Coristanco - ORDENANZA FISCAL NÚMERO 15, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE VEHÍCULOS DE TRACCIÓN MECÁNICA.
Artigo 1º
De conformidade co previsto no artigo 95.4 do Real Decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, o coeficiente de incremento das cotas do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica aplicable neste Municipio queda fixado no 1%.
Artigo 2º
O pagamento do imposto acreditarase mediante o recibo debidamente validado pola Entidade Recadadora.
Artigo 3º
1.- No caso de primeiras adquisicións dun vehículo ou cando estes se reformen de maneira que se altere a súa clasificación a efectos do presente imposto, os suxeitos pasivos presentarán ante a oficina xestora correspondente, no prazo de trinta días a contar dende a data da adquisición ou reforma, declaración por este imposto segundo modelo aprobado polo Concello ó que se lle achegarán: a documentación acreditativa da súa compra ou modificación, certificado das súas características técnicas e o Documento Nacional de Identidade ou o Código de Identificación Fiscal do suxeito pasivo.
2.- A oficina xestora practicará a correspondente liquidación, normal ou complementaria, que será notificada individualmente ós interesados, con indicación do prazo de ingreso e dos recursos procedentes.
Artigo 4º
1.- No caso de vehículos xa matriculados ou declarados aptos para a circulación, a recadación das correspondentes cotas realizarase mediante o sistema de padrón anual no que figurarán tódolos vehículos suxeitos ó imposto que se achen inscritos no correspondente Rexistro Público a nome de persoas ou entidades domiciliadas neste termo municipal.
2.- O padrón ou matrícula do imposto expoñerase ó público polo prazo de 15 días hábiles, para que os lexítimos interesados poidan examinalo e, no seu caso, formular reclamacións oportunas. A exposición ó público anunciarase no Boletín Oficial da Provincia e producirá os efectos de notificación da liquidación a cada un dos suxeitos pasivos.
Artigo 5º
En relación ca exención dos vehículos de minusválidos prevista no parágrafo e) do apartado 1º do artigo 93 do Texto Refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real Decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, o interesado deberá achegar o certificado de minusvalía emitido polo órgano competente e declaración xurada con expresión de que o vehículo se destina a uso persoal do titular ou para o seu transporte e que non goza da mesma exención por outros vehículos da súa propiedade.
Artigo 6º
1.- Gozarán dunha bonificación do 100 % sobre a cota do imposto os vehículos matriculados como históricos segundo os requisitos recollidos no Real Decreto 920/2017, de 23 de outubro, polo que se regula a inspección técnica de vehículos, e segundo as disposición do, Real Decreto 1247/1995, de 14 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de Vehículos Históricos.
2.- Gozarán dunha bonificación do 50 % na cota no imposto os vehículos cunha antigüidade mínima de vinte cinco anos, contados a partir da data da súa fabricación ou, se esta non se coñecese, tomando como tal a da súa primeira matriculación ou, no seu defecto, a data na que o correspondente tipo ou variante se deixou de fabricar.
3.- Gozarán dunha bonificación do 100 % os vehículos eléctricos, os movidos por hidróxeno, así como os vehículos propulsados por gas natural (GNC e GNL).
4.- Gozarán dunha bonificación do 75 % da cota do imposto os vehículos híbridos enchufables, non enchufables (HEV), e os vehículos propulsados por gas licuado de petróleo (GLP).
5.- As bonificacións establecidas no apartado anterior terán carácter rogado, debendo ser solicitadas expresamente polo suxeito pasivo ante a Entidade Local que teña asumida a xestión tributaria do imposto.
Cas solicitudes deberase aporta-la documentación acreditativa en cada caso necesaria para determinar o sinalado nos apartados anteriores, isto é, documentación que acredite o carácter histórico do vehículo, documentación que acredite a data de primeira matriculación ou certificado de fabricación do vehículo expedido polo fabricante correspondente, documentación que acredite o tipo de carburante utilizado ou características técnicas do vehículo.
6.- O efecto da concesión da presente bonificación comezará a partir do exercicio seguinte ao da data da súa solicitude e non terá carácter retroactivo.
Disposición final
A presente ordenanza fiscal, cuxa redacción definitiva foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o 10 de novembro de 2003, modificada polo Pleno de 9 de febreiro de 2015, e novamente modificada polo Pleno de 26 de setembro de 2019, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do día un de xaneiro do ano 2020, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa