Val do Dubra - Ordenanza fiscal núm. 19, reguladora da taxa pola prestación do servicio da escola infantil municipal
Artigo 1.-Fundamento legal.
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, en relación co artigo 20 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, o Concello de Val do Dubra procede á modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servicio da escola infantil municipal
Artigo 2.-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servicio da escola infantil municipal.
Artigo 3.-Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servicio que constitúe o feito impoñible desta taxa.
Artigo 4.-Responsables.
Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que son causantes ou colaboran na realización dunha infracción tributaria.
Artigo 5.-Estimación das rendas, tarifas, descontos e exencións.
Este baremo adáptase ó publicado pola Consellería de Familia, Promoción de Emprego, Muller e Xuventude a través do Decreto 70//2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da dita Consellería (DOG número 52, do mércores 13 de marzo de 2002), que rexerán mentres non existan modificacións posteriores e que serán os seguintes:
- SMI (salario mínimo interprofesional) para o ano 2002: 442,20 euros.
- Prezo base/mes (6 a 8 horas/día): 110 euros.
- O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario normal será de 13,75 euros/mes.
- O Decreto 70/2002 sinala unicamente os prezos por asistencia en horario completo; os ratios por horario reducido obtéñense con aplicacións porcentuais.
Os prezos non incluídos na orde tamén se revisarán anualmente.
Artigo 6.-Base impoñible e cota tributaria.
A base impoñible virá determinada pola renda per cápita mensual, entendendo por tal o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.
Enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalía superior ó 33%. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita, incrementarase nun 0,8 ó número real de membros que compoñen a unidade familiar.
Para os efectos, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral maila parte especial da base impoñible, previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicarlles ós datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
A cota tributaria calcularase coas seguintes tarifas:
Contribucións mensuais por horas de uso, horas complementarias e matrícula anual.
RPC/mes | Reduccións | A pagar (6-8 h) | A pagar (3-6 h: 70%) | A pagar (-3 h: 40%) | Horas complementarias | Matrícula/ano |
Inferior ó 50% SMI: -221,10 euros | 100% | 0 euros | 0 euros | 0 euros | 0 euros | 0 euros |
Entre o 50% e o 75% SMI: 221,10 - 331,65 euros | 70% | 33 euros | 23.10 euros | 13.20 euros | 3.01 euros | 6.01 euros |
Superior ó 75% e inferior ó 100% SMI: 331,65 - 442,20 euros | 40% | 66 euros | 46.20 euros | 26.40 euros | 3.01 euros | 6.01 euros |
Entre o 100% e o 150% SMI: 442,20 - 663,30 euros | 10% | 99 euros | 69.30 euros | 39.60 euros | 3.01 euros | 6.01 euros |
Superior ó 150% SMI: + 663,30 euros | 0% | 100 euros | 77.00 euros | 44.00 euros | 3.01 euros | 6.01 euros |
Descontos:
a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20%.
b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20%.
c) Cando asistan ó mesmo centro varios irmáns, desconto dun 20% por cada neno/a atendido/a. No caso de que estes irmáns nacesen de parto múltiple, o desconto será dun 30% por cada neno/a.
Estes descontos serán acumulables en caso de concorrer estas circunstancias na mesma praza.
Cando o/a neno/a atendido/a ingrese no centro con posterioridade ó día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50%.
Artigo 7.-Retribución e período impositivo.
A taxa retribuirase cando se inicie a prestación do servicio. O período impositivo coincide co ano natural, prorrateado por meses.
Artigo 8.-Liquidación, recadación e xestión.
8.1. A liquidación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberán aboala os interesados nos dez primeiros días de cada mes, en calquera oficina bancaria na que teña conta o Concello.
8.2. Non se aboará a tarifa que corresponda ó mes en que o centro permaneza pechado por razóns de vacacións de verán. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.
8.3. A inasistencia do usuario ó centro durante un período determinado non supón reducción ningunha, nin extinción da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.
Con carácter excepcional, poderase solicitar exención de pagamento por causas de enfermidade do usuario, dende o primeiro día do segundo mes posterior ó comezo da ausencia, ata o primeiro día do mesmo mes de incorporación. Para isto é necesario solicitalo por escrito e debidamente xustificado mediante informes médicos.
Artigo 9.-Infraccións e sancións.
En materia de infraccións e sancións estarase ó disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.
Disposición final.
A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.
Os prezos contidos nesta ordenanza entenderanse automaticamente modificados e adaptados a aqueles que a Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, con carácter anual, para rexer nos centros autonómicos de atención á primeira infancia.