Vedra - Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles (IBI)

Publicación provisional: 06/11/2024 BOP Nº: 214
Publicación definitiva: 27/12/2024 BOP Nº: 249
Aplicable dende: 01/01/2025

Artigo 1º.- Fundamento e réxime.

De acordo ao establecido no artigo 59 do Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, o concello de Vedra establece o imposto sobre bens inmobles, cumprindo así o mandato imperativo contido no dito artigo.

O imposto sobre bens inmobles rexerase neste municipio:

a) Polas normas reguladoras deste, contidas no Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, e polas demais disposicións legais e regulamentarias que complementen e desenvolvan esta lei.

b) Pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2º.- Natureza.

O imposto sobre bens inmobles é un tributo directo de carácter real que grava o valor dos bens inmobles nos termos establecidos no R.D.L. 2/2004, de 5 de marzo, e na presente ordenanza.

Artigo 3º.-Feito impoñible.

3.1.- Constitúe o feito impoñible do imposto a titularidade dos seguintes dereitos sobre os bens inmobles rústicos e urbanos e sobre os inmobles de características especiais:

a) Dunha concesión administrativa sobre os propios inmobles ou sobre os servizos públicos a que se atopen afectos.

b) Dun dereito real de superficie.

c) Dun dereito real de usufruto.

d) Do dereito de propiedade.

3.2.- A realización do feito impoñible que corresponda, dos definidos no apartado anterior pola orde nel establecido, determinará a non suxeición do inmoble ás restantes modalidades previstas neste.

3.3.- No caso de que un mesmo inmoble se atope localizado en distintos termos municipais, entenderase, para os efectos deste imposto, que pertence a cada un deles pola superficie que ocupe no respectivo termo municipal.

Artigo 4º.-Clases de bens inmobles para os efectos do imposto.

4.1.- Terán a consideración de ben inmoble a parcela ou porción de solo dunha mesma natureza, enclavada nun termo municipal e pechada por unha liña poligonal que delimita, para tales efectos, o ámbito espacial do dereito de propiedade dun propietario ou de varios pro indiviso e, no seu caso, as construcións emprazadas no dito ámbito, calquera que sexa o seu dono, e con independencia doutros dereitos que recaian sobre do inmoble.

4.2.- Terán tamén a consideración de bens inmobles:

a) Os diferentes elementos privativos das edificacións que sexan susceptibles de aproveitamento independente, sometidos ao réxime especial de propiedade horizontal, así como o conxunto constituído por diferentes elementos privativos mutuamente vinculados e adquiridos en unidade de acto e, nas condicións que determinen os regulamentos de desenvolvemento do Real Decreto 1/2004, Texto refundido da Lei de Catastro Inmobiliario, os rochos e prazas de estacionamento en pro indiviso adscritos ao uso e goce exclusivo e permanente dun titular. A atribución dos elementos comúns aos respectivos inmobles, aos simples efectos da súa valoración catastral, realizarase na forma que se determine no devandito desenvolvemento regulamentario.

b) O ámbito espacial dunha concesión administrativa sobre dos bens inmobles ou sobre dos servizos públicos aos que se atopen afectos.

c) Os bens inmobles de características especiais.

4.3.- Os bens inmobles clasifícanse catastralmente en urbanos, rústicos ou de características especiais. O carácter urbano ou rústico do inmoble dependerá da natureza do solo.

4.4.- Enténdese por solo de natureza urbana o clasificado polo planeamento urbanístico como urbano, o que teña a consideración de urbanizable segundo o planeamento e estea incluído en sectores, así coma o resto do solo clasificado como urbanizable a partir do momento de aprobación do instrumento urbanístico que o desenvolva, e o que reúna as características contidas no artigo 8 da Lei 6/1998, de 13 de abril, sobre Réxime do Solo e Valoracións. Terán a mesma consideración aqueles solos nos que se poidan exercer facultades urbanísticas equivalentes aos anteriores segundo a lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia vixente.

Exceptúase da consideración de solo urbano o que integre os bens inmobles de características especiais.

4.5.- Enténdese por solo de natureza rústica aquel que non sexa de natureza urbana nin estea integrado nun ben inmoble de características especiais.

4.6.- Terán a consideración de construcións:

a) As edificacións, sexan cal sexan os materiais dos que estean construídas e o uso ao que se destinen, sempre que se atopen unidas permanentemente ao solo e con independencia de que se alcen sobre da súa superficie ou se atopen encravados no subsolo e de que poidan ser transportados ou desmontados.

b) As instalacións industriais, comerciais, deportivas de recreo, agrícolas, gandeiras, forestais e piscícolas de auga doce, considerándose coma tales, entre outros, os diques, tanques, zonas de carga, peiraos, embarcadoiros e invernadoiros, e excluíndose, en todo caso, a maquinaria e os útiles.

c) As obras de urbanización e de mellora, tales coma as explanacións, e as que se realicen para o uso dos espazos descubertos, como son os recintos destinados a mercados, os depósitos ao aire libre, os campos para a práctica do deporte, os estacionamentos e os espazos anexos ou accesorios aos edificios e instalacións.

Non terán a consideración de construcións aquelas obras de urbanización ou mellora que determinen os regulamentos de desenvolvemento da Lei do Catastro Inmobiliario, sen prexuízo de que o seu valor se deba incorporar ao do ben inmoble como parte inherente ao valor do solo, nin os cubertos ou alpendres de escasa entidade.

4.7.- Os bens inmobles de características especiais constitúen un conxunto complexo de uso especializado, integrado por solo, edificacións, instalacións e obras de urbanización e mellora que, polo seu carácter unitario e por estar ligado de xeito definitivo para o seu funcionamento, se configura para os efectos catastrais como un único ben inmoble.

Considéranse bens inmobles de características especiais os comprendidos nos seguintes grupos:

a) Os destinados á produción de enerxía eléctrica e gas e ao refinado de petróleo, e ás centrais nucleares.

b) As presas, saltos de auga e encoros, incluído o seu leito ou vaso, excepto as destinadas en exclusiva ao regadío.

c) As autopistas, estradas e túneles de peaxe.

d) Os aeroportos e portos comerciais. 

Artigo 5º.- Supostos de non suxeición.

Non están suxeitos ao imposto:

- As estradas, os camiños, as demais vías terrestres e os bens de dominio público marítimo -terrestre e hidráulico, sempre que sexan de aproveitamento público e gratuíto.

- Os seguintes bens inmobles propiedade deste concello:

a) Os de dominio público afectos ao uso público.

b) Os de dominio público afectos a un servizo público xestionado directamente polo concello e os bens patrimoniais, excepto cando se trate de inmobles cedidos a terceiros mediante contraprestación.

Artigo 6º.-Exencións.

6.1.- Estarán exentos os seguintes inmobles:

a) Os que sexan propiedade do Estado, das comunidades autónomas ou dos entes locais que estean directamente afectos á seguridade cidadá e aos servizos educativos e penais, así como os que sexan propiedade do Estado afectos á defensa nacional.

b) Os bens comunais e os montes veciñais en man común.

c) Os da Igrexa Católica, nos termos previstos no acordo entre o Estado español e a Santa Sede sobre asuntos económicos, do 3 de xaneiro de 1979, e os das asociacións confesionais non católicas legalmente recoñecidas, nos termos establecidos nos respectivos acordos de cooperación subscritos en virtude do disposto no artigo 16 da Constitución.

d) Os da Cruz Vermella Española.

e) Os inmobles aos que sexa de aplicación a exención en virtude de convenios internacionais en vigor e, a condición de reciprocidade, os dos Gobernos estranxeiros destinados á súa representación diplomática, consular ou aos seus organismos oficiais.

f) A superficie dos montes poboados con especies de crecemento lento regulamentariamente determinadas, que teñan como aproveitamento principal a madeira e a cortiza, sempre que a densidade do arborado sexa a propia ou normal da especie de que se trate.

g) Os terreos ocupados polas liñas de ferrocarrís e os edificios encravados nos mesmos terreos, que estean dedicados a estacións, almacéns ou a calquera outro servizo indispensable para a explotación das ditas liñas. Non están exentos, polo tanto, os establecementos de hostalería, espectáculos, comerciais e de ocio, as casas destinadas a vivendas dos empregados, as oficinas da dirección nin as instalacións fabrís.

