Val do Dubra - Ordenanza fiscal núm. 19, reguladora da taxa pola prestación do servicio da escola infantil municipal

Publicación provisional: 07/09/1999 BOP Nº: 206
Publicación definitiva: 07/12/1999 BOP Nº: 280
Aplicable dende: 03/10/2012

Artigo 1.-Fundamento legal.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, en relación co artigo 20 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, o Concello de Val do Dubra procede á modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servicio da escola infantil municipal

Artigo 2.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servicio da escola infantil municipal.

Artigo 3.-Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servicio que constitúe o feito impoñible desta taxa.

Artigo 4.-Responsables.

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que son causantes ou colaboran na realización dunha infracción tributaria.

Artigo 5.-Estimación das rendas, tarifas, descontos e exencións.

Este baremo adáptase ó publicado pola Consellería de Traballo e Benestar a través do 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís (0-3) da Consellería de Traballo e Benestar, publicada no DOG, núm. 17 do 25/01/2012, que rexerán mentres non existan modificacións posteriores e que serán os seguintes:

- IPREM para o ano 2012: 532,51 euros.

- Prezo base/mes (6 a 8 horas/día): 160 euros.

- O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario normal será de 20 euros/mes.

- O Decreto 49/2012 sinala unicamente os prezos por asistencia en horario completo; os ratios por horario reducido obtéñense con aplicacións porcentuais.

Os prezos non incluídos na orde tamén se revisarán anualmente.

Artigo 6º.- Regras e definicións para a determinación do importe que se vai pagar.

Para a determinación do importe mensual que van pagar as persoas obrigadas ao pagamento dos prezos públicos determinados no anexo deste decreto, teranse en conta as especificacións recollidas no dito anexo. Para os efectos da aplicación do anexo, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

i. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

ii. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

iii. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no 31 de decembro do ano a que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguintes regras.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.

A documentación anterior poderá ser substituída pola correspondente autorización á Administración con competencia en materia de escolas infantís 0-3 para obter os datos necesarios para determinar os ingresos totais para estes efectos a través das correspondentes administracións tributarias.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

O prezo pola atención educativa en xornada completa na escola infantil fíxase en 160 € mensuais. Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican a continuación:

RPC/MES

PREZO DO PRAZA

(6-8 H:)

A PAGAR

(3-6 h: 70%)

A PAGAR

(-3 H:40%)

Horas

complementarias

Matrícula/ano

Cociña (quentar os alimentos)

Inferior ó 30% do IPREM

0 €

0 €

0 €

0 €

0 €

0 €

Entre o 30% e inferiores ao 50% do IPREM

0 €

0 €

0 €

20 €

20 €

10 €

Entre o 50% e inferiores ao 75% do IPREM

33 €

23,10 €

13,20 €

20 €

20 €

10 €

Entre o 75% e inferiores ao 100% do IPREM

66 €

46,20 €

26,40 €

20 €

20 €

10 €

Entre o 100% e inferiores ao 125% do IPREM

106 €

74,20 €

42,40 €

20 €

20 €

10 €

Entre o 125% e inferiores ao 150% do IPREM

126 €

88,20 €

50,40 €

20 €

20 €

10 €

Entre o 150% e o 200% do IPREM

139 €

97,30 €

55,60 €

20 €

20 €

10 €

Rendas superiores ao 200 € do IPREM

160 €

112 €

64 €

20 €

20 €

10 €

Artigo 7.-Retribución e período impositivo.

A taxa retribuirase cando se inicie a prestación do servicio. O período impositivo coincide co ano natural, prorrateado por meses.

Artigo 8.-Liquidación, recadación e xestión.

8.1. A liquidación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberán aboala os interesados nos dez primeiros días de cada mes, en calquera oficina bancaria na que teña conta o Concello.

8.2. Non se aboará a tarifa que corresponda ó mes en que o centro permaneza pechado por razóns de vacacións de verán. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

8.3. A inasistencia do usuario ó centro durante un período determinado non supón reducción ningunha, nin extinción da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Con carácter excepcional, poderase solicitar exención de pagamento por causas de enfermidade do usuario, dende o primeiro día do segundo mes posterior ó comezo da ausencia, ata o primeiro día do mesmo mes de incorporación. Para isto é necesario solicitalo por escrito e debidamente xustificado mediante informes médicos.

Artigo 9.-Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións estarase ó disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.

Os prezos contidos nesta ordenanza entenderanse automaticamente modificados e adaptados a aqueles que a Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, con carácter anual, para rexer nos centros autonómicos de atención á primeira infancia.