Pobra do Caramiñal A - ORDENANZA FISCAL Nº 20, REGULADORA DA TAXA POLO SERVICIO DE SUMIDOIROS.

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 21/01/2022 BOP Nº: 14
Aplicable dende: 01/01/2022

Artigo 1.º.-Fundamento e natureza.

En uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española, así como polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 e seguintes do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa de sumidoiros e depuración, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal. As normas atenden ó establecido no artigo 57 do citado RDL 2/2004, do 5 de marzo.

Artigo 2.º.-Feito impoñible.

1.-Constitúe o feito impoñible da taxa:

a) A actividade municipal, técnica e administrativa, tendente a verificar se se dan as condicións necesarias para autoriza-la acometida á rede municipal de sumidoiros.

b) A prestación dos servizos de evacuación de excrementos, augas pluviais, negras e residuais, a través da rede municipal de sumidoiros e colectores.

c) A realización, polo Servizo municipal de Saneamento, das análises e probas para comproba-las características das verteduras, ben sexa para a concesión do permiso de vertedura ou por accións de inspección ou comprobación, nos termos previstos no Regulamento do servizo de verteduras á rede de sumidoiros da Pobra do Caramiñal.

2.-Non estarán suxeitas á taxa as propiedades derruídas, declaradas ruinosas ou teñan a condición de terreo edificable.

Artigo 3.º.-Suxeitos pasivos.

1.-Son suxeitos pasivos, na condición de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as comunidades de bens, herdanzas, xacentes e demais entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria que ocupen ou utilicen as vivendas e locais nas que se preste o servizo, ben sexa a título de propietario, usufrutuario, arrendatario ou mesmo de precario, así como as que soliciten o permiso de vertedura ou sexan obxecto de actuacións de inspección e comprobación das características dos vertedura.

2.-Terá a consideración de substituto do contribuínte o propietario das vivendas ou locais, que poderá repercutir as cotas satisfeitas sobre os beneficiarios do servizos

Artigo 4.º.-Responsabilidade solidaria e subsidiaria.

1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren os arts. 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria

Artigo 5.º.-Cota tributaria.

1.-A cota tributaria será o resultado de aplicar a seguinte tarifa:

A) Concesión da licencia ou autorización de acometida á rede de sumidoiros:

Vivenda unifamiliar

Taxa de acometida

141,28 €

Edificios multifamiliares

Taxa de acometida do inmoble

141,28 €

Por cada vivenda

66,02 €

Para a reposición do pavimento que poida deteriorarse como consecuencia das obras tarifadas, constituirase unha fianza con carácter xeral, ata 3 m

141,28 €

Para a reposición do pavimento que poida deteriorarse como consecuencia das obras tarifadas, constituirase unha fianza, a partir de 3 m

43,61 €/metro engadido

B) Pola prestación dos servizos de sumidoiros, determinarase en función da cantidade de auga, medida en m3, utilizada na propiedade:

€/m3

USO DOMÉSTICO

Mínimo: ata 10 m3/mes

0,466894 €

Mais de 10 m3/mes

0,466894 €

USO COMERCIAL

Mínimo: ata 10 m3/mes

0,466894 €

Mais de 10 m3/mes

0,466894 €

USO INDUSTRIAL ESPECÍFICO

Mínimo: ata 10 m3/mes

0,592460 €

Mais de 10 m3/mes

0,592460 €

USO INDUSTRIAL

Mínimo: ata 10 m3/mes

0,592460 €

Mais de 10 m3/mes

0,592460 €

USO OBRAS

Mínimo: ata 10 m3/mes

0,592460 €

Mais de 10 m3/mes

0,592460 €

C) Conservación de acometidas por aboado/mes:

0,57 €

D) As tarifas que se esixirán con ocasión da práctica das análises establecidas no Regulamento municipal de vertidos, deberán axustarse ás seguintes contías:

PH

6,03 €

Conductividade

6,03 €

Sólidos en suspensión totais

18,29 €

D.B.O.5

38,25 €

D.Q.O.

30,74 €

Fósforo total

16,92 €

Nitróxeno amonacal

14,28 €

Sulfuro

21,13 €

Aceites e graxas

72,55 €

Recollida e envío mostra laboratorio

102,51 €

Por inspección e informe:

198,72 €

2.-En ningún caso poderá tomarse un consumo de auga que sexa inferior ó mínimo facturable polo seu subministro. A cota resultante da consideración deste consumo terá carácter de mínima esixible.

3.-En aqueles casos en que unha vivenda non se beneficie do servizo de abastecemento de auga, pero si do de sumidoiro e depuración, esixirase a cota que correspondería ó mínimo consumo de auga.

4.-As tarifas definidas non inclúen os impostos indirectos que en cada momento podan resultar de aplicación.

