Irixoa - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA PARA O FOMENTO DA NATALIDADE

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 23/10/2012 BOP Nº: 202
Aplicable dende: 23/10/2012

Motivos e fundamentos da ordenanza.

A familia está amparada pola Constitución Española que, no seu artigo 39, establece a protección social, económica e xurídica da mesma.

Así mesmo os artigos 25 a 28 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, outorgan ao municipio competencia para promover a prestación de servizos sociais, nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas, podendo realizar actividades complementarias das propias doutras Administracións públicas e, en particular, as relativas á educación, a cultura, a promoción da muller, a vivenda, a sanidade e a protección do medio ambiente.

O descenso do índice de natalidade é un feito xeneralizado nos países desenvolvidos sendo, especialmente, significativo o exemplo español. No noso país, desde mediados dos 70, o devandito índice experimentou unha notable tendencia á baixa, representando, na actualidade, unha das taxas máis baixas de Europa.

A comunidade autónoma de Galicia, e particularmente o municipio de Irixoa, non son alleos a este problema, atopándonos cunha taxa de natalidade moi inferior á media nacional.

A incorporación da muller ao mundo laboral, fenómeno que, aínda sendo positivo, require un esforzo de readaptación familiar, o atraso na idade de emancipación dos nosos mozos e a evolución dos patróns que rexen os hábitos sociais e culturais, son algunhas das causas que inflúen na diminución da natalidade, que é, sen dúbida, un dos principais problemas aos que debe de facer fronte a nosa sociedade nos vindeiros anos.

O Concello de Irixoa consciente deste problema e da necesidade de buscar solucións, xa que, en definitiva, son as persoas o principal valor dunha comunidade, decidiu establecer esta medida de fomento encamiñada a reactivar a natalidade e a conciliar a vida familiar da nai coa laboral. Esta medida de apoio atopa o seu fundamento na lóxica necesidade de que, sendo a natalidade un beneficio para todos, é lexitimo que entre todos axudemos ás familias a soportar as indubidables cargas que se ocasionan desde o nacemento ou a adopción dun fillo.

Trátase así de remover os obstáculos que entorpecen a propia vontade das parellas de elixir a dimensión da súa familia, de conseguir que a decisión de ter ou adoptar un fillo dependa unicamente das conviccións ou desexos persoais, non de causas alleas ás mesmas. Deste xeito, as axudas previstas tratan de favorecer a decisión, en última instancia sempre persoal, de ter ou adoptar un fillo, paliando os desembolsos económicos que supón a incorporación dun novo membro á unidade familiar e reducindo incompatibilidades entre o desenvolvemento da vida familiar e laboral da nai, axudando, tanto a quen opte por coidar persoalmente aos seus fillos, como a quen prefira deixalos ao coidado de centros especializados.

Tras unha xestión de case 5 anos de vixencia da ordenanza, realízanse algunhas modificacións para eliminar puntos conflictivos, evitar a picaresca e conseguir unha maior estabilidade da poboación nova.

Artigo 1.º.-Obxecto e importe.

É obxecto da presente ordenanza regular as condicións e réxime xurídico para a concesión de subvencións para o fomento da natalidade polo Concello de Irixoa, co obxecto de aumentar a poboación municipal e o seu rexuvenecemento.

Concederase unha axuda económica de mil cincocentos euros (1.500,00 €) ás familias do municipio de Irixoa nas que se produza un nacemento, adopción ou acollemento preadoptivo. O destino das axudas serán os diversos gastos de atención directa ao novo membro familiar, de conformidade cos principios de boa administración, boa fe e presunción de legalidade.

Artigo 2.º.-Requisitos.

Serán requisitos indispensables para a obtención da axuda:

2.1. Que os pais biolóxicos, adoptivos ou acolledores preadoptivos teñan a súa residencia habitual fixada no termo municipal de Irixoa; como mínimo deberá estar empadroado un dous pais, con tres meses de antelación ininterrompidos ao feito que motiva a petición da axuda. A residencia como 2.ª vivenda, aínda que sexa acompañada de empadroamento formal, dará lugar á denegación da axuda; o concello poderá empregar calquera tipo de medida probatoria para asegurar a residencia habitual dos solicitantes.

2.2. Que a solicitude se formule dentro do mes natural do acontecemento que a motiva, ou nos dous meses naturais seguintes; no caso de que tal acontecemento se producise con anterioridade á publicación da presente ordenanza o prazo de 2 meses contarase a partir desta data de publicación no BOP.

2.3. Nos casos de especial dificultade social ou de análise da situación familiar emitirase de oficio un previo informe de servizos sociais do concello e tamén calquera outra información complementaria oportuna.

Artigo 3.º.-Importe e entregas.

A axuda económica farase efectiva en 5 prazos e entregas, de acordo co seguinte programa:

- 1.ª entrega inicial de 300 euros por cada neno/a nacido/a, adoptado/a ou en acollemento preadoptivo que pase a engrosar o número de membros da familia, tras a resolución inicial de outorgamento.

- 2.ª entrega de 300 euros cando se cumpran 2 anos desde o acontecemento que dá lugar ao expediente.

- 3.ª entrega de 300 euros cando se cumpran 3 anos desde o acontecemento.

- 4.ª entrega de 300 euros cando se cumpran 4 anos desde o acontecemento.

- 5.ª entrega de 300 euros cando se cumpran 5 anos desde o acontecemento.

