Arteixo - ORDENANZA N.º 36, REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO DE ARTEIXO
ARTIGO 1.-CONCEPTO.
De conformidade co previsto no artigo 127, e segundo as normas contidas no capítulo VI do título I do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece o prezo público pola prestación do servizo de axuda no fogar, especificado nas tarifas comprendidas no artigo 4, e que se rexerá pola presente ordenanza.
ARTIGO 2.-OBRIGADOS AO PAGO.
Están obrigados ao pago do prezo público regulado mediante a presente ordenanza as persoas as que se lles preste o servizo de axuda no fogar (SAF), calquera que sexa a súa modalidade (dependencia ou libre concorrencia), basándonos no establecido na Orde do 22 de xaneiro de 2009 da Vicepresidencia para a Igualdade o o Benestar pola que se regula o servizo de axuda no fogar (DOG n.º 22, do 02/02/2009) e o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, da Consellería de Traballo e Benestar, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento (DOG n.º 63, do 30/03/2012) asi como na ordenanza municipal reguladora do servizo de axuda no fogar do Concello de Arteixo.
Se o/a beneficiario/a carecera da capacidade para obrar, a dita obriga recaerá sobre quen ostente a súa representación legal ou, no seu caso, sobre quen exerza de feito o seu coidado.
No artigo 6 da ordenanza reguladora do servizo municipal de axuda no fogar do Concello de Arteixo se regulan e definen as persoas destinatarias do SAF.
ARTIGO 3.-NACEMENTO DA OBRIGA DE PAGO.
A obriga de pagar os prezos públicos regulados nesta ordenanza nace, en xeral, dende que se inicie a prestación do servizo e deberá facerse efectivo de acordo coas seguintes normas de xestión:
1. Os prezos públicos contemplados nesta ordenanza satisfaránse con carácter posterior á prestación do servizo e con carácter específico, por mensualidades vencidas.
2. Por parte do Concello e sobre a base do parte de traballo asinado, conxuntamente pola persoa usuaria e polo persoal de atención directa, elaboraráse un recibo individual co importe correspondente ao servizo prestado no mes anterior, que se remitirá á entidade bancaria elixida pola persoa usuaria para que se efectúe o pagamento (domiciliación bancaria). As excepcións á regra xeral de domiciliación bancaria deberán motivarse cun informe dos técnicos de servicios sociais.
3. Para a actualización da información relativa á capacidade económica, as persoas beneficiarias do servizo presentarán, antes do final do mes de febreiro de cada ano, ou cando se produzan cambios na súa situación inicial ou ben a petición dos Servizos Sociais do Concello, xustificación documental das circunstancias socioeconómicas tidas en conta para o acceso ao servizo, segundo o establecido no Decreto 99/2012 e na Ordenanza municipal reguladora do servizo de axuda no fogar.
4. A efectos de determinar o número de horas semanais efectivas a prestar, dividiráse por 4,3 as horas mensuais recoñececidas.
ARTIGO 3.-BASE IMPOÑIBLE.
Aos efectos previstos para a aplicación das tarifas do artigo 4 seguinte, establécese o prezo da hora por prestación do servizo de axuda no fogar dependencia en 13,68 euros/hora, determinado como coste unitario do servicio. Non inclúe o ive que no seu caso houbera que repercutir.
Asimesmo, establécese o prezo da hora por prestación do servizo de axuda no fogar en libre concurrencia ou básico en 14,29 euros/hora, determinado como coste unitario do servicio. Non inclúe o ive que no seu caso houbera que repercutir.
ARTIGO 4.-CONTÍA.
4.1.-DETERMINACIÓN DA CAPACIDADE ECONÓMICA DAS PERSOAS USUARIAS DO SERVIZO.
Para a determinación da capacidade económica das persoas usuarias do servizo terase en conta o establecido nos artigos 59 e 60 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, da Consellería de Traballo e Benestar, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.
A) Determinación da capacidade económica das persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido usuarias do servizo de axuda no fogar.
