Irixoa - ORDENANZA REGULADORA DA TAXA SOBRE RECOLLIDA DE LIXO OU R.S.U. (RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS)

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 17/01/2024 BOP Nº: 13
Aplicable dende: 01/01/2024

Artigo 1. Motivación e imposición

No uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15-19 e 57 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a ¿Taxa polo servizo de recollida e tratamento de lixo ou R.S.U.", que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal que atende ao previsto nos artigos 20 a 27 da citada norma legal.

Artigo 2. Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo, que é de recepción obrigatoria, de recollida e tratamento de lixo ou R.S.U. para as vivendas, aloxamentos e locais ou establecementos onde se exerzan actividades industriais, comerciais, profesionais, artísticas ou de servizos.

2. A tal efecto considéranse como lixo ou R.S.U. os restos e desperdicios de alimentación, detritus procedentes da limpeza normal de locais e vivendas; expresamente exclúense de tal concepto os residuos de tipo industrial, líquidos, escombro de obras, trastos inútiles, detritos humano, materias e materiais contaminados, corrosivos, perigosos, ou os que a súa recollida e vertido exixa a adopción de especiais medidas de hixiene ou de seguridade.

Artigo 3. Suxeitos pasivos

1. Son suxeitos pasivos desta taxa en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas, así como as herdanzas xacentes, comunidades de bens e demais entidades que, aínda carentes de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado, susceptible de calquera imposición, que ocupen ou utilicen calquera clase de vivenda ou local, ben sexa a título de propiedade, de arrendatario ou calquera outro dereito real, incluíndo o precario. Tamén terán consideración de suxeito pasivo os propietarios de vivendas ou locais desocupados ou de tempada, xa que a non utilización ocasional do servizo non invalida a obriga de prestación municipal e de recepción de tales propietarios.

2. Terán a consideración de suxeito pasivo substituto do contribuínte o propietario das citadas vivendas ou locais, quen poderá repercutir a cota sobre os usuarios ou beneficiarios do servizo.

Artigo 4. Responsables

1. Serán responsables solidariamente das obrigas establecidas nesta Ordenanza todas as persoas causantes ou colaboradoras na realización dunha infracción tributaria. Nos supostos de declaración consolidada, todas as sociedades integrantes do grupo serán responsables solidarias das infraccións cometidas no desenvolvemento e xestión económica do servizo.

2. Os coparticipantes ou cotitulares das herdanzas xacentes, comunidades de bens e demais entidades definidas no artigo 3.1 desta Ordenanza responderán solidariamente e en proporción ás súas respectivas participacións nas obrigas tributarias das citadas entidades.

3. Serán responsables subsidiarios das infraccións simples, e da totalidade da débeda tributaria no caso de infraccións graves, cometidas polas persoas xurídicas os administradores que non realicen os actos da súa incumbencia, con resultado de infracción das obrigas que impón esta ordenanza, ou inclusive cando consentisen o incumprimento dos que actúan baixo dependencia ou participen en acordos que fixesen posíbel calquera infracción. Así mesmo, os administradores responderán, subsidiariamente, das obrigas que estean pendentes de cumprimentar polas persoas xurídicas que cesaren as súas actividades.

4. Serán responsables subsidiarios os síndicos, interventores, liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, cando por neglixencia ou mala fe non realicen as xestións necesarias para o total cumprimento das obrigas devengadas con anterioridade ás citadas situacións e que sexan imputábeis aos respectivos suxeitos pasivos.

Artigo 5. Cota tributaria

1. A cota tributaria, que será anual e indivisíbel, agás nos supostos previstos expresamente, consistirá nunha cantidade fixa, por unidade de local, determinada en función da natureza e destino dos inmóbeis.

2. As cotas anuais a aplicar serán as do seguinte cadro:

Apart

Tipo de local

COTA

a)

Por cada vivenda unifamiliar

50

b)

Por cada local de bares, ultramarinos, casas rurais e similares

93

c)

Por cada forno, panadería, bar con restaurante, hoteis rurais e similares

131

d)

Por cada local de oficinas ou despacho profesional

74

e)

Por cada oficina bancaria

171

f)

Por cada taller mecánico ou de reparación en xeral

102

g)

Por cada carpintería, serradoiros, etc

102

h)

Por cada local de cuartel da Garda Civil, Policía, instalacións militares, etc

146

i)

Por cada cooperativa agrícola, grupos de produtores do campo, horticultores, floricultores, sociedades agrarias de transformación (SAT), queixerías, etc. anteriores

126

k)

Por cada local de farmacia, parafarmacia, herboristería, etc

93

l)

Por cada estación de servizo de combustible

194

ll)

Por cada supermercado, hipermercado ou similares (>150 m2)

218

m)

Por cada local de prestación de servizos funerarios de superficie de 200 m2 ou fracción

194

n)

Por cada local non incluído nos apartados anteriores por superficie de 100 m2 ou fracción

146

Estas cotas devengaranse desde que naza a obriga de contribuír. Só terán a consideración de locais aqueles aos que o público teña acceso independente doutro local vivenda, debendo superar unha superficie de 8 m2.

