Rianxo - ORDENANZA REGULADORA DA TAXA DA REDE DE SUMIDOIROS
Artigo 1.º .-Fundamento e natureza
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e os artigos 20 e 58 da Lei 39/88, do 28 de decembro, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88 citada, este Concello acorda a imposición e ordenación da taxa da rede de sumidoiros, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2.º .-Feito imponible
1. Constitúe o feito imponible da taxa:
a) A actividade municipal, técnica e administrativa, tendente a verificar se se dan as condicións necesarias para autorizar a acometida á rede da rede de sumidoiros municipal.
b) A prestación dos servicios de evacuación de excretas, augas pluviais, negras e residuais, a través da rede de sumidoiros municipal, e o seu tratamento para depuralas.
2. Non estarán suxeitas á taxa os terreoss derruídos, declarados ruinosos ou que teñan a condición de solar ou terreo, sempre que non fagan uso da rede de sumidoiros.
Artigo 3.º .-Suxeito pasivo
1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que sexan:
a) Cando se trate da concesión de licencia de acometida á rede, o propietario, usufructuario ou titular do dominio útil do terreo.
b) No caso de prestación de servicios do número 1.b) do artigo anterior, os ocupantes ou usuarios dos terreos do término municipal beneficiarios de ditos servicios, calquera que sexa o seu título: propietarios, usufructuarios, habitacionistas ou arrendatarios, incluso ocupantes en precario.
2. En todo caso, terá a consideración de suxeito pasivo substituto do ocupante ou usuario das vivendas ou locais o propietario destes inmobles, en quen poderán repercutir, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os respectivos beneficiarios do servicio.
Artigo 4.º .-Responsables
1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.
2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.
Artigo 5.º .-Cota tributaria
A) Uso doméstico: 12,04 euros /trimestre.
B) Usos comerciais: 24,22 euros /trimestre.
C) Usos industriais: 32,14 euros /trimestre.
D) Taxas enganche:
Vivendas: 124,17 euros.
Industrias: 204,88 euros.
Hoteis e similares: 310,42 euros.
Artigo 6.º .-Exencións e bonificacións
Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da presente taxa, que non vén establecida en tratados ou acordos internacionais ou en normas con rango de lei.
Artigo 7.º .-Percepción
1. Percíbese a taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicie a actividade municipal que constitúe o seu feito imponible, entendéndose iniciada a mesma:
a) Na data de presentación da oportuna solicitude da licencia de acometida, se o suxeito pasivo a formulase expresamente.
b) Dende que teña lugar a efectiva acometida á rede da rede de sumidoiros municipal. A retribución por esta modalidade da taxa producirase con independencia de que teña obtido ou non a licencia de acometida e sen prexuízo da iniciación do expediente administrativo que poda instruírse para a súa autorización.
2. Os servicios de evacuación de excretas, augas pluviais, negras e residuais, e da súa depuración teñen carácter obrigatorio para tódolos terreos do municipio que teñan fachada a rúas, prazas ou vías públicas en que exista rede de sumidoiros, sempre que a distancia entre a rede e o terreo non exceda de cen metros, e retribuirase a taxa aínda cando os interesados non procedan a efectua-la acometida á rede.
Artigo 8.º .-Liquidación
1. Cando se presente a solicitude de licencia de acometida liquidarase e esixirase a taxa correspondente en calidade de depósito previo.
2. Se se realiza a acometida sen mediar solicitude procederase a liquidar e notificar, esixíndose o ingreso nos prazos previstos no artigo 20 do Regulamento Xeral de Recadación, sen prexuízo da apertura do correspondente expediente sancionador por infracción tributaria.
3. Unha vez autorizada a acometida, a xestión e recadación desta taxa acomodarase ó procedemento previsto para os valores recibo (padrón, censo, matrícula, etc.).
Artigo 9.º .-Ingreso
1. As cotas desta taxa liquidaranse e esixiranse no momento de presentarse a solicitude, en calidade de depósito previo.
2. Cando se realice a acometida sen mediar solicitude esixirase nos prazos previstos no artigo 20 do Regulamento Xeral de Recadación.
3. Cando a taxa se exaccione por padrón esixirase no período sinalado na tarifa ou, no seu caso, no que acorde o alcalde ou comisión de goberno e o ingreso farase efectivo no prazo previsto no artigo 20 do R.X.R. para os valores recibo
4. Os ingresos efectuaranse na depositaría municipal ou no lugar que determine o alcalde-presidente.
Artigo 10.º .-Infraccións e sancións
Nesta materia estarase ó disposto no artigo 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.
Disposición adicional.
Primeira. Declaración de alta.
Os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte formularán as declaracións de alta nos censos ou padróns da taxa e producirá efectos tributarios no mesmo momento de presentarse a declaración, podendo prorratearse, no seu caso, por meses.
Segunda. Declaración de baixa.
Os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte formularán as declaracións de baixa no censo ou padrón da taxa e producirá efectos no período natural seguinte ó de presentación da mesma, podendo, no seu caso, prorratearse por meses.
Disposición final.
1.- A presente modificación da Ordenanza foi aprobada polo Concello en Pleno en sesión celebrada o 11 de outubro de 2005.
2.- O inicio de aplicación desta modificación é o 1 de xaneiro de 2006.