Malpica de Bergantiños - Ordenanza fiscal nº 23, reguladora da taxa pola prestación do servizo de distribución de auga, inclúidas a concesión de licenzas de acometida á rede, a colocación e a utilización de contadores e instalacións análogas

Publicación provisional: 04/02/1999 BOP Nº: 28
Publicación definitiva: 04/02/1999 BOP Nº: 28
Aplicable dende: 01/10/2012

Artigo 1º FUNDAMENTO E NATUREZA

En uso das facultades concedidas nos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto no artigo 57 en relación cos artigos 15 ó 17 e 20.4 t) do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais o Concello de Malpica establece a Taxa pola prestación do servizo de distribución de auga, incluídos os dereitos de enganche, colocación e utilización de contadores e instalacións análogas, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.

ARTIGO 2º. SERVICIO PÚBLICO LOCAL

Entenderase como servizo público local do Concello de Malpica, a efectos da aplicación da presente ordenanza fiscal, o prestado conforme ás competencias atribuídas no artigo 25, 26.1 e 85 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das bases de Réxime Local.

ARTIGO 3º. FEITO IMPOÑIBLE

1.-Terá a consideración de feito impoñible regulado na presente ordenanza fiscal todas aquelas actividades municipais desenvolvidas con motivo da prestación do servizo de distribución de auga, por ter a prestación deste servizo a consideración de imprescindible para a vida privada dos suxeitos pasivos pola presente taxa.

2.- De acordo co previsto nos artigos 57 e 20.4 t) do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, constitúe o feito impoñible desta taxa a prestación do servizo de abastecemento domiciliario de auga potable e a realización das actividades administrativas e prestacións de servizos inherentes o referido servizo de competencia local, servizos que se concretan nas prestacións sinaladas nas modalidade e usos que correspondentes as clasificacións que se establecen no artigo 6º da presente ordenanza, e que son o seguintes:

a) Subministro ou distribución de auga para uso doméstico

b) Subministro ou distribución de auga para uso industrial

c) Concesión de licenza de acometida á rede para uso doméstico

d) Concesión de licenza de acometida á rede

e) Concesión de licenza de cambio de usuario

f) Prestación do servizo de verificación de contadores

g) Prestación do servizo de conexión da tubaxe que enlaza a tubaxe interior do inmoble e a chave de paso correspondente coa rede municipal de distribución de auga potable.

ARTIGO 4º.- SUXEITO PASIVO

1.- Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, aqueles que soliciten ou resulten beneficiadas polos servizo a que se refire o artigo 3 º da presente ordenanza fiscal.

2.-Terán a consideración de suxeitos pasivos, cando se trate da concesión de licenza de acometida á rede, os promotores, no caso de inmobles de nova construción e os propietarios, usufrutuarios ou titulares do dominio útil dos inmobles ou actividades, cando estes no sexan de nova construción.

3.- Terán a consideración de suxeitos pasivos, no caso da prestación do servizo no que se beneficien ou fagan uso da subministración da auga potable os propietarios, usufrutuarios, arrendatarios ou precaristas. En todo caso, terán a consideración de suxeito pasivo, substituto do ocupante ou usuario das vivendas ou locais, o propietario destes inmobles, quen poderá repercutir, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os respectivos beneficiarios do servizo.

4.-Na prestación dos servizos de recepción obrigatoria de verificación de contadores e do servizo de conexión da tubaxe que enlaza a tubaxe interior do inmoble e a chave de paso correspondente coa rede municipal de distribución de auga potable, terán a consideración de suxeitos pasivos os promotores de inmobles de nova construción que se beneficien da acometida á rede así como os propietarios, usufrutuarios ou titulares do dominio útil dos inmobles ou actividades, cando estes no sexan de nova construción.

ARTIGO 5º.- RESPONSABLES

1.- Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas ás que se refire o artigo 42 Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria..

2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinale o artigo 42 Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.