1. A capacidade económica das persoas dependentes valoradas con dereito recoñecido de atención mediante o servizo de axuda no fogar calcularase en atención a súa renda e, se é o caso, ao seu patrimonio. Teranse en conta, ademais, a renda e patrimonio do cónxuxe e a existencia de persoas conviventes economicamente dependentes. Para o cálculo da citada capacidade económica observaranse os criterios e regras dispostos na resolución do 2 de decembro de 2008 da Secretaría de Estado de Políticas Sociais, Familia e Atención á Dependencia e á Discpacidade, pola que se publica o Acordo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía Persoal e Atención á Dependencia sobre determinación da capacidade económica do beneficiario e sobre os criterios de participación deste nas prestacións do dito sistema, así como ás normas regulamentarias promulgadas pola Xunta de Galicia que incorporen aquelas regras ao sistema galego de servizos sociais.
2. O resultado do cálculo da capacidade económica correspondente ás persoas de pendentes valoradas con dereito de atención recoñecido no servizo de axuda no fogar constará na resolución do plan individualizado de atención que se resolva en cada caso de conformidade co que establece o artigo 38 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.
B) Determinación da capacidade económica das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar de libre concorrencia (básico).
Para os efectos deste artigo considérase persoa usuaria aquela para a que se solicite o servizo. No caso de intervención con familias, entenderase como persoa usuaria a un dos membros da unidade de convivencia responsables dos menores que forman parte dela.
No servizo de axuda no fogar prestado a persoas ou unidades de convivencia usuarias do servizo de axuda a domicilio de libre concorrencia, o Concello regulará o cómputo da capacidade económica de acordo cos seguintes criterios:
f) Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2. da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas: ingresos netos que se perciban procedentes de rendementos de traballo, incluídas pensións e prestacións de previsión social, calquera que sexa o seu réxime; os rendementos de capital mobiliario e inmobiliario; os rendementos das actividades económicas e as ganancias e perdas patrimoniais.
g) Computarase así mesmo o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de convivencia. Para estes efectos enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexan titulares, determinados consonte as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder. Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ao respecto da vivenda habitual e doutros bens e dereitos.
h) A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas computables, modificadas á alza pola suma dun 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total de persoas que convivan no fogar.
i) Para o cómputo da renda ou do patrimonio teranse en conta os datos correspondentes á ultima declaración fiscal dispoñible ou pensión coñecida.
4.2.-PARTICIPACIÓN ECONÓMICA DAS PERSOAS USUARIAS DO SERVIZO DE AXUDA A DOMICILIO.
Para os efectos de aplicación das tarifas tomarase como referencia o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).
A) Determinación da participación no financiamento das persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido usuarias do servizo de axuda no fogar.
1. No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido sexa igual ou inferior ao indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM), quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo.
2. Nos demais supostos o Concello de Arteixo, como titular do servizo, para facer efectiva a obriga das persoas usuarias de participar no custo do servizo, aplicará a seguinte táboa, na cal se expresa o copagamento en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade do servizo asignado:
GRAO I | GRAO II | GRAO III | ||||
Nivel 1 | Nivel 2 | Nivel 1 | Nivel 2 | Nivel 1 | Nivel 2 | |
Capacidade económica (referida ao IPREM) | 20 horas | 30 horas | 40 horas | 55 horas | 70 horas | 90 horas |
Inferior ou igual ao 100% do IPREM | 0.00% | 0.00% | 0.00% | 0.00% | 0.00% | 0.00% |
Maior do 100% e menor ou igual ao 115% do IPREM | 4.52% | 6.56% | 8.59% | 11.42% | 14.47% | 18.09% |
Maior do 115% e menor dou igual ao 125% do IPREM | 5.41% | 7.84% | 10.28% | 13.66% | 17.31% | 21.64% |
Maior do 125% e menor ou igual ao 150% do IPREM | 5.55% | 8.05% | 10.54% | 14.01% | 17.76% | 22.19% |
Maior do 150% e menor ou igual ao 175% do IPREM | 5.65% | 8.19% | 10.73% | 14.26% | 18.07% | 22.59% |
Maior do 175% e menor ou igual ao 200% doIPREM | 5.72% | 8.30% | 10.87% | 14.45% | 18.31% | 22.89% |
Maior do 200% e menor ou igual ao 215% do IPREM | 5.81% | 8.42% | 11.03% | 14.66% | 18.58% | 23.23% |
Maior do 215% e menor ou igual ao 250% do IPREM | 6.03% | 8.75% | 11.46% | 15.24% | 19.31% | 24.14% |
Maior do 250% e menor ou igual ao 300% do IPREM | 6.24% | 9.05% | 11.86% | 15.76% | 19.97% | 24.97% |
Maior do 300% e menor ou igual ao 350% do IPREM | 6.42% | 9.30% | 12.19% | 16.20% | 20.53% | 25.66% |
Maior do 350% e menor ou igual ao 400% do IPREM | 6.54% | 9.48% | 12.42% | 16.51% | 20.93% | 26.16% |
Maior do 400% e menor ou igual ao 450% do IPREM | 6.63% | 9.62% | 12.60% | 16.75% | 21.22% | 26.53% |
Maior do 450% e menor ou igual ao 500% do IPREM | 6.70% | 9.72% | 12.74% | 16.93% | 21.45% | 26.82% |
Superior ao 500% do IPREM | 6.76% | 9.80% | 12.84% | 17.07% | 21.63% | 27.04% |
3. Nos casos en que, por renuncia parcial expresa da persoa beneficiaria ao seu dereito de atención co número de horas expresadas no PIA, ou cando por tratarse dun suposto de compatibilización do SAF con outro servizo ou prestación do catálogo as horas reais prestadas de servizo de axuda no fogar sexan inferiores á cantidade expresada en cada columna da táboa anterior para o grao e nivel correspondente, a cantidade por pagar será minorada proporcionalmente á diminución das horas efectivas de servizo.
4. En ningún caso o importe da participación económica que deberá ingresar a persoa beneficiaria en concepto de copagamento poderá exceder o 65% do custo do servizo determinado en termos de prezo/hora. O prezo/hora deste servizo é de 13,68 €/hora, en base ao informe económico-financeiro elaborado.
B) Determinación da participación no financiamento das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar de libre concorrencia (básico).
1. O servizo de axuda no fogar en réxime de libre concorrencia prestarase de forma gratuíta naqueles casos nos que a capacidade económica resulte igual ou inferior ao 80% do indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM)
2. Para o resto dos supostos establécese unha regulación progresiva de participación económica no custo do servizo que terá en conta o cálculo da capacidade económica per cápita de acordo co establecido no artigo 20 do regulamento do servizo e segundo o recollido na seguinte táboa:
Capacidade económica | Participación no custe do servizo de SAD básico | Contía |
Igual ou Menor do 0,80 do IPREM | 0 | 0 |
Maior do 0,80 do IPREM e menor ou igual a 1,50 IPREM | 10% | 1,43 €/hora |
Maior de 1,50 e menor ou igual a 2 IPREM | 20% | 2,86 €/hora |
Maior de 2 e menor ou igual a 2,5 IPREM | 40% | 5,72 €/hora |
Maior de 2,5 IPREM | 60% | 8,57 €/hora |
O coste do servizo do SAF básico queda establecido en 14,29 €/hora.
3. Sen prexuízo do anterior, poderán establecerse excepcións aos criterios xerais do referido copagamento nos casos en que a situación causante da aplicación do servizo de axuda no fogar sexa unha problemática de desestruturación familiar, exclusión social ou pobreza infantil, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe social.
4. Establecerase un límite máximo de participación económica das persoas usuarias do 40% da súa capacidade económica.
DISPOSICIÓN DEROGATORIA.
Queda derrogada a Ordenanza fiscal n.º 14, reguladora da taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA PRIMEIRA.
O IPREM para o presente ano 2013 queda establecido en 532,51 €.
Para os vindeiros anos a súa contía será a que anualmente se estableza nos orzamentos xerais do Estado.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA SEGUNDA.
A presente ordenanza, unha vez aprobada polo Pleno do Concello de Arteixo, será publicada na forma legal establecida e entrará en vigor o 1 de setembro de 2013, continuando a súa vixencia ata que se acorde a súa modificación ou derogación expresa.