6.2.- Igualmente, previa solicitude, que deberá ser presentada antes da data da devindicación, incluíndo a acreditación do cumprimento dos requisitos esixibles para a aplicación da exención, estarán exentos:

a) Os bens inmobles que se destinen ao ensino por centros docentes acollidos, total ou parcialmente, ao réxime de concerto educativo, en canto á superficie afectada ao ensino concertado. Esta circunstancia acreditarase mediante:

- Certificado da administración educativa correspondente, acreditativa da condición de centro concertado, asinable aos edificios e instalacións destinadas directa e exclusivamente ás actividades docentes obxecto de concerto.

- Informe da Dirección Xeral do centro de xestión catastral e cooperación tributaria acreditativo das superficies dos edificios ou conxuntos urbanísticos, adscritos exclusivamente á actividade educativa ou a servizos complementarios da ensinanza e de asistencia docente de carácter necesario, coa indicación do valor catastral asignado a cada un dos elementos citados.

- Esta exención deberá ser compensada pola Administración competente.

b) Os declarados expresa e e de xeito individual monumento ou xardín histórico de interese cultural, mediante Real decreto na forma establecida polo artigo 9 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español, e inscritos no rexistro xeral a que se refire o artigo 12 como integrantes do Patrimonio Histórico Español, así como os comprendidos nas disposicións adicionais primeira, segunda e quinta da dita lei.

Esta exención terá os límites previstos no artigo 62.2.b) do Texto Refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais aprobado por RDL 2/2004.

c) A superficie dos montes nos que se realicen repoboacións forestais ou rexeneración de masas arboradas suxeitas a proxectos de ordenación ou plans técnicos aprobados pola Administración forestal. Esta circunstancia acreditarse mediante certificación acreditativa emitida pola Delegación Provincial da Dirección Xeral de montes. Esta exención terá unha duración de 15 anos, contados a partir do período impositivo seguinte a aquel no que se realice a súa solicitude

6.3.- Tamén estarán exentos os centros sanitarios de titularidade pública directamente afectos ao cumprimento dos fins específicos dos referidos centros. Esta circunstancia documentarase mediante certificado do organismo titular do centro sanitario, acreditando a afectación do centro ao cumprimento dos fins específicos destes.

6.4.- Por último, e segundo o establecido no Título I, Capítulo III, Artigo 15, da Lei 49/2002, do 23 de decembro, do Réxime Fiscal das Entidades sen Fins Lucrativos e dos Incentivos Fiscais ao Mecenado, estarán exentos os bens dos que sexan titulares as entidades sen fins lucrativos, excepto os afectos a explotacións económicas non exentas do imposto sobre sociedades. Para gozar da exención, as ditas entidades deberán comunicar ao Concello, antes da data do pagamento do imposto, a opción regulada no artigo 14.1. da Lei 49/2002.

6.5.- Gozarán, así mesmo, ao abeiro da habilitación contida no artigo 62.4 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, por motivos de eficiencia e economía na xestión recadadora, os inmóbeis de natureza urbana e rústica, sempre que a cota líquida resultante da aplicación dos beneficios fiscais, sexa inferior a 6,00 no caso de bens urbanos e de 2,00 euros por liquidación e 12,00 euros por contribuínte no caso de bens de natureza rústica. Os bens inmobles de características especiais non estarán exentos por esta causa en ningún caso. 

Artigo 7º.- Suxeitos pasivos.

7.1.- Son suxeitos pasivos, a título de contribuíntes, as persoas naturais e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, que teñan a titularidade do dereito que, en cada caso, sexa constitutivo do feito impoñible deste imposto, conforme ao disposto nesta ordenanza fiscal.

No suposto de concorrencia de varios concesionarios sobre un mesmo inmoble de características especiais será substituto do contribuínte o que deba satisfacer o maior canon.

7.2.- O disposto no apartado anterior será de aplicación sen prexuízo da facultade do suxeito pasivo de repercutir a carga tributaria soportada, conforme ás normas de dereito común.

7.3.- O substituto do contribuínte a que se refire o apartado 1, poderá repercutir sobre os demais concesionarios a parte da cota líquida que lles corresponda en proporción aos canons que deba satisfacer cada un deles.

7.4.- O Concello repercutirá a totalidade da cota líquida do imposto en quen, non reunindo a condición de suxeitos pasivos deste, fagan uso mediante contraprestación dos seus bens demaniais ou patrimoniais. 

Artigo 8º.-Afección real e responsabilidade.

8.1.- Nos supostos de cambio, por calquera causa, na titularidade dos dereitos que constitúen o feito impoñible deste imposto, os bens inmobles obxecto dos ditos dereitos quedarán afectos ao pagamento da totalidade da cota tributaria, en réxime de responsabilidade subsidiaria, nos termos previstos na Lei Xeral Tributaria.

8.2.- Para os efectos anteditos, os notarios solicitarán información e advertirán expresamente aos comparecentes nos documentos que autoricen sobre as débedas pendentes polo Imposto de Bens Inmobles asociadas ao inmoble que se transmite, sobre o prazo dentro do cal están obrigados os interesados a presentar declaración do imposto, cando tal obrigación se manteña por non terse aportado a referencia catastral do inmoble, conforme o apartado 2 do artigo 43 do texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario e outras normas tributarias, sobre a afección dos bens ao pago da débeda tributaria e, así mesmo, sobre as responsabilidades en que incorran pola falta de presentación de declaracións, o non efectualas en prazo ou a presentación de declaracións falsas, incompletas ou inexactas, conforme o previsto no artigo 70 do texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario e outras normas tributarias.

8.3.- Responderán de xeito solidario da cota deste imposto, e en proporción ás súas respectivas participacións, os copartícipes ou cotitulares das entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, Xeral Tributaria, se figuran inscritos coma tales no catastro inmobiliario. De non figurar inscritos, a responsabilidade esixirase por partes iguais en todo caso. 

Artigo 9º.-Base impoñible.

A base impoñible deste imposto estará constituída polo valor catastral dos bens inmobles, que se determinará, notificará e será susceptible de impugnación conforme ao disposto nas normas reguladoras do Catastro Inmobiliario. 

Artigo 10º.-Base liquidable.

10.1.- A base liquidable deste imposto será o resultado de practicar na base impoñible a redución á que se refiren os artigos 67, 68, 69 e 70 do R.D.L. 2/2004, de 5 de marzo, Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.

10.2.- A base liquidable notificarase conxuntamente coa impoñible nos procedementos de valoración colectiva. A dita notificación incluirá a motivación da redución aplicada mediante a indicación do valor base que corresponda ao inmoble, así como dos importes da dita redución e da base liquidable do primeiro ano de vixencia do novo valor catastral neste imposto.

Sen prexuízo do anterior, que será aplicable nos procedementos de valoración colectiva de carácter xeral, nos casos de carácter parcial e simplificado, a motivación consistirá na expresión dos datos indicados no parágrafo anterior, referidos ao exercicio no que se practique a notificación.

10.3.- Nos procedementos de valoración colectiva, a determinación da base liquidable será competencia da Dirección xeral do catastro e recorrible perante os tribunais económico -administrativos do Estado.

Artigo 11º.-Cota íntegra.

A cota íntegra deste imposto será o resultado de aplicar á base liquidable o tipo de gravame ao que se refire o artigo 14º desta ordenanza.

Artigo 12º.-Cota líquida.

A cota líquida deste imposto será o resultado de minorar a cota íntegra co importe das bonificacións previstas nos artigos seguintes.

Artigo 13º.-Tipo de gravame

Os tipos de gravame aplicables neste concello serán os seguintes:

Bens inmobles de natureza urbana

0,51

Bens inmobles de natureza rústica

0,51

Bens inmobles de características especiais

1,30


Artigo 14º.- Bonificacións.

14.1.- Gozarán dunha bonificación do 50 por cento na cota íntegra do imposto, sempre que así o soliciten os interesados antes do inicio das obras, os inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria, tanto de obra nova como de rehabilitación equiparable a esta, e que non figuren entre os bens do seu inmobilizado.

O prazo de aplicación desta bonificación comprenderá desde o período impositivo seguinte a aquel no que comecen as obras ata o posterior ao remate destas, sempre que durante ese tempo se realicen obras de urbanización ou construción efectiva, e sen que, en ningún caso, poida exceder de tres períodos impositivos. A solicitude de bonificación débese formular antes do comezo das obras, entendendo por tal o momento de outorgamento da licenza, por parte da administración municipal.

Para gozar da devandita bonificación os interesados deberán presentar a documentación seguinte:

a) Acreditación de que a empresa se dedica á actividade de urbanización, construción e promoción inmobiliaria, mediante a presentación dos estatutos da sociedade.

b) Acreditación de que o inmoble obxecto da bonificación non forma parte do inmobilizado, mediante certificación do administrador da sociedade ou fotocopia do último balance presentado ante a Axencia Estatal da Administración Tributaria, para os efectos do imposto sobre sociedades.

c) Copia da solicitude de licenza de obra, se non se presenta simultaneamente.

d) Copia do documento de alta na actividade económica de construción ou promoción inmobiliaria no imposto sobre actividades económicas.

e) Certificación do técnico-director das obras de construción, visado polo colexio oficial competente, no que se indique a data de inicio das obras.

14.2.- As vivendas de protección oficial e as equiparables a estas segundo a normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, gozarán dunha bonificación do 50 por cento durante o prazo de tres períodos impositivos, contados desde o período seguinte ao do outorgamento da cualificación definitiva. Esta bonificación terá que ser solicitada polo interesado en calquera momento anterior á terminación dos tres períodos impositivos de duración daquela e producirá efectos desde o período seguinte ao da solicitude.

Ao longo dos dos períodos cuarto e quinto seguintes ao do outorgamento da cualificación definitiva, as vivendas de protección oficial gozarán dunha bonificación do 25% na cota íntegra do imposto, sempre que se manteña a titularidade do inmoble e este constitúa a residencia do titular.

Esta bonificación deberá solicitarse en calquera momento anterior á terminación dos cinco períodos, producindo efectos, en todo caso, desde o período seguinte ao da solicitude.

Os solicitantes presentarán a cédula de cualificación definitiva como vivenda de protección oficial do inmoble, a documentación acreditativa da titularidade do devandito inmoble, copia que acredite a presentación do modelo 901 de alteración de titularidade catastral, e facilitarase, en todo caso, a referencia catastral do inmoble.

Non haberá dereito a bonificación a partir do sexto exercicio, inclusive, desde o de outorgamento da cualificación definitiva.

14.3.- Os suxeitos pasivos que ostenten a condición de titulares de familia numerosa gozarán dunha bonificación na cota íntegra do inmoble de uso residencial que constitúa a súa residencia habitual e na que estea empadroado, coas seguintes características:

Categoría de familia numerosa

% Bonificación valor catastral menor ou igual a 90.000 euros

% Bonificación valor catastral entre 90.000 e 150.000 euros

% Bonificación valor catastral maior de 150.000 ata 300.000 euros

Xeral

45

30

20

Especial

55

40

30

Para a aplicación das bonificacións será requisito imprescindible que o interesado a solicite, debendo acreditar:

a) O empadroamento na vivenda obxecto de solicitude.

b) A condición de categoría de familia numerosa, por medio do título oficial.

c) Para gozar desta bonificación deberá presentar, anualmente, unha copia compulsada do título de familia numerosa.

Non se poderá aplicar a bonificación a máis dunha vivenda por titular.

Con carácter xeral, o efecto da concesión da bonificación comezará a partir do exercicio seguinte á data da solicitude e non terá carácter retroactivo.

