Vedra - ORDENANZA FISCAL Nº20, REGULADORA DA TAXA POLO ABASTECEMENTO DE AUGA
Artigo 1. Fundamento e réxime.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril reguladora das bases do réxime local e de conformidade co disposto nos artigos 15 e 19 RDL 2/2004 do 5 de marzo regulador das facendas locais, este concello establece a taxa pola subministración de augas que se rexerá pola presente ordenanza fiscal que atende ao previsto no artigo 57 do citado RDL.
Artigo 2. Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible desta taxa a prestación do servizo da distribución de auga potable a domicilio, ou enganche de liñas á rede xeral e a colocación e utilización de contadores en beneficio dos inmobles situados no termo municipal.
Artigo 3. Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos da taxa en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades ás que se refire o artigo 35 da Lei Xeral Tributaria, que soliciten ou resulten beneficiados polos servizos aos que se refire esta ordenanza.
Terán consideración de suxeito pasivo substituto do contribuínte o ocupante das vivendas ou locais, o propietario dos inmobles que poderán repercutir as cotas satisfeitas sobre o beneficiario do servizo.
Artigo 4. Responsables.
1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas ou xurídicas que son causantes ou colaboran na realización dunha infracción tributaria, así como os copartícipes ou cotitulares das entidades recollidas no artigo 42 da Lei Xeral Tributaria.
2. Serán responsables subsidiarios os administradores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinale o artigo 43 da Lei Xeral Tributaria
Artigo 5. Base impoñible e cota tributaria .
A base impoñible estará constituída por:
1 As acometidas á rede xeral: o feito da conexión á rede por cada local comercial e vivenda individual.
2. Na subministración ou distribución de augas: os metros cúbicos de auga consumida no inmoble onde estea instalado o servizo.
A contía da taxa regulada nesta ordenanza será a fixada nas seguintes tarifas
ABASTECEMENTO | ||||
Doméstico | ||||
Cota fixa mensual | 4,74 € | |||
Consumo: | ||||
Ata 15m3/mes, cada m3 | 0,48 € | |||
Máis de 15m3/mes, cada m3 | 1,05 € | |||
Máis de 30m3/mes, cada m3 | 1,37 € | |||
Industrial, comercial e obras: | ||||
Cota fixa mensual | 6,35 € | |||
Consumo: |
| |||
Por m3/mes | 0,72 € | |||
Tarifa de sobreelevación | 0,00 € | |||
ACOMETIDAS: | ||||
Conservación (incluída conservación contador): | 1,02 € | |||
Obra civil: arqueta e lonxitude de gabia de 1 a 5 m ((apertura, peche e reposición de pavimento) | ||||
Diámetro | Terra | Asfalto | Baldosa- beirarrúa | |
3/4" | 302,74 | 339,70 | 371,31 | |
1" | 321,68 | 365,18 | 387,50 | |
1 !/2" | 354 | 394,27 | 432,29 | |
2" | 390,14 | 428,52 | 468,43 | |
Todos os prezos veranse gravados co IVE correspondente. Acometidas de máis de 5 m farase un presuposto para cada caso | ||||
ALTAS DE CONTRATO: INDUSTRIAL, COMERCIAL E OBRAS: | ||||
Naves industriais situadas en polígonos industriais | 1.000,00€/ud | |||
Promotores de dúas ou máis vivendas unifamiliares | 500,00€/ud. | |||
Promocións de vivendas colectivas | 500,00€/ud. |
Artigo 6. Pagamento.
Pagarase a taxa e nace a obriga de contribuír no momento de prestarse o servizo previa a correspondente solicitude ou dende que se utilice este sen ter obtida a previa licenza, debendo depositarse previamente o pagamento correspondente ao enganche.
A obriga do pagamento da taxa establécese da forma seguinte:
1 - Taxa de conexión, antes de efectuarse a conexión e entenderase como taxa única e definitiva.
2 - Taxa por consumo dende o momento no que se inicie a prestación do servizo e a súa facturación e cobramento, efectuarase con periodicidade bimensual.
O abono do prezo de dita taxa efectuarase no momento da presentación, ao obrigado a realizalo, da correspondente factura. O non pagamento de tres facturacións consecutivas será motivo suficiente para cortar a subministración de auga ao obrigado moroso.
Artigo 7. Depósito previo.
Os peticionarios da subministración subscribirán o documento de alta e ingresarán na tesourería municipal ou na entidade colaboradora que o concello sinale, un depósito previo ou fianza polo importe que corresponda dos seguintes:
-Vivendas e locais sen actividade............................ 35,00 euros
-Establecementos comerciais.................................. 106,00 euros
-Establecementos de hostalería............................... 200,00 euros
-Solicitudes de abonados en tarifa industrial, obras
de nova construción ............................................... 645,00 euros
-Solicitudes de abonados en tarifa industrial, obras
de reparacións (obras menores)............................ 100,00 euros.
Os depósitos así constituídos imputaranse ao pago dos recibos pendentes na data en que o abonado solicite a baixa no servizo; se a cantidade depositada excedese, reintegrarase ao interesado.
Artigo 8. Medicións e cálculo de consumo.
Para a determinación dos consumos durante o período fixado en trimestres naturais, efectuaranse as medicións mediante os aparatos contadores aos que se refire o regulamento do servizo. No caso de que se produciran consumos medibles no contador do inmoble, sen ter sido solicitado a alta no servizo, imputaranse todos os consumos que rexistre o contador dende o comezo do seu funcionamento ou dende a baixa do anterior abonado, ao trimestre en que se formalice a alta de abono, aplicándose as tarifas vixentes para o período no que se formalice a alta.
Para o suposto nos que se produza utilización do servizo sen contador, o cálculo dos consumos fixaranse en función da media do consumo que resulte nun período de seis meses posterior á instalación do contador, sen prexuízo das sancións ou das recargas legalmente establecidas sobra a cota resultante.
Nos casos de leiras cuxo contador estivera parado, avariado ou retirado polo abonado, durante o tempo que permaneza nesta situación, facturarase o equivalente á media do consumo rexistrado nos últimos catro períodos trimestrais anteriores á avaría, paro ou retirada nos que o contador funcionou normalmente e, como mínimo, facturarán os seguintes consumos:
Abonados domésticos: 30 m3, no trimestre no que se produza a avaría, paro ou retirada e no trimestre inmediato seguinte; ese consumo mínimo estimado, incrementarase nun 25% redondeando a unidade, en cada un dos trimestres posteriores ata a reparación ou substitución do contador, ata un máximo de 114 m3/trimestre.
Abonados industriais: 500m3, no trimestre no que se produza a avaría, paro ou retirada e no trimestre inmediato seguinte; ese consumo mínimo estimado, incrementarase nun 25%, redondeando a unidade, en cada un dos trimestres posteriores ata a reparación ou substitución do contador, ata un máximo de 2.348m3/trimestre.
Se o contador avariado, parado ou retirado, fora dos chamados totalizadores, facturará o consumo equivalente ao máximo rexistrado e facturado en razón dese contador en calquera período trimestral anterior á avaría, paro ou retirada, deducíndose dese consumo estimado o correspondente aos contadores unitarios que se derivan do mesmo, salvo no suposto de que ese consumo máximo fora debido a fuga ou avaría constatada, en cuxo caso, facturarase a media dos catro trimestres con maior lectura nos últimos cinco anos, excluído o da fuga ou avaría.
Cando por causa imputadas ao abonado (ausencia, vivendas cerradas, etc) non fora posible tomar lectura ou o contador rexistrara consumo cero, os abonados poderán presentar no servizo de augas a tarxeta de lectura coas anotacións correspondentes ao consumo, se non o fixeran ou se o consumo fose cero, facturarase aos abonados de consumo doméstico, con carácter de depósito previo, unha cota equivalente a un consumo de 27 m3 por trimestre, que se deducirán das lecturas tomadas en períodos posteriores, ata a súa compensación, sempre que non transcorra máis de seis facturacións trimestrais entre a data de recibo que corresponda á primeira lectura estimada e a data da regularización. O depósito previo non será de aplicación no suposto de que o consumo cero se producira no mesmo trimestre no que se formalice a baixa do abonado. Non se aplicará a estimación e o depósito previo cando o consumo cero se rexistre en contadores instalados na forma prevista nos artigos 25 e 26 do regulamento do servizo de augas potables, de forma que o servizo de augas poida anotar periodicamente a lectura sen intervención directa do abonado.
Para a determinación dos consumos habidos durante o período fixado en trimestres, efectuaranse as medicións do consumo mediante os aparatos contadores a que se refire o regulamento do servizo de augas, de modo que cada subministración poida ser calibrado mediante un contador; establecéndose, con carácter xeral, a instalación do contador totalizador ao que se refire o artigo 26 do regulamento do servizo, para determinar os consumos globais de instalacións con ramais de derivación; da lectura dese contador deducirase a suma das lecturas dos unitarios que se derivan do mesmo e a diferenza, de habela, liquidarase ao propietario do inmoble ou comunidade de propietarios no seu caso; e se a diferenza fose negativa, acumularase para a súa dedución nos períodos trimestrais seguintes. Poderá eximirse da instalación destes contadores totalizadores a aquelas instalacións nas que non resulte aconsellable por circunstancias técnicas, debidamente contrastadas.
As obrigas impostas aos usuarios do servizo, nas disposicións legais ou regulamentarias e na presente ordenanza, poderán executarse subsidiariamente polo concello con cargo ao usuario, seguindo o procedemento legalmente establecido.
Artigo 9. Exencións e bonificacións.
Non se recoñecerá exención nin bonificación algunha na exacción desta taxa.
Artigo 10. Reducións.
Ao abeiro do establecido no artigo 24.4 da Lei 39/1988, establécese unha redución do 50% da tarifa polo consumo destinado ás explotacións agrícolas.
Artigo 11. Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que aos mesmos correspondan en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 181 e seguintes e disposicións que a desenvolven da Lei Xeral Tributaria.
Disposicións
Disposición Adicional Primeira. Declaración de alta.
Os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte formularán as declaracións de alta no censo ou no padrón da taxa e terá efectos tributarios no mesmo momento de presentarse a declaración, podendo ratearse, no seu caso, por meses.
Disposición Adicional Segunda.
Os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte formularán as declaracións de baixa no censo ou padrón da taxa e ter efecto no período natural seguinte ao da presentación da mesma podendo, no seu caso, ratearse por meses.
Disposición final.
A presente modificación da ordenanza fiscal entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do 01 de xaneiro de 2024 e manterase vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.