Val do Dubra - REGULAMENTO DA PRESTACIÓN DO SERVICIO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL.
Artigo 1.-Obxecto.
O obxecto do presente regulamento é establece-las normas que regulan o proceso de ingreso, adxudicación de prazas, permanencia, baixas, vacacións, horario e financiamento do servicio na escola infantil do Concello de Val do Dubra.
Artigo 2.-Idades de ingreso e permanencia.
2.1. A idade mínima de ingreso queda establecida nos 3 meses.
2.2. Os nenos e nenas poderán permanecer na escola infantil municipal ata o 31 de agosto do ano que cumpran os 3 anos.
Artigo 3.-Integración de nenos e nenas con minusvalía física, psíquica ou sensorial.
Poderán integrarse nenos e nenas con eiva física, psíquica ou sensorial. O ingreso destes estará supeditado á existencia de condicións infraestructurais idóneas e de persoal axeitado e suficiente no cadro de persoal do centro. En ningún caso poderá haber máis dun neno ou nena de integración por aula. Para efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.
Artigo 4.-Solicitudes.
O prazo de solicitude será dende o mes de setembro ata o mes de maio.
Artigo 5.-Documentación a presentar coa solicitude.
5.1. Os pais ou representantes legais do neno ou nena presentarán a solicitude no modelo establecido polo Concello para o seu ingreso, achegándose con ela os seguintes documentos:
1. Fotocopia do libro de familia completa.
2. Xustificación de haberes (última nómina, declaración do IRPF dos membros da unidade familiar consideradas computables para efectos económicos: pais e fillos, ou no caso de familias monoparentais, só pai ou nai e fillos, declaración xurada de non estar obrigados a realiza-la, certificación positiva ou negativa de percepción da prestación económica do INEM, xustificantes doutros ingresos).
3. Certificado de residencia no Concello de Val do Dubra e informe de convivencia da unidade familiar (pais e fillos).
De carecer dalgún dos documentos sinalados nos apartados 1), 2), e 3), será necesario presentar calquera outro documento que acredite oficialmente a situación familiar, económica ou social, segundo proceda.
Así mesmo, e de carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas, poderase presentar informe dos servicios sociais do Concello correspondente.
5.2. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, o Concello requirirá ó interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou axunte os documentos necesarios, con indicación de que, se así non se fixera, terase por desistida a súa petición, arquivándose sen máis trámite.
Artigo 6.-Documentación complementaria.
Os interesados terán que presentar dentro dos 15 días seguintes á notificación da admisión a seguinte documentación complementaria:
* Certificado médico do neno.
* Cartilla actualizada de vacinación.
Se non presentase a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaída a solicitude de praza.
Artigo 7.-Comisión de baremación.
A tódalas solicitudes recibidas aplicarase un procedemento de valoración. Para tal fin constituirase unha comisión coa seguinte composición:
Presidente: o alcalde.
Vocal: o/a director/a da gardería.
Secretario: asistente social.
Os acordos tomaranse por maioría simple e resolverá, en caso de empate, o presidente.
Artigo 8.-Relación de admitidos e lista de espera.
8.1. Estudiadas pola comisión tódalas solicitudes presentadas, e unha vez resoltas, procederase á publicación da relación provisional de admitidos, e da lista de espera, no taboleiro de anuncios do Concello.
8.2. No prazo de dez días contados a partir da data de exposición da relación provisional de admitidos, os interesados poderán presentar no rexistro do Concello as reclamacións que estimen oportunas dirixidas ó presidente da comisión de baremación.
8.3. Estudiadas pola comisión de baremación tódalas reclamacións presentadas, expoñerase no taboleiro de anuncios do Concello a relación definitiva de admitidos e a lista de espera.
8.4. As resolucións recaídas deberánselles notificar ós solicitantes. Os admitidos disporán dun prazo de quince días para confirmaren a súa praza e achegaren a documentación complementaria.
8.5. As vacantes que se vaian producindo ó longo do curso serán cubertas por rigorosa orde entre os solicitantes en lista de espera.
Artigo 9.-Baixas.
Será causa de baixa na gardería por algunha das circunstancias seguintes:
9.1. Por cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia na gardería.
9.2. Por solicitude dos pais ou representante legais.
9.3. Polo non pagamento da cota establecida durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar ó que se refire a débeda.
9.4. Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.
9.5. Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.
9.6. Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.
As baixas por incompatibilidade ou inadaptación serán resoltas pola comisión, unha vez oídos a dirección escolar e mailo interesado. As baixas producidas ó longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriores cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade por rigorosa orde de entrada da solicitude no rexistro da corporación Local.
Artigo 10.-Vacacións.
As vacacións de verán terán un mes de duración, que será o de agosto.
Artigo 11.-Horario.
* O horario será de 12 horas diarias, de 8 ás 20 horas.
* A comisión poderá modifica-lo horario segundo as necesidades existentes.
A comisión proporá ó Pleno a modificación destas bases segundo as necesidades existentes, e como mínimo serán revisadas anualmente.
Artigo 12.-Financiamento do servicio.
A prestación do servicio da escola infantil municipal financiarase coas achegas da comunidade autónoma de Galicia, da Deputación Provincial, do propio Concello e dos propios usuarios.
Disposición final.
O devandito regulamento entrará en vigor unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia e unha vez transcorrido o prazo ó que se refire o artigo 70.2, en relación co 65.2 da citada Lei 7/1985, e comezará a aplicarse a partir do día seguinte.