Vilarmaior - Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servicio da Piscina Municipal

Publicación provisional: 05/05/1999 BOP Nº: 100
Publicación definitiva: 25/06/1999 BOP Nº: 143
Aplicable dende: 25/06/2007

Artigo 1.-Fundamento e natureza.

No uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 27 e 58 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, modificada pola Lei 25/1988, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, este Concello establece a taxa pola prestación do servicio da piscina municipal, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal que atende ó previsto nos artigo 20 a 27 da devandita Lei 39/1988.

Artigo 2.-Feito imponible.

De acordo co previsto nos artigos 58 e 20.1.4.o) da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, constitúe o feito imponible desta taxa a prestación do servicio da piscina municipal e realización de actividades deportivas na piscina municipal.

Artigo 3.-Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas, así como as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que soliciten ou resulten beneficiadas dos servicios ou actividades prestadas ou realizadas polo Concello na piscina municipal.

Artigo 4.-Responsables.

Serán responsables solidariamente, das obrigas tributarias do suxeito pasivo establecidas nesta ordenanza, as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5.-Cota tributaria.

A cota tributaria, consistirá nunha cantidade fixa, expresada no apartado seguinte.
5.1.‑ Abonados:
5.1.1.‑ Abono individual tempada (persoa con menos de 18 anos): 15 €
5.1.2.‑ Abono individual tempada (a partir 18 anos): 21 €
5.1.3.‑ Abono familiar tempada (será necesario xustificar mediante certificado expedido por organismo público competente, perante o Concello de Vilarmaior, a unidade familiar, persoas que unidas por un vínculo de parentesco vivan no mesmo domicilio): 34 €
5.2.‑ Non abonados:
Entrada:
5.2.1.‑ Persoas menores de 18 anos: 1,20 €
5.2.2.‑ Persoas a partir de 18 anos: 2,40 €
5.3.‑ Cursos de natación:
5.3.1.‑ Abonados: 6,01 €
5.3.2.‑ Non abonados: 12,02 €
Esta modificación será de aplicación desde a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985.

Artigo 6.-Retribución.

A taxa retribuirase no intre en que se inicie a prestación dos servicios ou actividades especificadas no artigo anterior.

O pagamento da taxa efectuarase no momento de entrar no recinto da piscina, de solicita-lo abono ou no acto de formaliza-la inscrición a un curso.

Os abonos emitiranse polo Concello previa solicitude, e serán persoais e intransferibles.

Artigo 7.-Exencións e bonificacións.

Estará exceptuada do pagamento, a utilización da piscina con motivo de competicións organizadas por iniciativa do Concello ou patrocinadas polo Concello, previa resolución do alcalde-presidente.

Artigo 8.-Infraccións e sancións.

No tocante á cualificación de infraccións tributarias, así como á determinación das sancións que correspondan, aplicarase o disposto na Lei Xeral Tributaria, artigos 77 a 89, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal, que consta de oito artigos, foi aprobada polo Pleno do Concello en sesión celebrada o día 29 de abril de 1999, e entrará en vigor o día da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.