Artigo 6.º.-Criterios xenéricos de capacidade económica.

1.-Aplicaráselles unha redución do 50% da cota tributaria en concepto de taxa pola prestación dos servizos de sumidoiros e depuración, aos usos domésticos da vivenda habitual daqueles contribuíntes, persoas físicas, que teñan escaseza de recursos económicos, sempre que o soliciten no primeiro trimestre do exercicio impositivo no que pretendan que produza efectos e así o acredite un informe dos Servizos Sociais do Concello no que se fará constar que a suma dos rendementos íntegros do traballo, rendementos íntegros de actividades económicas e dos rendementos íntegros do capital, tanto mobiliario coma inmobiliario, tal e como se definen na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) (Lei 35/2006) do contribuínte non supera o Salario Mínimo Interprofesional en cómputo anual e previa solicitude individualizada en cada caso. Á vista da documentación presentada, o alcalde-presidente ditará resolución concedendo ou denegando a redución solicitada. A redución concedida so producirá efectos para o período impositivo no que se insta a súa concesión e para o inmediato seguinte, debendo solicitarse a súa prórroga nos seguintes períodos impositivos, aportando de novo a documentación que acredite que se seguen a cumpri-los requisitos para o seu goce. En calquera caso, a presentación da solicitude fóra do prazo establecido dará lugar á súa inadmisión e a conseguinte denegación da redución instada.

2.-Aplicaráselles unha bonificación do 50% da cota tributaria en concepto de taxa pola prestación dos servizos de sumidoiros e depuración, aos usos domésticos da vivenda habitual daqueles suxeitos pasivos que ostenten a condición de titulares de familia numerosa, que cumpra ademais os seguintes requisitos:

a) Que a suma dos valores catastrais de tódolos bens inmobles sitos en territorio nacional, dos que sexan suxeitos pasivos no Imposto sobre Bens Inmobles, o titular da familia numerosa ou algún dos membros da unidade familiar, non exceda de 100.000,00 €. Aos efectos desta bonificación, considéranse membros da unidade familiar tódalas persoas empadroadas na Vivenda para a que se solicita a bonificación.

b) Que a renda dispoñible da unidade familiar, tendo en conta o número de membros desta, non exceda dos límites que figuran no cadro seguinte:

Número de membros da unidade familiar

Importe máximo de renda dispoñible

4

30.000,00 €

5

35.000,00 €

6

40.000,00 €

7

45.000,00 €

8 ou mais

50.000,00 €

3.-Considerase renda dispoñible aos efectos desta bonificación, á suma dos rendementos íntegros do traballo, rendementos íntegros de actividades económicas e dos rendementos íntegros do capital, tanto mobiliario coma inmobiliario, tal e como se definen na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) (Lei 35/2006) dos membros da unidade familiar que obteñan rendas suxeitas ao IRPF.

4.-Os suxeitos pasivos que cumpran os requisitos previstos no apartado anterior, e pretendan gozar da bonificación, deberán presenta-la correspondente solicitude no primeiro trimestre do exercicio impositivo no que pretendan que produza efectos. Xuntamente coa solicitude deberá aportarse a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do título de familia numerosa expedido polo órgano competente.

b) Certificado de empadroamento do titular da familia numerosa, referido á situación existente a 31 de decembro do ano inmediato anterior, no que consten os membros da unidade familiar que conviven no inmoble para o que se solicita a bonificación.

c) Fotocopia compulsada das derradeiras declaracións do IRPF presentadas polo titular da familia numerosa e, no seu caso, por cada un dos membros da unidade familiar que obteñan rendas suxeitas ao referido imposto. No caso de non estar obrigados a presentar declaración de renda, aportaran certificado no que conste que non se ten presentado esta e certificados de imputación de rendas da Axencia Tributaria, e nóminas, certificados de retencións ou calquera outro documento que sirva para a determinación da renda dispoñible.

d) Certificado de bens inmobles por titular emitido pola Xerencia Rexional do Catastro dos que sexan suxeitos pasivos no Imposto sobre Bens Inmobles tódolos membros da unidade familiar, á que se refiren os puntos 2 e 3 deste artigo, no que conste unha relación de tódolos bens inmobles cos seus valores catastrais por NIF.

5.-Á vista da documentación presentada, o alcalde-presidente ditará resolución concedendo ou denegando a bonificación solicitada. A bonificación concedida so producirá efectos para o período impositivo no que se insta a súa concesión e para o inmediato seguinte, debendo solicitarse a súa prórroga nos seguintes períodos impositivos, aportando de novo a documentación que acredite que se seguen a cumpri-los requisitos para o seu goce. En calquera caso, a presentación da solicitude fóra do prazo establecido no apartado 4 anterior dará lugar á súa inadmisión e a conseguinte denegación da bonificación instada

Artigo 7.º.-Devengo.

