4.3.-Actividades de envellecemento activo.

- Ximnasia: 35,00 €

- Obradoiro de memoria: 35,00 €

- Saídas organizadas polo Concello (balneario, excursións...): o prezo das mesmas será acordado mediante Xunta de Goberno Local.

4.4.-Calquer outra actividade social, cultural ou deportiva organizada polo Concello de Trazo, sempre e cando non se contemple na convocatoria a gratuidade da mesma, terán un custo de 35,00€ para menores de 18 anos e maiores de 60; e un custo de 60,00€ actividades dirixidas a persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 59 anos.

4.5.-Entrada a espectáculos, actuacións musicais e similares nos centros socio-culturais, organizados polo Concello:

- Cando o solicitante sexa maior de 18 anos: 2 €

- Cando o solicitante sexa menor de 18 anos: 1 €

Cando unha persoa se incorpore unha vez tivera comezado o curso, pagará o custo completo da praza, agás causa xustificada.

ARTIGO 5.º.-Obrigas de pagamento.

A obriga de pagamento nace dende que se comunica ás persoas a admisión na actividade, e deberán de aboar a contía correspondente de xeito previo ó inicio das mesmas e no prazo establecido, de conformidade coa habilitación prevista no artigo 66 do Real Decreto 2/2004, do 5 de marzo.

Unha vez feito efectivo o ingreso nunha conta habilitada para tal fin, farase entrega no Concello, do xustificante de ter aboado a cantidade correspondente.

- Cando unha persoa se dé de baixa, agás causa xustificada, non terá dereito ó reembolso da contía aboada e ó longo do seguinte ano non terá preferencia na adxudicación da praza en tódalas actividades organizadas polo Concello.

- Cando a baixa sexa por un motivo xustificado, a persoa partirá en igualdade de condicións que o resto dos solicitantes para ser admitido na praza.

- No suposto de que por causas non imputables ó interesado deixara de realizarse a actividade solicitada, procederase á devolución do depósito constituído, que poderá ser prorrateado segundo as prestacións parciais feitas.

ARTIGO 6.º.-Procedemento de tramitación.

As solicitudes para acceder ás actividades plantexadas tramitaranse na área correspondente, de acordo co seguinte procedemento.

a) Presentación do impreso de solicitude, ben por parte do interesado ou do seu representante legal.

b) As solicitudes serán presentadas no prazo establecido para cada actividade. Fóra dese prazo a persoa será incluída nunha lista de espera e pasará a ser admitida en caso de que queden prazas libres.

c) Toda solicitude virá acompañada como mínimo da seguinte documentación:

- Fotocopia do documento nacional de identidade.

- Fotocopia do libro de familia (cando os beneficiarios das actividades sexan menores de idade)

A falta desta documentación dará lugar a un requirimento para a súa presentación no prazo de 10 días que, de non cumprirse, producirá o arquivo da solicitude.

Posteriormente remitirase comunicación ó interesado, que recollerá como mínimo:

- En caso de concesión: data de incorporación, horarios, quendas, prezos, n.º de conta onde se realizará o ingreso e compromisos adquiridos polo solicitante.

- En caso de denegación: valoración das causas que a motivan.

- En caso de que pase á lista de espera: lugar que ocupa na lista.

Poderase solicitar calquera documentación que se considere pertinente, a efectos de valoralas condicións do solicitante e de todos aqueles aspectos que deban ser tidos en conta para a concesión da praza.

ARTIGO 7.º.-Causa de baixa.

a) Por decisión propia do usuario.

b) Por incumprimento das condicións establecidas, así como das normas que regulan as actividades e os programas.

ARTIGO 8.º.-Incidencias.

Para o suposto de que xurdan dúbidas na relación coa prestación dos programas e actividades que contempla esta ordenanza, queda atribuída ós técnicos responsables da actividade a resolución de tales dúbidas ou situacións.

ARTIGO 9.º.-Competencia.

As actividades correspondentes teñen carácter municipal, e poderán prestarse directamente ou mediante as diversas modalidades de contratación do servizo público reguladas na normativa vixente sobre contratos no sector público, a través de entidades privadas ou de iniciativa social.

Así mesmo, e dada a natureza das actividades a desenvolver, poderanse formalizar convenios de colaboración con axentes sociais representativos e/ou outras administracións para o desenvolvemento íntegro ou a colaboración en determinadas actividades que resultes de interese público.

ARTIGO 10.º.-Infraccións e sancións.

En todo o relativo ás infraccións tributarias e as súas distintas calificacións, así como nas sancións que ás mesmas correspondan, en cada caso, aplicaranse as normas establecidas nos artigos 183 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez aprobado definitivamente polo Concello, e publicado o seu texto íntegramente no Boletín Oficial da Provincia, transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril.