Cambre - Ordenanza fiscal núm. 15, reguladora da taxa por subministración de auga.
Artigo 1º. - Fundamento e naturaleza.
Ao amparo do previsto nos artigos 20 a 27 e 57 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, do Texto refundido da Lei de Facendas Locais, e de conformidade co que dispoñen os artigos 15 a 19 de dito texto legal, este Concello establece a ¿taxa por subministración de auga", que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2º. - Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible da taxa a subministración de auga, nos termos especificados nas tarifas contidas no artigo 6º da presente ordenanza.
Artigo 3º. - Suxeito pasivo.
1. Son suxeitos pasivos da taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades a que se refire o artigo 35 da Lei xeral tributaria, que se beneficien dos servizos ou actividades que constitúen o feito impoñible da taxa.
2. Cando a subministración de auga beneficie ou afecte aos ocupantes de vivendas ou locais, terán a condición de substitutos do contribuínte, segundo o establecido no artigo 23.2.a) do Texto Refundido da Lei de Facendas Locais, os propietarios de ditos inmobles, que poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobre os respectivos beneficiarios.
A titularidade do servizo, é dicir, a póliza de abono, será sempre a nome do propietario da vivenda, local ou industria, independentemente de que o recibo poida ser abonado polo inquilino ou arrendatario ou ocupante das mesmas, figurando como pagador.
3. Nos casos nos que se soliciten os servizos para a execución de obras, o suxeito pasivo será o promotor ou, no seu caso, o constructor, sempre que se acredite que a obra dispón da preceptiva licenza para a súa realización.
Artigo 4º. - Responsables.
1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo todas as persoas que sexan causantes ou colaboren na realización dunha infracción tributaria.
2. Os copartícipes ou cotitulares das entidades xurídicas ou económicas a que se refire o artigo 35 da Lei xeral tributaria responderán solidariamente en proporción as súas respectivas participacións das obrigas tributarias de ditas entidades.
3. Os administradores de persoas xurídicas que non realizaren os actos da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas tributarias daquelas responderán subsidiariamente das débedas seguintes:
a) Cando cometera unha infracción tributaria simple, do importe da sanción.
b) Cando cometera unha infracción tributaria grave, da totalidade da débeda esixible.
c) En supostos de cese das actividades da sociedade, do importe das obrigas tributarias pendentes na data de cese.
4. A responsabilidade esixirase en todo caso nos termos e consonte ao procedemento previsto na Lei xeral tributaria.
Artigo 5º. - Beneficios fiscais.
1.- Aplicarase unha bonificación do 100% sobre o mínimo facturable determinado para os usos domésticos a aqueles contribuíntes que acrediten a súa falta de capacidade económica segundo informe dos servizos sociais do Concello de Cambre.
O beneficiario da bonificación terá que ser pagador da póliza de abono ao subministro da auga e estar empadroado na vivenda obxecto da bonificación.
Para disfrutar da presente bonificación, a renda neta conxunta anual da unidade de convivencia á que pertenza o beneficiario ten que ser a seguinte:
a. Igual ou inferior a 1,5 veces o índice IPREM de 14 pagas, no caso dun único membro na unidade de convivencia.
b. Igual ou inferior a 2 veces o índice IPREM de 14 pagas, no caso de que haxa dous membros na unidade de convivencia.
c. Igual ou inferior a 2,5 veces o índice IPREM de 14 pagas, no caso de que haxa tres ou máis membros na unidade de convivencia.
Os multiplicadores de renda respecto do IPREM de 14 pagas establecidos no parágrafo anterior incrementaranse, en cada caso, en 0,5, sempre que concorra algunha das seguintes circunstancias especiais:
a. Que o usuario ou algún dos membros da unidade de convivencia teña discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%.
b. Que o usuario ou algún dos membros da unidade de convivencia acredite a situación de violencia de xénero, conforme ao establecido na lexislación vixente.
c. Que o usuario ou algún dos membros da unidade de convivencia teña a condición de vítima de terrorismo, conforme ao establecido na lexislación vixente.
d. Que o usuario ou algún dos membros da unidade de convivencia se atope en situación de dependencia recoñecida de grao II ou III, conforme ao establecido na lexislación vixente.
e. Que o usuario acredite que a unidade de convivencia está integrada por un único proxenitor e, polo menos, un menor.
Os excesos facturaranse segundo as tarifas establecidas nos apartados 1.2 e 1.3 dos epígrafes 1.A, ou 1.C, do artigo seguinte, según corresponda. A bonificación aplicarase por primeira vez na facturación correspondente ao trimestre seguinte ao da solicitude do beneficio fiscal polo interesado, sempre e cando teña presentada a documentación necesaria dentro do prazo de resolución da mesma.
2.- Establécese unha bonificación das cotas para o consumo doméstico de auga potable a aquelas vivendas nas que convivan máis de cinco persoas sempre que todos eles estean empadroados na mesma, así como as vivendas no que o pagador da póliza de abono ostente a condición de titular de familia numerosa.
O beneficiario da bonificación terá que ser pagador da póliza de abono ao subministro da auga e estar empadroado na vivenda obxecto da bonificación.
A bonificación aplicarase por primeira vez na facturación correspondente ao trimestre seguinte ao da solicitude do beneficio fiscal polo interesado, sempre e cando teña presentada a documentación necesaria dentro do prazo de resolución da mesma.
O importe das bonificacións será o seguinte:
a) Os pagadores de pólizas de vivendas habitadas por máis de cinco e menos de oito persoas, disfrutarán dunha bonificación no prezo dos m3 consumidos no trimestre que superen os 30. Así, nestes casos aplicarase a tarifa 1.B e non a tarifa xeral.
No caso do titular de familias numerosas, de ata sete membros, terán esta mesma bonificación.
b) Cando a vivenda estea habitada por oito persoas ou máis, disfrutarán dunha bonificación no prezo dos m3 consumidos no trimestre que superen os 30. Nestes casos será de aplicación a tarifa 1.C e non a tarifa xeral.
3. Durante o primeiro trimestre de cada ano, o Concello comprobará que os beneficiarios destas bonificacións seguen a reunir os requisitos necesarios para o disfrute das mesma. Para o cal os beneficiarios deberán presentar, antes do 28 de febreiro, ante o concello, a documentación acreditativa daqueles extremos tanto da súa situación familiar e de convivencia, como económica a 1 de xaneiro do ano en curso, que ocasionaron a súa concesión. De non aportar a xustificación necesaria nese termo, procederase a revocar a bonificación concedida con efectos 1 de xaneiro dese mesmo ano.
Artigo 6º. - Cota tributaria.
A contía da taxa regulada nesta ordenanza será a determinada nas tarifas seguintes:
Epígrafe 1. Usos domésticos:
1.A. Tarifa xeral:
1.1. Ata 30 m3 trimestre, a 0,40 euros cada m3.
1.2. Máis de 30 e ata 90 m3 trimestre, excesos a 0,57 euros cada m3.
1.3. Máis de 90 m3 trimestre, excesos a 1,09 euros cada m3.
1.B. Tarifa bonificada para titulares de familia numerosa (de ata sete membros) e de pólizas de abono en vivendas nas que convivan máis de cinco membros, ata sete (artigo 5.2.a da presente ordenanza):
1.1. Ata 60 m3 trimestre, a 0,40 euros cada m3.
1.2. Máis de 60 e ata 90 m3 trimestre, excesos a 0,57 euros cada m3.
1.3. Máis de 90 m3 trimestre, excesos a 1,09 euros cada m3.
1.C. Tarifa bonificada para titulares de pólizas de abono en vivendas nas que convivan oito membros ou máis (artigo 5.2.b da presente ordenanza):
1.1. Ata 90 m3 trimestre, a 0,40 euros cada m3.
1.2. Máis de 90 e ata 120 m3 trimestre, excesos a 0,57 euros cada m3.
1.3. Máis de 120 m3 trimestre, excesos a 1,09 euros cada m3.
O mínimo facturable por abonado será de 30 m3 trimestre.
Epígrafe 2. Usos non domésticos:
2.1. Ata 30 m3 trimestre, a 0,57 euros cada m3.
2.2. Entre 30 e 3.000 m3 trimestre, excesos a 0,75 euros cada m3.
2.3. Máis de 3.000 m3 trimestre, excesos a 1,06 euros cada m3.
O mínimo facturable por abonado será de 30 m3 trimestre.
Epígrafe 3. Tarifas especiais:
3.1 Cando o abonado sexa unha entidade inscrita no rexistro municipal de asociacións veciñais e a subministración se destine a uso deportivo, cultural ou cívico, ou se trate de unha institución relixiosa que o destine á súa finalidade:
Todos os m3 a 0,28 euros cada m3. O mínimo facturable por abonado será de 30 m3 trimestre.
3.2 Cando se trate doutra Entidade Local á que se lle subministre auga procedente do municipio de Carral.
Todos os m3 a 0,47 euros cada m3 sen mínimo facturable.
Epígrafe 4. Tarifas por avarías:
No caso que, debido a unha avaría interna na rede, o contador rexistrase un exceso de consumo, facturarase ao abonado a totalidade dos m3 consumidos. Ao consumo que exceda do consumo medio habitual (calculado en función do promedio dos períodos de facturación inmediatos anteriores que representen o ciclo dun ano de facturación), facturarase según as tarifas correspondentes dos epígrafes 1 e 2, aplicables aos consumos do segundo intervalo (1.2 ou 2.2).
A estos efectos terá a consideración de volume desproporcionado o que reúna os seguintes requisitos:
- Que o volume facturado sexa superior ao triple do volume promedio dos períodos de facturación inmediatos anteriores que representen o ciclo dun ano de facturación.
- Que o contribuínte tomase as medidas necesarias para reparar a fuga no prazo dunha semana desde que tivo coñecemento da existencia da fuga. Cando esta data non se coñeza, entenderase que o contribuínte tivo coñecemento da súa existencia no momento en que se lle notifique a factura de auga correspondente ao período no que se produciu a fuga. O concello poderá comprobar en todo momento o cumprimento dos requisitos e, en caso de incumprimento, deberá facturar a diferencia do importe que resultase de non aplicar esta excepción.
Epígrafe 5. Outras tarifas:
5.1. Enganche á rede e primeira contratación do servicio, 100,00 euros.
5.2. Formalización de póliza de enganche por cambio de titularidade, 37,00 euros.
Artigo 7º. - Devengo e período impositivo.
A taxa devengarase cando se presente a solicitude que inicie a prestación do servicio pertinente, que non se realizará sen que se efectuara o pagamento correspondente.
O período impositivo por subministración de auga será por trimestres naturais.
Artigo 8º. - Réxime de declaración e ingreso.
Unha vez autorizada a conexión á rede municipal de subministración de auga ou o cambio de titularidade, deberase practicar polo suxeito pasivo a declaración-liquidación (autoliquidación) conforme ao sinalado na presente ordenanza. A taxa por subministración liquidarase trimestralmente mediante o correspondente padrón de auga aprobado polo órgano competente.
O cobro por subministración de auga realizarase mediante domiciliación bancaria, que será o sistema recomendado a todos os abonados ao servicio co obxecto de facilitar a xestión, debendo en todo caso facer efectiva a súa débeda dentro do prazo comprendido desde o día en que se inicie a xestión do cobro a través da entidade bancaria colaboradora ata o último día do mes seguinte. As cotas non satisfeitas no período citado esixiranse mediante o procedemento de constrinximento e na forma determinada nesta ordenanza.
Artigo 9º. - Notificacións das taxas.
A taxa de períodos sucesivos notificarase colectivamente, mediante a exposición pública do padrón no tablón de anuncios do Concello, polo período que se publicará no Boletín Oficial da Provincia.
Artigo 10º. - Infraccións e sancións.
O Concello, seguindo o procedemento establecido e dentro dos prazos outorgados ao efecto, suspenderá a subministración:
a) Cando fora negada ou entorpecida reiteradamente a entrada no domicilio do abonado ao persoal encargado da lectura dos contadores.
b) Cando non se satisfacese o importe de dous trimestres consecutivos ou tres alternos da taxa pola subministración de auga. Todo isto sen prexuízo da súa esixencia mediante o procedemento de constrinximento.
En todo o demais, as infraccións e sancións en materia tributaria rexeranse polo disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria e a súa normativa de desenvolvemento.