Vimianzo - ORDENANZA FISCAL Nº7, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE VEHÍCULOS DE TRACCIÓN MECÁNICA

Publicación provisional: 07/07/2014 BOP Nº: 127
Publicación definitiva: 08/09/2014 BOP Nº: 170
Aplicable dende: 01/01/2015

Artigo 1.

De conformidade co previsto no art. 95.4 do RDL 2/2204, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o coeficiente de incremento das cotas do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica aplicable neste concello queda fixado en 1,20 sobre o cadro de tarifas do artigo 95.1 da citada Lei.

Artigo 2.

O pagamento do imposto acreditarase mediante a declaración - liquidación ou o recibo debidamente validado pola entidade recadadora.

Artigo 3.

1. No caso de primeiras adquisicións dun vehículo ou cando estes se reformen de maneira que se altere a súa clasificación para os efectos do presente imposto, os suxeitos pasivos presentarán nos lugares que determine a Deputación Provincial de A Coruña, no prazo de trinta días, que comezará a contar dende a da data da adquisición ou reforma, declaración-liquidación por este imposto segundo o modelo aprobado pola mesma Corporación, ó que se acompañará a documentación acreditativa da súa compra ou modificación, certificado das súas características técnicas e o Documento Nacional de Identidade ou o código de identificación fiscal do suxeito pasivo.

2. Simultaneamente á presentación da declaración-liquidación a que se refire o apartado anterior, o suxeito pasivo ingresará o importe da cota do imposto resultante desta. Esta autoliquidación terá a consideración de liquidación provisional en tanto que pola oficina xestora non se comprobe que esta se efectuou mediante a correcta aplicación das normas reguladoras do imposto.

Artigo 4.

1. No caso de vehículos xa matriculados ou declarados aptos para a circulación, a recadación das correspondentes cotas realizaranse mediante o sistema de padrón anual no que figuran tódolos vehículos suxeitos ó imposto que se atopen inscritos no correspondente Rexistro público a nome de persoas ou entidades domiciliadas neste termo municipal.

2. O padrón ou matrícula do imposto exporase ó público anualmente para que os lexítimos interesados poidan examinalo e, no seu caso, formula-las reclamacións oportunas. A exposición ó público anunciarase no Boletín Oficial da Provincia e producirá os efectos de notificación da liquidación a cada un dos suxeitos pasivos.

Artigo 5.

En relación coa exención dos vehículos de minusválidos prevista no artigo 93.1.e) do RDL 2/2004, de 5 de marzo, o interesado deberá presentar:

- Certificado de minusvalía emitido polo Equipo de Valoración e Orientación da Xunta de Galicia, igual ou superior ao 33 %.

- Ou resolución da súa condición de pensionista de incapacidade permanente no grao total, absoluta ou gran invalidez da Seguridade Social, e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

A resolución que lles recoñece a pensión terá idéntica validez que o certificado de minusvalía emitido pola Xunta de Galicia.

Os interesados/as deberán xustificar o destino do vehículo conforme con declaración do titular do vehículo, que deberá se-lo minusválido de que o vehículo utilízase só para uso e transporte exclusivo do minusválido.

Artigo 6.

1. Os suxeitos pasivos que teñan ó seu nome o vehículo no permiso de conducir poderán solicitar unha bonificación do 50% na cota do imposto, cando o vehículo estea catalogado de histórico ou teña unha antigüidade mínima de 25 anos, contados a partir da data de fabricación. Si esta non se coñecera, tomarase como tal a da súa primeira matriculación ou, no seu defecto, a data na que o correspondente tipo ou variante se deixou de fabricar.

2. A bonificación establecida no apartado anterior será de natureza regrada e terá carácter rogado, debendo ser solicitada expresamente polo suxeito pasivo ante a Deputación Provincial de A Coruña acompañando a documentación acreditativa necesaria para determinar o sinalado no apartado anterior.

3. O efecto da concesión da presente bonificación comezará a partir do exercicio seguinte ó da data da súa solicitude, non podendo ter carácter retroactivo.

Disposición derradeira.

A presente ordenanza entrará en vigor una vez aprobada definitivamente, e publicada o seu texto íntegro no BOP, consonte co previsto no art. 107.1 da LBRL, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa. Comezará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 2015, se a súa publicación definitiva no BOP se produce antes do 1 de xaneiro de dito ano, e senón o día seguinte da su publicación.