Negreira - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DO SUBSOLO, SOLO E VOO DA VÍA PÚBLICA.

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 09/07/2021 BOP Nº: 128
Aplicable dende: 09/07/2021

Artigo 1.º.-Concepto.

O Concello de Negreira establece a taxa pola ocupación do subsolo, solo e voo da vía pública, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal e polo disposto nos artigos 20 a 27 do TRFL, no uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, 57 e artigo 20 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (TRFL).

Artigo 2.º.-Feito impoñible.

O feito impoñible está constituído pola realización de calquera dos aproveitamentos de ocupación do subsolo, solo e voo da vía pública, con carácter enunciativo, non limitativo:

1. Ocupación do subsolo de terreos de uso público local.

2. Instalación de reixas de pisos, lucernarios, respiradoiros, portas de entrada, bocas de carga ou elementos análogos que ocupen o solo ou subsolo de toda clase de vías públicas locais, para dar luces, ventilación, acceso de persoas ou entrada de artigos a sotos ou semisotos.

3. Ocupación do voo de toda clase de vías públicas locais con elementos construtivos pechados, terrazas, miradoiros, balcóns, marquesiñas, toldos, paraventos e outras instalación semellantes, beirís sobre a vía pública ou que sobresaian da liña de fachada.

4. Tendidos, tubaxes e galerías para as conducións de enerxía eléctrica, auga, gas ou calquera outro fluído incluídos os postes para liñas, cables, roscas de ás, caixas de amarre, de distribución ou de rexistro, transformadores, raís, básculas, aparellos para a venda automática e outros análogos que se establezan sobre vías públicas ou outros terreos de dominio público local ou voen sobre eles.

Artigo 3.º.-Persoas obrigadas ao pagamento.

Son suxeitos pasivos da taxa en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (LXT), a prol das que se outorguen as licenzas ou que se beneficien do aproveitamento se se procedeu sen a oportuna autorización.

Artigo 4.º.-Contía.

A contía da taxa que se regula nesta ordenanza será a fixada nas tarifas recollidas nos apartados seguintes:

a) Pola ocupación do voo da vía pública con cables, roscas de ás ou similares, por unidade e metro lineal, 1 euro/ano ou fracción no núcleo urbano de Negreira e 0.20 euros/ano ou fracción no medio rural.

b) Pola colocación de básculas, aparatos ou máquinas automáticas que afecten a zonas de uso público, por unidade: 30 euros/ano no núcleo urbano e 3 euros/ano no medio rural. Pola colocación de transformadores, por unidade: 50 euros/ano no núcleo urbano e 5 euros/ano no medio rural.

c) Pola colocación doutras instalacións ou ocupacións do solo , voo ou subsolo, distintas das anteriores, por unidade, metro lineal, metro cadrado ou metro cúbico, segundo corresponda: 3 euros/ano ou fracción no núcleo urbano e 1 euro/ano no medio rural.

Non obstante o anterior, para as empresas explotadoras, distribuidoras e comercializadoras de servizos de subministracións que afecten á xeneralidade ou unha parte importante da veciñanza, a normativa aplicable estará constituída pola Ordenanza fiscal reguladora da taxa por aproveitamento especial do dominio público local, a favor de empresas explotadoras de servizos de subministracións de interese xeral, aprobada na sesión do Pleno da Corporación do 11 de novembro de 2019 e con publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia da Coruña con data do 13 de xaneiro de 2020.

Artigo 5.º.-Devindicación.

A obrigación de pagamento da taxa nace, tratándose de concesións de aproveitamento da vía pública, no momento de solicitar a correspondente licenza, e ratearase a contía polo tempo que reste do ano natural.

Tratándose de concesións de aproveitamento autorizadas e prorrogadas que esixan unha devindicación periódica da taxa, a devindicación terá lugar o 1 de xaneiro de cada ano e o período impositivo comprenderá o ano natural, salvo nos supostos de cesamento na utilización privativa ou aproveitamento especial, en cuxo caso o período impositivo axustarase a esa circunstancia co conseguinte rateo da cota polo tempo efectivo da ocupación.

Artigo 6.º.-Normas de xestión.

As cantidades esixibles conforme esta ordenanza liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e serán irredutibles.

As persoas ou entidades interesadas na concesión dos aproveitamentos regulados nesta ordenanza deberán solicitar previamente a correspondente licenza.

Unha vez autorizada a ocupación, se non se determinou con exactitude a súa duración, entenderase prorrogada ata que as persoas interesadas presenten unha declaración de baixa.

A declaración de baixa producirá efectos a partir do día primeiro do período natural de tempo seguinte sinalado nos epígrafes das tarifas.

Artigo 7.º.-Infraccións e sancións.

A falta de ingreso da débeda tributaria que resulta da autoliquidación da taxa dentro dos prazos establecidos nesta ordenanza, constitúe infracción tributaria tipificada dentro do artigo 191 da Lei xeral tributaria, que se cualificará e sancionará segundo dispón o mencionado artigo.

O resto de infraccións tributarias que se poidan cometer nos procedementos de xestión e recadación desta taxa tipificaranse e sancionaranse consonte co que se prevé na Lei xeral tributaria, no Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributarias, aprobado polo Real decreto 1065/2007 e na Ordenanza xeral de xestión, inspección e recadación dos ingresos de dereito público municipais.

A falta de presentación de forma completa e correcta das declaración e documentos necesarios para que se poida practicar a liquidación desta taxa constitúe unha infracción tributaria tipificada no artigo 192 da Lei xeral tributaria, que se cualificará e sancionará segundo dispón o mencionado artigo.

Disposición final

A presente ordenanza entrará en vigor o día da súa publicación íntegra e definitiva no BOP, consonte o preceptuado no artigo 17 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.