Vedra - ORDENANZA FISCAL NUM. 16 REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE ATENCIÓN DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL
Artigo 1. Fundamento legal.
O Concello de Vedra establece a taxa pola prestación dos servizos da Escola infantil municipal que se rexerá pola presente ordenanza fiscal atendendo ao contemplado nas normas de funcionamento interno da Escola infantil municipal, de acordo coa seguinte normativa:
· Artigos 133.2 e 142 da Constitución Española
· Artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local
· Artigos 15 e 19, en relación co artigo 20 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais
· Artigo 1 do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís dependentes da Consellería de Política Social, modificado pola Resolución de 10 de maio de 2017, pola que se actualizan os prezos das escolas infantís de 0-3 anos dependentes da Consellería de Política Social
· Ordes de convocatoria anuais de concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa da Comunidade Autónoma de Galicia para as escolas infantís 0-3 .
· · Normas de funcionamento (Regulamento de Réxime Interno) da escola infantil municipal de Vedra
Artigo 2.-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible a prestación efectiva do servizo da Escola infantil municipal nos termos e condicións reguladas no Regulamento interno da Escola infantil municipal do Concello de Vedra, publicado no BOP A Coruña 179, do 26 de outubro de 2020.
Artigo 3.-Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos en concepto de contribuíntes as persoas que resulten beneficiaria polo servizo que constitúe o feito impoñible desta taxa.
Artigo 4.-Responsables.
4.1. Responderán solidariamente das débedas tributarias as persoas ás que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.
4.2. Serán responsables subsidiarias as persoas ás que se refire o artigo 43 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.
Artigo 5. Cota tributaria
5.1. A base impoñible estará constituída polos servizos prestados de acordo coas normas de funcionamento interno da escola infantil e a resolución do 10 de maio de 2017 (incluídas as reducións correspondentes) pola que se actualiza os prezos das escolas infantís, en cumprimento do expresado no Decreto 49/2012 do 19 de xaneiro coas súas modificacións e actualizacións correspondentes.
5.2. Servizos de atención educativa e comedor
O servizo de atención educativa está bonificado ao 100% pola Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas ordes de convocatoria da subvención que aproba anualmente. Porén, no caso de incumprimento da obriga de asistencia prevista nas normas de funcionamento interno e na normativa autonómica reguladora da bonificación, os/as proxenitores, titores/as ou representantes legais dos/as menores afectados, quedarán obrigados a abonar o importe correspondente polo servizo de atención educativa que lles corresponde.
No suposto de asistencias educativas en réxime de media xornada, o importe de atención educativa verase reducido á metade.
No caso de que algún menor teña concedido o servizo de comedor por días soltos, a contía a abonar por cada día de servizo ascende a 4,23 €. Este prezo non estará suxeito a ningún tipo de desconto.
CONTIAS EN FUNCIÓN DO IPREM | ATENCIÓN EDUCATIVA | COMEDOR |
Do 0 % ao 30 % IPREM | 00,00 € | 0,00 € |
Do 30 % ao 50 % IPREM | 00,00 € | 17,45 € |
Do 50 % ao 75 % IPREM | 34,91 € | 17,45 € |
Do 75 % ao 100 % IPREM | 69,81 € | 26,45 € |
Do 100 % ao 125 % IPREM | 112,13 € | 37,02 € |
Do 125 % ao 150 % IPREM | 133,29 € | 52,89 € |
Do 150 % ao 200 % IPREM | 147,05 € | 63,47 € |
IPREM superior ao 200 % | 169,26 € | 74,05 € |
Os servizos de asistencia educativa e comedor mes completo poderán verse reducidos cos seguintes descontos:
CONCEPTO | DESCONTO |
Familias numerosas | 20% |
Familias monoparentais | 20% |
Irmás ou irmáns no centro | 20% no segundo irmá/n e seguintes |
Ingreso despois do día 15 do mes | 50% nese mes |
Baixas anteriores ao día 15 do mes | 50% nese mes |
Familias con renda per cápita igual ou inferior a 7.500€/ano | Exención a partir do 2º fillo/a no centro |
Familias acolledores de menores con medidas administrativas de tutela ou garda | Exención |
Suspensión temporal debidamente xustificada e resolta polo órgano competente | 50% no mes da suspensión cando supere máis de 15 días de ausencia continuados 100% no mes da suspensión cando a ausencia teña lugar no mes completo |
5.3. Matrícula
A contía de matrícula será de 100 euros, por curso escolar para o alumado de renovación e de novo ingreso. Esta contía non estará suxeita a ningún tipo de desconto e será bonificada ao 100% pola Xunta de Galicia.
5.4. Horario amplo
A contía para o horario amplo igual ou superior á 9ª hora concedida previa xustificación será de 21,16 euros/mes. Este prezo non estará suxeito a ningún tipo de desconto e é aboado polas familias.
5.5. Hora extra
As horas extras son excepcionais e extraordinarias. A contía por cada hora extra concedida previa xustificación será de 21,16€/hora. Este prezo non estará suxeito a ningún tipo de desconto e é aboado polas familias.
No caso de menores con demanda de asistencia superior a 8 horas de forma continuada, deberán solicitar horario amplo e non hora extra.
Artigo 6.-Devengo e período impositivo.
6.1. O devengo da taxa producirase cando se inicie a prestación do servizo e o período impositivo coincide co ano escolar (setembro a xullo), sen prexuízo da liquidación da taxa por meses naturais.
6.2. As normas de altas, baixa, suspensións, modificacións e relación á prestación do servizo son as recollidas nas normas de funcionamento interno da escola infantil.¿
Artigo 7.-Infraccións e sancións.
En materia de infraccións e sancións estarase ao disposto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria e nas disposicións que a complementan e desenvolven.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas todas aquelas disposicións que se opoñan ao establecido nesta Ordenanza fiscal.
Disposición final
A presente ordenanza fiscal estrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña, permanecendo vixente ata a súa modificación ou derrogación.