Sada - Ordenanza fiscal número 9, reguladora da taxa dos títulos habilitantes municipais por apertura de establecementos
Artigo 1.- Fundamento e natureza.
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 144 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 ao 19 do R.D. Legislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello estabelece a Taxa pola intervención municipal nas comunicacións previas, declaracións responsábeis e no outorgamento de licenzas de apertura de estabelecementos, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal, cuxas normas atenden ao disposto no artigo 57 do citado R.D. lexislativo.
Artigo 2.- Feito impoñible.
1.Está determinado polas actuacións municipais desenvolvidas con motivo da apertura de estabelecementos para verificación de que os mesmos reúnen as condicións requiridas polas Ordenanzas municipais, lexislación urbanística e sectorial de aplicación con carácter previo no caso de concesión de licenzas e posterior á presentación nos casos de presentación de comunicacións previas e declaracións responsábeis.
2. A tal efecto, terá a consideración de apertura:
a) A instalación por primeira vez do estabelecemento para dar comezo ás súas actividades.
b) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que o titular sexa o mesmo.
c) Os traslados de locais.
d) Os traspasos, transmisións, cesións, trocos de forma societaria, unións e fusións de empresas e trocos de denominación social.
e) As reaperturas de establecementos.
3. Entenderase por estabelecemento, que requirirá a presentación dunha comunicación previa ou unha declaración responsable ou no seu caso, a obtención de licenza para a súa apertura:
a) Os locais dedicados ao exercicio habitual do comercio. Presumirase a mesma nos casos aos que se refire a lexislación mercantil e fiscal e, especificamente, cando a realización da actividade estea suxeita a tributación polo Imposto sobre actividades económicas.
b) Os locais nos que se desenvolva unha actividade económica de carácter comercial, industrial, de servizos, profesional ou artística.
c) Toda edificación habitable cuxo destino principal non sexa a vivenda e que se dedique a:
- Casinos ou círculos dedicados ao esparexemento ou recreo dos seus compoñentes ou asociados. As distintas dependencias que, dentro dos locais do casino, sociedade ou circulo sexan destinados a explotacións económicas suxeitas a tributación polo Imposto sobre Actividades Económicos serán obxecto de apertura diferente á principal que se refire ao obxecto social de carácter non lucrativo.
- Depósito ou almacén, aínda que se atope pechado ao público.
- Actividades que, tendo ou non fin lucrativo, impliquen a presenza habitual de persoas no local.
- Locais e recintos nos que se fagan espectáculos públicos.
- Oficinas, despachos, bufetes, escritorios, consultorios ou estudos abertos ao público, onde se exerzan actividades artísticas, profesionais ou de ensino con fin lucrativo e suxeitas a tributación polo imposto sobre actividades económicas.
d) Calquera outro estabelecemento que poida derivarse da Ordenanza municipal reguladora do exercicio de actividades ou servizos.
Artigo 3-. Suxeito pasivo.
Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refiren o artigo 36 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, titulares da actividade que se pretenda desenvolver ou, no seu caso, que se desenvolva no estabelecemento.
Artigo 4.- Responsábeis.
1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas e xurídicas a que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria.
2. Serán responsábeis subsidiarios os Administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria.
Artigo 5. -Beneficios fiscais.
Non serán aplicábeis outros beneficios fiscais cos expresamente previstos nas normas con rango de lei ou os derivados da aplicación de tratados ou acordos internacionais.
Artigo 6.- Base impoñible, tarifas e cota tributaria
1. A cota tributaria será determinada de acordo coas seguintes normas:
- Licenzas para actividades: será a suma de dúas cantidades: unha fixa, de 360,61 euros e outra variable, equivalente ao 50 % do IAE, excluiranse as recargas.
- Comunicacións previas . Será a suma de dúas cantidades: unha fixa de 120,20 euros e outra variable, equivalente ao 50 % da cota do IAE, exclúense as recargas.
-Declaración responsables. Será a suma de dúas cantidades: unha fixa de 120,20 euros e outra variable, equivalente ao 50 % da cota do IAE, exclúense as recargas.
-Tramitación de expedientes de autorización para instalar depósitos de GLP: 450,76 euros
- Tramitación de expedientes por cambio de titularidade: 90,15 euros.
2. Na cota tributaria esixirase por unidade de local.
3. Nos casos de variar ou de ampliar a actividade que hai que desenvolver no establecemento suxeito, da cota que resulte por aplicación dos apartados anteriores a este artigo, deducirase o retribuído por este concepto tributario con ocasión da primeira apertura e de ulteriores variacións ou ampliacións da actividade, así como de ampliar o local. A cantidade que hai que ingresar será a diferenza que resulta.
Artigo 7.- Devengo.
Devengase a taxa e nace a obriga de contribuír desde que se inicia a prestación do servizo.
A estes efectos, entenderase iniciada a actividade municipal ou prestación do servizo na data de presentación da oportuna solicitude de licenza de apertura ou da realización da comunicación previa ou declaración responsábel.
Artigo 8.- Liquidación e ingreso.
1. A taxa esixirase en réxime de autoliquidación, debendo acreditarse o ingreso correspondente no momento da presentación da comunicación previa, declaración responsable ou a solicitude de licencia.
2. Unha vez adoptada a resolución que proceda e/ou, realizadas pola Administración as comprobacións oportunas, practicarase a liquidación definitiva que se lle notificará o interesado reclamando ou devolvendo a cantidade que proceda
3. Os pagamentos derivados dos anuncios que deban realizarse por mor da tramitación dos expedientes, en calquera dos boletíns ou diarios oficiais serán por conta do solicitante, non entendéndose incluídos no feito impoñible do presente tributo.
Artigo 9.- Renuncia e caducidade.
1.- Antes de que sexa ditado o acto administrativo sobre concesión da licenza, ou no seu caso, dentro dos tres meses seguintes á presentación da comunicación previa ou declaración responsábel, os interesados poderán desistir expresamente das solicitudes. Dito desistimento xerará a devolución do 90% das taxas abonadas, sempre que se realizara no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude de licenza de apertura ou dentro dos tres meses seguintes á presentación da comunicación previa ou declaración responsábel e a actividade non se tivera exercido.
2.- A caducidade, como un dos xeitos de rematar o procedemento administrativo e tramitada de oficio, non xerará dereitos económicos a favor dos contribuíntes.
Artigo 10. -Infraccións e sancións tributarias.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan, estarase ao disposto nos artigos 183 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria.
Disposición final
A presente Ordenanza fiscal, que foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o día 23 de febreiro de 2023, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e será de aplicación a partir de dita data, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.