Fene - ORDENANZA REGULADORA DAS AXUDAS ECONÓMICAS MUNCIPAiS PARA A ATENCIÓN DE NECESIDADES SOCIAIS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 7/1985, do 2 de abril, de Bases do Réxime Local, no seu artigo 25.2 e) atribúe ao municipio competencias en materia de prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social.
Pola súa banda, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seus artigos 4, 8 e 21 establece a regulamentación básica das prestacións para a Inserción Social- Emerxencias Sociais destinadas a persoas ou familias que se atopen en situación de carencias.
Será de aplicación á presente Ordenanza o disposto na Lei 38/2003, Xeral de Subvencións e regulamento de desenvolvemento, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia, e a Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Fene.
Neste senso, o artigo 17 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, establece que as bases reguladoras de subvencións das corporacións locais deberanse aprobar no marco das bases de execución do orzamento, a través dunha ordenanza xeral de subvencións ou mediante unha ordenanza específica para as distintas modalidades de subvencións.
A Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Fene foi aprobada inicialmente, en sesión plenaria de 30 de marzo de 2007 e publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia n.º 136, do 15 de xuño de 2007.
Esta ordenanza ten por obxecto a regulación da convocatoria e do réxime xurídico xeral das axudas municipais para a atención de necesidades sociais que otorgue o Concello de Fene figurando entre os obxectivos da presente ordenanza adaptar as disposicións de carácter xeral da Lei 38/2003 ás peculariedades do Concello de Fene establecendo esixencias mínimas, criterios e procedemento para a concesion destas axudas.
ARTIGO 1.-OBXECTO DA CONVOCATORIA.
A ordenanza ten por obxeto a regulación das axudas económicas municipais destinadas á atención de necesidades sociais, entendendo por tales o conxunto de axudas económicas de carácter non periódico destinadas a paliar ou resolver, por si mismas ou complementariamente con outros recursos, situacións de emerxencia social, previr situacións de exclusión social e favorecer a integración de sectores de poboación que carezan de recursos económicos para a atención das súas necesidades básicas.
ARTIGO 2.-CONCEPTO E FINALIDADE.
2.1.-Esta axuda económica vai dirixida a atender de forma temporal a cobertura de necesidades básicas daquelas persoas que teñan recursos limitados e que non poidan facer fronte a gastos específicos, considerados necesarios para previr, evitar ou paliar situacións de exclusión social e que non poidan ser sufragados polos seus propios medios.
2.2.-A axuda económica trata de previr, evitar e paliar situacións de exclusión social. Para estimar a idoneidade da axuda será necesaria unha valoración técnica na que se determine se a prestación favorece a integración social da persoa beneficiaria e a súa unidade de convivencia ou se prevé o risco ou agravamento da situación de exclusión social.
2.3.-En ningún caso estas axudas poderán ir destinadas a liquidar débedas contraídas co Concello de Fene ou outras administracións públicas.
ARTIGO 3.-MODALIDADE DAS AXUDAS ECONÓMICAS.
3.1.-Establécense as seguintes modalidades de axudas económicas en función da necesidade exposta e a súa valoración polos Servizos Sociais Municipais, cuxa concesión estará sempre condicionada á existencia de dispoñibilidade orzamentaria, así como ao cumprimento dos requisitos xerais de acceso e específicos de cada axuda, de acordo co fixado nesta ordenanza:
A) Alimentación básica e hixiene persoal e doméstica.
B) Vestimenta básica para a persoa e a vivenda.
C) Mobiliario e electrodomésticos básicos.
D) Reparacións básicas extraordinarias e urxentes necesarias para manter a vivenda en condicións básicas de seguridade, hixiene e salubridade.
E) Gastos de alugueiro, hipoteca (amortización e intereses), comunidade, formalización do contrato de alugueiro, ata un máximo de 4 mensualidades.
F) Eliminación de barreiras arquitectónicas e barreiras da comunicación que impidan o normal desenvolvemento da integración social das persoas e que non estean subvencionadas por outra Administración ou entidade
G) Aloxamento temporal por imposibilidade de afrontar situacións de emerxencia ou sinistro, incendio, inundación, ruína, desafiuzamento ou otras causas imprevisibles e inevitables que obriguen ao abandono da vivenda por un período máximo dun mes ou dous, prorrogables segundo criterio técnico.
H) Gastos farmacéuticos e odontolóxixos necesarios e non asumibles polo sistema sanitario.
I) Gastos de enerxía eléctrica, gas e outros subministros esenciais.
J) Pago de taxas municipais de auga, saneamento e lixo.
K) Gastos de comedor escolar para menores de idade non subvencionados
L) Actividades extraescolares para menores de idade que faciliten e sexan promovidas polas Ampas ou polo propio centro educativo no que se curse estudos.
M) Gastos de escolarización: adquisición de libros e material escolar para todos os cursos da educación obrigatoria.
N) Outras prestacións non recollidas nos anteriores apartados e que incidan directamente na inclusión social das persoas e así o valoren polos/as traballadores/as sociais dos Servizos Sociais municipais.
3.2.-Poderase cursar unha única solicitude anual, agás certos casos en que se poda presentar unha segunda solicitude cando concorran criterios socio-económicos obxectivables relacionados co desamparo ou precariedade económica posterior á primeira solicitude e que serán valorados tendo en conta criterios técnicos tales como:
Urxencia na necesidade.
Infortunio familiar.
Outros a valorar polo equipo técnico.
3.3.-Os gastos non asumibles a través destas axudas económicas son os seguintes:
a) Débedas en xeral con calquera administración.
b) Intereses debedores de contas bancarias.
c) Intereses, recargos e sancións administrativas e penais.
d) Gastos de procedementos xudiciais ou derivados do cumprimento dunha sentencia xudicial condenatoria.
e) Devolucións de contías indebidamente percibidas e requeridas por algunhas das administracións públicas.
3.4.-En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, a persoa beneficiaria deberá destinar os ben ao fin concreto para o que se lle concedeu a subvención por un prazo mínimo de cinco anos no caso de bens inscribibles nun rexistro público e de dous anos para o resto de bens.
No caso de bens inscribibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes extremos de inscrición no rexistro público correspondente.
Para o caso de incumprimento do destino dos ben sao fin concreto para o que se concedeu a subvención, estarase ao disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións e o seu regulamento de desenvolvemento, así como a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
ARTIGO 4.-CONTÍAS MÁXIMAS DAS AXUDAS ECONÓMICAS.
En cada solicitude poderánse solicitar os conceptos sinalados a continuación, sempre e cando non se superen as cantidades a continuación sinaladas tendo en conta o número de membros que conformen a unidade de convivencia:
Número membros unidade convivencia | Máxima contía |
- 1 persoa | 1.400,00 € |
- 2 persoas | 1.700,00 € |
- 3 persoas | 2.000,00 € |
- 4 ou máis persoas | 2.500,00 € |
Tipoloxía das prestacións económicas:
Tipoloxía | Máxima contía |
- Alimentación básica e hixiene persoal e doméstica | 1 persoa: 500 € 2 persoas: 650 € 3 persoas: 775 € A partires de 4 ou máis persoas: 875 € |
- Vestimenta básica para persoa e/ou para vivenda. | Límite por persoa adulta: 100 € Límite por menor: 180 € (hasta un límite máximo de 540 €) |
- Mobiliario e electrodomésticos básicos | 400 € |
- Reparacións básicas extraordinarias e urxentes para manter a vivenda en condicións de seguridade, hixiene e salubridade | 700 € |
- Gastos de alugueiro, hipoteca (amortización e intereses), comunidade, formalización do contrato de alugueiro | 750 € |
- Eliminación de barreiras arquitectónicas e barreiras da comunicación que impidan o normal desenvolvemento da integración social e non subvencionadas | 900 € |
- Aloxamento temporal por imposibilidade de afrontar situacións de emerxencia ou sinistro, incendio, inundación, ruína, desafiuzamento ou otras causas imprevisibles e inevitables que obriguen ao abandono da vivenda | 1000 € |
- Gastos farmaceuticos e odontolóxicos non asumibles polo sistema sanitario | 300 € Odontolóxicos 1000 € |
- Gastos de enerxía eléctrica, gas e outros subministros esenciais | 200 € |
- Taxas municipais de auga, saneamento e lixo | 100% do custo |
- Gastos de comedor escolar para menores de idade non subvencionados | 80 € máximo ao mes por menor |
- Actividades extraescolares que faciliten a integración dos menores e sexan promovidas polas Ampas ou polo propio centro educativo | 180 € menor |
- Gastos de escolarización: adquisición de libros e material escolar para todos os cursos da educación obrigatoria | 150 € menor |
- Outras prestacións nos anteriores apartados e que incidan directamente na inclusión social das persoas e así o valoren os/as traballadores/as sociais | 600 € |
As axudas de comedor, material escolar e gastos de escolarización poderán solicitarse para todos os menores que cursen educación obrigatoria.
A concesión da prestación económica de comedor estará supeditada á existencia dunha necesidade real de empregar este recurso e deberá ser acreditada e valorada favorablemente no informe do/a traballador/a social.
ARTIGO 5.-PERSOAS BENEFICIARIAS.
Poderán ser beneficiarias destas axudas económicas, as unidades de convivencia residentes e empadroadas no Concello de Fene e que cumpran os requisitos establecidos.
Para os efectos do previsto nestas bases considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que convivan no mesmo domicilio.
Poderanse considerar a existencia de máis dunha unidade de convivencia no mesmo domicilio de forma excepcional, sempre que existan circunstancias motivadas e valoradas polo/a traballador/a social no seu informe social.
5.1.-Requisitos xerais:
- Ser maior de idade ou menor legalmente emancipado
- Ter nacionalidade española ou extranxeira con residencia legal en España. Con carácter excepcional, poderán ser tamén benficiarias as persoas extranxeiras, sexa cal sexa a súa situación administrativa en España que se atopen nunha situación de desprotección ou en grave risco social.
- Estar a unidade de convivencia empadroada no Concello de Fene como mínimo con tres meses de antigüedade previos o inicio do expediente de solicitude.
- Excepcionalmente, diante situacións que comprometan gravemente a subsistencia das persoas destinatarias e, no seu caso, da súa unidade familiar ou de convivencia, o Equipo Técnico de Servizos Sociais, de xeito debidamente motivado, poderá eximir do cumprimento dos requisitos de domicilio e empadroamento.
- Non ter sido beneficiario/a de axudas ao abeiro desta mesma convocatoria no decurso do mesmo exercicio económico ou doutras convocatorias de organismos supramunicipais para o mesmo concepto, agás circunstancias de especial gravidade que comprometan gravememente a subsistencia da unidade de convivencia e que se valorarán mediante informe técnico.
- Aceptación expresa por parte da persoa solicitante, da participación no deseño do proxecto de intervención e no seu desenvolvemento cando sexa preceptivo segundo o criterio profesional.
- Cumprir cos requisitos económicos para acceso ás axudas económicas, recollidas nas presentes bases, así como as condicións de acceso específicas para as modalidades incluídas nos apartados correspondentes.
- Cumprir cos demais requisitos fixados para obter a condición de beneficiario/a sinalados no art.13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
- Non ter débedas co Concello de Fene ou ter solicitado un fracionamento da débedanos termos establecidos na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.
5.2.-Requisitos económicos.
Ingresos regulares da unidade de convivencia:
A contía das subvencións que se concedan, se establecerá en función do conxunto dos ingresos da unidade familiar de convivencia.
Para poder optar a percibir esta axuda económica non poderán superar os seguintes ingresos mensuais:
a) Un membro na unidade familiar: 1,2 veces o IPREM anual vixente.
b) Dous membros na unidade familiar: 1,4 veces o IPREM.
c) Tres membros na unidade familiar: 1,5 veces o IPREM.
d) Catro membros na unidade familiar: 1,55 veces o IPREM.
e) Cinco ou máis membros na unidade familiar ata un total de 1,8 veces o IPREM.
Valorarase o conxunto de ingresos percibidos por cada unha das persoas que constitúen a unidade familiar de convivencia, e procedentes de retribucións, pensións, subsidios, salarios ou rendas regulares e/ou irregulares de calquera natureza, así como rendas do capital mobiliario.
Teranse en conta os ingresos líquidos, logo dos descontos correspondentes do IRPF e Seguridade Social.
Para obter a contía dos ingresos anuais sumarase o conxunto de ingresos líquidos obtidos nos 6 últimos meses anteriores á data da solicitude multiplicandoos por 2 para obter o conxunto dos ingresos anuais. Desta contía descontarase os gastos derivados do pago do alugueiro e/ou amortización da vivenda, pago de pensións complementarias ou alimenticias. A contía resultante, dividirase entre 14 para obter os ingresos mensuais.
Non se computarán como ingresos aqueles de carácter finalista cuxa concesión estea condicionada a un destino concreto, salvo que sexa para a mesma finalidade a que foi destinada esta prestación.
Nos casos nos que quede acreditado que no momento da solicitude non se percibe ningún tipo de ingresos ou a minoración destes sexa do 50 % dos ingresos que se estaban a percibir, terase en conta esta circunstancia para o cómputo dos ingresos anuais e posterior aplicación da subvención que corresponda. Isto é, computaranse os ingresos actuais, do mes da solicitude.
Capital mobiliario:
Entenderase medios económicos suficientes no que respecta aos recursos procedentes do capital mobiliario e para a valoración da concesión das presentes axudas, os que superen os 3.000 € en contas de aforros e/ou investimentos de toda a unidade familiar (tomarase o saldo recollido na certificación bancaria a 31 de decembro de cada ano).
Capital Inmobiliario:
Que a persoa solicitante ou calquera membro da unidade familiar, non sexa propietaria e/ou usufructuaria de bens inmobles que, polas súas características, valoración, posibilidade de venda ou calquera forma de explotación, indiquen de xeito notorio a existencia de medios materiais suficientes para atender ao gasto obxecto da solicitude, agás a propiedade referente á vivenda destinada ao uso propio.
ARTIGO 6.-SOLICITUDES, PRAZOS E DOCUMENTACIÓN.
A solicitude da axuda presentarase no Rexistro Xeral do Concello de Fene, segundo o modelo establecido de conformidade co previsto na DA 1.ª, e coa documentación requerida sen prexuízo do establecido no artigo 16 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O procedemento iniciarase a instancia de parte ou de oficio. Os expedientes serán incoados de oficio cando concorran circunstancias graves, extraordinarias ou urxentes que así o aconsellen. Se se inicia de oficio deberá de garantirse na súa tramitación os requisitos e circunstancias documentais fixados para o caso de que se iniciase a instancia de parte.
O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto todo o ano, condicionado, en todo caso, á existencia de consignación orzamentaria para facer fronte ao custo das axudas en cada un dos exercicios orzamentarios.
Á solicitude, deberá de acompañarse a documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos xerais e específicos para a obtención das axudas, agás que a documentación estea en poder do Concello de Fene ou se dean os requisitos fixados no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Sen carácter restrictivo, será necesario achegar a seguinte documentación:
Fotocopia do DNI da persoa solicitante e das personas maiores de 18 anos pertencentes á unidade de convivencia ou tarxeta de residencia (NIE) ou pasaporte, no caso de persoas extranxeiras.
Fotocopia do libro familia.
Fotocopia da sentencia de separación ou divorcio e/ou do convenio regulador.
Volante de empadroamento e convivencia, con indicación do tempo de residencia no Concello de Fene, que se solicitará de oficio.
Fotocopias dos recibos pagados de auga, saneamento e lixo, segundo corresponda ao ano da solicitude, para as persoas que se acollan á solicitar esta modalidade.
Fotocopia da demanda e/ou sentencia de impago de pensións e, no seu defecto declaración xurada.
Fotocopia da última Declaración da Renda ou, no caso de non ter obriga de presentala, certificado negativo da Administración de Facenda cos datos fiscais de todos/as os/as convivintes maiores de 18 anos ou 16 se traballan. Poderán asinar unha autorización todos os membros da unidade familiar para o acceso aos seus datos do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.
Fotocopia dos 6 últimos recibos de alugamento ou amortización da vivenda, no seu caso.
Xustificantes económicos de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia maiores de 18 anos (ou 16 se traballan) e referidos ao período computable: nóminas, contratos de traballo, recibo/s de pensión/s, certificados de vida laboral, certificados do INEM, e outros segundo se lle indique.
Movementos das contas bancarias que se posúan por tódolas persoas da unidade familiar e referidos aos seis meses anteriores á data da solicitude.
Saldo das contas bancarias de todalas persoas que formen a unidade de convivencia a 31 de decembro do exercicio inmediatamente anterior a presentación da solicitude
Informes de IBI, urbana, rústica, IAE e IVTM, que solicitarase de oficio.
Declaración xurada de ingresos económicos da unidade de convivencia, no modelo que se achega xunto ao anexo de solicitude.
Declaración xurada de non ter solicitado nin percibido nengunha axuda que cubra os mesmos conceptos para os que se solicita a subvención e de estar ao corrente nas obrigas fiscais e coa seguridade social.
Autorización da persoa solicitante da axuda económica ou do seu representante legal ou gardador de feito e dos demáis membros da unidade familiar cuxos ingresos son computables, conforme ao modelo de solicitude do Concello de Fene, para a consulta das bases de datos municipais e comprobación da veracidade dos datos declarados.
Orzamentos dos gastos que se solicitan, adaptados á situación de necesidade.
Calquera outro documento que os/as traballadores/as sociais instructores/as dos expedientes estimen oportunos para acreditar o cumprimento dos requisitos para a percepción das axudas ou para complementar ou actualizar a información.
Naquelas solicitudes nas que se observe a falla de documentación necesaria para a súa valoración, será requirida por escrito ás persoas interesadas para que, no prazo máximo de 10 días dende a recepción da comunicación, presenten a documentación solicitada, indicándoselles que, de non presentala, se lles terá por desistidas da súa solicitude, previa resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no art. 68 da Lei 30/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
ARTIGO 7.-PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN.
O procedemento polo cal se establece a concesión destas axudas económicas será o de concorrencia competitiva, mediante o estudo pormenorizado de cada unha das solicitudes presentadas e a súa adaptación aos criterios de valoración establecidos nesta ordenanza.
Unha vez completada a documentación, realizarase o estudo da demanda e da situación socioeconómica da persoa solicitante e demais membros da unidade familiar. Para iso, teranse en conta os documentos presentados, entrevistas realizadas, visitas domiciliarias ou outros extremos que foran considerados de interese polos/as traballadores/as sociales do concello encargados/as de valorar a situación de necesidade de cada caso, emitindo informe social.
Recibidas as solicitudes de subvención, a valoración destas levarase a cabo polos/as traballadores/as sociais do Concello, que deberán emitir un informe social no que se concrete o resultado da valoración realizada. Elevarase informe con proposta de resolución á Alcaldía, que resolverá o expediente previo informe de fiscalización e sen prexuízo da delegación da dita competencia de conformidade coa lexislación de réxime local.
A concesión da axuda económica estará vinculada a elaboración dun proxecto individualizado ou grupal de inserción. Cando xa exista un proxecto iniciado vincularase esta axuda económica ao dito proxecto. Nos casos nos que non se detecte unha problemática de integración non será obrigatorio realizar este proxecto e recollerase no informe social preceptivo.
O informe social emitido polo/a traballador/a social instrutora do expediente deberá conter, a maiores da valoración técnica, a seguinte información:
Finalidade da subvención.
Importe.
Forma de pago.
Prazo de xustificación.
Forma de xustificación.
Que as persoas beneficiarias non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro doutras prestacións económicas ou fose declarada a perda de dereito ao seu cobro por algunhas das causas previstas.
Que as anteriores axudas económicas concedidas polo mesmo concepto, no seu caso, están correctamente xustificadas.
En casos excepcionais, a Concellería competente en materia de Servizos Sociais poderá autorizar provisionalmente a concesión da axuda económica solicitada cando a extrema urxencia e as circunstancias que a motivan estean suficientemente xustificadas mediante un informe social emitido polo persoal técnico competente. Posteriormente elevarase ao órgano competente para a súa aprobación.
ARTIGO 8.-RESOLUCIÓN.
A resolución que poña fin ao procedemento notificarase a persoa interesada facendo constar a concesión ou denegación da axuda, e incluirá ademáis dos contidos previstos no artigo 88 da Lei 39/2015, do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas, a contía a abonar, e a forma de pago.
O procedemento de concesión será resolto pola Alcaldía ou órgano en quen delegue, e deberá de producirse nun prazo máximo de 30 días hábiles dende a presentación en rexistro da solicitude de subvención. O dito prazo máximo de resolución comenzará a computarse dende que o expediente se atope completo.
Será prioritaria a resolución favorable das axudas destinadas á cobertura das necesidades básicas, entendidas como tales as que van destinadas a cubrir gastos derivados de alimentación, vivenda e outros de acordo cos criterios técnicos do equipo de Servizos Sociais.
A concesión das axudas estará sempre supeditada á existencia de consignación orzamentaria, polo tanto poderanse desestimar por este motivo as peticións que cumpran inicialmente todos os requisitos pero que non se consideren prioritarias.
ARTIGO 9.-NOTIFICACIÓN ÁS PERSOAS INTERESADAS.
O texto íntegro da resolución adoptada será notificada ás persoas interesadas no domicilio que a efectos de notificacións figure no expediente e de conformidade co artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Na notificación que se practique ás persoas beneficiarias das axudas económicas, indicaráselles de modo expreso cales son as condicións que deben cumprir para facer efectivo o cobro desta. Asemade, indicarase de modo expreso, o prazo a contar dende a recepción da notificación do acordo de concesión no que debe cumprir as condicións establecidas, que será entre 3 e 6 meses en función da proposta do/a instructor/a do expediente. No caso de non cumprir as ditas condicións, procederase por parte do Concello á revogación da prestación.
A resolución, que deberá ser motivada, expresará os recursos que contra esta se poden interpoñer.
ARTIGO 10.-OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS.
As persoas beneficiarias destas axudas económicas están obrigadas a:
a) Destinar a axuda á finalidade para a que foi concedida.
b) Proporcionar toda a información necesaria para a xestión da axuda e facilitar as tarefas de evaluación e seguimento que se establezca no proxecto de intervención.
c) Comunicar os cambios que se produzan en relación ás condicións xerais e/ou requisitos específicos das axudas e que poideran dar lugar á modificación e/ou extinción destas, así como calquera outro cambio.
d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as axudas subvencionadas.
e) Acreditar con anterioridade a dictarse a proposta de resolución da concesión que está ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social na forma en que se determine reglamentariamente.
f) Xustificar cos documentos e facturas oportunas, a realización do gasto para o fin que motivou a concesión da axuda económica no prazo máximo que se lle indique, e que será como máximo de seis meses.
g) Reintegrar o importe das axudas indebidamente percibidas ou en contía indebida.
h) Demais obrigas previstas na normativa reguladora das subvencións públicas.
