Vedra - ordenanza fiscal número 6, reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos

Publicación provisional: 30/11/2010 BOP Nº: 228
Publicación definitiva: 18/01/2011 BOP Nº: 11
Aplicable dende: 29/01/2024

Artigo 1.- Fundamento e natureza.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora de Bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 ao 19 da Lei 39/1988, de 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este concello establece a taxa por expedición de documentos administrativos que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal, cuxas normas atenden ao prevido no artigo 58 da citada Lei 39/1988.

Artigo 2.- Feito impoñible.

1.- Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade administrativa desenvolvida con motivo da tramitación, a instancia de parte, de toda clase de documentos que expedía e de expedientes dos que entenda a administración ou as autoridades municipais.

2.- A estes efectos entenderase tramitada a instancia de parte calquera documentación administrativa que fose provocada polo particular ou redunde no seu beneficio aínda que non mediase solicitude expresa do interesado.

3.- Non estará suxeita a esta taxa a tramitación de documentos e expedientes necesarios para o cumprimento de obrigas fiscais, así como as consultas tributarias, os expedientes de devolución de ingresos indebidos, os recursos administrativos contra resolucións municipais de calquera índole e os relativos á prestación de servizos ou realización de actividades de competencia municipal e á utilización privativa ou o aproveitamento especial de bens de dominio público municipal, que estean gravados por outra taxa municipal ou para os que se esixa un prezo público por este concello.

Artigo 3.- Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos os contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria que soliciten, provoquen ou en cuxo interese redunde a tramitación do documento ou expediente do que se trate.

Artigo 4. Responsables.

Responderán da débeda tributaria, xunto aos debedores principais, outras persoas ou entidades. Para estes efectos consideraranse debedores principais os obrigados tributarios do apartado 2 do artigo 35 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.

Salvo precepto legal expreso en contrario, a responsabilidade será sempre subsidiaria.

Con relación á responsabilidade solidaria e subsidiaria da débeda tributaria estarase ao establecido nos artigos 42 e 43, respectivamente, da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.

Artigo 5. Exencións e bonificacións.

Estarán exentos os documentos que presenten ou se expidan para asociacións inscritas no Rexistro municipal de asociacións , alcaldes de barrio e aqueles outros que sexan declarados expresamente de interese social pola Xunta de Goberno.

Artigo 6.- Cota tributaria.

A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza dos documentos ou expedientes a tramitar, de acordo coa tarifa fixada no artigo seguinte.

A cota de tarifa corresponde á tramitación completa, en cada instancia, do documento ou expediente de que se trate, dende o seu inicio ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ao interesado do acordo recaído.

Artigo 7. Tarifa.

A taxa a que se refire esta Ordenanza rexerá polas seguintes tarifas:

CERTIFICACIÓNS E COMPULSAS

1.- Certificación de documentos ou acordos municipais

5,00 €

2.- Cotexo de documentos

**1,00 €

3.- Bastanteo de poderes

15,00 €

DOCUMENTOS EXPEDIDOS POLAS OFICINAS MUNICIPAIS

1.- Informes testificais

30,00 €

2.- Fotocopias de documentos administrativos

0,50 €/ud

DOCUMENTOS EXPEDIDOS POLAS OFICINAS MUNICIPAIS

1.- Certificacións catastrais

20,00 €

2.- Informes urbanísticos

30,00 €

3.- Informes de alcaldía (antigüidade, ubicacións, etc)

35,00 €

DEREITOS DE EXAME

1.- Para acceso, como funcionario de carreira, ao grupo de titulación A: Subgrupo A1, ou como laboral fixo ao nivel 1

75,00 €

2.- Para acceso , como funcionario de carreira, ao grupo de titulación A: Subgrupo A2, ou como laboral fixo ao nivel 2

70,00 €

3.- Para acceso , como funcionario de carreira, ao grupo de titulación B, ou como laboral fixo a niveis equivalentes

65,00 €

4.- Para acceso , como funcionario de carreira, ao grupo de titulación C: Subgrupo C1, ou como laboral fixo a niveis equivalentes

60,00 €

5.- Para acceso , como funcionario de carreira, ao grupo de titulación C: Subgrupo C2, ou como laboral fixo a niveis equivalentes

60,00 €

6.- Para acceso , como funcionario de carreira, ao grupo Outras Agrupacións Profesionais, ou como laboral fixo a niveis equivalentes

50,00 €

FORMALIZACIÓN DE CONTRATOS

0,5% OBL

CELEBRACIÓN MATRIMONIOS CIVÍS

70,00 €

**1 1€/ud.. Para máis de 20 compulsas aplicaráselle un 50% de recargo se os interesados o solicitan con carácter de urxencia.

Artigo 8.- Pagamento.

Págase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se presente a solicitude que inicie a tramitación dos documentos e expedientes suxeitos a tributo.

Ademais, o pagamento prodúcese cando teñan lugar as circunstancias que proveñan a actuación municipal de oficio ou cando esta se inicie sen previa solicitude do interesado pero redunde no seu beneficio.

Artigo 9.- Normas de xestión.

A taxa esixirase en réxime de autoliquidación.

As cotas satisfaranse nas oficinas municipais, no momento de presentación do escrito de solicitude de tramitación do documento ou expediente, ou ao retirar a certificación ou notificación da resolución se a solicitude non existira ou non fose expresa.

Os documentos recibidos polos condutos doutros rexistros xerais serán admitidos provisionalmente, pero non poderá dárselles curso sen o previo pago dos dereitos, a cuxo fin se requirirá ao interesado para que no prazo de dez días aboe as cotas correspondentes, co apercibimento de que transcorrido o dito prazo sen efectualo, teráselle por non presentados os escritos ou documentos e será arquivada a solicitude.

As certificacións ou documentos que expida a administración municipal en virtude de oficio de Xulgados ou Tribunais para toda clase de preitos, non se entregarán nin remitirán sen que previamente se teña satisfeita a correspondente cota tributaria.

Artigo 10.- Infraccións e sancións.

En todo o referente a infraccións e sancións, será de aplicación a Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, en concreto os artigos 181 e seguintes, e as disposicións que a desenvolven.

Disposición final única.

A presente Ordenanza fiscal, aprobada polo Pleno deste concello en sesión celebrado o 30/11/20230 entrará en vigor no momento da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia , permanecendo en vigor ata que se acorde a súa modificación ou a súa derrogación expresa.