Arteixo - ORDENANZA FISCAL Nº 8, REGULADORA DA TAXA POR PRESTACIÓN DO SERVIZO PÚBLICO DO COMPLEXO DEPORTIVO MUNICIPAL DE ARTEIXO, PRESTACIÓN DE SERVIZOS NOUTRAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E OUTROS SERVIZOS ANÁLOGOS

Publicación provisional: 27/12/2004 BOP Nº: 296
Publicación definitiva: 30/08/2005 BOP Nº: 198
Aplicable dende: 05/02/2024

ARTIGO 1. Fundamento e natureza

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 141 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigo 15 a 19 do R.D.lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a Taxa por prestación de servizos nas instalacións deportivas municipais, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, atendendo as súas normas ao disposto no artigo 57 do R.D. lexislativo.

ARTIGO 2. Feito impoñíbel

Constitúe o feito impoñíbel da presente taxa a utilización das instalacións deportivas municipais (campos de fútbol, pavillóns polideportivos e ximnasios), prestación de servizos nas referidas instalacións así como a prestación de calquera outro servizo relacionado coa actividade deportiva ou análoga.

ARTIGO 3. Suxeitos pasivos

Son suxeitos pasivos desta taxa, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 36 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria e 23 do R.D. lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, usuarias dos servizos descritos anteriormente.

ARTIGO 4. Responsables

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas e xurídicas a que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria.

ARTIGO 5. Cota tributaria

Establécense as seguintes tarifas:

A. Uso de pavillón polideportivo ou ximnasio (por hora ou fracción)

21,51 €

B. Uso de campo de fútbol (por hora ou fracción)

26,11 €

Gozarán de tarifa reducida cun importe da cota tributaria de cero euros, polos conceptos sinalados no artigo 5A e 5B, as entidades deportivas sen ánimo de lucro que desenvolvan actividade deportiva regular en Arteixo e que estean incluídas na Resolución administrativa que a este efecto se dite dende o centro xestor.

Á solicitude da entidade interesada e con carácter anual, nas datas que determine o Servizo Municipal de Deportes, someteráse a informe do Servizo Municipal de Deportes que prestará conformidade se procede, á tarifa reducida de cota tributaria cero euros que aquí se regula. O informe do Servizo Municipal de Deportes terá en conta a capacidade económica da entidade solicitante, considerando a simulación do pago anual das taxas pola utilizacións das instalacións deportivas municipais, comparando este importe das taxas co resultado económico da súa actividade global no exercicio anterior.

Consideraráse que a entidade cumpre co requisito da baixa capacidade económica, se como resultado da simulación do pago anual das taxas pola utilizacións das instalacións deportivas municipais, sae un importe maior que o resultado económico da súa actividade global no exercicio anterior ao da solicitude.

ARTIGO 6. Período impositivo e devengo.

Nas instalacións deportivas e pola prestación de servizos sinalados na presente ordenanza, o período impositivo coincidirá co período solicitado polo suxeito pasivo para a utilización da instalación deportiva, devengándose a taxa no momento de formalizar a solicitude.

ARTIGO 7. Normas de xestión

1. Pola prestación de servizos nas instalacións, esixirase a autoliquidación do importe da taxa, na data de presentación da solicitude. As devolucións que procedan por falta de prestación do servizo por causas non imputábeis ao contribuínte, tramitaranse polo procedemento que rexe o reintegro de pagos indebidos.

2. A utilización das instalacións referidas nesta ordenanza, solicitaranse por escrito dirixido ao Servizo Municipal de Deportes, cos datos do solicitante, así como da persoa, equipo, entidade ou asociación que vaia facer uso das instalacións. Na mesma sinalarase, ademais, a persoa responsable do bo uso destas e a data e tempo da utilización do servizo de que se trate. Presentada a instancia, resolverase sobre a procedencia da utilización, que deberá ser motivada, no suposto que fora denegatoria.

3 No caso de tratarse de actos ou actuacións extradeportivas por sociedades, partidos políticos ou outros espectáculos artísticos de índole non deportiva, serán resoltos pola Alcaldía, que en todo caso poderá solicitar os informes correspondentes do Servizo Municipal de Deportes. Dita resolución sobre a procedencia ou improcedencia de conceder a autorización para usar as instalacións, será notificada aos interesados e aos servizos encargados da súa execución.

4. O Concello de Arteixo, previo informe do Servizo Municipal de Deportes, poderá esixir unha fianza para responder dos posibles danos que se poidan producir nas instalacións deportivas. A devolución da anterior garantía resolverase, previo informe do Servizo Municipal de Deportes, acreditativo de que non foron causados danos nas instalacións municipais ou se estes foran causados, que xa se teñan reparados.

ARTIGO 8. Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan, estarase ao disposto nos artigos 183 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Ordenanza Fiscal, consta de oito artigos e unha disposición final.

A presente modificación foi aprobada polo Concello Pleno en sesión celebrada o dia 30 de novembro de 2023. Entrará en vigor, ao día seguinte da súa publicación integra no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse desde ese día, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa.