Frades - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 15/12/2017 BOP Nº: 237
Publicación definitiva: 22/02/2018 BOP Nº: 37
Aplicable dende: 22/02/2018

Artigo 1

1. De conformidade co previsto no artigo 101 no Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, constitúe o feito impoñible do imposto, a realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obra urbanística, obtívose ou non dita licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este municipio.

2. As construcións, instalacións ou obras a que se refire o apartada anterior poderán consistir en:

A) Obras de construción de edificacións e instalacións de todas clases, de nova planta.

B) Obras de demolición

C) Obras en edificios, tanto aquelas que modifiquen a súa disposición interior como o seu aspecto exterior.

D) Aliñacións e rasantes

E) Obras de fontanería e rede de sumidoiros

F) Obras en cemiterios

G) Calquera outras construcións, instalacións ou obras que requiran licenza de obra urbanística.

Artigo 2

1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a titulo de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, propietarios dos inmobles sobre os que se realicen as construcións, instalacións ou obras sempre que sexan donos das obras; nos demais casos, considerarase contribuínte a quen ostente a condición de dono da obra.

2. Ten a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quen solicite as correspondentes licenzas ou realicen as construcións, instalacións ou obras, se non fosen os propios contribuíntes.

Artigo 3

1. A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra.

2. A cota do imposto será resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.

3. O tipo de gravame será o 2 por 100

4. O imposto devéñase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivo a correspondente licenza.

Artigo 4

1. Cando se conceda a licenza perceptiva practicarase unha liquidación provisional, determinándose a base impoñible en función do orzamento presentado polos interesados, sempre que o mesmo fose visado polo Colexio Oficial correspondente; noutro caso, a base impoñible será determinada polos técnicos municipais, de acordo co custo estimado do proxecto.

2. Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custo real efectivo das mesmas, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, poderá modificar, no seu caso, a base impoñible a que se refire o apartado anterior, practicando a correspondente liquidación definitiva, e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, no seu caso, a cantidade que corresponda.

Artigo 5

A inspección e recadación do imposto realizaranse de acordo co previsto na Lei Xeral Tributaria e nas demais Leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 6

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias así como á determinación das sancións que polas mesmas correspondan en cada caso, aplicarase o réxime regulado na Lei Xeral Tributaria e nas disposicións que a complementan e desenvolven.

Artigo 7

No non expresamente previsto na presente Ordenanza, rexerán os preceptos contidos no Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, concordantes e complementarios da mesma, e nas demais Leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 8

Establécese unha bonificación de ata o 95% para as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no artigo 103.2 a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. A gradación da porcentaxe de bonificación aplicarase do seguinte xeito:

- Ata 95 por 100 pola creación de máis de 20 postos de traballo.

- Cando menos o 75 por 100 pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.

- Cando menos o 50 por 100 pola creación de ata 10 postos de traballo.

Esta bonificación será de aplicación unicamente a aquelas construcións, instalacións ou obras destinadas á implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aquelas outras que consistan nunha ampliación das instalación sempre e cando implique creación de emprego.

Corresponderá dita declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros.

O emprego comprometido deberá manterse, cando menos, un período de 3 anos dende o inicio da actividade polo suxeito pasivo. Tal circunstancia deberá ser acreditada por este ante os servizos tributarios do concello dentro dos 15 días seguintes ao remate de cada trimestre. O non cumprimento deste requisito dará lugar o inicio do correspondente expediente de reintegro.

Esta bonificación manterase durante 3 exercicios orzamentarios dende a súa aprobación

Disposición Adicional Única

As modificacións que se introduzan na regulación do imposto, polas leis de orzamentos xerais do Estado ou por calquera outra lei ou disposición, e que resulten de aplicación directa, producirán, no seu caso, a correspondente modificación tácita da presente ordenanza fiscal.

Disposición Final

A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Plena da corporación na sesión que tivo lugar o día 11/12/2017 entrará en vigor no día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.