ARTIGO 6º .- BASE IMPOÑIBLE E LIQUIDABLE

A base da presente taxa determinarase por aplicación da modalidade e uso de servizo que se corresponda coas clasificacións que se establecen na seguinte táboa:

MODALIDADE DE PRESTACIÓN DE SERVICIO

TIPOS DE USO DO SERVIZO

ELEMENTO PARA A DETERMINACION DA BASE IMPOÑIBLE

a) Subministro ou distribución de auga

Doméstico

M3 de auga consumida onde estea instalado o servizo.

b) Subministro ou distribución de auga

Industrial

M3 de auga consumida onde estea instalado o servizo.

c) Concesión de licenza de acometida á rede

Doméstico ou Industrial

Feito da autorización para a conexión á rede por cada local comercial ou industrial e vivenda individual.

d) Concesión de licenza de acometida á rede

Obra de construción

Feito da autorización para conexión á rede por cada obra de construción por período máximo dun ano.

e) Concesión de licenza de cambio de usuario

Doméstico ou Industrial

Feito da autorización para cambio de beneficiario ou titular do subministro.

f) Prestación do servizo de verificación de contadores

Doméstico ou Industrial

Clase de contador individual ou colectivo.

g) Prestación do servizo de conexión da tubaxe que enlaza a tubaxe interior do inmoble e a chave de paso correspondente coa rede municipal de distribución de auga potable.

Doméstico ou Industrial

Metros lineais de conexión da tubaxe que enlaza a tubaxe interior do inmoble e a chave de paso correspondente coa rede municipal de distribución de auga potable

ARTIGO 7º.-COTAS TRIBUTARIAS

As cotas tributarias esixiranse por aplicación de dous cadros de tarifas, Cadro de tarifas 1 e Cadro de tarifas 2, aplicables en función dos feitos impoñibles definidos no artigo 3º da presente Ordenanza Fiscal.

As cotas tributarias do Cadro de tarifas 1 e do Cadro de tarifas 2, serán actualizadas anualmente na mesma proporción que a variación irternanual experimentada polo índice xeral dos prezos ó consumo para o conxunto nacional total (IPC) no mes de outubro. Dita actualización será efectiva a partires do día 1 de xaneiro do ano inmediato posterior.

a) Cadro de tarifas 1. normas aplicación.

Será utilizada para determinación da débeda tributaria nas modalidades de subministro ou distribución de auga tanto para uso doméstico como industrial e consistirá no sistema de cota fixa mínima correspondente a cada tipo de uso ata 30 M3 de auga consumida ó trimestre, conxuntamente coa aplicación do gravame por cada m3 consumido que exceda de 30 M3 de auga ó trimestre natural, conforme ó seguinte cadro:

TARIFA

ESCALA DE GRAVAME

M3 CONSUMIDOS

COTA TRIMESTRAL

Epígrafe 1.A- Subministro de auga para consumo doméstico

De 0 a 30 m3

12,59

 

M3 de exceso sobre 30 m3

0,49

Epígrafe 1.B.- Subministro de auga para consumo industrial

De 0 a 30 m3

14,87

 

M3 de exceso sobre 30 m3

0,57

B) Cadro de tarifas 2.- Normas de aplicación.

Será utilizada para determinación da débeda tributaria as modalidades de concesión de licenzas para todo tipo de acometidas á rede xeral de abastecemento e cambio de usuario, así como na prestación dos servizos verificación de contadores e conexión da tubaxe que enlaza a tubaxe interior do inmoble e a chave de paso correspondente coa rede municipal de distribución de auga potable, e consistirá no sistema de cota fixa correspondente a cada tipo de feito gravado.

TARIFA

COTA

Epígrafe 2A.- Concesión de licenza de acometida á rede xeral de abastecemento para uso doméstico ou industrial.

76,26

Epígrafe 2B.- Concesión de licenza de acometida á rede xeral para obra de construción por período máximo dun ano.

76,26

Epigrafe 2C.- Concesión de licenza de cambio de usuario.

15,25

Epígrafe 2D.- Prestación do servizo de verificación de contadores.

