Coirós - ORDENANZA REGULADORA DA TAXA POR PRESTACIÓN DO SERVIZO DE COMEDOR ESCOLAR

Publicación provisional: 02/07/2025 BOP Nº: 124
Publicación definitiva: 22/08/2025 BOP Nº: 159
Aplicable dende: 25/08/2025

Art.1. FUNDAMENTO E NATUREZA.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, en relación co artigo 20, do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Concello de Coirós establece a taxa pola prestación do servizo comedor escolar que se rexerá por esta ordenanza fiscal e que constitúe un servizo educativo, complementario, compensatorio e social, especialmente destinado a garantira efectividade da educación obrigatoria dentro dos principios de igualdade, en especial entre mulleres e homes, e solidariedade ademáis dunha medida valiosa para contribuír á organización e conciliación de vida familiar, laboral e persoal das familias de Coirós.

Art.2. FEITO IMPOÑIBLE.

Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo de comedor escolar municipal ás súas beneficiarias e beneficiarios mediante as comidas que no mesmo reciba o alumnado escolarizado no/s centros autorizados así como persoal docente e non docente dos mesmos.

Art. 3. DEVEÑO.

Devéñase a taxa e nace a obriga de contribuír dende que a persoa interesada sexa beneficiaria dos servizos e permanecerá mentres dure a súa prestación.

Art.4. SUXEITO PASIVO.

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas beneficiarias do servizo.

Os/as usuarios/as do servizo gravado por esta taxa menores de idade que non teñan capacidade de obrar, actuarán no seu nome, cos efectos previstos na Lei xeral tributaria, os seus pais/nais, titores/as, ou calquera outro representante legal.

Art. 5. COTAS TRIBUTARIAS.

5.1. As tarifas esixibles en cada caso serán as seguintes:

% IPREM RPC MENSUAL

% BONIFICACIÓN

PREZO XANTAR/DÍA

Ata o 80%

100

0

80% - 100%

75

1,10

100% - 125%

50

2,20

125% - 150%

15

3,74

150% - 200 %

5

4,18

Máis do 200%

0

4,40

Estas tarifas actualizaranse anualmente segundo o índice de prezos ao consumo real do ano anterior publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

5.2. Beneficios fiscais:

a) Nenas/os pertencentes a familias numerosas que así o acrediten co título ou carné de familia numerosa, desconto dun 20 por cento.

b) Nenas/os pertencentes a familias monoparentais que así o acrediten co certificado de familia monoparental, desconto dun 20 por cento.

c) Nenas/os cun grao de discapacidade declarado igual ou superior ao 33%, desconto dun 20 por cento.

d) Cando asistan a este centro varios irmáns, desconto dun 20 por cento por cada nena/o atendida/o.

Estes descontos non serán acumulables en caso de concorrer máis dunha circunstancia na mesma praza.

5.3. A base impoñible virá determinada pola renda per cápita mensual, entendendo por tal o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar. Para os efectos, teñen a consideración de ingresos a suma da base impoñible xeral (casiña 435) coa base impoñible do aforro (casiña 460), deste resultado restarase a cota líquida resultante da autodeclaración (casiña 595) do imposto sobre a renda das persoas físicas.

5.4. Para determinar a renda anual familiar poden presentarse varias situacións:

- Unidades familiares nas que ambos cónxuxes, ou calquera outro integrante dela, perciben rendas e teñen a obriga de presentar a declaración anual do IRPF. Neste caso, o importe da renda familiar resultará das sumas e restas das casiñas indicadas, que se obterán de cada declaración, se foron presentadas individualmente -que é o habitual- ou ben, da declaración conxunta.

- Unidades familiares nas que ambos cónxuxes perciben rendas pero só un deles ten a obriga de presentar a declaración. Neste caso, a obtención do importe da renda familiar resultará das sumas e restas das casiñas indicadas, para o membro da unidade que presentase declaración do IRPF máis o importe que resulte para o outro integrante da unidade familiar que non presentou declaración do IRPF, segundo os seus datos fiscais que deberá para realizar o cálculo dos seus ingresos, sumar os importes das casiñas 0003 (retribucións dinerarias) e 0027 (intereses) e restar os importes das casiñas 0013 (cotizacións seguridade social), 0596 (retencións procedentes do traballo) e 0597 (retencións procedentes do capital mobiliario).