ARTIGO 11.-CAUSAS DE DENEGACIÓN.
Non procederá a concesión das axudas económicas cando se dean algunha das seguintes condicións:
a) Non cumprir os requisitos esixidos.
b) Que a axuda solicitada sexa competencia doutros organismos.
c) Que a prestación económica solicitada non constitúa unha solución axeitada u non resolva de forma significativa a necesidade formulada.
d) Non estar debidamente xustificada a situación de necesidade.
e) Non completar a documentación requirida.
f) Non xustificar a percepción de axudas concedidas en ocasións anteriores.
g) Que non exista crédito orzamentario para a atención da solicitude.
h) Que a prestación solicitada sexa para cubrir débedas derivadas do incumprimento de obrigas tributarias con calquera Administración Pública incluída a Seguridade Social ou calquera outro concepto non subvencionable de conformidade coa normativa reguladora dassubvencións públicas
i) Que a prestación económica solicitada sexa para cubrir gastos de asistencia médica ou famacéutica susceptible de ser prestada na súa totalidade polo Sergas.
ARTIGO 12.-CAUSAS DE EXTINCIÓN DAS AXUDAS ECONÓMICAS.
Son causas de extinción das axudas económicas:
a) O falecemento e/ou a renuncia da persoa solicitante.
b) A desaparición das circunstancias ou situación de necesidade que motivou a concesión da prestación económica.
c) Non reunir os requisitos esixidos para ser persoa beneficiaria da axuda solicitada.
d) A ocultación ou falsedade nos datos aportados e que foron tidos en conta para conceder a axuda.
e) Non adicar a axuda á finalidade para a que foi concedida.
f) A perda dalgún dos requsitos ou condicións esixidas para ser persoa beneficiaria.
g) Non xustificar a axuda concedida ou non presentar as facturas xustificativas correspondentes para acreditar o destino e emprego axeitado desta.
ARTIGO 13.-REINTEGRO E RÉXIME SANCIONADOR.
No caso de que a persoa solicitante facilitara información falsa ou ocultara datos para obter, manter ou aumentar a axuda económica ou se, concedida esta, non presentara as facturas xustificativas que se lle requiran, procederase, en base a lexislación en materia de subvencións, a iniciar un procedemento de reintegro polo órgano competente, podendo ser motivo da denegación de futuras solicitudes de axudas.
En canto ao réxime sancionador aplicarase o previsto na Lei 38/2003, xeral de subvencións e regulamento de desenvolvemento desta, así como a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia e a Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Fene publicada no BOP do 15 de xuño de 2007.
ARTIGO 14.-XUSTIFICACIÓN DAS AXUDAS ECONÓMICAS.
A xustificación das cantidades recibidas acreditarase mediante factura ou documento que acredite a realización do gasto.
A persoa beneficiaria presentará a través do rexistro de entrada do concello, a conta xustificativa da subvención no modelo de impreso normalizado ao efecto e que deberá ir acompañado dos xustificantes correspondentes.
Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil. Así mesmo, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mendiante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados ou asinados pola persoa beneficiaria.
ARTIGO 15.-PAGAMENTO DAS AXUDAS ECONÓMICAS.
O pagamento das axudas económicas realizaranse na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria no momento da solicitude e poderá levarse a cabo, con carácter xeral, nunha das seguintes modalidades:
1.º) Con carácter xeral, o pago das subvencións abonarase na conta bancaria da persoa beneficiaria unha vez esta aporte, no prazo que se lle indique, dende que recibe a notificación de concesión, as facturas ou documentación xustificativa que se determine, por importe igual ou superior, segundo corresponda, á contía concedida ou ao orzamento subvencionado.