14.4.-Terán dereito a unha bonificación do 95 por cento da cota íntegra e, no seu caso, do recargo provincial, os bens rústicos das cooperativas agrarias e de explotación comunitaria da terra, nos termos establecidos na Lei 20/1990, do 19 de decembro, sobre o Réxime Fiscal das Cooperativas.

Os solicitantes presentarán o certificado sobre a condición de cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra, emitido pola administración correspondente.

14.5.- As solicitudes de bonificacións, previo informe técnico, serán resoltas pola Xunta de Goberno Local.

14.6.- As bonificacións recollidas nos apartados 2 parágrafo 2.º e 3º deste artigo serán compatibles, sen que, en ningún caso, poidan exceder do 60% da cota íntegra de forma acumulativa. A bonificación do apartado 1 deste artigo non será compatible con ningunha outra, salvo precepto legal que dispoña a compatibilidade.

14.7.- Gozarán dunha bonificación do 95 por cento da cota íntegra do imposto, aqueles inmobles rústicos nos que estean situadas unicamente construcións nas que se desenvolvan total e exclusivamente actividades agrarias, gandeiras ou forestais pertencentes ao sector primario, que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, históricas, artísticas ou de fomento do emprego, que xustifiquen tal declaración.

No suposto de que nun mesmo inmoble existan, ademais das construcións indicadas no parágrafo anterior, outras construcións destinadas a un uso distinto das actividades agrarias, gandeiras ou forestais, aplicaráselles unha bonificación do 50 por cento da cota íntegra do imposto.

Corresponderalle ao Pleno da Corporación a declaración de especial interese ou de utilidade municipal, previa solicitude dos suxeitos pasivos, debendo contar co voto favorable da maioría simple dos seus membros.

A bonificación terá carácter rogado, debendo ser presentada polo suxeito pasivo e terá efectos a partir da súa solicitude.

Para poder gozar desta bonificación, as persoas interesadas deberán presentar a seguinte documentación:

- Certificado de Facenda no que conste a situación censual do titular da actividade, que pode coincidir ou non co suxeito pasivo.

- Acreditación da titularidade catastral dos inmobles.

- Certificado de que o suxeito pasivo non ten débedas coa Facenda estatal, autonómica e local nin coa Seguridade Social.

- Xustificante do recoñecemento de explotación ou licenza da actividade correspondente.

O concello realizará de oficio todas as actuacións precisas para a comprobación dos extremos expostos ao respecto desta bonificación.

Os obrigados tributarios deberán comunicar no concello calquera modificación relevante das condicións ou requisitos esixibles para a aplicación do beneficio fiscal. O órgano competente poderá declarar, previa audiencia do obrigado tributario por un prazo de 10 días, contados a partir da notificación da apertura do dito prazo, se procede ou non a continuación da aplicación do beneficio fiscal. De igual xeito procederase cando a administración coñeza por calquera medio a modificación das condicións ou os requisitos para a aplicación do beneficio fiscal.

14.8.- Establécese unha bonificación da cota íntegra do imposto a favor de inmobles urbanos nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no artigo 74.2 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. Esta medida será de aplicación unicamente a aqueles supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aqueles outros que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego. As porcentaxes de bonificacións son as seguintes:

- Dun 95% pola creación de máis de 20 postos de traballo.

- Dun 75% pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.

- Dun 50% pola creación de ata 10 postos de traballo.

As anteriores bonificacións manteranse durante tres exercicios orzamentarios e concederanse a petición do interesado, unha vez acredite que se cumpren as condicións requiridas para ser beneficiario das mesmas. As devanditas bonificacións quedarán sen efecto de non cumprirse as condicións por razón das cales se concederon as mesmas.

Considerarase que existen circunstancias de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento de emprego cando se creen novos postos de traballo.

Os beneficiarios deberán solicitar a bonificación presentando as altas na Seguridade Social e contratos de traballo dos novos empregados/as, así como canta documentación lles poida ser requirida polo concello de Vedra de cara á comprobación do mantemento das circunstancias que se tiveron en conta para a concesión da respectiva bonificación.

Para poder gozar da bonificación prevista neste apartado, o suxeito pasivo beneficiario deberá estar ao corrente no pagamento das súas débedas coa Facenda Estatal, Autonómica e local así como nas cotas correspondentes á Seguridade Social.

Corresponde ao pleno do concello a declaración de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento de emprego así como o outorgamento das ditas bonificacións, debendo contar co voto favorable da maioría simple dos seus membros.

14.9.- Terán dereito a unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto os inmobles de uso residencial, que teñan instalados sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía procedente do sol para autoconsumo, durante os tres anos seguintes á data de instalación sempre que se acredite a concesión de licenza municipal ou a tramitación da declaración responsable ou comunicación previa, e sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que os sistemas de aproveitamento térmico instalados cumpran os requisitos mínimos esixidos en canto ás dimensións e rendemento da instalación establecidos no documento básico de aforro de enerxía previsto no código técnico da edificación.

b) Que as instalacións para produción de calor dispoñan de colectores homologados pola administración competente.

c) Que o/a titular do inmoble estea empadroado/a no Concello de Vedra.

Os solicitantes da bonificación deberán acreditar o cumprimento dos requisitos mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Proxecto ou memoria técnica.

b) Certificado de montaxe, no seu caso, e certificado de instalación dilixenciados polo organismo autorizado da Comunidade Autónoma.

c) Especificacións técnicas dos sistemas autorizados.

d) Acreditación da concesión de licenza de obras, comunicación previa ou declaración responsable da obra e instalación dos sistemas de produción de enerxía.

e) Certificado final de obras, no seu caso.

f) Certificado de empadroamento.

Esta bonificación debe ser solicitada polo suxeito pasivo e, con carácter xeral, o efecto da súa concesión comezará a partir do exercicio seguinte ao da solicitude. Cando a bonificación se solicite antes de que a liquidación sexa firme, concederase se na data de devindicación do imposto concorren os requisitos esixidos para o seu aproveitamento.

Artigo 15º.-Período impositivo e retribución.

15.1.- O imposto devindícase o primeiro día do período impositivo.

15.2.- O período impositivo coincide co ano natural.

15.3.- Os feitos, actos e negocios que deben ser obxecto de declaración ou comunicación perante o Catastro Inmobiliario, ou, por convenio, perante o Servizo de Xestión Catastral do Concello de Vedra, terán efectividade na devindicación deste imposto inmediatamente posterior ao momento no que produzan efectos catastrais. A efectividade das inscricións catastrais resultantes dos procedementos de valoración colectiva e de determinación do valor catastral dos bens inmobles de características especiais coincidirá coa prevista nas normas reguladoras do Catastro Inmobiliario. 

Artigo 16º.-Declaracións catastrais.

As alteracións referidas aos bens inmobles susceptibles de inscrición catastral que teñan transcendencia para os efectos deste imposto determinarán a obriga dos suxeitos pasivos de formalizar as declaracións conducentes á súa inscrición no catastro inmobiliario, conforme o establecido na súa normativa reguladora. 

Artigo 17º.-Xestión do imposto.

A xestión, liquidación, inspección, recadación e revisión dos actos ditados en virtude da xestión tributaria deste imposto levarase a cabo conforme ao preceptuado nos artigos 7, 8 e 77 do Texto refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo así como as demais disposicións que resulten de aplicación. 

Artigo 18º.-Revisión.

18.1.- Os actos de xestión e inspección catastral do imposto serán revisables nos termos e de acordo cos procedementos sinalados no R.D.L. 2/2004, Texto refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais, e no R.D.L. 1/2004, Texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario.

18.2.- Os actos de xestión tributaria do imposto serán revisables conforme o preceptuado no artigo 14 do Texto Refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, e demais concordantes de aplicación. 

Disposicións

Disposición adicional única

As modificacións que se introduzan na regulación do imposto, polas leis de orzamentos xerais do Estado ou por calquera outra lei ou disposición, e que resulten de aplicación directa, producirán, no seu caso, a correspondente modificación tácita da presente ordenanza fiscal.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 2025 e manterase vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.