15,25

Epígrafe 2E .- Prestación do servizo de conexión da tubaxe que enlaza a tubaxe interior do inmoble e a chave de paso correspondente coa rede municipal de distribución de auga potable

De 0 a 8 metros lineais (cota fixa)

234,00

Por cada metro lineal > 8 metros (cota variable)

6,00

 

ARTIGO 8 º. DEVENGO E PERÍODO IMPOSITIVO

1.- A obriga de contribuír nace no momento de prestarse o servizo, previa a correspondente solicitude, ou dende que se utilice este sen ter obtido a previa licenza, debéndose depositar previamente ó pagamento correspondente ás modalidades de concesión de licenzas de acometida á rede xeral de abastecemento para uso doméstico ou industrial, concesión de licenza de acometida á rede xeral para obra de construción, concesión de licenza de cambio de usuario, prestación do servizo de verificación de contadores e prestación do servizo de conexión da tubaxe que enlaza a tubaxe interior do inmoble e chave de paso correspondente coa rede municipal de distribución de auga potable.

2.- O período impositivo para as modalidades de subministro ou distribución de auga tanto para uso doméstico como industrial coincide co ano natural, excepto cando se trate de solicitudes de inicio ou alta no servizo, abarcando neste caso o período impositivo dende o trimestre comprendido dende a data de autorización de alta ata o final do ano natural.

3.- A taxa se devenga o primeiro día do período impositivo e as cotas serán rateadas por trimestres naturais, a tal fin a Administración Municipal, para as modalidades de subministro ou distribución de auga tanto para uso doméstico como industrial, elaborará un padrón trimestral das persoas ou entidades obrigadas ó pagamento.

4.- No caso de cese na utilización do servizo de subministro ou distribución de auga tanto para uso doméstico como industrial, os suxeitos pasivos que pretendan non realiza-lo uso do servizo o subministro de auga potable, deberán solicita-lo cese con anterioridade ó inicio trimestre natural en que o devandito cese producirá efectos.

ARTIGO 9 º.- EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS

De conformidade co disposto no artigo 9 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, non se concederá exención ningunha respecto á taxa regulada pola presente ordenanza, salvo os que sexan consecuencia do establecido no tratados ou acordos Internacionais ou os previsto con rango de Lei.

ARTIGO 10 º.- TRAMITACIÓN DA CONCESIÓN DE AUTORIZACIONS

1.- A concesión de licencias correspondente as concesións sinaladas nos Epígrafes 2A , 2B, e 2C e das prestación de servizo sinaladas nos Epígrafes 2D e 2E do cadro de tarifas 2, serán autorizadas polo alcalde do Concello de Malpica de Bergantiños mediante acto administrativo, conforme ás atribucións concedidas polo artigo 21.1 ll) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local e 24 do Real Decreto Lexislativo 781/1986.

2.- As solicitudes de concesión de licenzas de acometida de auga á rede xeral, serán solicitadas individualmente, por cada vivenda ou industria, polo que será obrigatoria a instalación dun contador por vivenda unifamiliar ou local industrial. A devandita solicitude, será presentada no concello.

3.- Os solicitantes de solicitudes de concesión de licenzas para acometida á rede xeral, farán constar ó fin a que destinan a auga, advertíndose que calquera infracción ou aplicación diferente, daquela para a que se teña solicitada, será motivo de sanción con multa na contía que acorde o concello, sen prexuízo de retirárlle-lo subministro de auga.

4.- A concesión do servizo de abastecemento para uso doméstico ou industrial e abastecemento para obras de construción quedará suxeito ás disposicións da presente Ordenanza e ás que se fixen na oportuna póliza de subministro. Será por tempo indefinido para as modalidades de abastecemento para uso doméstico ou industrial, en tanto as partes non manifesten por escrito a súa vontade.

5.-.Cando se presente a solicitude ou se inicie o expediente os suxeitos pasivos pola concesión das licenzas correspondente ás modalidades c), d), e) f) e g ) da táboa do artigo 3.2 da presente Ordenanza Fiscal estarán obrigados a ingresa-lo importe de taxa en concepto de depósito previo, de acordo co artigo 26.1.a) do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais

O importe de taxa en concepto de depósito previo será autoliquidado polo suxeito mediante a aplicación do Cadro de Tarifas 2. Non se tramitará o expediente nin se permitirá a ultilización da modalidade de servizo solicitado sen que se teña efectuado o pagamento correspondente.