2.º) Sempre que se recolla no informe-proposta da persoa instructora do expediente, o pago das axudas poderase realizar anticipadamente ata o 100% do importe concedido esixíndose posteriormente a xustificación.
3.º) As axudas económicas poderán ser aboadas a entidades ou empresas legalmente constituidas sempre que, así se recolla no informe-proposta da persoa instructora do expediente e que poidan emitir unha factura polos servizos prestados ou os bens que se adquiran.
Non obstante ao anterior, cando concorran circunstancias que fagan convinte a determinación doutro modo de pagamento, poderase alterar o sistema xeral establecendo, previo informe dos/as traballadores/as sociais municipais, outras modalidades de pagamento (pago fraccionado, pago en especie¿).
A modalidade de pago das prestacións e os prazos correspondentes serán recollidos no informe técnico emitido polos/as traballadores/as sociais.
ARTIGO 16.-RÉXIME DE INCOMPATIBILIDADES.
Non se concederán axudas económicas destinadas á amortización de débedas contraídas co Concello de Fene ou outras Administracións Públicas nin para ao abono de servizos prestados por estas, agás que concorran no solicitante, circunstancias moi excepcionais que o fagan aconsellable ou necesario.
Non se poderá ser persoa beneficiaria simultaneamente de máis dunha axuda ou dereito á percepción económica para a mesma finalidade, calquera que sexa a administración pública ou privada outorgante. Poderán concederse axudas complementarias, cando as axudas económicas dos outros servizos ou administracións non cubran a totalidade do importe da prestación.
ARTIGO 17.-DO SEGUIMENTO DAS AXUDAS ECONÓMICAS.
Serán os Servizos Sociais municipais os que realicen o seguimento das situacións de necesidade protexida polas axudas e o destino desta; e poderán solicitarlle ás persoas beneficiarias a información ou documentación que sexa precisa para comprobar o bo uso das axudas.
O Centro de Servizos Sociais en colaboración con outras administracións (Xunta, Educación, Sanidade,...) e entidades privadas poderán establecer, de ser necesario, un sistema de coordinación e transferencia de datos necesarios co fin de realizar o seguimento das axudas concedidas ou solicitadas para garantir o bo uso destas e unha boa distribución dos recursos existentes, evitando a duplicidade nas concesións.
Os Servizos Sociais realizarán o seguimento do Proxecto de Intervención asociado a esta axuda económica ao obxecto de evaluar os obxectivos acadados.
ARTIGO 18.-CONFIDENCIALIDADE.
Garántese a confidencialidade dos datos obtidos na tramitación dos expedientes, de conformidade coa lei 13/2008, do 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia.
Igualmente, estarase ao disposto na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
ARTIGO 19.-LÍMITE ORZAMENTARIO.
Estas axudas económicas estarán supeditadas ás limitacións orzamentarias que anualmente se establezan.
DISPOSICIÓNS
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
As solicitudes de axudas que se atopen en trámite ou fase de recursos na data de entrada en vigor das presentes bases, resultaralles de aplicación o disposto nesta en todo o que lle sexa favorable.
DISPOSICIÓN ADICIONAL 1.ª
Facúltase á Alcaldía para a aprobación e modificación de cantos modelos normalizados de documentos requira o desenvolvemento desta ordenanza.
DISPOSICIÓN ADICIONAL 2.ª
Para o non previsto nesta ordenanza, aplicarase supletoriamente o previsto na Lei 38/2003, Xeral de subvencións e regulamento de desenvolvemento desta, así como a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia e a Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Fene publicada no BOP do 15 de xuño de 2007.
DISPOSICIÓN FINAL
Esta ordenanza entrará en vigor trala súa publicación no BOP segundo o establecido na normativa sobre réxime local.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor trala súa publicación no BOP, pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:
¿¿..Las ordenanzas,
incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los
acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de
los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no
entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya
transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales
que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El
requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime
vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la
recepción de la comunicación del acuerdo."