As entregas 2.ª a 5.ª deberán ser solicitadas previamente polos beneficiarios, sendo resoltas pola Xunta de goberno, previa comprobación de oficio do mantemento das condicións requiridas. A suspensión, cese ou interrupción da residencia por parte dos beneficiarios, ou dos seus fillos relacionados coa subvención, non dará lugar á revogación ou reintegro das entregas xa realizadas, agás na 1.ª entrega; se o cese da residencia se produce antes do cumprimento dun ano, desde o acontecemento que orixina a subvención, dará lugar á revogación e ao reintegro total da entrega cobrada.

As axudas quedan condicionadas ao mantemento da residencia no termo de Irixoa durante o prazo mínimo de 5 anos, contado desde a data do acontecemento. O incumprimento deste requisito dará lugar á negación de novas entregas, ou reintegro no seu caso, de acordo co apartado anterior.

Artigo 4.º.-Solicitantes.

A solicitude deberá ser asinada polos dous pais, agás nos casos nos que conste oficialmente so un.

Artigo 5.º.-Documentación.

5.1 Formularanse as peticións no modelo oficial subministrado nas propias oficinas municipais, ao que se achegarán os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do DNI, ou documento que o substitúa, dos solicitantes.

b) No caso de nacemento, certificado literal da inscrición no Rexistro Civil, ou fotocopia compulsada do libro de familia onde conste o novo nacemento.

c) No caso de adopción, fotocopia compulsada do auto xudicial de adopción, ou copia compulsada, cando corresponda, da resolución administrativa de acollemento preadoptivo.

d) Impreso debidamente cuberto co número de conta bancaria (código conta cliente) designada para percibir, de ser concedida, a dita axuda. O dito impreso será facilitado nas oficinas municipais de servizos sociais xunto coa solicitude.

5.2 . A solicitude e documentación necesaria presentarase no rexistro municipal, sen prexuízo do que dispón o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.3. Ao expediente de solicitude incorporaranse os documentos municipais que acrediten a residencia efectiva no termo municipal, así como a inexistencia de débedas coa facenda local, incluso con informes do servizo de recadación da Deputación Provincial.

Artigo 6.º.-Resolución.

Corresponde á Xunta de Goberno do Concello as diversas e sucesivas resolucións de cada expediente; o acordo inicial será resolto expresamente no prazo máximo de seis meses; transcorrido o dito prazo sen recaer resolución entenderase desestimada a solicitude.

Artigo 7.º.-Compatibilidade subvencións.

As subvencións reguladas na presente ordenanza son compatibles con calquera outra establecida polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos.

Artigo 8.º.-Recursos.

As resolucións recaídas nos procedementos esgotan a vía administrativa, e contra elas pódese interpor un recurso contencioso-administrativo ante o órgano correspondente da xurisdicción contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa; a vía xudicial é sen prexuízo da interposición do recurso potestativo de reposición regulado nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9.º.-Incumprimento, reintegro de cantidades percibidas e réxime sancionador.

a) Procederá a revogación total das axudas nos seguintes casos:

- Obtención das axudas sen reunir as condicións requiridas para iso.

- Falseamento ou ocultación de datos tidos en conta para a concesión das axudas.

- Negativa ou obstrucción grave ás actuacións de control municipal.

- Incumprir a obriga de comunicar no prazo establecido, os cambios ou variacións nas circunstancias determinantes da concesión das axudas.

- Modificación das condicións e requisitos fundamentais que determinaron a súa concesión, particularmente o incumprimento da obrigación de manterse a beneficiaria/o, ou a filla/o que orixina a subvención, empadroados e residentes no municipio de Irixoa.

b) Procederá a reducción da axuda cando se produza, en xeral, o incumprimento dos requisitos establecidos na presente Ordenanza que non dean lugar á revogación total das axudas.

- A revogación ou reducción das axudas será acordada pola Xunta de Goberno, previa audiencia á interesada, e levará consigo o reintegro das cantidades indebidamente percibidas e a esixencia do interese de demora desde o momento do pago de devanditas cantidades.

- As infraccións sancionaranse mediante multa por importe de ata o duplo da cantidade indebidamente percibida, sendo competente para a súa imposición a Xunta de Goberno, previo expediente instruído ao efecto polo mesmo. O expediente sancionador será independente do expediente de revogación ou reducción, e nel terase en conta a gravidade do incumprimento, o nivel económico da familia e a mala fe da actuación. Constitúen infraccións administrativas en materia de subvencións, as accións e omisións tipificadas nos arts. 52 e seguintes da Lei xeral de subvencións. O procedemento sancionador tramitarase conforme ao disposto no art. 67 da Lei xeral de subvencións.

Artigo 10.º.-Control financeiro da subvención.

A intervención municipal poderá implementar os mecanismos que estime oportunos para efectuar o control financeiro das subvencións outorgadas, de conformidade co disposto nos arts. 220 a 222 do texto refundido da LRHL, o título III da Lei xeral de subvencións, o título VI da Lei xeral orzamentaria e o resto de normas concordantes.

Os beneficiarios e terceiros relacionados co obxecto da subvención ou da súa xustificación, estarán obrigados a prestar colaboración e a facilitar a documentación que lles sexa requirida. As facultades e deberes do persoal controlador así como o procedemento para o exercicio do control financeiro, serán os previstos nos arts. 47 a 50 da LGS, coa excepción de que cando exista desconformidade entre o informe de Intervención e o órgano xestor someterase o asunto a consideración do Pleno municipal.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA.

Os expedientes nos que a data de acontecemento de orixe se produza a partir da data de vixencia da modificación desta ordenanza, rexeranse plenamente pola súa nova regulación. Os expedientes con data de acontecemento anterior serán tratados conforme á redacción anterior da ordenanza.

DISPOSICIÓN FINAL.

A modificación da presente ordenanza entrará en vigor desde a data da súa publicación íntegra no BOP, logo da súa aprobación definitiva.