Artigo 6. Exencións e bonificacións

De conformidade co disposto no artigo 9 da Lei 39/88, de 28 de decembro, non se recoñece beneficio tributario ningún, salvo ao Estado, Comunidade Autónoma e ente provincial ao que pertence este Concello, e os que sexan derivados da aplicación dos tratados internacionais.

Artigo 7. Devengo

1. A taxa devéngase e nace a obriga de contribuír dende o momento que comece a prestación do servizo; dada a natureza de recepción obrigatoria do servizo, entenderase que comeza a súa prestación cando se implante o mesmo (distribución de contedores e recollida mecánica).

2. Establecido o funcionamento do servizo, as cotas devengaranse o primeiro día de cada ano.

Artigo 8. Declaración e ingreso

1. Todos os contribuíntes obrigados ao pago deste tributo deberán presentar, no prazo de 30 días hábiles seguintes á data da posta en servizo do local ou actividade, declaración das vivendas e locais afectados por esta taxa, mediante escrito dirixido ao sr. alcalde. O modelo a empregar será facilitado nas oficinas municipais.

Cando un obrigado non presente a declaración no citado prazo, a Administración efectuará de oficio a alta na matrícula da taxa con notificación individual ao mesmo, sen prexuízo das sancións que procedan por infracción á ordenanza.

Nos casos de modificacións ou baixas de inmóbeis gravados pola presente ordenanza, o procedemento será o regulado no primeiro parágrafo.

2. Nos anos sucesivos o pago da taxa acreditarase mediante documento de autoliquidación ou recibo, debidamente validado pola entidade recadadora.

Artigo 9. Dereitos e deberes dos usuarios

1. Os usuarios do servizo teñen dereito:

a) á retirada de lixo nos días e horas establecidos e cos medios técnicos apropiados, agás en casos de forza maior.

b) a que o servizo se preste con respecto ao principio de igualdade ante a Lei e aos motivos ou fins que o xustifiquen.

c) a que as taxas a abonar estean legalmente fixadas na correspondente ordenanza fiscal.

d) aos demais dereitos fixados na normativa en relación ao presente servizo.

2. Os usuarios do servizo estarán obrigados:

a) a colocar o lixo ou R.S.U. en bolsas homologadas e depositalas no contedor máis próximo nas horas e días establecidos, respectando estritamente os criterios de recollida selectiva (bolsa negra, envases, vidro, papel, pilas, etc.).

b) a non incluír nos contedores materias que non teñan consideración de lixo segundo o regulado no artigo 2 desta ordenanza.

c) a satisfacer as cotas da taxa na contía e forma previstas nesta ordenanza fiscal.

d) a cumprimentar calquera obriga derivada desta ordenanza e demais normativa relacionada co servizo.

Artigo 10. Infraccións e sancións

1. Os usuarios do servizo serán responsables das infraccións que cometan contra esta ordenanza. Para estes efectos considéranse faltas:

a) a non utilización das bolsas ou recipientes adecuados para o depósito do lixo, ou non pechalas convenientemente.

b) o depósito do lixo fóra dos horarios e días que se determinen.

c) o colocar bolsas de lixo en lugares distintos aos que se sinalan, e especialmente o abandono en vías públicas ou inmediacións.

d) o utilizar o servizo para materias que non teñan a condición de lixo segundo o previsto no artigo 2.2 desta ordenanza.

e) o depósito de lixo con infracción das regras da recollida selectiva.

f) a formación de vertedoiros incontrolados.

Consideraranse faltas leves as indicadas nas letras a e b; consideraranse faltas graves as indicadas nas letras b, c, d e f, así como a reiteración das previstas nas letras a e b no prazo de 1 ano.

2. Para as faltas aplicaranse, segundo a gravidade apreciada en expediente contraditorio, as seguintes sancións:

a- faltas leves: apercibimento por escrito.

b- faltas graves: multas non superiores a 1.000 euros.

Para valorar a gravidade da infracción grave, así como a modulación da sanción, terase en conta a intencionalidade, o risco para o medio ambiente e o perigo que supón para as persoas e os medios materiais do servizo de recollida.

3. No relativo a infraccións e sancións tributarias estarase ao disposto na Lei Xeral Tributaria, texto refundido da Lei de Facendas Locais e demais normativa de aplicación.

DISPOSICIÓN FINAL

A modificación da presente ordenanza, aprobada por acordo plenario do 17-11-2023, entrará en vigor dende o día seguinte da data da súa publicación íntegra no BOP, aplicándose con eficacia a partir do ano natural seguinte.