Frades - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS
Artigo 1º.- Fundamento e réxime.
No uso das facultades conferidas pola Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, e de acordo co previsto nos artigos 15.1 e 59.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece o imposto sobre construcións, instalacións e obras, que rexerase polo disposto no devandito Real decreto lexislativo, polas demais disposicións que o desenvolvan ou complementen e pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2º.- Feito impoñible.
1. O Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras é un tributo indirecto cuxo feito impoñible está constituído pola realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtívose ou non dita licenza, ou para a que se esixa presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a expedición da licenza ou a actividade de control corresponda ao concello de Frades.
Para estes efectos estarase ao disposto no artigo 142 da lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, artigos 351 e 360.3 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, na normativa urbanística municipal e nas normas que as substitúan ou complementen.
2. As construcións, instalacións ou obras a que se refire o apartada anterior poderán consistir en:
a) Obras de construción de edificacións e instalacións de toda clase de nova pranta.
b) Obras de ampliación de edificios e instalacións de tódalas clases existentes.
c) Obras de modificación ou reforma que afecten á estrutura dos edificios e instalacións de tódalas clases existentes.
d) Obras de modificación do aspecto exterior dos edificios e instalacións de todas as clases existentes.
e) Obras que modifiquen a disposición interior dos edificios.
f) Obras e usos que se teñan que realizar con carácter provisional no caso en que estean xustificadas, que deberán demolerse cando o acorde o Concello, sen dereito a indemnización.
g) Movementos de terra, tales coma desmontes, explanacións, escavacións e terrapléns, obras de instalacións de servizos públicos e, en xeral, as relacionadas coa urbanización, excepto que estes actos fosen detallados e programados como obras a executar nun proxecto de urbanización definitivamente aprobado ou de edificación que dispoña de licencia outorgada.
h) A demolición das construcións, agás nos casos declarados de ruína inminente.
i) As instalacións subterráneas adicadas a estacionamentos, actividades industriais, mercantís ou profesionais, servizos públicos ou calquera outro uso a que se destine o subsolo.
j) As obras de construción de infraestrutura civil, (entre elas as urbanizacións de vías) agás que estes actos fosen detallados e programados como obras a executar nun plan especial ou nun instrumentos de ordenación territorial, sen prexuízo do disposto na lexislación sectorial aplicable. Agás as de mantemento das obras públicas.
k) As construcións nas zonas de dominio público, sen prexuízo do disposto na lexislación sectorial aplicable.
l) A instalación ou radicación de casas prefabricadas e instalacións similares, provisionais ou permanente, agás que se efectúen dentro de campamentos legalmente autorizados e nas zonas expresamente previstas para dita finalidade.
m) A instalación de invernadoiros.
n) A colocación de carteis e paneis de propaganda visibles desde a vía pública, sempre que non estean en locais pechados.
o) Os cerramentos e valados de predios.
p) Aliñacións e rasantes.
q) Obras de fontanería e sumidoiros.
r) Instalación de elementos permanentes, tales coma postes, torretas, transformadores, liñas aéreas ou subterráneas, xeradores eólicos etc..., de subministro e xeración de enerxía, e de telefonía móbil, transmisións e similares, sobre parcelas e inmobles.
s) Obras nos cemiterios.
t) Calquera outra construción, instalación ou obra que requira licenza urbanística ou de instalación ou se someta ó réxime de declaración responsable ou comunicación previa, segundo o previsto na lexislación e normativa vixente sobre o solo sectorial ou de desenvolvemento.
Artigo 3º.- Suxeitos pasivos.
1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a titulo de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, propietarios dos inmobles sobre os que se realicen as construcións, instalacións ou obras sempre que sexan donos das obras; nos demais casos, considerarase contribuínte a quen ostente a condición de dono da obra.
2. Ten a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quen solicite as correspondentes licenzas ou realicen as construcións, instalacións ou obras, se non fosen os propios contribuíntes.
Artigo 4º.- Base Impoñible
1. A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra.
2. A cota do imposto será resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.
3. O tipo de gravame será o 2 por 100.
4. O imposto devéñase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivo a correspondente licenza.
Artigo 5º.-Xestión.
1. Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar solicitude de licenza urbanística, declaración responsable ou comunicación previa, acompañada dos correspondentes orzamentos, nos casos e modos que sinala a normativa aplicable ao solo e á edificación, tanto estatal, como autonómica e local. A solicitude de licenza urbanística, declaración responsable ou comunicación previa terá o valor de declaración tributaria, por canto do orzamento que se acompaña a aquela deducirase a base impoñible do imposto, ben sexa orzamento visado polo Colexio Oficial correspondente cando isto constitúa un requisito preceptivo, ou, orzamento estimado presentado polo interesado.
2. Establécese o réxime de autoliquidación do presente imposto. Así, o suxeito pasivo está obrigado a presentar xunto ca solicitude de licenza urbanística, declaración responsable ou comunicación previa a autoliquidación no modelo normalizado facilitado polo concello e o xustificante de ter ingresado nas contas municipais a cota resultante. No suposto de que na autoliquidación presentada se detectaran erros aritméticos, formais ou de aplicación dos elementos determinantes da base impoñible ou do tipo de gravame a Administración tributaria poderá ditar unha liquidación complementaria modificando a citada autoliquidación.
3.- O pagamento da autoliquidación presentada ou modificada terá carácter provisorio e será a conta da liquidación definitiva que se practique unha vez realizadas as construcións, instalacións ou obras. Así, unha vez rematadas estas, e tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, poderá modificar, no seu caso, a base impoñible a que se refire o apartado primeiro deste artigo, facendo a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ou reintegrado ao suxeito pasivo a cantidade que resulte.
Artigo 6º.- Inspección.
A inspección e recadación do imposto realizaranse de acordo co previsto na Lei Xeral Tributaria e nas demais Leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.
Artigo 7º.-
En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias así como á determinación das sancións que polas mesmas correspondan en cada caso, aplicarase o réxime regulado na Lei Xeral Tributaria e nas disposicións que a complementan e desenvolven.
Artigo 8º.-
No non expresamente previsto na presente Ordenanza, rexerán os preceptos contidos no Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, concordantes e complementarios da mesma, e nas demais Leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.
Artigo 9º.- Bonificación
Establécese unha bonificación de ata o 95% para as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no artigo 103.2 a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. A gradación da porcentaxe de bonificación aplicarase do seguinte xeito:
¿ Ata 95 por 100 pola creación de máis de 20 postos de traballo.
¿ Cando menos o 75 por 100 pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.
¿ Cando menos o 50 por 100 pola creación de ata 10 postos de traballo.
Esta bonificación será de aplicación unicamente a aquelas construcións, instalacións ou obras destinadas á implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aquelas outras que consistan nunha ampliación das instalación sempre e cando implique creación de emprego.
Corresponderá dita declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros.
O emprego comprometido deberá manterse, cando menos, un período de 3 anos dende o inicio da actividade polo suxeito pasivo. Tal circunstancia deberá ser acreditada por este ante os servizos tributarios do concello dentro dos 15 días seguintes ao remate de cada trimestre. O non cumprimento deste requisito dará lugar o inicio do correspondente expediente de reintegro.
Esta bonificación manterase durante 3 exercicios orzamentarios dende a súa aprobación.
Disposición Adicional Única
As modificacións que se introduzan na regulación do imposto, polas leis de orzamentos xerais do Estado ou por calquera outra lei ou disposición, e que resulten de aplicación directa, producirán, no seu caso, a correspondente modificación tácita da presente ordenanza fiscal.
Disposición Final.
A presente modificación da Ordenanza fiscal, que foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión ordinaria celebrada o día 4 de abril de 2024, entrará en vigor o mesmo dia da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e será de aplicación a partir desta data, permanecendo vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa