Padrón - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS E RECREATIVAS NAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

Publicación provisional: 12/12/2007 BOP Nº: 285
Publicación definitiva: 13/02/2008 BOP Nº: 36
Aplicable dende: 31/05/2022

ARTIGO 1.-FUNDAMENTO E NATUREZA.

De conformidade co previsto no artigo 127 do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, en relación cos artigos 41 a 47 do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, e no exercicio da potestade regulamentaria recoñecida ás Entidades Locais polos artigos 4, 49, 70.2 e concordantes da Lei 7/85 de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, este Concello estable o prezo público pola realización de actividades deportivas e recreativas nas instalacións deportivas municipais, así como pola utilización do ximnasio municipal.

ARTIGO 2.-CONCEPTO.

Os prezos públicos regulados nesta ordenanza constitúen prestacións patrimoniais de carácter público que serán satisfeitas polos usuarios que voluntariamente soliciten a utilización do ximnasio municipal ou a realización das actividades deportivas e recreativas que se organicen nas instalacións deportivas municipais.

ARTIGO 3.-OBRIGADOS Ó PAGO.

Están obrigados ó pago do prezo público regulado na presente ordenanza os usuarios que formulen a súa inscrición no ximnasio municipal ou nas actividades deportivas e recreativas que se realicen nas instalacións deportivas municipais.

ARTIGO 4.-CONTÍA.

A contía do prezo público pola realización de actividades deportivas será única para toda a tempada e dará dereito a participar en calquera actividade do programa deportivo municipal, de acordo cos seguintes importes:

 

Matrícula

Por actividade

Nenos de 3-17 anos

40€/tempada

5€/tempada

Xoves de 18-25 anos

50€/tempada

7€/tempada

Adultos de máis de 26 anos

60€/tempada

10€/tempada

Carné familiar (matrimonio e fillos menores de 18 anos)

120€/tempada

5/7/10€ tempada

Bonificación por familia numerosa do 10%


ARTIGO 5.-NORMAS DE XESTIÓN.

A obriga de pagar o prezo público nace dende o momento en que se formalice a inscrición no Ximnasio Municipal o nunha actividade deportiva ou recreativa.
O pago do prezo público farase efectivo nas contas indicadas pola Tesourería Municipal no momento da formalización da correspondente matrícula de inscrición.
Cando por causa non imputable ó obrigado ó pago do prezo público, o servicio ou actividade non se prestase, procederá a devolución do importe correspondente.

ARTIGO 6.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

As débedas polos prezos públicos aquí regulados poderán esixirse polo procedemento administrativo de apremio, e de conformidade coa normativa de recadación que sexa de aplicación.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA.

Excepcionalmente, o prezo público pola realización das actividades deportivas e recreativas correspondentes á tempada 2007/2008 (meses de outubro a maio) farase efectivo no mes de febreiro de 2008, unha vez se teña producido a entrada en vigor da presente Ordenanza de Prezo Público.

DISPOSICIÓN FINAL.

A presente Ordenanza de Prezo Público, que foi aprobada polo Pleno deste Concello en sesión celebrada o día 29 de no-vembro de 2007, entrará en vigor unha vez se cumpra o esixido no artigo 49 da Lei de Bases do Réxime Local e se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e teña transcorrido o prazo de 15 días previsto no artigo 65.2 da Lei de Bases do Réxime Local.