- Cando ambos cónxuxes perciban rendas pero non teñan a obriga de presentar declaración da renda ou ben cando o cónxuxe ou os cónxuxes non perciban renda ningunha suxeita a tributación do IRPF. Nestes supostos, os interesados consignar os seus datos fiscais do mesmo xeito que no especificado no apartado anterior para os membros que non presentase declaración do IRPF.

Excepcionalmente, se a unidade familiar alega unha diminución dun 20% ou mais dos seus ingresos durante máis de catro meses consecutivos e se mantivesen na data de inicio do prazo de solicitudes fronte aos ingresos declarados na declaración do IRPF do exercizo anterior ao ano no que se solicita o servizo, poderán aportar esta documentación xustificativa da dita circunstancia para que se teña en conta na valoración.

A renda per cápita familiar englobará os ingresos de todos os membros da unidade familiar divididos polo número de membros computables.

5.5. Para o previsto nestas bases considérase que compoñen a unidade familiar:

Os pais/nais non separados legalmente e, no seu caso, o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor.

Os fillos/as menores de idade, con excepción dos emancipados.

Os fillos/as maiores de idade con discapacidade física, psíquica ou sensorial, incapacitados xudicialmente ou suxeitos á curatela.

Os fillos/as solteiros/as menores de vintecinco anos e que convivan no domicilio familiar a 31 de decembro do ano inmediato anterior a aquel no que comeza o curso escolar para o que se solicita o servizo sempre que non tiveran un contrato de traballo ou percibiran recursos (agás bolsas) durante o ano anterior.

Cando non exista vínculo matrimonial a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os fillos dos pais que convivan con eles e que reúnan os requisitos do apartado anterior.

No caso de separación ou divorcio, non se considerará membro da unidade familiar aquel que non conviva co solicitante do servizo de comedor escolar. Con todo, no seu caso, terá a consideración de membro computable e sustentador principal, o novo cónxuxe, parella, rexistrada ou non, ou persoa unida por análoga relación cuxas rentas incluiranse dentro do cómputo da renda e patrimonio familiares. A separación ou divorcio acreditarase mediante sentenza xudicial que determine a mesma, ou convenio regulador onde conste a custodia do menor.

No caso de familias monoparentais (segundo artigo 13 da lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia), e para os efectos do cálculo da renda per cápita, ao que se refire o parágrafo anterior, incrementaranse nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

5.6. Calquera indicio de cambio non declarado, distorsión ou falseamento da situación socioeconómica reflectada na solicitude, poderá dar lugar a que se inicie de oficio un expediente de comprobación dos datos referidos. Coa apertura deste expediente nomearase instrutor/a e secretario/a que elaborarán un informe que será obxecto de análise por parte da Comisión de baremación, coordinación e seguimento. Poderase requirir ao/a solicitante os documentos que se consideren precisos para a resolución do expediente.

5.7. As persoas solicitantes que non acheguen a documentación requirida para a determinación da súa capacidade económica, no prazo de subsanación correspondente, estarán obrigadas a satisfacer durante todo o período que figure de alta a cota prevista para aquelas unidades familiares cunha renda per cápita superior ao 200% do IPREM e perderán o dereito á bonificación.

Este parágrafo non será de aplicación aos/as solicitantes en situación de emerxencia social ou con informe técnico no que se acredite que se trata de familias con problemas de integración social, en risco de exclusión, desestructuración familiar, con inicio de expediente en menores ou de intervención familiar.

Art. 6. NORMAS DE XESTIÓN.

A liquidación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberán autoliquidala as persoas interesados nos dez primeiros días do mes seguinte á prestación do servizo, na entidade ou entidades financeiras que indique o Concello ou, no seu caso, a empresa adxudicataria ou concesionaria do servizo.

A prestación do servizo se axustará ao calendario escolar oficial correspondente ao ano escolar, e o seu horario determinarase en función das necesidades de escolarización e do propio horario escolar.

O alta e baixa ou modificacións das circunstancias das persoas usuarias para disfrutar do servizo de comedor, deberá de ser comunicada ao Concello os dez últimos días de cada mes para o mes seguinte.

DISPOSICIÓN FINAL

Esta ordenanza entrará en vigor a partir da publicación do seu texto íntegro non Boletín Oficial da Provincia, será de aplicación a partir do día seguinte ao da súa publicación e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa.