Curtis - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR UTILIZACIÓNS PRIVATIVAS E APROVEITAMENTOS ESPECIAIS DE DOMINIO PÚBLICO LOCAL

Publicación provisional: 02/06/2020 BOP Nº: 78
Publicación definitiva: 29/07/2020 BOP Nº: 118
Aplicable dende: 30/07/2020

ARTIGO 1.-FUNDAMENTOS E NATUREZA.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e do artigo 15.1 do Texto Refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, o concello de Curtis establece a taxa por utilizacións privativas e aproveitamentos especias do dominio público local.

ARTIGO 2.-FEITO IMPOÑIBLE.

Constitúe o feito impoñible deste tributo a utilización privativa ou aproveitamento especial do subsolo, solo e voo en terreos de dominio público municipais con algún dos elementos ós que se refire o artigo 5

ARTIGO 3.-SUXEITO PASIVO.

Son suxeitos pasivos das taxas, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, que disfruten, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular.

ARTIGO 4.-EXENCIÓNS.

O Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais non estarán obrigados ó pago das taxas por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público polos aproveitamentos inherentes aos servizos públicos de comunicacións que exploten directamente e por todos os que inmediatamente interesen á seguridade cidadán ou a defensa nacional.

ARTIGO 5.-COTA TRIBUTARIA.

As cotas tributarias a satisfacer polas taxas que se regulan na presente ordenanza serán as que resulte de aplicar as tarifas e cantidades seguintes:

1. Apertura de gabias, calicatas e calas en terreos de uso público local, inclusive estradas, camiños e demais vías públicas locais, para a instalación e reparación de canos, conducións e outras instalacións, así como calquera remoción de pavimento ou beirarrúas na vía pública: 1,60 €/m2 por semana ou fracción.

2. Ocupación de terreos de uso público local con mercadorías, materiais de construción, entullos, valos, puntais, asnillas, estadas e outras instalacións análogas: 1,07 €/m2 por mes ou fracción ata 10.000 m2 de ocupación. A partir de 1.000 m2 liquidarase 0,22 €/m2 por mes ou fracción.

3. Instalación de anuncios no pavillón polideportivo: 53,30 €/m2 po ano ou fracción.

Banderolas e carteis publicitarios: 1,07 € por unidade e día.

4. Grúa utilizada na construción, se o seu brazo ou pluma ocupa voo da vía pública: 38,38 €/mes ou fracción.

Se calquera dos seus elementos ten apoio na vía pública: 76,75 €/mes ou fracción."

5. Instalación de mesas e cadeiras, así como outros elementos auxiliares en terrazas de establecementos hostaleiros ocupando dominio público municipal situados na propia beirarrúa ou en plataformas que suplementen o ancho das mesmas.

a) Instalación de mesas e cadeiras no casco urbano:

- Por tempada (do 15 de maio ao 30 de setembro) : 26,51 €/mesa.

- Anual: 53,02 €/mesa.

- Mesas e cadeiras a maiores durante celebracións especiais (Festas patronais, etc): 1,16 €/mesa ao día.

b) Instalación de mesas e cadeiras fora do casco urbano:

- Por tempada: 19,45 €/mesa.

- Anual: 38,90 €/mesa.

c) Instalación de tribunas e taboados, cando non estea destinado aos usos previstos nas letras anteriores.

- Por tempada: 26,51 €/m².

- Anual: 53,02 €/m².

d) Pola utilización de sombrillas, toldos ou marquesiñas fixados á vía pública: multiplicarase polo coeficiente 5% a contía que resulte da aplicación da tarifa dos apartados a) e b).

A efectos deste artigo unha mesa corresponderase cun m2. Se a superficie fora superior liquidarase como outra mesa cada m2 ou fracción. Cada m2 de mesa terá dereito á ocupación de 4 cadeiras.

ARTIGO 6.-NORMAS DE XESTIÓN.

1. No momento de presentación de solicitudes de licenzas para utilización privativa e aproveitamentos do dominio público os suxeitos pasivos ingresarán polo procedemento de autoliquidación o importe das taxas resultante da aplicación do artigo 5.

2. Non obstante o previsto no apartado anterior, se unha vez verificada a autoliquidación resultara incorrecta, practicarase a liquidación complementaria.

3. Se o tempo solicitado non resultase suficiente, deberán formular, con anterioridade ao seu vencemento, solicitude de continuación co aproveitamento e autoliquidación complementaria.

4. Non poderá disfrutarse dun aproveitamento da vía pública ata que fose ingresado o importe das taxas e fose outorgada a correspondente licenza.

5. Os titulares das licenzas deberán depositar antes de retirar a licenza fianza para responder dos posibles danos que poidan ocasionarse na vía pública na contía que se determine polos servicios técnicos do concello.

6. En caso de denegarse as autorizacións, procederá a devolución dos importes ingresados.

7. Nos supostos de falta de solicitude de licenza ou presentación de autoliquidación, practicararase a correspondente liquidación, sen perxuizo do exercicio das accións pertinentes

ARTIGO 7.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

As infraccións e sancións en materia tributaria rexeranse polo disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA PRIMEIRA

Con ocasión da declaración do estado de alarma decretado polo Goberno de España, mediante o Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, tomáronse diversas medidas imprescindibles para facer fronte á situación de pandemia por mor do COVID-19. Esas medidas afectan á apertura ao público de locais de hostalería e restauración, polo que para este exercicio 2020 queda en suspenso a aplicación desta taxa respecto da ocupación do dominio público municipal por mesas e cadeiras, así como outros elementos auxiliares en terrazas de establecementos hostaleiros, reguladas no art. 5.5 desta ordenanza.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Queda revogada a ordenanza reguladora de prezo público por ocupación do solo, subsolo e voo da vía pública.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Ordenanza fiscal entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no BOP, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou revogación expresas."