6.- Tramitado o correspondente expediente, e comprobado o importe de taxa en concepto de depósito previo autoliquidado polo suxeito pasivo, procederase á concesións da licenzas sinaladas nos Epígrafes 2A , 2B, e 2C e a prestación dos servizo sinalado nos Epígrafes 2D e 2E do cadro de tarifas 2, elevándose o depósito previo á liquidación definitiva ó concederse as licenza solicita ou iniciarse a prestación do servizo solicitado.

7.- Os interesados, no suposto de denegación da autorización poderán solicita-la devolución do importe do depósito previo.

ARTIGO 11º .- REGULAMENTO DO SERVIZO E COBRANZA

1.- As comunidades de propietarios , virán obrigadas a establecer un contador xeral, para a comunidade a excepción dos locais comerciais, sen prexuízo de que cada usuario, teña un contador individual. Os locais comerciais, así como as industrias, están obrigados a poñer contador individual, con toma anterior ó contador xeral da comunidade. En todo caso, no prazo de tres meses, contados a partir da entrada en vigor da presente Ordenanza, tódolos donos de comercio o industrias, deberán ter cumprido o establecido no parágrafo anterior.

2.- Cando o solicitante dunha concesión de licenza de acometida á rede xeral de abastecemento, efectuase aquela en data anterior á data do acto administrativo de concesión da autorización, satisfará como taxa de enganche o 200 por 100 do importe que lle correspondese aboar por cada acometida realizada sen autorización.

3.- As concesións se clasifican en:

a) Para usos domésticos, é dicir, para atende-las necesidades da vida e hixiene privada.

b) Para usos industriais, considerándose dentro destes, os hoteis, bares, tabernas, garaxes, fábricas, colexios, ou calquera actividade cualificada como actividade industrial ou comercial nas tarifas do Imposto de Actividades Económicas.

c) Para usos oficiais.

4.- Ningún aboado pode dispoñer da auga máis que para aquilo que lle foi concedida, salvo causa de forza maior, quedando terminantemente prohibida a cesión gratuíta ou a revenda da mesma.

5.- Os gastos que ocasione a renovación de tubaxes non pertencentes á rede xeral de distribución do Concello, serán cubertas polos interesados.

6.- Tódalas obras para conduci-la auga, dende a acometida da rede xeral ata o inmoble do solicitante ou aboado ó servizo de subministro, serán de conta deste, se ben se realizará baixo a dirección municipal e na forma que o concello indique.

7.- O Concello por providencia do alcalde, pode sen outro trámite, corta-lo subministro de auga a un aboado, cando negue a entrada ó domicilio para o exame das instalacións, cando ceda a título gratuíto ou onerosamente a auga a outra persoa, cando non pague puntualmente as cotas de consumo, cando exista rotura de precintos, selos ou outra marca de seguridade posta polo concello.

8- O corte da acometida por falta de pagamento, levará consigo ó rehabilitarse, o pagamento de taxa por nova acometida.

9.- O cobro da taxa polo subministro ou distribución de auga tanto para uso doméstico como industrial farase mediante recibos trimestrais. A cota que non se fixese efectiva, dentro do mes seguinte á terminación do período respectivo, esixirase pola vía de prema ós suxeitos pasivos da taxa pola modalidade de subministro de auga.

ARTIGO 12º INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e sancións, ademais do previsto nesta ordenanza, estarase ó disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria e demais normativa aplicable.

DISPOSICIÓN FINAL

1. A presente Ordenanza Fiscal entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, ata que se acorde a súa derrogación ou modificación expresa.

2..A presente Ordenanza, que consta de doce artigos, foi aprobada polo Pleno en sesión extraordinaria, celebrada o día 12 de xullo de 2012.