Vedra - ORDENANZA FISCAL Nº 13, REGULADORA DA TAXA DE REDE DE SUMIDOIROS
FUNDAMENTO E NATUREZA
Artigo 1:
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos do 15 ao 19 da Lei 39/1988, de 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, este concello establece a Taxa de REDE DE SUMIDOIROS, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, atendendo as súas normas ao prevido no artigo 58 da citada Lei 39/1988.
FEITO IMPOÑIBLE.
Artigo 2:
1. Constitúe o feito impoñible da taxa:
a) A actividade municipal, técnica e administrativa, tendente a verificar se se dan as condicións necesarias para autorizar a acometida á rede de sumidoiros municipal.
b) A prestación dos servizos de evacuación de excretas, augas pluviais, negras e residuais, a través da rede de sumidoiros municipal, así como o seu tratamento e depuración.
2. Non estarán suxeitas á taxa as fincas derrubadas, declaradas ruinosas ou que teñan a condición de predio ou terreo, sempre que non fagan uso da rede de sumidoiros.
3. Só se permitirá a vertedura á rede de saneamento de auga procedente do consumo doméstico, comercial ou industrial, con fins non produtivos e que non conteña substancias prohibidas.
4. Os titulares aboados ao servizo serán os responsables da vertedura de augas, líquidos, materias e substancias perigosas ou nocivas para a saúde e o medio natural que estean expresamente prohibidas pola lexislación vixente, e tamén serán os responsables dos danos ocasionados á rede ou ás instalacións de tratamento das augas residuais.
SUXEITO PASIVO
Artigo 3:
1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que sexan:
a) Cando se trate da concesión da licenza de acometida á rede, o propietario, usufrutuario ou titular do dominio útil da finca.
b) No caso de prestación de servizos do número 1.b) do artigo anterior, os ocupantes ou usuarios das fincas do termo municipal beneficiarios destes servizos, calquera que sexa o seu título: propietarios, usufrutuarios, habitacionais ou arrendatarios, mesmo ocupantes en precario.
2. En todo caso, terá a consideración de suxeito pasivo substituto do ocupante ou usuario das vivendas ou locais, o propietario destes inmobles, que poderá repercutir no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os respectivos beneficiarios do servizo.
RESPONSABLES.
Artigo 4:
1. Responderán solidariamente das obrigas do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.
2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinale o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.
COTA TRIBUTARIA.
Artigo 5. Cota tributaria.
A cota desta taxa, será a que figura na seguinte:
Epígrafe | Tarifa (Euros / ano) |
1. Vivendas | 76,69 € |
2. Locais e establecementos (academias de ensino, escolas infantís, garderías, colexios, centros de día e residencias, hoteis, hospedaxes, casas de turismo rural, bares, cafeterías, tabernas, restaurantes e casas de comida, obradoiros e fornos de pan, panaderías, comercios e tendas de venda por xunto e polo miúdo de produtos de calquera tipo, talleres de vehículos, maquinaria, electrodomésticos, estacións de lavado e engraxe de vehículos, estacións de servizo ou gasolineiras, fábricas e industrias de todo tipo, estudos e oficinas, despachos profesionais, librerías e papelerías, oficinas bancarias, farmacias, clínicas, centros de saúde, ximnasios, barberías, salóns de peiteado e de beleza, salas de xogo, salas de festas e discotecas, clubs, pubs). | 104,58 € |
3. Locais e establecementos baleiros ou pechados (terán a tarifa aplicable ao epígrafe 2, reducida nun 50%) | 52,29 € |
4. Outros locais e establecementos de actividades e negocios, ou instalacións, non contemplados no epígrafe 2 | 104,58 € |
ACOMETIDAS.
1.- A instalación da acometida á rede de saneamento efectuarase polo concello ou pola empresa adxudicataria, cumprindo as condicións técnicas aprobadas, sendo por conta do titular da licenza o custo dos traballos da conexión, que serán os vixentes no cadro de prezos aprobado polo concello.
2.- Ningún titular poderá manipular a rede municipal de saneamento, agás o persoal do concello ou da empresa adxudicataria.
3. Os servizos de evacuación de excretas, augas pluviais, negras e residuais, e da súa depuración teñen carácter obrigatorio para todas as fincas do concello que teñan fachada a rúas, prazas ou vías públicas nas que exista rede de sumidoiros, sempre que a distancia entre a rede e a finca non exceda de cen metros, e pagarase a taxa aínda cando os interesados non procedan a efectuar a acometida a rede.
EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS.
Artigo 6:
Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da presente taxa, que non veña establecida en tratados ou acordos internacionais ou en normas con rango de Lei.
PAGAMENTO.
Artigo 7:
1. Pagarase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicie a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible, entendéndose iniciada a mesma:
a) Na data de presentación da oportuna solicitude da licenza de acometida, se o suxeito pasivo a formulase expresamente.
b) Dende que teña lugar a efectiva acometida á rede de sumidoiros municipal. O pagamento por esta modalidade da taxa producirase con independencia de que se obtivera ou non a licenza de acometida e sen prexuízo da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para a súa autorización.
c) Desde que teña lugar a efectiva acometida á rede.
LIQUIDACIÓN E INGRESO.
Artigo 8:
1. Cando se presente a solicitude de licenza de acometida, liquidarase e esixirase a taxa correspondente en calidade de depósito previo.
2. Se se realiza a acometida sen mediar solicitude procederase a liquidar e notificar esixíndose o ingreso nos prazos previstos no artigo 20 do Regulamento Xeral de Recadación, sen prexuízo da apertura do correspondente expediente sancionador por infracción tributaria.
3. Unha vez autorizada a acometida, a xestión e recadación desta taxa, acomodarase ao procedemento previsto para os valores recibo (padrón, censo, matrícula, etc.)
4. O outorgamento da licenza solicitada non terá efecto se non se acredita o pagamento das taxas municipais, e do custo da instalación e conexión á rede á empresa adxudicataria, segundo o cadro de prezos de aplicación aprobado polo Concello.
5.Cando a taxa foxe por exacción por padrón esixirase no período sinalado na tarifa, ou no seu caso, no que acorde o Alcalde ou Xunta de Goberno e o ingreso efectuarase no prazo previsto no artigo 20 do R.G.R. para os valores recibo.
6. Os ingresos efectuaranse na tesouraría municipal ou no lugar que determine o Alcalde-Presidente.
7. Poderá repercutirse no importe da facturación as taxas ou impostos autonómicos ou estatais, que legalmente sexan de aplicación.
INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 9:
Nesta materia estarase ao disposto no artigo 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
PRIMEIRA.- DECLARACIÓN DE ALTA
Os suxeitos pasivos do contribuínte formularán as declaracións de alta nos censos ou padróns da taxa e terá efectos tributarios no mesmo momento de presentarse a declaración ou obtención da LICENZA DE PRIMEIRA OCUPACIÓN. As cantidades esixibles liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e non serán reducibles polo período natural de tempo sinalado na TARIFA.
SEGUNDA.- DECLARACIÓN DE BAIXA
Os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte formularán as declaracións de baixa no censo ou padrón da taxa e terá efectos no período natural seguinte ao de presentación da mesma.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente modificación da ordenanza fiscal entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do 01 de xaneiro de 2024 e manterase vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.