Val do Dubra - ORDENANZA FISAL NÚM. 19, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVICIO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPALORDENANZA FISAL NÚM. 19, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVICIO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL

Publicación provisional: 07/09/1999 BOP Nº: 206
Publicación definitiva: 07/12/1999 BOP Nº: 280
Aplicable dende: 20/12/2014

Artigo 1.º.-Fundamento legal.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, en relación co artigo 20 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, o Concello de Val do Dubra procede á modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo da escola infantil municipal.

Artigo 2.º.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo da escola infantil municipal.

Artigo 3.º.-Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servizo que constitúe o feito impoñible desta taxa.

Artigo 4.º.-Responsables.

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que son causantes ou colaboran na realización dunha infracción tributaria.

Artigo 5.º.-Estimación das rendas, tarifas, descontos e exencións.

Este baremo adáptase ó publicado pola Consellería de Traballo e Benestar e a través do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís (0-3) da Consellería de Traballo e Benestar, publicada no DOG, núm. 17, do 25/01/2012, que rexerán mentres non existan modificacións posteriores e que serán os seguintes:

- IPREM para o ano 2012: 532,51 €.

- Prezo base/mes (6 a 8 horas/día): 160 €.

- O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario normal será de 20 €/mes.

- O Decreto 49/2012 sinala unicamente os prezos por asistencia en horario completo; os ratios por horario reducido obtéñense con aplicacións porcentuais.

Os prezos non incluídos na orde tamén se revisarán anualmente.

EXENCIÓN:

a) As familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 € anuais gozarán da exención total da cota a partir da segunda filla ou fillo que acuda á mesma escola infantil.

b) As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda gozarán, así mesmo, da exención total da conta.

Artigo 6.º.-Regras e definicións para a determinación do importe que se vai pagar.

Para a determinación do importe mensual que van pagar as persoas obrigadas ao pagamento dos prezos públicos determinados no anexo deste decreto, teranse en conta as especificacións recollidas no dito anexo. Para os efectos da aplicación do anexo, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

I. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

II. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

III. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no 31 de decembro do ano a que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguintes regras.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.

A documentación anterior poderá ser substituída pola correspondente autorización á Administración con competencia en materia de escolas infantís 0-3 para obter os datos necesarios para determinar os ingresos totais para estes efectos a través das correspondentes administracións tributarias.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

O prezo pola atención educativa en xornada completa na escola infantil fíxase en 163,52 € mensuais. Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican a continuación:

RCP/MES

PREZO DA PRAZA (4-8H)

A PAGAR (0-4H:50%)

HORAS COMPLE-MENNTA-RIAS

MATRÍCU-LA/ANO

COCIÑA (QUENTAR ALIMEN-TOS)

Inferior ó 30% do IPREM

0 €

0 €

0 €

0 €

0 €

Entre o 30% e inferiores ao 50% do IPREM

0 €

0€

20,44 €

20 €

10 €

Entre o 50% e inferiores ao 75% do IPREM

33,73€

16,86€

20,44 €

20 €

10 €

Entre o 75% e inferiores ao 100% do IPREM

67,45€

33,72 €

20,44 €

20 €

10 €

Entre o 100% e inferiores ao 125% do IPREM

108,33 €

54,16 €

20,44 €

20 €

10 €

Entre o 125% e inferiores ao 150% do IPREM

128,77 €

64,38 €

20,44 €

20 €

10 €

Entre o 150% e o 200% do IPREM

142,06 €

71,03 €

20,44 €

20 €

10 €

Rendas superiores ao 200 % do IPREM

163,52 €

81,76 €

20,44 €

20 €

10 €

DESCONTOS:

A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte aplicar o disposto no punto anterior aplicaranse os seguintes descontos que non son acumulables entre sí:

a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto do 20 por cento.

b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentáis, desconto do 20 por cento.

c) Cando asistan ao mesmo centro varios irmáns, o segundo e sucesivos terán un desconto dun 20 por cento.

Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Para a aplicación dos descontos terase en conta as circunstancias concorrentes no momento da presentación da solicitude de praza na escola infantil de 0 a 3, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF.

B) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fora de prazo, traslado de residencia, etc), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes, terá un desconto do 50 por cento.

Artigo 7.º.-Retribución e período impositivo.

A taxa retribuirase cando se inicie a prestación do servicio. O período impositivo coincide co ano natural, prorrateado por meses.

Artigo 8.º.-Liquidación, recadación e xestión.

8.1. A liquidación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberán aboala os interesados nos dez primeiros días de cada mes, a través da correspondente domiciliación bancaria.

8.2. Non se aboará a tarifa que corresponda ó mes en que o centro permaneza pechado por razóns de vacacións de verán. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

8.3. A inasistencia do usuario ó centro durante un período determinado non supón reducción ningunha, nin extinción da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Cando por causa debidamente xustificada a/o nena/o deixe de asistir temporalmente ao Centro, neste caso, a suspensión da cota terá lugar dende o primeiro día do mes natural seguinte á data de inasistencia ao centro e durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación da/o nena/o ao centro.

A solicitude de suspensión da cota correspondente a este servizo, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante a dirección do Centro.

Artigo 9.º.-Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións estarase ó disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.

Os prezos contidos nesta ordenanza entenderanse automaticamente modificados e adaptados a aqueles que a Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, con carácter anual, para rexer nos centro autonómicos de atención a primeira infancia.