Melide - ORDENANZA FISCAL Nº 4, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 16/11/1999 BOP Nº: 263
Publicación definitiva: 16/11/1999 BOP Nº: 263
Aplicable dende: 25/04/2016

Artigo 1

1.      De conformidade co previsto no artigo 101 da Lei 39/88 de decembro, reguladora das facendas locais, constitúe o feito impoñible do imposto, a realización, dentro do termo municipal, de calquera construcción, instalación  ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licencia de obra urbanística, obtivérase ou non a dita licencia, sempre que a súa expedición  corresponda a este municipio.

2.      As construccións, instalacións ou obras ás que se refire o apartado anterior poderá consistir en:

 

a)     Obras de construcción de edificacións e instalacións, de todas as clases, de nova planta.

b)     Obras de demolición

c)     Obras en edificios, tanto as que modifiquen a súa disposición interior como o seu aspecto exterior.

d)     Aliñacións e rasantes. Obras de fontanería e sumidoiros.

e)     Obras en cemiterios.

f)       Calquera outra construcción, instalación ou obra que requiran licencia de obra urbanística.

Artigo 2

Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei  xeral tributaria, propietarios dos inmobles sobre os que se realicen as construccións, instalacións ou obras  sempre que sexan donos das obras; nos  demais casos, considerarase contribuínte  quen ostente a condición de dono da obra.

 

Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte os que  soliciten as correspondentes licencias ou realicen as construccións, instalacións ou obras, se non foran os propios contribuíntes.

Artigo 3

1.      A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construcción, instalación ou obra.

2.      A cota do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.

3.      O tipo de gravame será o 2,40 por 100.

4.      O imposto  devéngase no momento de iniciarse a construcción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivera a correspondente licencia.

Artigo 4

1. O imposto esixirase en réxime de autoliquidación, estando obrigados os suxeitos pasivos a practicar a dita autoliquidación no e a abonala previamente á retirada da licencia concedida e, en todo caso, dentro do prazo máximo dun mes contado a partir do momento en que se inicie a construcción, instalación ou obra, incluso cando non se tivera solicitado, concedido ou denegado aínda a dita licenza, sen que o pago realizado conleve ningún tipo de presunción ou acto declarativo de dereitos a favor de aqueles.

2. O pago da autoliquidación presentada terá carácter provisional e será a conta da liquidación definitiva que se practique unha vez rematada a construcción, instalación ou obra. Á vista da documentación achegada ou de calquera outra relativa a estas construccións, instalacións ou obras e das efectivamente realizadas así coma do custo real e efectivo das mesmas, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, modificará, no seu caso, a base impoñible estimada anteriormente, practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, segundo proceda, a cantidade que resulte, sen prexuízo da imposición das sancións que sexan aplicables, de acordo co establecido na normativa reguladora ó respecto.

3. Cando se modifique o proxecto da construcción, instalación ou obra e tivera un incremento no orzamento, unha vez aceptada a modificación pola Administración municipal, os suxeitos pasivos deberán presentar autoliquidación complementaria pola diferencia entre o orzamento inicial e o modificado con suxeición ós prazos, requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.

4. Cando os suxeitos pasivos non tiveran abonado a correspondente autoliquidación polo imposto, nos prazos anteriormente sinalados, ou se tivera presentado e abonado aquela por cantidade inferior á cota que resulte do orzamento aportado, a Administración municipal poderá practicar e notificar unha liquidación provisional pola cantidade que proceda e incoará o correspondente procedemento sancionador.

O pedimento das bonificacións deben facerse no momento de solicitar a oportuna licenza, isto é, coa iniciación do procedemento polo suxeito pasivo.

Establécense as seguintes bonificacións fiscais na cota do imposto:

1.      Obras realizadas no  parque empresarial, bonificación do 95%.

2.      Obras realizadas no medio rural, sempre que estean subvencionadas pola Consellería de Política Territorial por rehabilitación de vivenda rural, polo Ministerio de Obras Públicas ou pola Deputación Provincial dentro do plan de recuperación de arquitectura popular  ou outro plan que puidera substituílo, gozarán dunha bonificación do 95%.

3.      Casas destinadas a turismo rural, sempre e cando as obras realizadas estean subvencionadas pola administración autonómica ou por programas comunitarios, o 95%.

4.      Fundacións e asociacións de carácter cultural declaradas de especial interese polo Pleno da corporación, bonificación do 95%.

5.      Rehabilitación e conservación de vivendas e edificios da zona histórica o 75% sempre que non requiran proxecto técnico (obra menor), no caso de obra maior a bonificación será do 50%. En ningún caso poderán acollerse á mesma as obras novas.

6.      Establécese unha bonificación do 75 por cento na cota íntegra do imposto a favor das construccións, instalacións ou obras que se realicen coa finalidade de adaptar vivendas ou locais de negocio construídos con anterioridade á lexislación de esixencia obrigatoria de accesibilidade de discapacitados a edificios para facilitar as condicións de acceso e habitabilidade destes.

7.- Construcións, intalacións, obras, rehabilitacións e/ou conservación de edificios destinados a centros de saúde, bonificación do 95%.

A petición terá carácter rogado e deberá ser solicitada polo contribuínte con carácter previo á práctica da liquidación do imposto e comprenderá exclusivamente a parte da obra que teña por finalidade directa a adaptación do edificio á accesibilidade de discapacitados.

A acreditación destes requisitos efectuarase polo técnico director da obra.

As bonificacións contempladas nos apartados anteriores non terán carácter acumulativo.

A aprobación das anteriores bonificacións será acordada polo Pleno da Corporación, logo da solicitude do suxeito pasivo e informe do departamento de urbanismo do Concello, e no caso do punto 4 informado pola Comisión Municipal de Cultura.

Artigo 5

A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 6

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias así como á determinación das sancións que polas mesmas correspondan en cada caso,  aplicarase o réxime regulado na Lei xeral tributaria e nas  disposicións que a contemplan e desenvolven.

Artigo 7

 No non expresamente previsto na presente ordenanza, rexerán os preceptos contidos na subsección 5ª, da sección 3ª do capítulo II do título II da referida Lei 39/88, concordantes e complementarios dela, e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza fiscal a redacción definitiva da cal foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o vinteún de xullo de 1.989, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no BOP e será de aplicación a partir do día un de xaneiro de 1.990, permanecendo en vigor ata a  súa modificación ou derrogación expresa. Modificada en sesións plenarias do 28/10/1999 e 12/11/2003.

 

(BOP nº 263 BIS, do 16/11/1999)

(BOP nº 299, do 31/12/1999)

(BOP nº 267, do 20/11/2003)

(BOP nº 299 do 31/12/2003)

(BOP nº 300, do 31/12/2007)