Miño - ORDENANZA FISCAL NÚM. 25 REGULADORA DA TAXA POLO ESTACIONAMENTO DE VEHICULOS EN ZONA DE APARCAMENTO LIMITADO (ZONA ORA) NO CONCELLO DE MIÑO
Artigo 1. Fundamento e natureza
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 141 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladoras das Bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a ordenanza fiscal reguladora das taxas por estacionamento de vehículos en zona de aparcamento limitado que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal, atendendo as súas normas ao disposto no artigo 57 do citado Real Decreto Lexislativo.
Artigo 2. Feito Impoñible
Constituirá o feito impoñible desta taxa a utilización dos espacios de estacionamento incluídos no ámbito de aplicación da ordenanza do servizo público de ordenación e regulación do aparcamento (ORA).
Artigo 3. Suxeitos Pasivos.
Será suxeito pasivo contribuínte as persoas físicas ou xurídicas, así como as entidades as que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, que utilicen os espacios de aparcamento incluídos no ámbito de aplicación da ORA. En todo caso presumirase que o feito impoñible foi realizado por quen apareza como titular do vehículo nun rexistro de carácter fiscal ou noutros de carácter público.
Artigo 4. Cotas
4.1. Na zona delimitada como ORA na Rúa Carreira, Praza do Raxel e Rúa Barrosa.
Cobrarase en horario comercial unha única tarifa que será a seguinte:
Duración | Tarifa (Euros) |
De 0 a 90 minutos | 0,20 |
4.2. Na zona delimitada como ORA na praia grande de Miño:
Cobrarase nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro de luns a domingo unha única tarifa que será a seguinte:
Duración | Tarifa (Euros) |
Diaria turismos | 4 |
Diaria autobuses | 15 |
4.3. No caso de ORA na zona delimitada como tal na praia grande sobre aqueles vehículos que a efectos fiscais (IVTM) tributen no concello de Miño os seus titulares poderán pedir tarxeta de aparcamento polo prezo de 10 euros por cada temporada estival.
Artigo 5. Devengo e Pagamento.
As taxas reguladas nesta ordenanza devenganse no intre de efectualo estacionamento na zona de aplicación da ORA. As cotas serán irreducibles polo período de tempo sinalado no artigo anterior.
O pagamento farase mediante a obtención dun ticket nos aparatos expedidores que deberá ser colocado nun lugar visible no interior do parabrisas dianteiro.
Artigo 6. Infraccións e sancións tributarias.
En todo o relativo a cualificación de infraccións tributarias, así como a imposición das sancións correspondentes en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.
Artigo 7. Responsables
Serán responsables solidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 42 da Lei Xeral Tributaria.
Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores das sociedades e entidades en xeral nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei Xeral Tributaria.
Disposición derradeira
A presente Ordenanza, aprobada definitivamente polo Pleno da Corporación en sesión ordinaria celebrada o día 21 de xuño de 2008, comezará a aplicarse o día seguinte ó da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.