1.-No caso de acometida á rede xeral, devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír no momento no que se inicie a actividade municipal que constitúa o feito impoñible. A obriga de contribuír, logo de nacida, non se verá afectada de ningún xeito pola denegación da licencia solicitada ou pola súa concesión condicionada á modificación do proxecto presentado, nin pola renuncia ou desistencia do solicitante, logo de concedida a licencia. Entendéndose que se inicia a actividade municipal:

a) Na data de presentación da preceptiva solicitude da licencia de acometida, se o suxeito pasivo a formulase expresamente.

b) Cando se inicie efectivamente a actividade municipal constitutiva do feito impoñible, se o suxeito pasivo non formulase a solicitude expresamente. O inicio da obriga de pagamento da taxa por esta modalidade producirase con independencia de que se obtivera ou non a licencia de acometida e sen prexuízo da iniciación de expediente administrativo que poida instruírse para a súa autorización.

2.-A taxa polo servicio de sumidoiro e depuración devéngase o un de xaneiro de cada ano e o período impositivo comprenderá o ano natural, salvo nos supostos de inicio ou cese no uso do servicio, caso no que se prorrateará por trimestres.

No caso de inicio do servicio en data diferente a un de xaneiro, as cotas calcularanse proporcionalmente ó número de trimestres naturais que restan para finaliza-lo ano, incluído o do comezo da prestación da actividade.

No caso de cese no servicio, as cotas serán prorrateables por trimestres, excluído aquel no que se produza dito cese. A tal fin, os suxeitos pasivos poderán solicita-la devolución da parte da cota correspondente ós trimestres naturais nos que non utilizara o servicio.

Se o inicio ou cese débese ó cambio do suxeito pasivo, a obriga tributaria do pago do trimestre corresponderá a quen a fora orixinariamente no trimestre de dito inicio ou cese.

3.-Os servicios de evacuación de excrementos, augas pluviais, negras e residuais, e da súa depuración, teñen carácter obrigatorio para tódalas propiedades do municipio que teñan fachada cara a rúa, prazas ou vías publicas nas que existan sumidoiros, sempre que a distancia entre a rede e a propiedade non exceda de cen metros, e terá obriga de pagamento a Taxa aínda cando os interesados non procedan a efectuar a acometida á rede.

4.-As tarifas esixibles con ocasión da realización das análises e emisión de informes, así como das actuacións de comprobación e inspección ás que se refire o Regulamento municipal de verteduras, devengaranse no momento de solicita-la correspondente licencia de verteduras ou no momento de inicia-las actuacións de comprobación e inspección.

Estas tarifas serán aboadas directamente á empresa concesionaria do servicio, podendo esta esixir o depósito previo dos correspondentes importes. En todo caso, con carácter trimestral, e dentro dos trinta días posteriores ó remate de cada trimestre natural, a empresa concesionaria do servicio deberá remitir ó Concello da Pobra do Caramiñal relación das contías esixidas como consecuencia das referidas actuacións.

Artigo 8.º.-Liquidación e recadación.

1.-Os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte formularán as declaracións de alta e baixa no censo de suxeitos pasivos da taxa, no prazo que media entre a data na que se produza a variación na titularidade da propiedade e o derradeiro día do mes natural seguinte. Estas últimas declaracións producirán efecto a partir da primeira liquidación que se practique logo de rematado o prazo de presentación das devanditas declaracións de alta e baixa.

A inclusión inicial no censo farase de oficio logo de concedida a licencia de acometida á rede.

2.-As cotas esixibles por esta taxa liquidaranse e recadaranse durante os mesmos períodos e nos mesmos prazos que os recibos de subministro e consumo de auga.

3.-No suposto de licencia de acometida, o contribuínte formulará a oportuna solicitude momento no que ingresará o importe da taxa.

Artigo 9.º.-Infraccións e sancións.

No tocante a cualificación das infraccións tributarias e as súas correspondentes sancións, estarase ó disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributarias, e demais normativa aplicable, e o disposto nos artigos correspondentes do Regulamento do Servicio Municipal de Auga Potable

Disposición final

A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo pleno do Concello o día 4 de decembro de 1989, e modificada nas seguintes datas:

 28 de novembro de 1996.

 18 de febreiro de 1999.

 16 de novembro de 1999.

 26 de decembro de 2000.

 8 de novembro de 2001.

 11 de novembro de 2002.

 30 de outubro de 2003.

 28 de decembro de 2004.

 7 de novembro de 2019 (cadro de tarifas contido no artigo 6.2).

 25 de novembro de 2021 (cadro de tarifas contido no artigo 6.2).

A entrada en vigor da ordenanza producirase o 1 de xaneiro de 2022, permanecendo vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.